29/4/11

Novas de audiovisual










Informa OQO que a canle tvG2 comezará a emitir en maio súas series infantís de animación audiovisual, feitas en Galicia e en galego:
Caracois (dirixida aos máis pequenos, entre 2 e 4 anos) e Os contos do camiño (dirixida á rapazada de 3 a 7 anos).
Con periodicidade semanal, accederán na primeira serie ás aventuras deses animais de xardín que tanto interese teñen para pequenos e grandes. Na segunda, poderán acceder a novas versións de contos xa coñecidos como A bruxa regañadentes; Corre, corre, cabaciña; Chocolata; Ollobrusco, Rato Tom e Rata Tomasa; A incríbel historia da nenapaxaroi e o galopín...

28/4/11

Libros que dan que pensar


ZIMBO. Un álbum, propiamente dirixido a maiores, aínda que a ambientación poida confundir.
O mundo dos monicreques, unha chiscadela a Pinocho... pero de fondo, un problema xeracional e eterno.
Chegado o momento, os maiores han de dar alas para que os pequenos medren e poidan abandonar o niño. O amor mídese nesa entrega de liberdade que permite aos bonecos de madeira facerse nenos de carne e oso, ás rapazas converterse en mozas poñendo en marcha a valentía, tal como aparece na dedicatoria “Para miña irmá Penélope, que preferiu deixar de coser e emprender a busca de Itaca” e que nos trae, paseniño a lembranza dos versos de Xoana Torres
“Así falou Penélope:
"Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A que tanto novelo e tanta historia?
Eu tamén navegar."
A historia dunha marioneta que se corta os fíos coa axuda do Monicrequeiro para poder entrar no mundo real, coa dor de abandonar o teatro e a ilusión de vivir outras vidas. A tristeza do monicrequeiro ante a marcha da súa obra e a capacidade de antepoñer os desexos de Zimbo por riba dos seus.
Textos de Arturo Abad e ilustracións de Joanna Concejo para un álbum de OQO
.

27/4/11





Indignádevos!
O manifesto de Stéphane Hessel que anda a espertar conciencias. Unha carta dirixida á mocidade, restablecendo o vínculo que nunca se debeu rachar entre as diferentes xeracións, achegando desde a madurez de máis de noventa anos de vida e a experiencia do paso activo pola historia convulsa da invasión nazi participando na resistencia e na construción das organización internacionais que deberían ter evitado novas guerras.
Hessel pide indignación ante a situación actual, na que semella que ningunha utopía é posible, e da que se aproveitan os que sempre estiveron ao axexo dispostos a acabar coa esperanza.
Con limiar de Manuel Rivas na versión galega e de José Luis Sampedro en español, o manifesto abre a espita ao formato do pequeno texto argumentativo.
Un libro para ler e comentar. Unha editora á que apoiar, nas traducións de obras de actualidade ao galego.

26/4/11

Libros sobre a viaxe




As aventuras de Osiño, con texto e ilustracións de Helga Bansch, publicado por OQO.
Daquela, cando chega o inverno e os osos deben pensar en recollerse... a Osiño o que lle apetece é ir na busca de aventuras, camiño do Sur, o horizonte do mar.
O músico, que lle propón que o acompañe. polos camiños do mundo, divertindo á xente, é a desculpa perfecta, para comezar a viaxe, ata que nun momento determinado o músico decide ir cara ao norte e Osiño desexa seguir o seu soño, na busca do sur. Aí sepáranse, e con Osiño irase o can, camiñando camiñando... Osiño atopará traballo bailando nunha discoteca, logo atopará un circo co que seguirá viaxando mentres fai equilibrios, ata que atopa o mar e detense: traballará na cociña dun restaurante e gozará das noites e os días á beira do mar. Serán días felices, pero cando chega o verán Osiño decide regresar á súa terra, alí coñecerá a unha osa coa que poder retirarse a invernar.
As imaxes achegan moitos detalles e outras historias, a maiores das que se nos contan con palabras, coma a do can que acompaña ao oso desde que coñece ao músico ata que decide abandonar o mar, ou a familia de ratiños que semella acompañar á osa, a parella de coellos que tamén anda a descubrir o amor... Polo tanto, o álbum pide unha lectura detallada en ambos códigos.

25/4/11

XXVI Premio de Literatura Infantil Barco de Vapor en galego




O XXVI Premio de Literatura Infantil Barco de Vapor en galego foi concedido a Manuel Lourenzo González pola obra Mundo Arb, unha novela de aventuras dirixida a lectores e lectoras a partir de dez.
Este autor de recoñecido prestixio dentro da literatura galega conta con títulos como A leiteira, A música da noite (premio Estornela de teatro para a infancia), Animais de compañía (na selección dos White Ravens), Estanislao, príncipe de Sofrovia, Irmán do vento (premio Merlín), Ela atopa un nome, O día despois do día, No outono das fragas, O patadón, O que é a vida, Piñeco, Tanis I O Mocos,...

20/4/11

Unha alegría para a nosa literatura



O blogue de GALIX tráenos unha boa nova, que segundo explica, recolle do xornal Galicia Hoxe. Di o que segue:

"Agustín Fernández Paz é seleccionado pola editorial Dalkey Archive Press para figurar na antoloxía dos mellores narradores do mundo.
Agustín Fernández Paz será o primeiro autor galego incluído na Best European Fiction (Mellor narrativa europea) que publica a editorial estadounidense Dalkey Archive Press. Será a terceira entrega desta selección, realizada polo escritor bosníaco Aleksandar Hemon. Fernández Paz aparecerá co conto "Esta estraña lucidez", pertencente ao volume O único que queda é amor, libro que xa lle valera ao autor galego o Premio Nacional e que Jonathan Dunne traduciu ao inglés. Fernández Paz agradécelle, precisamente a Dunne, o feito de entrar nesta antoloxía, e refírese a el como "unha persoa que tanto está a facer pola difusión da Literatura galega". Dunne foi quen o animou a presentar a narración á editorial para a selección, finalmente elixida para un libro que aparecerá en novembro con 15.000 exemplares de tiraxe. "Esta estraña lucidez", engade, é "formalmente máis anovador que outros relatos do conxunto, porque a voz narradora é o fantasma dun can".

18/4/11

Blogues de libros que se comunican cos autores



Un par de blogues de bibliotecas escolares informan de comentarios que os propios autores realizan directamente nesas entradas. Un deles provén do CEIP Milladoiro de Malpica e contánolo así: "Hai uns días publicamos unha reseña de Tres han de ser no blog que temos adicado ás novidades literarias. Tentabamos, coma decote, facer unha pequena análise literario-pedagóxica do libro. Para a nosa sorpresa, o autor entrou a facer un par de comentarios no que acabou por convertirse nunha animada reflexión literaria." Este é o enlace á entrada que realizan recollendo as observacións de Darabuc:


Outro caso é o do CEIP de Andrade: "A autora do libro que dende a Biblioteca propuxemos para centrar a celebración do Día do amigo (14 de febreiro), Un soño na bandexa, tamén se puxo en contacto con nós e enviounos uns correos.

Deixovos o enlace:


E conclúen "Os blogs de biblioteca dan os seus froitos e fannos visibles tamén para os autores e autoras"

Libros para o medo






Colección “O baúl dos monstros” . Un verdadeiro baúl que contén os libros: A bruxa, O vampiro, O home do saco, O zombi, A fantasma, A momia, O ogro, O esqueleto, O monstro do armario e O home lobo. Todos eles da autoría de Enric Lluch, pero cada un está ilustrado por un artista diferente. Publicado en galego por Baía, provén da editorial Bromera. Unha pequena historia co personaxe de medo (e que dá título á obra) como protagonista que remata cunha presentación – descrición do personaxe, o seu atavío e instrumentais que lle son propios. As ilustracións do vampiro (de Fernando Falcone) están moi logradas, pero ...qué dirías dun vampiro que decide saír para que lle afíen os cairos e que acaba sendo contratado para participar nunha película mais todo remata en desastre; e dunha bruxa que vai cambiando de conto e buscando traballo, ou dun home do saco que ao final resulta ser un bo educador? En todos os casos as ilustracións achegan información complementaria e unha riqueza de significados… A momia con ilustracións de Pablo Tambuscio mostra unha graciosa imaxe do horror na que se recolle tamén o grito de Munch. Neste caso, a protagonista escoita algo acerca de que van pechar o museo e decide escapar antes de que suceda; co obxectivo en Exipto, vaise co león, pero non dan saído da cidade despois de tentar viaxar en autobús, taxi ou ambulancia; ao final danse conta de que non hai vida como a do museo... quentiños e demais. Ao personaxe de O zombi -ilustrado por Oriol Hernández- pásalle algo parecido, un bruxo empéñase en que meta medo e ata o presenta a un concurso, pero el alégrase cando o enterrador que o está a seguir a todas partes se lle presenta e lle di que os mortos non poden ir soltos pola rúa. O esqueleto -ilustrado por Mercé López- cóntanos o nacemento e cría dun pequeno esqueleto que cando entra en contacto cunha revista de deporte de humanos se empeña en xogar fútbol o que lle crea máis dun problema, desde asustar aos rapaces cando se achega a eles ata facelo cun pequeno que non fuxe e lle axuda, pois ao colocar as botas e dar unha patada perde con ela tamén os osos da perna; daquela a familia cae na conta de que o mellor será convencelo de xogar sen botas e cun globo. E así un tras outro. Interesantes as imaxes familiares nas que cada un se identifica cun pequeno obxecto e realiza as labores que del se esperan.. todo moi humanizado.

15/4/11

Novo premio de álbum ilustrado

Recollemos do Portal culturagalega.org, en lg3Noticias, a noticia do Premio Compostela de Álbums Ilustrados:
ARIANA PAPINI E MOISÉS YAGÜES FIXÉRONSE CON SENLLAS MENCIÓNS ESPECIAIS Martín León Barreto faise co IV Premio Compostela de Álbums Ilustrados El camino de Olej é o título do álbum co que Martín León Barreto Johnson gañou o IV Premio Compostela de Álbums Ilustrados, que convoca o Concello e mais a editorial Kalandraka. O xurado valorou a obra como unha adaptación da tradición oral, nunha viaxe iniciática que se organiza a través e obxectos. Pola súa banda, a florentina Ariana Papini, con ¿Quién querrías ser? e máis Moisés Yagües Fernández, de Murcia, con Al otro lado conseguiron cadansúa mención de honra.

14/4/11

Libro cun ar surreal

Catálogo de obxectos rebuldeiros, é dicir, “toda a verdade sobre as feras que nos axexan na casa. Un inventario de riscos domésticos, elaborado por Pablo Prestifilippo, nunha especie de recetario protagonizado por un profesor que tenta buscarlle explicación científica a cada fenómeno, para o que recorre a súa casa ao longo de dous anos, e o libro é nin máis nin menos que o resultado dos seus descubrimentos.
Un exemplo de orixinalidade. Un libro para xogar observando unha a unha as páxinas para observar as informacións que se complementan ata ocupar todo o espazo.
Libro póstumo, con humor surrealista e nonsense, con imaxinación a tope; como no surrealismo en xeral, aquí búscaselle o outro lado a todos eses obxectos que nos pasan desapercibidos no día a día.





Publicado por Factoría K de libros.

13/4/11

Libros de serie




A serie “Rodribrico” con títulos como Rodribrico aprende a voar, Rodribrico e o mar, Rodribrico e a noite, Rodribrico visita a cidade ou Rodribrico vai ao circo.
Escrita por Manuel Guisande e ilustradas por Xosé Tomás.
A historia dunha pega marza que vive nunha árbore e ao tempo que medra vai atopándose con outros animais coma o colibrí, a aguia, o oso, os vagalumes, o bufo, os lobos, os gatos bravos, o coello,.. a descuberta dunha cría.

Esta serie resultou ganadora na VI Noite da Edición en Galicia da Asociación de Editores, co Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do ano 2010: A colección Rodribrico, editada por Baía Edicións, ilustrada por Xosé Tomás.

11/4/11

Premios Martín Sarmiento






Na Festa da Lingua celebrada o día 1 de abril no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Compostela, fallouse a VII Edición do Premio Frei Martín Sarmiento, un certame que dende hai sete anos premia, cos votos dos alumnos e alumnas, as que consideran mellores obras escritas para o seu chanzo de idade.

Nesta edición participaron arredor de 2400 escolares galegos que premiaron na primeira categoría (1º e 2º de Educación Primaria) a obra A tea de araña que todo o apaña de Xoán Babarro, publicado pola Editorial Rodeira.


Na segunda categoría (3º e 4º de Educación Primaria) a obra de Ramón Caride Andanzas de Xan Farrapeiro publicado por Edicións Xerais de Galicia.


Na terceira categoría (5º e 6º de Educación Primaria) a obra A ánfora exipcia de An Alfaya, publicada pola Editorial Tambre.


Na cuarta categoría (1º e 2º da ESO) decidiron premiar a obra Chamádeme Simbad de Francisco Castro publicada na Editorial Galaxia.


E na quinta categoría (3º e 4º de ESO) optaron por Carlos Vila Sexto e a súa exitosa As sete mortes, tamén publicada pola Editorial Galaxia.


Estes premios son unha boa maneira de ter en conta a opinións dos lectores e lectoras.

6/4/11

Libros bilingües


Do CEIP Os Casais, chéganos esta recomendación...

Que lle acontece á avoa? Texto e ilustracións: Miguel Peralta e Xoana Álvarez Editorial : Triqueta verde Un novo álbúm sobre a idade e a memoria que parece alonxarse. A avoa asegura ter a cabeza chea de enredos polo que non lembra cousas importantes. Tanto ilustracións coma texto fan paralelismo constante entre a calceta, a vida, os novelos, as lembranzas, os barullos de fío e o esquecemento. Só cando calceta a avoa é quen de enfiar recordos. As ilustracións mesturan técnicas de collage e pintura, cunha grande expresividade na que pelo, novelos de la e fío enleados teñen un protagonismo especial.

É ademáis un álbum bilingüe: en galego por un lado e, dándolle a volta ao libro, en inglés polo outro.

5/4/11

Libros para a imaxinación


Para facer o retrato dun paxaro. Jacques Prévert pon o texto, Mordicai Gerstein as ilustracións e Fernando Moreiras a tradución e Kalandraka a edición.

Un exercicio de imaxinación e unha clase de pintura, un xogo coa arte e a creatividade, o paso das tres dimensións ao plano bidimensional. Non é de estrañar que o autor participara no movemento surrealista. Cando na mañá te esperta o canto dun paxaro é normal que dalgunha maneira queiras conservar esa sensación, por iso colles un lenzo e comezas a pintar unha gaiola coa súa portiña aberta, levas o bastidor ao campo e agardas a que un paxaro entre nela, para pechar a porta co pincel, a continuación borrar a gaiola, e pintar a árbore. Se o paxaro canta o cadro é bo, así que xa o podes asinar, levalo ao teu cuarto e esperar a ver que pasa...

4/4/11

Libros para camiñar

O paseo de Rosalía, con texto e ilustracións de Pat Hutchins. Traducido por Silvia Pérez Tato e publicado por Kalandraka. Libro destacado pola Asociación de Bibliotecarios de América (ALA) en 1968.
Álbum cunha proposta estética moi definida e considerada de vangarda cun debuxo de liñas sinxelas pero barroco pola cantidade de elementos que representa, xogando apenas con dúas ou tres cores nas que o amarelo e o vermello destacan a moita distancia.

Pode lembrar unha secuencia de debuxos animados polo tema e o humor.

Moi poucas palabras fan falta para facer avanzar o relato dunha galiña que vai dar un paseo tranquilamente, salteando todos os obstáculos que poden aparecer sen nin sequera ser consciente deles, mentres o raposo que a persegue vai caendo nun accidente tras outro. Coma se a natureza quixera apoiar aos máis débiles e castigar aos que pretenden facerlles mal... ninguén coloca trampas, é o azar quen manca, unha e outra vez, a ese raposo que seguramente non volva a visitar galiñeiros, nin volverá a pensar o parvas que son as galiñas e o listos que son os de súa especie. Así debería ser a vida!

31/3/11

Onde van os bebés?, un libro para pequenos e pequenas



Na mesma colección, coa mesma autoría, Onde van os bebés? Neste caso, repítense as características plásticas e de ton, para contar a historia de dous vellos osos de peluche que comparten as grandes preguntas da vida: “como lle chamas ti ás cousas que pensamos antes de durmir, e que te deixan un pouco triste?” ou “ houbo algunha vez un neno que xogara con nós?” e tamén os contos. Pote, o peluche pequeno, pídelle a Verto, o grande, que lle conte unha historia verdadeira, aquela onde se explique a onde se foi o seu bebé, o que xogaba con eles polo día, e durmía con eles pola noite, e que agora, había tanto tempo que non vían. Daquela, Berto vese obrigado a falar de cómo desaparecen os bebés para facerse maiores e incluso ter bigotes; pero o pequeno Poti non lle cre, e debe escribirlle unha carta, para que o que foi o seu bebé lles chame por teléfono, confirmándolle que é tan maior que xa ten un bebé propio. Agora só queda contestar á pregunta de Poti: e será que os bebés maiores tamén teñen lembranzas?

A esa pregunta poderemos contestar todos: lembramos aos nosos osiños de peluche

DE SERIE


Pequena Lúa de Ezquieta, traducida por Sandra Hombreiro e publicada na colección Tras os Montes de Kalandraka, neste ano 2011. O mundo dos pequenos, as súas sinais de identidade, ese balbucir que se repite sen cansazo ante o espertar ao mundo e ir descubrindo todo o que el contén, esa maneira de compartir as súas descubertas... por iso, cando Oso chama a Bubú porque xa son horas de volver á casa, Bubú empéñase en sinalarlle a Lúa, e o mesmo fai coas ovellas que pasan, co parrulo, co elefante, coa mamá canguro ... ata que sinalando sinalando esperta ao moucho que repite Bu – bu, bu – bu, bu – bu; daquela o pequeno coello Bubú incomódase e volve á casa. Alí, Oso acóchao baixo a manta e a Lúa avisa ao moucho: “-Shhhh, agora caladiño, que Bubú dorme.”

Unha historia entrañable que entra de cheo no mundo dos bebés.

As ilustracións, sobre papeis de textura vexetal con debuxos de tons suaves, achegan ao relato varios graos máis de dozura.

30/3/11

Teatro para ler



Unha estraña xoia, unha obra de teatro que é a segunda que se publica nesta colección, despois de Unha primavera para Aldara de Teresa Moure. Esta peza, dunha filla de galegos afincados no país vasco, é a primeira xuvenil dunha recoñecida autora dramática, ganadora de prestixiosos premios e guionista ademais de actriz. Neste caso, presentasenos un case monólogo no que unha moza se enfronta a si mesma, ao seu corpo, despois dun longo proceso de anorexia. Marta está ante o espello como ante un tribunal, sen saber se é o escenario dun teatro ou simplemente un non lugar ao que foi dar despois da última crise e fala consigo mesma, coa imaxe no espello ou coa bascula que foi a medida do seu tempo, o seu examinador diario, a amiga permanente. A imaxe da portada ten o valor das evidencias, unha lectura visual da obra que sintetiza á perfección o seu contido. Unha obra para ler, para falar e comentar, para reflexionar acerca dun problema está aí, ao carón, axexándonos.

29/3/11


Macarrón de narices de Xoán Babarro con expresivas ilustracións de Marcos Calo, publicado na colección Merlín duro. Conta unha historia que comeza con dedicatoria rimada do autor “Para os nenos e as nenas que coman macarrón con tomate e lean este conta ata o remate”. Entra no relato o narrador desta magnífica maneira “Narices é un país que non está nin cerca, nin lonxe. A distancia desde onde nós vivimos deica Narices non é maior ca unha baixada de pálpebras. No reino de Narices existe un enorme pazo con vidreiras de cebola, paredes de pedra de azucre, tellados de cenoria e xardíns de pirixel.” Xa estamos introducidos nun mundo de fantasía que terá moito que ver cos alimentos e as preferencias, e que deixamos en branco para que as cabeciñas vaian dándolle voltas, iso si, adiantemos o remate a modo de porta de peche: “Acaban contando as crónicas que, unha vez repostos da desfeita, o tubo-rei, o tubo-raíña e os demais uralitas, descansaron unha tempada de macarronate e sometéronse a un réxime de xamón, compota de mazá e ensalada de pirixel. E volveron ser gordiños e guapos, como era toda a xente de narices. Mais disque lles quedaron para sempre uns fociños de macarrón con bico de O.” E finaliza o autor: “Pero..., xa se sabe, un fento é un fento, un chanto é un chanto e un conto é un conto.” Que ninguén se leve a engano.

28/3/11

Recomendado pola biblioteca do CEIP Os Casais


Pilú pilú!, así pía un paxariño pluvial, que recibe o nome de corredor exipcio. Cóntase a historia de como este pito ve chorar ao crocodilo, cada día, despois de comer e. Pregunta a causa a uns e outros, pero as respostas non o convencen, así que remata preguntándolle ao mesmísimo comellón, porque ao paxaro pódelle máis a curiosidade que o medo. Así descubre a razón, que o levará a entrar na bocaza do crocodilo para axudarlle. Unha historia na que se explica a simbiose entre os crocodilos e os paxaros que lles limpan os restos de comida, entre os dentes, ao tempo que se alimentan. Dous animais que se complementan e benefician mutuamente.

Tradución do castelán dun texto de Susana Isern con ilustracións de Katharina Sieg, publicado na colección O de OQO.

Máis recomendacións do CEIP Os Casais


A nai do heroe, un novo álbum da colección Q de OQO.


Traducido do castelán; un texto de Roberto Malo e Francisco Javier Mateos con ilustracións de Marjorie Pourchet.

Imaxes minuciosas con moita información, que amplían a historia que se conta.

Unha historia que xira arredor dun valente cabaleiro que se ve polos camiños -e sen querer- acompañado pola nai; unha nai que é como moitas, moi nai e moi disposta a non deixar só ao seu fillo, aínda que sexa un heroe xa adulto.

Andando camiño, vaise demostrar que ata os máis cruentos personaxes teñen nai, que se establecen un lazos sedosos e indisolubles entre estas e os seus fillos, e que só con mentalas todo se enche de emoción e bos desexos. Nai e nadal, case riman en consoante.

Agora, que non vai dar tempo de medrar ata a xubilación, está ben ter presente o papel das nais e todo o que poden facer polos reinos...

O nome do heroe, Dick Van Dyke, pode traer ... certas reminiscencias.

25/3/11

COMER LITERATURA

Menú de enganos. Un monllo de relatos de Manuel Núñez Singala, que publica Galaxia na súa colección Costa Oeste. A modo de literatura á carta (literatura con sabor ou historias para remoer) atopamos relatos para picar, entrantes, primeiros, segundos e sobremesas. Todos eles son pequenas narracións concisas e sintéticas; froito da observación da realidade e das súas contradicións; do que nos caracteriza e podería ser froito da investigación dun antropólogo. O humor, a retranca, caendo como poalla sobre os alimentos e a crueza servíndolle de bandexa. Podería ter un aire aos Retrincos de Castelao pero máis distantes, máis froito destes tempos, sen lirismo nin sentimentos, tomada a realidade a distancia, dándolle unha nova volta de torca a cada situación como se se tratara de cazadores cazados, xogando coas dobres interpretacións e chegando a lembrar as gueguerías. Con esa dose de crueldade, para facer pensar, para remover o noso mundo e as nosas conciencias, para zarandearnos e obrigarnos a ver o que non queremos. O autor, que conta no seu haber con libros como Comedia bífida ou En galego, por que non? demostra o dominio dos recursos do discurso, das trampas que se agachan no pensamento e na linguaxe.

24/3/11

Novela de época


O segredo de Marco Polo, é a última novela de Francisco Castro, publicada na colección Costa Oeste de Galaxia. Un relato ambientado na Venecia do século XIII. Trata de historia de amor entre un aprendiz de soldado, fillo do Primo Xeneral e unha "principessa", sobriña do Dogo e obrigada a un matrimonio de conveniencia. Esta historia, é a continuación doutra anterior e frustrada entre a nai deste mozo e Marco Polo, o navegante que viaxa ás Indias mentres a súa amada ha de casarse cun home de armas e deixar que este quen profille o froito dese outro amor; pero o fío queda unido no nome do rapaz: Marco. Cando ela morre o neno ha de vivir con este home que non o quere. Comeza o relato con Marco seguindo coa vista a Naria, caendo ao canal por vela,... sufrindo por un amor que non confesa. E daquela aparece Marco Polo, un estraño que volve á cidade con cargado de cousas exóticas e miles que aventuras que comparte co mozo ao que decide axudar para que esa historia de amor teña un final feliz e poida conseguir que ela o queira,...

23/3/11

Novas de literatura



O pintor do sombreiro de malvas acaba de ser seleccionado para a exposición The White Ravens 2011. O libro de Marcos Calveiro e ilustrado por Ramón Trigo, foi premio Lazarillo.

Premios


Sopa de xarope de amora. Obra de teatro ganadora do IV premio Manuel Mª de literatura Dramática Infantil 2009 Neira Cruz, o seu autor, ao tempo que continúa coa obra narrativa, vai incrementando a súa produción en obras dramáticas, que ademais reciben son premiadas, como sucede con esta, O punto da escarola ou A noite da raíña Berenguela. Unha obra en tres escenas e con moi bo ritmo. Unha historia marabillosa, con ingredientes actuais (novas tecnoloxías, princesas que non queren casar...). Un científico namorado que quere coñecer a receita que só sabe a súa cociñeira. A historia de amor de sempre, adobada con humor e os mil e un xogos de palabras. O humor e o amor correndo un á par do outro para producir unha obra divertida, gustosa de ler e ver; a receita axeitada para crear lectores e espectadores de teatro.

22/3/11


Brais e os demais de Manuel Darriba, un autor xa coñecido na literatura xuvenil por libros como Experimentos coa mentira ou Paf xarope introdúcese, neste caso, na narrativa infantil. As ilustracións son de Ana Santiso. Está publicado na colección Árbore de Galaxia. En primeira persoa cóntanos Brais quen é, como é, os anos que ten (case nove), cales son os seus amigos, como é a súa familia, que é o que sente... Unha historia sinxela coas doses correspondentes de realismo e fantasía. Unha de rapaces, con afectos e valores, con amores correspondidos e rexeitados, con humor e aventuras, moitas aventuras.

21/3/11

DÍA DA POESÍA


Un libro. Un comentario, que nos chega desde o CEIP Os Casais. Título: O meu gato é un poeta Autor : Fran Alonso Editorial: Xerais, colec. Sopa de libros 1ª edic.: febreiro 2011 A piques de celebrar un novo día da poesía, un libro para disfrutar xogando coa lingua, coas verbas, mestura de brincadeira e seriedade; un libro reivindicativo, non só da poesía, tamén do xogo, da actualidade, do amor, do cambio… e ata de “acción poética”. Un libro que acolle un amplo espectro de idades, para divertirse con pequen@s que aínda non len (pero son quenes de xogar cambiando palabras, sílabas, letras, sen coñecer o que son), con aquel@s que inician a lectura coma un descubrimento, para @s reaci@s á poesía, para demostrar que a linguaxe é divertida, para @s que queren algo máis (sentimento, ideas, pensamentos…) Un libro para disfrutar a soas e para compartir. Unha felina ferramenta para empregar nas aulas. Unha innecesaria desculpa par facer estalar de versos as bibliotecas. Acompañado dun CD no que autor recita seis das poesías e unha clave de acceso á páxina web.

18/3/11

NOVAS



A semana pasada tivo lugar a VI Noite da Edición, organizada pola Asociación Galega de Editores (AGE), na que se entregaron os seus galardóns anuais a... Construtores de Xulio Gutiérrez e Nicolás Fernández - Premio Ánxel Casal ao mellor Libro de Non Ficción Contos para nenos que dormen deseguida de Pinto&Chinto - Premio Xosé Neira Vilas ao mellor Libro Infantil Todo é silencio de Manuel Rivas - Premio Ánxel Casal ao mellor Libro de Ficción Estremas de Ana Romaní - Premio Ánxel Casal ao mellor Libro de Poesía e Teatro 30 gramos - Premio Lois Tobío ao Mellor Libro Traducido Colección Rodribrico - Premio Díaz Pardo ao Libro Ilustrado Gramática práctica galega de Xoán López Viñas - Premio Xosefa Vilarelle ao Libro educativo Xosé Neira Vilas - Premio Xosé Mª Álvarez Blázquez ao autor do ano Asociación Culturgal - Premio Rosalía de Castro á inicitiva editorial Espazo Lectura - Premio Fernández del Riego de Promoción do Libro e da Lectura Tamén se entregaron as distincións honoríficas a ... Ir Indo e Hércules de Edicións polo seu 25 aniversario Xosé Agrelo Hermo, ex director e editor de Toxosoutos Alfonso García Sanmartín, Socio de honra pola traxectoria profesional

NOVAS

Na pasada semana, celebrouse a VI Noite Galega da Edición, organizada pola Asociación Galega de Editores, para entregar os seusgalardóns anuais. Estes foron: Construtores de Xulio Gutiérrez e Nicolás fernández - Prmeio Ánxel Casal ao Mellor Libro de Non Ficción Contos para nenos que dormen deseguida de Pinto e Chinto - Premio Xosé Neira Vilas ao mellor libro infantil Todo é silencio de Manuel Rivas - Premio Ánxel Casal ao Libro de Ficción Estremas de Ana Romaní - Premio Ánxel Casal ao Libro de Ficción 30 gramos - Premio Ánxel Casal ao Libro traducido Colección Rodribrico - Premio Ánxel Casal ao Libro ilustrado Gramática práctica galega - Premio Xosefa Vilarelle ao Libro educativo Xosé Neira Vilas - Premio Xosé Mª Álvarez Blázquez ao autor do ano Asociación Culturgal - Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial 2010 Espazo Lectura - Premio Francisco Fernández del Riego e as distincións honoríficas para ... Ir Indo e Hércules de Edicións polo 25 aniversario Xosé Agrelo Hermo, director de Edicións Toxosoutos. Alfonso García Sanmartín, socio de honra.

17/3/11

JOSEFINA ALDECOA


Unha data para lembrar a Josefina Aldecoa: unha educadora, filla e neta de educadoras que beberon nas fontes da Institución Libre de Enseñanza, e que puxo en marcha o colexio Estilo, do que explicaba "Quería algo moi humanista, dando moita importancia á literatura, ás letras, á arte; un colexio que fora moi refinado culturalmente, moi libre, no que non se falara de relixión, cousas que daquela eran impensables na maior parte dos centros do país". Unha pedagoga que publicou El arte del niño, Historia de una maestra, La educación de nuestros hijos... Unha escritora que adoptou o apelido do seu home (Ignacio Aldecoa) cando quedou viúva. E, desta autora, recollemos a presentación editorial dunha das súas obras para nenos e nenas, Pinko y su perro. "Chega o verán e Pinko, que vive nunha gran cidade, marcha de vacacións á casa dos seus avós no pobo. Alí goza indo ao río, ao campo, subindo á casa da árbore que o seu avó construíu para el... Pero o que máis lle gusta é o seu novo can Tom. Unha tarde Pinko sae ao monte para cazar bolboretas. Cando se quere dar conta, xa está a anoitecer e non sabe como volver á casa. Por sorte, aparece o seu can Tom e lévao de regreso á casa. Cando as vacacións se rematan, Tom e Pinko vanse xuntos á cidade."