31/7/13

PRIMICIA MUNDIAL


Pois si, unha primicia mundial, un guinness... unha doble presentación.
Neira Vilas anda a presentar polas feiras do libro de Galicia dous libros que acaban de ver a luz, Aquel neno con retallos de memoria, pequenos relatos nos que o autor volve ao ciclo do neno, a aqueles tempos de infancia para levarnos con el a recordar. Cada relato está acompañado por unha ilustración de Xosé Vizoso; todo feito nun tempo límite e pleno. Cada páxina co seu texto e debuxo, que máis se pode pedir? O libro está editado por Embora.
Por outra banda, Xerais fai pública a última entrega de artigos xornalísticos (publicados anteriormente na prensa diaria) de Neira Vilas. Cancela aberta. Un libro de moi boa presentación, coidado, demostrando que o continente ha de estar á altura do contido. O papel xeneroso, o texto respirando e a lectura correndo por todas esas reflexións que van aparecendo ao cabo dos días. Unha fotografía na cuberta que é esa cancela aberta ao mundo. Comenta O autor, que Unamuno nunha ocasión en que lle informaron que tiña que diminuír o tamaño do artigo xornalístico que escribía para a prensa, respondera que non podía podía seguir facéndoo, pois non tiña tempo para escribir artigos tan curtos. O noso autor non teme ao pequeno formato e volve a demostralo unha vez máis. Con oitenta e cinco anos e a pleno rendemento.
Parabéns!

30/7/13

Libro con banda sonora


Os fillos do mar de Pedro Feijoo, ten banda sonora!
Tres pezas musicais que se poden escoitar como fondo á narración de escenas, na voz do autor, Pedro Feijóo. Foron os compañeiros do grupo Lamatumbá os que os compositores
Pedro Feijoo, provén do mundo da música, presente tamén na súa obra. Lembremos que en Viva o Fu Remol!,  achegaba unha crónica arredor do panorama musical galego.
Agora podemos escoitalo con esa música de fondo a través da páxina de Xerais.





29/7/13

Historias con sitio web


Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata. O gran apagamento. Unha obra de Abraham Carreiro e Maties Segura, publicada por Sotelo Blanco edicións.
Unha serie baseada no mundo da informática.
Correos electrónicos e chats, mensaxes telefónicas, entradas de blog e sumarios de palabras clave a modo de etiquetas... todo un mundo de mensaxes.
Un glosario final axuda a comprensión.
E o seu sitio web, para poder seguilo.

26/7/13

CIDADE DE CONTO

O fin de semana pasado, Lugo converteuse nunha cidade de conto.
A Universidade de Santiago de Compostela, a través do seu campUSCulturae, un proxecto coordinado polo profesor Xosé Antón Neira Cruz e financiado pola Cultura Agency da Unión Europea que se, desenvolveu na capital amurallada os días 19 e 20 de xullo, coa colaboración do concello.
Actividades que van desde a representación teatral no auditorio da Casa do Saber coa obra A rebelión do monicreque, a cargo dos actores da compañía Matapiollos a obradoiros de narración oral e teatro, expresión corporal e creación, ilustración ou obradoiros de reciclaxe e creación.
Lugares que mudan en espazos de conto como a Praza Maior, a Praza Anxo Fernández Gómez e o Quiosco da Música que mudaron en Praza de Aladino, Praza da Carapuchiña Vermella e a Praza de Alicia no País das Marabillas.
O circuíto de tapas Comer e contar…, todo é empezar, no que os hostaleiros lugueses ofreceron nos seus respectivos locais tapas propias de distintas gastronomías e culturas, todos de conto!





24/7/13

DÍA DE... avós


Diso trata esta selección de lecturas que envía unha editora, e á que habería que engadir todos aqueles libros nos que estades a pensar: Chamádeme Simbad, Avós, Enrugas, Estás na lúa, As bruxas, A viaxe do bisavó, A evolución de Calpurnia Tate, O meu avó Carmelo, Un barco no ceo, O meu avó é unha gata, Charlie e a fábrica de chocolate, A verdadeira historia de Caperucita, Memorias dun neno labrego,  Lúa de Senegal, A marabillosa medicina de Georges, Dúas bágoas por Máquina, Smara, Poderosa, Dúas letters, Rúa Carbón, Cando sexades pequenos... 
Seleccións realizadas, cpomo esta de Kiriko, Los abuelos y nosotros  ou esta outra da Fundación Germán Sánchez Ruipérez "Libros de abuelos, abuelas".
- Que cando se celebra o día dos avós?
- Pois o 26 de xullo (é ben doado dicir a razón)... aínda que outros falen doutras datas. 
Dálle unha aperta ao avó, outra á avoa, e cóntalles un conto. Vailles gustar!

23/7/13


Porque aínda estamos no ano Vidal Bolaño.
Porque necesitamos que nolo lembren.
Porque queremos divertirnos mentres o lemos e vemos os seus espectáculos.
Grazas, de novo, Paco.
Seguiremos agardando as túas novas

22/7/13

Cos pés na Terra / Cos pés no aire


Cos pés no aire é unha obra de Agustín Fernández Paz que resultara ganadora do Premio Raíña Lupa. Un libro para soñadores, para aauqles e aquelas que cren nos soños e os mundos que a partir deles se crea.
De  Paco Nogueiras é este Cos pés na Terra. Unha obra para non perder o contacto co chan; para pisar suavemente a Terra que nos acolle e á que todo lle debemos.
Aí vai...

19/7/13

Agora: augas que veñen e van


A prolífico e xeneroso Paco Nogueiras Nodar, achéganos un novo video con canción e demais.
Bailemos e cantemos. Estamos de vacacións.

18/7/13

Apertas que voan




Apertas que voan para chegar a todos e todas.
Apertas contra a violencia e a guerra. Apertas pola paz!
Paco Nogueiras envíaas pola rede adiante.

17/7/13

Para o día do libro e todos os días do ano


Unha achega deste cantautor, Paco Nogueiras, para todos e todas nós.
E un libro na man
agora que é verán
(con rima e todo)

16/7/13

A ilustración galega na Bienal de Bratislava


A ilustración galega estará presente na 24ª Bienal de Bratislava, que se celebrará na cidade eslovaca do 6 de setembro ao 25 de outubro de 2013. Será da man de David Pintor, quen recunca de novo (xa fora seleccionado no 2009) coas ilustracións de As estrambóticas viaxes de Gulliver, publicado o pasado ano pola editorial Bululú.
A Bienal de Ilustración de Bratislava (BIB) é un dos certames máis lonxevos do panorama internacional. Ven celebrándose dende o ano 1967 e representa un dos premios de libros infantís máis prestixiosos na actualidade, xunto co Hans Christian Andersen Award. Os ilustradores son seleccionados por un xurado internacional, e a súa obra exhíbese en Bratislava, Eslovaquia. Está patrocinado pola UNESCO e polo Ministerio de Cultura eslovaco. Hai once premios (cinco mazás de ouro, cinco placas e unha mención) máis un Grande Premio.
Vía Fervenzas literarias


15/7/13

ACCIÓN POSITIVA: A FAVOR DAS RAPAZAS

Rosa Caramelo de Adela Turín con ilustracións de Nella Bosnia.
Forma parte da colección de referencia en temas de coeducación e igualdade “A favor das nenas”. Uns libros que apareceron hai máis de trinta anos pero que seguen con plena vixencia. Agora, aparecen dous deles, en galego, da man de Kalandraka. Artur e Clementina e Rosa Caramelo.
Falemos deste último. Na manda, as elefantas teñen os ollos grandes e brillantes e a pel suave e de cor rosa porque se pasan a vida comendo unicamente flores dentro dun xardín valado. Vístenas de cor rosa e ameázanas con que se non conseguen ser como as súas mamás, ninguén vai querer casar con elas. Mentres tanto os seus irmáns brincan, comen herba e batuxan na lama... fan o que queren. Por iso, a elefanta Margarida decide ser feliz e abandona o valado... as outras recollen o exemplo e pouco a pouco vanse indo, deixando atrás o xardín, os zapatos rosa, os colares rosa, os lazos rosa... e dende entón é moi difícil distinguir as elefantas dos elefantes.
Xa non hai rosa nin azul; non hai mulleres que traballan, unicamente, dentro das casas e homes que traballan, unicamente, fóra delas. O mundo vai cambiando grazas a que algunha femia da especie decide dar o salto e ser diferente. Magníficas ilustracións sobre fondo branco, prevalecendo as cores rosa e gris ao lado das mil tonalidades das flores e diferentes animais. Libros para gozar e falar.

12/7/13

Novidades


Catuxa quere saber. Un conto de Concha Blanco con ilustracións de Dani Padrón.
Texto, deseño e ilustración vanse combinando de xeito simbiótico.
Catuxa quere sabelo todo, para iso pregunta a súa nai, escoita os contos do avó e conversa cos xemelgos, uns primos cos que comparte aula. Con eles, xustamente, falará acerca de gafas e ollos.
Colección Ler é vivir, editorial Everest.



11/7/13

VENTO QUE ZOA


"Vento que zoa" é un bo título, igual que o era "Vento de fóra" para a colección de traducións que na época na que Avilés de Taramancos era concelleiro de Noia, se publicaba desde a Casa da Cultura.
"Vento que zoa" é unha web que servirá de base para as iniciativas de difusión da música galega entre todos os públicos. Este é o punto de partida, a partir do cal, a Sección de Música do Consello da Cultura Galega quere levar o coñecemento da música clásica galega a públicos moi amplos, a través de Internet.
"Vento que zoa" permite escoitar e ver o traballo de varios compositores galegos clásicos.

10/7/13

FAMILIA AVENTUREIRA


As ilustracións de Helen Oxembury son acuarelas a dobre páxina onde retrata a natureza e os personaxes inspirados nos seus propios fillos. En alternancia os debuxos en branco e negro coas acuarelas a cor.
Un mundo de sutilezas no que quixeramos habitar, con manifestacións de tenrura na maneira na que se collen uns aos outros e nas expresións dos seus rostros, no coidado dos máis pequenos...
A alegría da familia en marcha, a súa valentía… como non!
Estrutura repetitiva e rimada. Onomatopeas e sonoridade nese relato dunha familia na busca de aventuras , percorrendo o campo seguros e valentes… ata que atopan o oso e corren de volta á casa, desandando a toda présa o camiño andado e prometendo non volver a cazar osos.

9/7/13

Últimos premios Ándersen de literatura infantil


No 2013 recibiu o premio Ándersen o escritor Salman Rushdie, coñecido especialmente pola súa obra para adultos e aínda máis pola controversia creada arredor dos Versos satánicos.
A verdade é que non resulta un autor moi recoñecido neste campo da literatura infantil, a pesar de ter recibido anteriormente o Premio da Guilda de Escritores de Gran Bretaña na categoría literatura infantil; de feito non contamos con ningún dos seus libros traducidos ao galego, o que non sucede coa ganadora do 2012, María Teresa Andruetto
Esta autora arxentina, gran coñecedora do mundo da lectura e o seu fomento, pode ser lida en galego a través do seu libro, Stefano, publicado na colección Costa Oeste de Galaxia






8/7/13

Libros de información (e con premio)

 O ministerio de Cultura ven de outorgar ao libro Ocultos, editado por Factoría K editora, o terceiro premio como Libro Mellor Editado no 2012 na categoría de Obras xerais e de divulgación.
Estes premios non teñen dotación económica pero son moi valorados polos editores polo que supóns de recoñecemento e prestixio ao seu traballo editorial, así como pola difusión que supón, ao ser incluídos nas accións de promoción do libro e expostos nas principais feiras do sector.
Ocultos, de Xulio Gutiérrez e ilustrado por Nicolás Fernández, é o cuarto título de "Animais extraordinarios", unha colección que pretende achegar, mediante textos asumibles para todas as idades e ilustracións artísticas de gran realismo, o espectáculo que nos ofrece a natureza. Outros títulos desta colección son: Bocas, Nacer Construtores.
Libros informativos... ¡tan necesarios nas nosas bibliotecas!
Vía Fervenzas literarias, literatura galega na web.







5/7/13

Librarías que viaxan e bibliotecas que fomentan a lectura


Coméntao unha libraría na súa páxina.
O CPI Cernadas de Castro de Lousame, recibe a visita e aproveitaa.
Marina Seoane le un dos seus libros.
Cada alumno/a do Club presenta aos compañeiros a súa lectura preferida. Tamén terá que seleccionar un entre os da exposición convencendo aos demais da súa valía.
Unha boa combinación: club de lectura, biblioteca escolar, libraría, escritora... 

4/7/13

PREMIO AO ESPECTADOR


Premio Roberto Vidal Bolaño ao Espectador que promove a Consellería de Cultura e Educación a través do Centro Dramático Galego. O galardón pretende fomentar a actitude participativa do público teatral mediante a valoración das súas suxestións.
Apóstase así polo intercambio e o diálogo entre xestores culturais e espectadores en beneficio da cultura.
O xurado estará integrado polos traballadores da compañía pública que valorarán o interese de todas as suxestións, opinións ou comentarios que os espectadores fagan chegar a través das fichas que poderán cubrir e depositar na caixa que para tal fin se colocará á saída das representacións. Deste xeito, ao final de cada temporada teatral xulgarase a suxestión máis atinada, a máis brillante, a máis reflexiva, a máis construtiva...


 

3/7/13

Premio María Moliner para bibliotecas públicas galegas


Vinte e unha bibliotecas municipais galegas foron premiadas na XV Campaña de Animación á Lectura María Moliner. Este concurso organizado polo Ministerio de Cultura, en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Fundación Coca-Cola, está dirixido a concellos de menos 50.000 habitantes para premiar os mellores proxectos ou actividades de dinamización lectora desenvolvidas nas súas bibliotecas, co obxectivo de promover a lectura entre todos os colectivos sociais, especialmente entre o lectorado máis novo.
O proceso de selección lévase a cabo mediante a análise dunha serie de criterios. Ao puntuar cada unha delas tense en conta a claridade e interese do proxecto para a animación lectora, a boa planificación e viabilidade, así como a orixinalidade e a inmersión en novas tecnoloxías que conteña a proposta.
Entréganse tres premios principias (un para bibliotecas de concellos de menos de 5.000 habitantes, outro para os de entre 5.001 e 20.000 habitantes e un terceiro para os que teñan entre 20.001 e 50.000 habitantes). A maiores deses tres premios principais entréganse outros 300 premios a nivel estatal. A cada un dos premiados correspóndenlle un lote bibliográfico de 200 libros infantís e xuvenís que recollen o mellor do ano.
As bibliotecas premiadas en Galicia son:
A Coruña: Cedeira, Cerceda, Culleredo, Laracha, Neda, Oleiros, Ortigueira e Rianxo.
Lugo: O Saviñao e Xermade.
Ourense: Pereiro de Aguiar, Ribadavia e Verín.
Pontevedra: Caldas de Reis, O Grove, Porriño, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Tui e Vilagarcía de Arousa.



1/7/13

AGASALLAR LIBROS (nos tempos en que haberá ocasión de lelos)


Está a rematar o curso e chegan as desexadas vacacións.
As calificacións van acompañadas, moitas veces, das guías de recomendacións lectoras da biblioteca escolar.
Estaría ben que a rapazada e mocidade continuase a ler, por medio da biblioteca pública.
E estaría moi ben aproveitar a ocasión para que as familias lles agasallen libros.
Por iso, toda a publicidade que se poida facer neste sentido é pouca.
Démonos a man coas librarías e fagamos publicidade cultural.
É o momento de acordarnos desas librarías de proximidade e dos produtos do país, os editados en galego, os publicados en Galicia.