21/1/09

AVENTURA NO CAMIÑO DE SANTIAGO


Banda deseñada en branco e negro, da autoría de Primitivo Marcos e publicado por El Patito Editorial. No prólogo, Francisco Síngal, comenta que a obra lle resulta representativa das posibilidades de ficción dun asunto coma a historia do Camiño de Santiago. Os personaxes móvense por un itinerario pautado que comeza no Cebreiro e ha de rematar en Compostela. No guión mestúrase lenda con e creación, Historia e historia. A obra sitúase no século XIII, nese tempo en que na cidade de Santiago se constrúe o mosteiro de San Francisco. Na historia participa unha familia nobre que peregrina acompañada polo seu séquito e, en cada un dos episodios, van incorporándose situacións e personaxes que darán lugar á aventura. Na primeira das historias coñecemos a uns asaltantes que pretenden saquear aos viaxeiros e a un cabaleiro que -para pagar as súas culpas- vai facendo o camiño e defendendo ao resto dos viandantes. Alguén que se oculta detrás dunha armadura e que ven podería formar parte dunha das ordes militares que tiñan ese cometido. Na segunda coñecemos a unha familia que está pasando penalidades mentres espera que o home, que traballa na construción do citado mosteiro en Santiago, volva para levalas con el. Faise presente a dificultade para sobrevivir naqueles tempos e a necesidade de apoio -duns aos outros- para resistir os perigos que os rodeaban. Noutra aventura, asistimos á disputa entre mulleres e homes, a competencia que se establece entre ambos, nunha aposta, que finalmente ganan elas. Un episodio tal vez non demasiado crible, pero que gustará ao lectorado. Na última das entregas aparece un lobishome. É unha muller a quen seu pai maldice e que só poderá salvarse cando os rapaces interveñan. É moi probable que a historia continúe, igual que o camiño… e que proximamente atopemos máis etapas.

16/1/09

"Galego. Á beira do mar" de Juan Farias


Unha historia contada como só sabe facer este galego que escribe na outra lingua falando de nós. Coa emoción contida baixo aparencia de normalidade, cun aquel de realismo máxico entrando e saíndo na narración, coa ¿morriña/saudade? que semella caracterizalo, con esa linguaxe sintética na que nada sobra e cada palabra é un significante pleno de imaxes e contido. Describe; máis que contar describe, e faino ao longo do tempo, falando da vida e de todo o que a envolve, de sentimentos e sucesos, … Farias fala -como poucos poden facelo- do mundo mariñeiro, de vilas e tempos de posguerra, días tristes nos que a fame foi protagonista e a dor acompañante. Lembremos que este autor foi Premio Nacional de Literatura Infantil e Premio Iberoamericano de Literatura Infantil y Juvenil. Unha mostra desta obra, para facer boca… “Pasaron os anos, non saben estar quietos. Todo cambiou, asfaltaron as corredoiras; as bucetas, os polbeiros, as gamelas, xa non foron de táboas grandes; acabouse o calafate, o cheiro a brea. Case ninguén volveu remar, a cambio veu o motor fora borda, os coches pariron e moi axiña houbo máis ca moscas; nas casas abriuse outra ventá, había que enchufala, non daba ao monte senón ao mundo enteiro, por ela podías ver aos chineses na China e as luras no fondo do mar. Só o amor seguiu a ser o mesmo”. ¿Haberá unha forma máis fermosa de presentar o televisor e de explicarnos o paso do tempo, o que permanece e o que cambia con el…? As ilustracións de Xosé Cobas préstanlle ese minimalismo delicado nas figuras (que pouco somos ante o tempo!) e as manchas de cor que falan dos fondos das nosas paisaxes, do que é natureza nas nosas vidas. Complétase o relato cun pequeno glosario de termos mariños coa participación do ilustrador.