19/7/19

Guía de literatura infantil e xuvenil para a igualdade


A Secretaría Xeral de Igualdade vén de publicar a  Guía de literatura infantil e xuvenil para a igualdade.

Coordinada por Pilar Sampedro, esta guía ofrece unha selección de libros publicados nos anos 2014, 2015 e 2016, distribuídos en tres tramos en función da idade ou competencia lectora. As obras escollidas alentan a reflexión e o debate sobre o papel da muller na sociedade ou o concepto de xénero e aportan referentes necesarios de mulleres, de novas masculinidades e diversidade de opcións sexuais.
Cómpre termos en conta esta guía nas seleccións que fagamos en torno á igualdade e coeducación. Asi mesmo é unha ferramenta moi útil para achegar recursos ás bibliotecas escolares.

4/7/19

LÚA EN NINGURES, a voz dos sen voz.





Xerais publicou na súa colección Merlín Lúa en Ningures de Beatriz Maceda  con ilustracións de Laura Veleiro.
Lúa e a súa familia vense na obriga de fuxir do horror da guerra e instálanse en Ningures, un campo de refuxiados onde semella que xa non queda esperanza. Porén, vai ser nese lugar onde Lúa descubra cales son os valores realmente importantes na vida das persoas ás que lle dá vozUn refuxiado é unha persoa que se ve obrigada a abandonar o seu país por causas políticas, por unha guerra...
Destinado a lectores autónomos achéganos os dereitos da infancia que se cuestionan en toda a novela: Xa ninguén lembra a Declaración de Dereitos da Infancia?Xa ninguén lembra que todos os seres humanos somos iguais?

E tamén atopamos, como se sinala en Versos e aloumiños,  a homenaxe a Principiño de Saint Exupery: ...e lembrei esa frase do Principiño que di: Pregúntome se as estrelas se iluminan co fin de que algún día cada un poida atopar a súa.

2/7/19

NO VERÁN, BANDA DESEÑADA


Animalia 2.Branco de Xosé Tomás
Publicado na colección Merlín cómics de Xerais, é a segunda entrega do autor e os protagonistas son os animais do mundo do mar e da auga.
En Animalia atopamos historias autoconclusivas cheas de ironía e humor pero tamén de reflexión ante as mudanzas do clima.



Aprende banda deseñada con Fiz de Kiko da Silva, é outra novidade da colección Xerais-Cómic de Xerais.
Neste libro, o popular personaxe de Kiko da Silva, Fiz o neno máis porco do mundo, ensínanos como se crea un cómic. Paso a paso, mediante historietas e exercicios, iranos explicando que é e como podemos crear a nosa propia banda deseñada.


Poéticas diversas, tamén no verán



POESÍA E PRAIA: RATOS DE VIAXE
Álbum de Oli, con ilustracións de Natalia Colombo e publicado en Kalandraka.
Como ben se di na presentación editorial, “cargados de equipaxe e viaxando en caravana, os ratos deste conto marchan á praia”. Rimas divertidas e encadeadas para unhas vacaciones con moitas aventuras, destinadas aos primeiros lectores.


ARTE E POESÍA: HIMBU, EL PEQUEÑO PINTOR


A poeta Raquel Lanseros escribe este fermoso libro, ilustrado por Christian Inaraja e editado por Edelvives.
En 21 poemas, cóntasenos a historia de Himbu, un pequeno elefante, que movido pola curiosidade, un día entra no estudio de pintura da súa nai e queda fascinado polo mundo das cores e a súa beleza ...
O poemario está destinado a partir de lectores autónomos.

POESÍA E MAR: VERSOS E VICEVERSOS

Kalandraka publica un diálogo poético a dúas voces, Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos con fermosísimas ilustracións de Juan Ramón Alonso.

Son versos do norte e versos do sur que van e veñen como as ondas do mar, que testemuña o seu intercambio literario e lingüístico.