3/4/12

DE ALMANAQUES e tempos


Almanaque musical, con letra de Antonio Rubio e ilustración de David Pintor, traducido por Xosé Ballesteros e publicado en Kalandraka fóra de colección é unha desas alfaias dignas de acariñar.
Cada mes un poema e unha ilustración na que unha orquestra -con músicos de diferentes fasquía- se adapta ao tempo que corresponde. Un exemplo...

ABRIL

Cando chove abril

os músicos cantan

negras e corcheas,

semifusas, brancas.

A celosa chuvia

bate no paraugas

con pingas agudas:

pizzicato de auga.

Son notas de nube,

salmodias aladas

que ao caer entoan

primavera de auga."

Un almanaque para ler, ver e escoitar, porque ao remate, se nos recomendan concertos de corda cunha unha serie de pezas.

2/4/12

NOVIDADES

Con ilustracións de Miguelanxo Prado, no estilo acostumado e con esa delicada maneira de recrear os textos do autor.
Un libro que trata dese virus que ataca a aqueles que pasan ao estado de secundarios: parados, vellos,... e que os fai volverse transparentes de maneira que deixan de ser visibles para todos aqueles que viven ao seu redor. Un libro que volve sobre un tmea xa tratado en O meu nome é Skywalker.  
Así se conta na presentación editorial: 
"Fantasmas de luz fálanos dun dos grandes dramas contemporáneos: o da exclusión e a invisibilidade a que se ve sometida unha parte da sociedade. Fantasmas de luz tamén quere ser unha homenaxe ao cine, tanto ás vellas salas que foron esmorecendo como ás grandes películas que, sen ser a vida mesma, «axudan a entendela e enchen de esperanza o corazón».
Derradeira sesión, a exposición de Manuel Sendón podería ser un bo complemento para  lectura deste libro. Fotos de vellas salas de cine pechadas, caídas na decadencia máis absoluta...