13/12/18

A filla do Minotauro, un novo título de Marilar Aleixandre para lectorado xuvenil e outros.

Marilar Aleixandre volveu facela. Novamente pon nas mans das persoas mediadoras un texto magnífico para presentar a mozos e mozas e convidalos a unha experiencia de lectura das que deixan pegada. Desta vez a escritora volve á mitoloxía clásica e de alí tráenos a Miranda, A filla do Minotauro, unha rapaza afouta, curiosa, intelixente, sensible, atenta ao que pasa ao seu arredor, disposta a botar unha man nunha empresa arriscada: cómpre agochar un documento moi valioso do patrimonio cultural de Sicilia para libralo das gadoupas dos traficantes de tesouros arqueolóxicos e Miranda non dubidará en aliarse cos "bos" na defensa dese patrimonio histórico. Pero A filla do Minotauro agocha moitas outras historias e aventuras que se entrelazan a través de diferentes voces de narradores cos que Miranda se vai atopando, comezando polos seus pais, que finalmente descubren ante ela o seu segredo. Excelente texto que revisita, entreverando na aventura de Miranda, moitas outras aventuras e mitos clásicos aos que nos permite achegarnos, desfacendo algúns tópicos e desvelando algúns misterios. 

Aventura, amor, paisaxe, historia, mito, narración oral, matemáticas, arquitectura, inventos, muller, misterio, mafias... Quen dixo que non hai libros atractivos en galego para por nas mans dos nosos lectores?

Cómpre agradecer á Editorial Galaxia a publicación desta novela que mereceu o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2017 e que, de seguro, proporcionará unha vivencia de lectura grata a novos e maiores. Publicada na colección Costa Oeste, os equipos de biblioteca escolar deberán lela para valorar a súa recomendación pero desde aquí pensamos que non debe faltar en ningunha biblioteca dun centro de secundaria (lectorado xuvenil). Como pasa coa auténtica literatura, A filla do Minotauro ten varios niveis de lectura e pode ser tamén de interese para outros lectores e lectoras con gaña de aventura. Ademáis, é unha novela "con mapa", desas que chaman á viaxe imaxinaria e convidan á viaxes reais "para cando se poida". 


O BESTIARIO CIENTÍFICO DE ANXOS NOGUEIROSA, I Premio María Víctoria de Literatura Xuvenil



Urco vén de publicar a novela  O BESTIARIO CIENTÍFICO DE ANXOS NOGUEIROSA de Antonio Manuel Fraga, coa que o autor gañou o I Premio María Víctoria de Literatura Xuvenil. As ilustracións son de Víctor Rivas. 
A acción sitúase no ano 1933 no Sanatorio Marítimo de Oza dos Ríos, onde coinciden Suso e Tila para pasaren unhas colonias de verán. 
Cunha intención clara de homenaxear á científica galega Ángeles Alvariño e á mestra Elvira Bao, a novela vai intercalando a vida no hospital e as descricións do "Liber Bestiarium Scientificus", bestiario máxico galego onde se recompilan e describen animais fabulosos. O libro chegou a mans de Suso dunha forma estraña e vincúlase con Tila, cando conflúen ambas as dúas historias.
A novela ben pode estar nas seleccións lectoras para o Nadal que fan as nosas bibliotecas escolares ou ser tida en conta para un club de lectura de lectores xa expertos. 

30/11/18

Novidades de Bululú: "Novo Mundo. Isabel Zendal na Expedición da vacina"


Rematamos o mes de novembro cunha novidade editorial vinculada ás ciencias en galego. Trátase de Novo Mundo. Isabel Zendal na Expedición da vacina con texto e ilustracións de El primo Ramón (Borja López Cotelo  e María Olmo Béjar)  e publicado pola editorial Bululú. Patricia Zaera Landeira fixo a tradución ao galego.
O libro relata a expedición de Isabel Zendal portando a vacina da variola a  América. A OMS ten recoñecida a esta muller como a primeira enfermeira da historia que participou nunha misión internacional de saúde pública.
No  álbum,  as ilustracións adquiren moito protagonismo e dannos oportunidade de traballar planos da cidade da Coruña e mapas da época (inicios do século XIX) e mesmo procurar as pegadas da historia da cidade e dalgún pintor moi recoñecible. Adiviñade!
Libro indispensable para as nosas bibliotecas escolares, tanto para a selección de ciencias como para a lectura atenta da mudanza dos tempos.

23/11/18

Novidades para conmemorar o 25N


Presentamos algúns novos recursos para conmemorarmos o 25N desde as bibliotecas escolares


Vermella de  Sabela Losada Cortizas , con  ilustracións de Minia Regos  vén de gañar ex aequo o I PREMIO FINA CASALDERREY de literatura infantil pola igualdade (2018). 
Na presentación editorial fan a seguinte recensión:

Cando Flor atopa unhas pingas de sangue no cuarto de baño comeza, xunto con Leo, a investigación de tan estraño suceso... Foi un accidente? Quen é a vítima? 
Serán quen de resolveren este enigma?

Na colección Mulleres bravas da nosa historia de Urco Editora, vén de publicarse Pepa, a Loba de Ledicia Costas con ilustracións de Eva Agra.

Na web da editorial fan a seguinte recensión: Xela é unha nena que ten moi claro o que quere ser de maior: bandoleira. A pesar de que á súa nai non lle chista nadiña esta idea, para a rapaza non hai nada mellor no mundo que sentar a carón da avoa e escoitar, unha e outra vez, historias sobre a nosa bandoleira, sobre Pepa a Loba, a muller afouta que a pesar de todos os obstáculos que a vida lle puxo diante, conseguiu ser a capitá dunha gavela de homes e axudar a quen o precisaba. Xela nunca ten suficiente, sempre quere saber máis. E vós, queredes saber quen foi Pepa a Loba?

Da autoría de Isabel Thomas e Anke Weckmann, Marie Curie forma parte da colección Pequeños relatos de grandes historias da Editorial Blume. Nesta preséntanse figuras femininas relevantes da historia .
Reconquista de Antía Yañez, ilustrada por Ana Pedreira, e a outra obra gañadora ex do I PREMIO FINA CASALDERREY de literatura infantil pola igualdade (2018).
Na web da editorial atopamos a seguinte información sobre o libro: 
No patio do colexio de Lúa prodúcese todos os días unha invasión que deixa moitas nenas e nenos sen espazo para desfrutar do seu tempo de recreo. Porén, grazas á súa tenacidade, Lúa vai poñer en marcha unha pequena onda que rapidamete se converte nun tsunami de solidariedade.



Marta no da besos de Belén Gaudes e Pablo Macías, publicado pola editorial  Cuatro tuerkas, forma parte da colección Ande yo valiente, que busca que os nenos e as nenas crezan libres e sen estereotipos. Nesta historia, Marta da bicos a quen quere e cando ela quere

21/11/18

"Cándido e os demais", Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados 2018


Cándido e os demais,  de Fran Pintadera no texto e Christian Inaraja nas ilustracións e publicado por Kalandraka recibe hoxe o XI Premio Internacional COMPOSTELA para álbums ilustrados 2018.

Este potente texto sinxelo convida a reflexionar sobre a diferenza, a poñerse en lugar de quen se sente ignorado e tenta pasar desapercibido, e a compartir a súa ollada do mundo.
Cándido e os demais ten que formar parte da colección das nosas bibliotecas porque nel estamos incluídos todos e todas.
As ilustracións do álbum ofrecen unha oportunidade para traballar o poder comunicativo da imaxe, que pode dicir tanto coma as palabras.

14/11/18

No mes da ciencia, " A ciencia do día a día" de Xerais

Agradecemos a Xerais, que neste Mes da Ciencia en galego nas bibliotecas, publique na súa colección Básicos Ciencia  A ciencia do día a día.
Este libro explica, de xeito moi breve e sinxelo, moitos feitos da ciencia que nos acompañan na nosa vida diaria: Por que aparece a nosa imaxe nos espellos? Que é un coche eléctrico? Como funciona un GPS? Por que quenta o microondas? A estas e autras preguntas atoparemos resposta n´ A ciencia do día a día, un libro para aprender de xeito lúdico.
Destinado a partir de primeiros lectores, é un libro indispensable nas nosas bibliotecas para fornecer de recursos aos proxectos de ciencias, para divulgación e experimentación, actividades moi frecuentes nestas.

29/10/18

Novos recursos para o Samaín

Andamos a celebrar o Samaín nas bibliotecas escolares e queremos achegar algúns novos recursos para aumentar a colección destas.

Para primeiros lectores, atopamos en  Kalandraka Un, dous, tres, vampiro ti es e Os esqueletos divertidos.

Para primeiros lectores e lectores autónomos, Mortiña de Hércules Ediciones


De Sushi Books, Contos para nenos peculiares, para lectores expertos.

Tamén podemos xogar con Cuentos de fantasmas de MTM editores.


E para cantar, A casa do terror de Galaxia

16/10/18

Por unha biblioteca inclusiva: Elisa no mundo das marabillas


No ano 2017 a editorial Galaxia xunto con APAMP (Asociación de familias de persoas con parálise cerebral) editaron o libro Elisa no mundo das marabillas.

Este álbum ilustrado xestouse nun Obradoiro Artístico de APAMP, cando  un día decidiron escribir e ilustrar a historia de Elisa, unha nena que padece parálise cerebral e móvese nunha cadeira de rodas.
A través desta historia de superación atopamos realidades moi próximas, as das persoas que padecen parálise cerebral pero tamén as que sofren múltiples atrancos na súa vida cotiá.

Destinado a primeiros lectores, este álbum axuda a conformar unha biblioteca escolar inclusiva e as múltiples actividades que se poden facer nela para visibilizar a diferencia.
Neste vídeo podedes ver un contacontos de Elisa no mundo das marabillas dirixido aos rapaces e rapazas do CEIP Alfonso Rodriguez Castelao de Vigo.

8/10/18

"O año que é un PORQUIÑO" de Hércules Ediciones


Nas novidades de Hércules Ediciones atopamos O año que é un PORQUIÑO de Pim Lammers e Milja Praagman. A tradución ao galego é de María Alonso Seisdedos.

Destinado a primeiros lectores, con este álbum podemos traballar o xénero e a afirmación da propia identidade.
Este álbum ben podería estar nunha mochila de Lectura e diversidade, nunha selección de libros sobre coeducación e, por suposto, conformando a colección da biblioteca escolar.

26/9/18

Iniciamos " Unha longa viaxe"


Entre as últimas publicacións de Kalandraka está Unha longa viaxe  de Daniel H. Chambers, ilustrado por Federico Delicado e traducido por Xosé Ballesteros.
Destinado a primeiros lectores, o álbum entrelaza dúas viaxes: a das aves e a dos refuxiados. Ambas teñen en común o medo dos viaxeiros máis mozos fronte a esperanza dos adultos.
Imprescindible nas bibliotecas escolares para sensibilizar no tema das migracións, os refuxiados ou os dereitos humanos.

18/7/18

Nelson Mandela. O camiño cara á liberdade


No centenario do nacemento de Nelson Mandela, pai da nación surafricana e icona da paz, da convivencia e da liberdade, a editorial Kalandraka vén de publicar Nelson Mandela. O camiño cara á liberdade de Antonio Lozano con tradución ao galego de Ramón Nicolás.

Na nota aclaratoria que inicia o libro xa se nos indica que é unha biografía novelada. Todo o que se conta sobre Nelson Mandela é conforme coa vida do líder surafricano, mais o fío condutor desta historia protagonízano unha serie de personaxes de ficción: Walter, Sipho, Thandiwe, o director do museo e os pais de Walter. Este, hipotético bisneto de Madiba, encarna a toda a mocidade surafricana que quere e debe coñecer o camiño da liberdade que iniciou Mandela.
Destinada a un público xuvenil, esta biografía achéganos a unha figura clave da historia máis recente da humanidade e tamén é unha lección de historia sobre o apartheid e a conquista dos dereitos civís. 
Na selección de libros de historia que fai a biblioteca escolar, nos clubs de lectura ou na Efeméride da paz e non violencia sería bo contar con esta novela sobre o Pai da Nación, que hoxe cumpriría 100 anos.

13/7/18

Reedición de Imaxina animais de Kalandraka


Van xa 10 anos da 1ª edición de   Imaxina Animais, publicado na colección Demamora de Kalandraka. Os textos de Xosé Ballesteros veñen acompañados das ilustracións de Juan Vidaurre.

Estes imaxinados animais, porque nada é o que parece, descríbense con cadansúa ilustración que mestura a fotografía de obxectos cotiáns e debuxos, a modo de collage.
A ilustración, o nome dos diferentes animais ou a propia descrición destes, cargada de imaxinación e enxeño, fan que este libro sexa moi atractivo para o lectorado, desde os máis pequenos até os mozos e mozas da ESO. Permite adiviñar, crear, debuxar, inventar, interpretar...todo ese mundo animal imaxinado.
Moitas das bibliotecas escolares xa contaban na súa colección con Imaxina animais pero aquelas que non o posúan deben ter moi en conta esta proposta creativa.

6/7/18

Con Galaxia, para contar e cantar no verán


Achegamos tres novidades de libro- disco na colección Sonárbore da Editorial Galaxia, que como sabedes,  conta tamén cunha canle de Youtube.

E como o verán é para ler e contar pero tamén para cantar e bailar, velaquí van as novidades, que se non están, ben poderían estar nas bibliotecas escolares de Infantil e Primaria ou nas recomendacións ás familias.

No país do vento con contos, texto das cancións e música de Charo Pita e ilustracións de Óscar Villán. Neste país "nada queda quieto:  os pés bailan, as saias xiran e moitas melodías e alguhas pequenas historias van buscando orellas que as escoiten e labios que as cantaruxen para seguir vivas montadas no lombo das brisas e dos furacáns."


Monstros con ou sen consentimento de Chuches Amil, con ilustracións de Manel Cráneo.
Son "cancións para gozar en familia, cun sorriso nos beizos e moito ritmo para erguer o ánimo e non parar de bailar. E tamén moitos monstros, que medo!"


Coas miñas mans de Pablo Díaz con ilustracións de Lucía Cobo.
Coas miñas mans "podo debuxar, contar, sentir... Música para aprender os números, as cores, as comidas… pero tamén para cantarlle á lúa, á primavera… Cancións divertidas para medrar con alegría!"


3/7/18

Novidades na colección Fóra de Xogo de Xerais


Unha das novidades de Xerais é a novela O que sei do silencio de Andrea 
Maceiras,  que foi finalista do Premio Raíña Lupa en 2017.
No inicio da novela Delia, a protagonista, di dela mesma "Chámome Delia e son unha covarde. Esta é a historia de como acosamos a Silke durante os meses que estudou no noso instituto. E de como todo se nos foi das mans. Das miñas mans inútiles". E crea un blog para contar esta historia de acoso pasivo e cómplice.
Destinada a un lectorado xuvenil, a novela é ben interesante para tratar o tema do acoso, e se se fai como lectura compartida nun club de lectura dará para reflexionar sobre este problema tan grave entre os e as adolescentes e mudar o rumbo das relacións interpersoais nos centros de ensino.

Con Fóra do normal  María Reimóndez acadou o Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade 2017. Ilustrada por Antonio Seijas, a novela trata do conflito entre identidade e corpo que ten André, o mozo protagonista. Acompañado de amigas, como Mucha e a Patrulla Trans, e da lectura de cómics intentará superar o problema porque "no medio da treboada, a única heroicidade é resistir".
Destinada tamén a un lectorado xuvenil, é unha novela moi acaída para a selección de lecturas sobre igualdade e coeducación, onde se nos fala de tecer redes de afectos, máis alá do xénero e que posibilitará a moitos mozos e mozas atopar referentes... novela espello mais tamén xanela ao mundo.

Títulos ambos,  imprescindibles tamén, nas suxestións lectoras para o verán.

28/6/18

No pasamento de Xabier P. Docampo

O día 26 de xuño faleceu Xabier P. Docampo, un dos escritores fundamentais para a consolidación da Literatura infantil e xuvenil galega. Pero tamén foi docente, promotor da lectura e especialista en bibliotecas escolares, activista a prol da lingua, contacontos, actor ou guionista.
En 1995 acadou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil con Cando petan na porta pola noite. A esta obra precedéronlle outras como O misterio das badaladas ou A chave das noces. Posteriormente, virían outras como O pazo baleiro, A casa da luz, Bolboretas (White Ravens 2005), Catro cartas, O país adormentado, A illa de todas as illas, O libro das viaxes imaxianarias, e xa no 2017 A nena do abrigo de astracán á que lle adicou os últimos anos da súa escrita e coa que gañou o Premio de narrativa na III Gala do Libro Galego 2018. 
Para Docampo ler era conquistar unha illa misteriosa por iso foi un grande promotor da lectura. Xunto con Antonio Ventura dirixiu a revista Bloc (Revista internacional de arte y literatura infantil) que se editou entre os anos 2007 e 2010.
Convidamos ás bibliotecas escolares galegas a que difundan e lean a obra de Xabier P. Docampo como mellor mostra de afecto e recoñecemento.


Novas de banda deseñada: Animalia de Xosé Tomás


Na colección Merlín cómic, a editorial Xerais vén de publicar Animalia 1. Verde de Xosé Tomás.

Este cómic, destinado inicialmente para lectores expertos, fará rir a nenos e nenas e persoas adultas porque a tira cómica que debuxou Xosé Tomás non ten idade.
Primeiro dunha serie sobre animais, completarase con outras dúas entregas.
Segundo o autor, "Animalia constitúe unha reflexión sobre a humanidade como especie e como civilización, dende as posibilidades que ofrece a caracterización dos animais na súa diversidade".
Imprescindible nas bibliotecas escolares, nas maletas de cómic, na selección de lecturas para o verán, porque precisamos do humor que transmiten estes animais!

21/6/18

Lectura fácil en galego: 20.000 leguas baixo dos mares de Jules Verne.


Parabenizamos a publicación do libro de Jules Verne 20000 leguas baixo dos mares que vén de editar Galaxia segundo as pautas de lectura fácil.

A lectura fácil vén atender a un lectorado con dificultades de lectura ou de comprensión e facilita o disfrute da lectura, facendo unha biblioteca, unha escola e, por extensión, unha sociedade máis democrática e inclusiva.
Imprescindible para a normalización linguística, este título (primeiro dunha serie), non debe faltar nas bibliotecas escolares galegas, sobre todo nas de secundaria, para incentivar a creación de clubs de lectura fácil ou para favorecer a alfabetización en galego de lectorado con dificultades de aprendizaxe.
Ë destacable tamén o título que inicia esta serie, pola vinculación da obra e de Jules Verne a Galicia.

Choiva de ras de Ánxela Loureiro


CHOIVA DE RAS, de Ánxela Loureiro (Xerais, 2018) 

A autora volve escoller unha protagonista feminina valente para esta divertida novela de aventuras: unha ra que prefire ser diferente, facer monadas e anoar flores para poñelas nas orellas (a modo de auriculares) a participar no ruidoso ritual de galanteo dos da súa especie. Pero esta "solteirona" convencida acabará asumindo responsabilidades maternais e atopando curiosos aliados para saírse coa súa. 
Como os xogos de palabras e as rimas teñen unha importante presenza nesta obra, cremos que, aínda que está concebida para lectores autónomos, ben podería encaixar para unha lectura compartida en voz alta nun encontro con  rapaces e rapazas máis pequenos. 
Para gozar colectivamente das espectaculares ilustracións de Xosé Tomás e rir xuntos, que non é pouco.

7/6/18

De que cor é un bico?


Rocio BONILLA (trad. María SOLAR):De que cor é un bico? , Algar
Outra nena que goza cos contos e con pintar (con cores, por suposto). Minimoni é moi sesuda, ten moi claro o que lle gusta e o que non... agora quere pintar bicos e dálle moitas voltas á cor axeitada. Non é nada doado porque ela pensa moito as cousas e sempre encontra “peros”.
Ademais dos atinados e divertidos razoamentos da protagonista, as ilustracións -da propia autora- son moi disfrutables por si soas.
Algar Editorial ten traducidos ao galego este e outros álbumes ilustrados de Rocío Bonilla, como A montaña de libros máis alta do mundo ou Max e os superheroes. Unha boa achega para a biblioteca escolar, sexa para lecturas individuais ou compartidas (para que os lectores autónomos o fagan chegar aos primeiros lectores, poñamos por caso).

28/5/18

Unha proposta teatral: A soidade do asasino de Carlos G. Reigosa



A soidade do asasino, de Carlos G. Reigosa. Xerais, 2018.

A editorial Xerais vén de publicar na colección Fóra de xogo a peza teatral A soidade do asasino de Carlos G. Reigosa.

A obra está centrada na dialéctica entre un asasino e a súa vítima, que durante o tempo que dura a obra teiman sobre a conveniencia ou non do asasinato, rematando dun xeito inesperado para o lector.


Destinada para lectores a partir dos 15 anos (xuvenil) onde non abundan as propostas teatrais. Ben sexa para unha lectura compartida ou para a súa representación, é un título que debe ser tido en conta para os recursos da biblioteca escolar de Secundaria.

Enlace ao programa Cada día un libro

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/a-soidade-do-asasino-de-carlos-g-reigosa

22/5/18

Nina e Antón

Antonio VENTURA e Alejandra ESTRADA: Nina e Antón, Kalandraka

Que pode haber máis bonito que ler para outros? Quizais ser ese outro?
Con este libro seguramente non imos saír de dúbidas, pero disfrutaremos dun anaco da tenra historia de amor entre unha nena e o seu gato. Talmente como se os estivésemos vendo polo burato da pechadura.
Todos os rapaces deberían poder sentir polo menos unha vez ao día ese agarimo que hai detrás dunha mirada compartida a un conto con fermosas ilustracións. Como o que ven Nina e Antón. Como este mesmo.
Destinado a primeiros lectores, é unha boa proposta para compartir nas lecturas compartidas das nosas bibliotecas escolares , por exemplo. Con calma, saboreando o momento, porque é desas obras que dá pena que rematen.

15/5/18

Un novo poemario: Ring, ring...! Quen rima?





Hércules Edicións publica o libro de poemas Ring, ring...! Quen rima? de Ana María Fernández, ilustrado por Enrique López.


En 46 poemas podemos ir percorrendo diferentes espazos poéticos, que se van deseñando xa no primeiro texto, titulado Ring, Ring. Destinado a primeiros lectores, sería unha boa proposta que as nosas bibliotecas se enchesen de persoas poema para conformar os libros, que coma este, se poden ofrecer de viva voz. Tamén, nas seleccións temáticas ou nas mochilas viaxeiras. 
Eis os primeiros versos do poema O  lobo:

Ven o lobo!
Ven o lobo!
sobe, aos poucos, a escaleira
e eu non sei onde agocharme,
tremo de mala maneira.

30/4/18

O manga Tam de Anémona de Río


Retranca Editora vén de publicar neste 2018 Tam de Anémona de Río (Aldara Álvarez García).
A autora formouse na escola profesional de banda deseñada e ilustración O Garaxe Hermético de Pontevedra. No último curso creou Tam, a personaxe protagonista da súa primeira obra publicada, que levou o Premio Fin de Curso 2017.
Considerado o primeiro manga galego, Tam conta a historia dunha moza que é convidada a unha cea de antigos estudantes e a preocupación e presión que produce nela enfeitarse para a ocasión, seguindo os ditames da moda.
Destinado a lectores xuvenís, xa está dispoñible para as bibliotecas escolares nas maletas de Banda Deseñada de Secundaria e algúns clubs  de lectura xa están a ler este manga nas súas sesións.




23/4/18

Elmer no Día Mundial do Libro



A editorial Kalandraka vén de publicar na Elmer de David McKee. 

Conmemoramos este ano 30 anos da súa publicación.
Este álbum clásico da literatura infantil e xuvenil, todo un cántico á tolerancia, fala da importancia de respectar  e aceptar as diferenzas, que farán as nosas bibliotecas máis ricas e inclusivas.
Na biblioteca, na casa, nas seleccións lectoras, nas mochilas viaxeiras, é bo celebrarmos a diversidade que proclama Elmer.

16/4/18

O lapis máxico de Malala, de Malala Yousafzai


O lapis máxico de Malala, de Malala Yousafzai, Xerais
Dende Paquistán para o mundo. Un precioso álbum sobre o valor desmedido das palabras e a súa maxia, que nos conta en primeira persoa como unha serie televisiva pode facernos soñar cun lapis máxico, pero a propia vida fainos sentir que “calquera lapis pode selo”.
Describe as ansias dunha nena por facer felices aos demais, si, pero tamén denuncia que clasificar o lixo non abre portas á liberdade das nenas, como si o fan a escola e a familia. Decididamente unha historia imprescindible para ver e dar que pensar e falar á rapazada. Porque calquera día do ano é Día da Paz, tan desexada en Siria nestes momentos.



10/4/18

A Casa Grande de João Manuel Ribeiro

João Manuel Ribeiro, A Casa Grande, Hércules Ediciones, 2018.
O segundo título deste autor portugués que nos presenta Hércules é unha proposta interesante para unha lectura compartida. Trátase dunha sorte de decálogo do “ben vivir” harmonioso e pacífico, que pon no seu sitio conceptos tan importantes como: liberdade, honestidade, amor, perdón, tempo, silencio, palabra, xogo, riqueza, cidadanía...
Hai metáforas e mensaxes probablemente claras para os lectores autónomos, pero tamén outras que seguramente é mellor desentrañar nunha sosegada conversa, na casa ou na biblioteca escolar. Sen esquecer comentar as fermosas imaxes de Ricardo Rodrigues, claro está.

21/3/18

Para celebrarmos o Día Mundial da Poesía:"Cara de velocidade" de Marga Tojo


A editorial Kalandraka acaba de publicar o libro de poemas Cara de velocidade co que Marga Tojo gañou o X Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía . María Hergueta ilustra o libro.
Estamos ante unha superheroína con superpoderes que é quen de transformar o cotián en algo excepcional a través do humor, a música,  a fortaleza, o optimismo e a imaxinación fronte á adversidade, e que, con capa e anteface, apréndenos a pór Cara de velocidade.


Superpoderes

Zamarra, 
chaquetón, 
casaca, 
chuvasqueiro,
gabardina, 
chaqueta con botón. 

Desde que aprendín 
a poñer o abrigo,

voo.

Destinado a partir de lectores autónomos, este poemario vén acrecentar os fondos de poesía das bibliotecas escolares para que un día coma hoxe proclamemos que a poesía esta nas cousas que nos rodean.

Lembramos e difundimos tamén, os actualizados "Cinco motivos para ler poesía" de Fran Alonso




15/3/18

A batalla da pequena Chañán Curi Coca de Rosa Aneiros

O libro, editado por Xerais e destinado para un lectorado autónomo, ten como un dos temas máis destacados os desafiuzamentos, vividos en carne propia pola nena Noelia e a súa familia. A pesar dos esforzos da nai de agochar unha situación tráxica, a protagonista vai ser quen, achegando e revivindo no seu maxín as lendas incas de defensa da terra que lle contaba a súa avoa Elizabeth, de defender o seu territorio “a casa” coa axuda da súa veciña “Mamá Huaco” que tamén se resiste a abandonar o seu fogar pero por motivos diferentes: é maior e está soa.
Abordar determinadas situacións como a falta de recursos por mor do paro, os desafiuzamentos, a vellez ou a soidade faise necesario porque presenta a realidade de moitas persoas e fogares, e tamén dalgúns dos nosos rapaces e rapazas. Contarmos nas bibliotecas escolares con textos que nos falen dos nosos problemas fará entendermos o mundo e intentar darlles solucións como fai con afouteza Noelia, a pequena Chañán Curi Coca.

A batalla da pequena Chañán Curi Coca de Rosa Aneiros, vén de ser seleccionada finalista no apartado de Lilteratura infantil da Gala do Libro 2018.

14/3/18

Allumette, de Tomi Ungerer


Allumette, de Tomi Ungerer, Kalandraka
ALLUMETTE é a suma de dous fantásticos ingredientes: unha emocionante historia (que recoñecemos de contado) e unha ollada crítica sobre a -ás veces- desastrosa sociedade na que vivimos.
Pero o máis importante, e a razón pola que este libro pode estar no andel das nosas bibliotecas, nas lecturas compartidas, nos apadriñamentos lectores ou nos clubs de lectura é porque  fala sobre o importantísimo papel dos rapaces para encararmos un futuro máis esperanzador, a solidariedade.
Quizais a nena protagonista faga boas migas co señor Xe, aquel personaxe de José Campanari en E que podo facer eu? (OQO Editora, 2008). Cómpre lelo para averigualo.

5/3/18

RAPAZAS 25 LITERATURA INFANTIL E XUVENIL GALEGA PARA A IGUALDADE


Pilar Sampedro,  experta en Literatura Infantil e Xuvenil (foi integrante do equipo da Asesoría de bibliotecas escolares),  vén de publicar co gallo da celebración dos 25 anos da publicación de Rapazas de Agustín Fernández Paz dous taboleiros en Pinterest cunha selección de títulos para a igualdade. Esta mirada literaria é moi necesaria nestes tempos que nos tocan vivir, tanto para as persoas mediadoras como para os lectores e lectoras que precisan tamén de referentes femininas para construír un mundo igualitario e con perpectiva de xénero.


  • Taboleiro no que se mostran aqueles libros dirixidos ao lectorado infantil e  nos que se mira (e le) con perspectiva de xénero
  • Taboleiro no que mostran aqueles libros dirixidos ao lectorado xuvenil e nos que se mira (e le) con perspectiva de xénero

Máis alá do mes de marzo, cómpre ter en conta estes materiais coa intención de equilibrar e completar as coleccións das bibliotecas escolares. Da mesma forma, débense  de valorar estes recursos á hora de programar actividades ou facer propostas para os grupos de lectura.

27/2/18

"Ceiba de luz" de Manuel Lourenzo González




O premio Jules Verne 2017  acadouno o escritor Manuel Lourenzo coa novela Ceiba de Luz

Publicada en Xerais, Ceiba de luz é un achado de aventuras, de filosofía, dos mundos que xiran da man de dezaoito mozos e mozas científicos que parten na procura dun tesouro: a propia orixe, a identidade mesma, o ouro agochado na selva amazónica.


Dirixida  a un lectorado xuvenil, a lectura de  Ceiba de luz ben pode ser unha proposta a ter en conta nos clubs de lectura dos nosos institutos.


Unha figura humana da arte indíxena da América precolombina e un narrador experimentado condúcennos nunha expedición ao corazón mesmo do Perú , a unha antiga civilización e a moitos segredos.



19/2/18

Formigas, risas, flores e dinosauros, de Euloxio R. Ruibal


Achegamos hoxe Formigas, risas, flores e dinosauros de Euloxio R. Ruibal, publicado en Galaxia .
Catro historias imaxinativas para deleitarse non só co argumento, senón tamén coas palabras escollidas polo autor – “un home de teatro”- para narralas.
En realidade, son historias de feliz final: a de Xoana, a formiga loura que aprende a lingua das formigas mouras; a de Claudia, á que se lle logra unha curiosa flor; a de Chinto, a súa risa e a súa bici; e a de Santi e o seu Iagosauro , que xuntos funcionan talmente como superheroes.
Dirixido ao lecturado autónomo, o libro contén valiosas metáforas en si mesmas que tamén poden funcionar como frutíferas pontes: ao Principiño, ao Espantallo amigo, a Plinio ou Estrabón, ao léxico relacionado cos sons que emiten distintos animais...