Mostrando entradas con la etiqueta Narrativa. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Narrativa. Mostrar todas las entradas

8/11/16

Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta

Por que  ler  Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta de Ledicia Costas?
Premio Lazarillo de literatura xuvenil 2015
Esta engaiolante historia pode namorar a adolescentes e a moitos adultos fieis seguidores da literatura de Jules Verne e da narrativa de Ledicia Costas.
A novela mistura xéneros narrativos como a novela fantástica, de aventuras, histórica e realista; algúns dos seus personaxes son reais e famosos de seu coma Verne ou Sanjurjo Badía e a trama parte duns feitos coma a visita do francés a Vigo e a importancia que o empresario Sanjurjo Badía tivo nesta cidade. Aparecen as lendas que forman parte xa do noso imaxinario popular: a presenza do Nautilus en Vigo, os tesouros de Rande ou o túnel entre as Cíes.
Esta obra fálanos de amor, de aventuras, de felicidade, de nostalxia, os afectos… pairando sobre un mundo sobrenatural (o das mulleres planta) apoiado pola bioloxía e pola localización xeográfica real, a cidade de Vigo, que lle aportan verosimilitude á historia. Destacamos tamén a presenza na obra do primeiro amor, dos sentimentos entre pais e fillos e dos avós.
A partir da novela podemos achegarnos á obra de Verne e despertar a curiosidade sobre datos históricos e tecnolóxicos que nela aparecen.
(Unha colaboración da profesora Anxos Rial)

17/3/16

"O último día de Terranova", o último de Rivas

Publica Manuel Rivas en Xerais a súa novela, O ÚLTIMO DÍA DE TERRANOVA, da que podemos ler unha breve recensión no blogue da editorial. 

Terranova será desde a súa lectura un espazo de múltiples ecos para os lectores e as lectoras galegas. Máis aló do bacallau e as aventuras dos mariñeiros galegos, o termo "Terranova" será a LIBRARÍA, esa  na que calquera "letraferido" quererá habitar, ou cando menos pasar unha boa tempada. Este é un libro para os amantes dos libros, para os amantes das librarías, para os resistentes, para os surrealistas, para os que defenden a memoria como única posibilidade de futuro, para os que algunha vez están En Certo Punto. para os coruñeses, para os que gostan de coñecer a historia pequena, a única que finalmente importa... e para os seguidores do escritor/poeta que mellor nos escribe. 

O último día de Terranova ha ser ben recibido nos grupos de lectura de alumnado xove (bacharelato, FP e outros)  ou  de adultos que polo país adiante se reunen para compartir experiencia lectora.

21/9/15

Novo libro de Xoán Babarro




Comezamos o curso cunha novidade da Editorial Galaxia, na súa colección Arbore e recomendada para lectores a partir dos 10 anos.
Xoán Babarro propón neste libro, unha viaxe ás rúas de Bengala da man do profesor Robindra. Este mestre de literatura, amante do teatro de monicreques, aproveitará as carautas de boteiro de Vilariño de Conso para contar aos nenas e nenas fermosas historias e poesías.
Teremos tamén ocasión de aprender e practicar algunhas palabras en bengalí.


20/7/15

Libros que andan polas bibliotecas

Ilustracións con moito movemento e moita liña curva, ás veces cun aire que lembra aos debuxos doutra época.
Desa época é o relato. Unha historia de guerra, de recuperación histórica no mellor sentido da palabra. Unha historia con lirismo, que pode lembrar as de Juan Farias.
Un neno que admira ao amigo do seu pai, o home lagarto. Porque os homes lagarto soben aos postes, voan dun lugar a outro en bicicleta... son os celadores da telefonía. O neno, Mundo, quere ser coma el, celador de telefonía. A admiración ha ir máis alá da bicicleta e facilidade para escalar, porque un día desaparece o pai e será este amigo o que axude á familia levándolle algo que comer pero tamén noticias do pai. 
Farao mediante libros, neles van as mensaxes do "desaparecido". Porque nesa época desaparecían... o humor de Fina esmaga con contundencia: seica os levan "de paseo".  Pero xusto cando debería estar rematando a guerra deteñen a este home lagarto. Haberá que facer sacrificios para que esa forza descoñecida na que queremos confiar nolo traia, igual que trouxo ao pai; haberá que deixar de respirar, haberá que tentalo.
El rayo que no cesa, e o seu autor, Miguel Hernández, están presentes na historia.

8/7/15

Libros de Neira Vilas para o lectorado máis novo

 O xardín de Irene, é un libro poesía para primeiros lectores. Di o autor que a este público polo que sinte especial predilección hai que darlles palabras en idioma galego desde o berce, co obxectivo de que ao medrar sigan querendo ler na lingua de Galicia. Darlles versos, achegarlles un ritmo que os engancha. As ilustracións son de Leandro Lamas, un creador moi próximo á infancia. Edición de editorial ferrolá Embora.
Cantos de sol a sol é un libro-CD, con ilustracións de Xosé Vizoso y musicado por Xosé Lueiro. Aquí as poesías son musicadas e as ilustracións enchen as páxinas para acompañar as cancións.
Tamén ilustrado por Xosé Vizoso está o libro Aquel neno que consta de pequenos relatos do autor de Gres.
Todos eles, dirixidos á infancia. Todos eles escritos nos últimos anos con toda a enerxía creadora do autor das Memorias dun neno labrego. Neira Vilas continúa a producir os textos necesarios.

6/7/15

Manuel María, autor das Letras Galegas para o ano 2016


 A noticia de que o escritor Manuel María será o autor homenaxeado o próximo 17 de maio foi moi ben recibida polo conxunto da sociedade galega. Poucas veces un autor recibe este aplauso unánime dos lectores. A RAG acertou na súa elección.
Manuel María, ademais de poeta para o público xeral e a infancia, foi narrador e autor teatral. 
Un creador atento ás necesidades do sistema literario galego, da escola e da sociedade. Cando publicou Os soños na gaiola  declaraba que era o libro que tivera gustado ler cando cativo. E os pequenos e pequenas do país déronlle cumprida resposta. Os soños saíron da gaiola para voar e ser cantados por Suso Vaamonde, e con el, polos galegos dun tempo. 
As Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, foi unhas desas obras de teatro que encheron os escenarios dos centros de ensino. teatro para ler, para representar, para falar... porque ten mensaxe.
E outros libros para a infancia e a xuventude, para confirmar que nas bibliotecas escolares haberá moito que dicir deste autor da Terra Cha.
Un autor que conta cunha Fundación que achega moita información e recursos para traballalo. Un autor que recibiu o I premio Leixaprén de centros de ensino pola súa contribución ao galego.




2/6/15

"A esmorga" considerada a mellor novela galega



É un titular de prensa.
Hai boas novelas que poden colocarse á par de A esmorga. Si, pero oito expertos consultados por El Progreso, no día das Letras, coinciden en defendela.
Así o conta Jaureguízar, un escritor xornalista: "A crítica galega considera que a literatura galega é un reino de poesía, pero coroa unha novela"
A novela, ao lado da película que acaba de estrearse, volven a colocarse no centro do noso universo literario.
Volver a Blanco Amor, á súa narrativa e ao seu teatro, é sempre un luxo.

25/5/15

A neve interminable, unha novela de terror

A neve interminable de Agustín Fernández Paz
Volvemos ao xénero de terror. 
Volvemos a reunir un grupo de xente, illada nun lugar d eonde non poder saír, que ha de contar (ou escribir) historias para compartir.
Catro relatos:
"A casa azul" (lugares que ocultan o innomeable, aínda que desapareza a casa e unha nova construción ocupe o lugar da anterior. O monstro continúa no trasmundo e volve volve volve...
"Herdanza de sangue". A sangue é algo moi querido para determinados seres, si, si, é deles do que trata, porque un herdo convértese en obriga, e que será dos artistas mozos de paso pola cidade?
"A néboa da vinganza". O medo aos cans leva a outros medos que rematan en espectros conducidos polas maldicións.
"Un incidente no internado", as diferenzas de clase marcan distancias. As distancias e os seus prexuízos tamén levan á morte e dunha a outra... porque chega un momento en que a inocencia vai rematando con esas diferenzas. Un bo relato onde a inconsciencia de non saberse mortas ou a crueldade inxenua lle suman unha carga ben interesante. 
Porque a neve fai desaparecer as cores e a vida baixo a brancura e a frialdade. E fronte a esa idea da morte en branco, está aquela outra da escuridade máis absoluta. Que interesante!
E o título, que nos leva (sen que queiramos) a El rastro de tu sangre en la nieve de García Márquez.

20/5/15

Dragal IV. A estirpe do dragón. A fantasía en serie

Porque as series crean lectores, traemos hoxe aquí o número IV de Dragal, neste caso co título A estirpe do dragón.
Trátase dunha historia de longa traxectoria: a estirpe dos dragóns, a especie desaparecida que ha de volver da man dos dragalianos, e fronte a eles a gran Igrexa Inquisición (con este ou outro nome co que se recoñezan en cada momento), os grandes represores que os buscan para acabar con esa posibilidade. Os vellos códices nas casas dos descendentes, a igrexa de san Pedro coa súa cripta secreta, a poza da Moura, os ouroboros que cada dragaliano leva no brazo, a alquimia, os cabaleiros da Fraternidade, a telepatía, as viaxes no tempo, xente que se volve invisible e outros que ven as auras dos demais, as transformacións; o códice onde está o pasado, o presente e o futuro que se está a reescribir a cada instante... son elementos desta historia. E dentro desta, outra historia: a dun par de adolescentes namorados, con todos os ingredientes dun relato de amor e instituto: o acoso escolar, un embarazo non desexado, o melodrama de non acabar de confesarse nunca ese segredo que está aí pendente dun fío, as gravacións roubadas, ... 
As grandes forzas do ben e do mal sobre o taboleiro da Historia ou do día a día.
Algunha chiscadela que nos moverá o riso como esa referencia á última novela do Xerais que alguén está a ler ou a necesidade de cantar A Rianxeira para desconectar... porque todo sucede neste tempo que estamos a vivir, sen dúbida.
Un libro de Elena Gallego, publicado por Xerais.

29/4/15

Dous libros para lectores a partir de 9 e 11 anos


Rubicundo de María Canosa, vai dirixido aos máis pequenos. Trata da relación entre un vello e unha nena moi curiosa, tanto que non para ata adiviñar o que fai Rubicundo cada noite cando sae da casa, montado nunha bicicleta enriba da árbore do seu xardín. Non deixará de sorprendernos o oficio deste home e o final, un final de afectos e esperanza. Esta obra, ilustrada por Nuria Díaz, resultou finalista do premio Merlín, na súa última convocatoria.
O corazón da maxia de Xavier Estévez e ilustrado por Santi Gutiérrez, remítenos a ese mundo paralelo (que tentamos descoñecer) dos nenos e nenas enfermas e hospitalizadas.
A protagonista ten unha enfermidade grave, que toma con moita filosofía. Ela reparte alegría pola planta do hospital tan pronto se atopa con algo de forza. O tempo compartido con outra pequena na habitación e a necesidade de contarlle un conto para defendela do medo, dan lugar a unha historia que camiña ao par da real, e na que dúas rapazas parten na busca dos dragóns para salvar as aldeas. Porque os dragóns fan que o mundo continúe sendo como sempre foi, achegan a seguridade de que nada malo vai pasar e hai que rescatalos, estean onde estean... e nesas andan as nosas rapazas.  

16/4/15

¿Quen mata: as palabras ou o silencio?

 
Ben a conto a pregunta despois de ler a última novela de Marcos Calveiro As palabras poden matar.
Un barrio de favelas onde goberna o Chibo e os seus sicarios. O Chibo, igual que o progatogisna daquela novela de Vargas Llosa é intocable e ditador, sen límites no seu castigo e sen perdón nas súas decisións. O perigo axexa nese mundo pechado do que non se pode saír. Xa dende rapaces xógase a lareta ou sicario, logo tómase a decisión que non pode ser outra que a que decida O Chibo, porque non se trata de conseguir algo senón de lograr que non acaben con un.
En terra hostil, sería o programa. 
Unha antiutopía.
Un personaxe que non damos crido de tan enrevesado e cruel... porque, non vai quedar unha fenda de esperanza? van deixar a rapazada condenada a unha noite sen día? 
Igual non vale a risa nin os paiasos aínda que sexan do mundo, igual non é suficiente coa visita dun anxo e hai que agardar máis, pero as portas deben estar abertas. Hai demasiada desesperanza para non agardar por alguén.
Porque as palabras poden de auga ou de xeo, poden liberar ou matar.

28/8/14

Arredor d´O Principiño

A volta do Xove Príncipe de Alejandro Guillermo Roemmers (Bos Aires, 1958) retoma o personaxe de Saint-Exupéry que regresa de mozo ao planeta Terra, para mostrarnos a súa visión da actualidade.
O Principiño é recollido, á beira da estrada, por un condutor que atravesa a Patagonia, e xuntos realizarán esa viaxe iniciática na que abundan as reflexións sobre as grandes cuestións do ser humano, a modo dunha parábola sobre o mundo actual.
Traducida por Luís González Tosar, e ilustrada por Laurie Hasting aparece da man de Galaxia.
É a hora de lembrar que anda o Principiño en animación polas televisións do mundo e que en galego contamos coa versión de Carlos Casares, unha das mellores traducións que desta obra se teñen realizado.

11/7/14

Libros en serie

Conan o Bárbaro é un personaxe que naceu nos relatos e novelas de Robert E. Howard, que con Conan (creado no ano 1932), e o seu precedente, o atlante rey Kull de Valusia, estableceu a base para as historias de fantasía, o chamado xénero de espada e bruxería.
Levado despois á banda deseñada e máis tarde ao cinema, Conan representa o estado esencial da humanidade, salvaxe e libre, fronte aos enganos da civilización. Neste volume preséntanse catro historias deste personaxe, continuando a cronoloxía interna da obra que comezamos co primeiro volume desta colección.
Urco editora presenta o terceiro volume da historia de Conan, en galego.Unha boa ocasión para lelo!

10/7/14

Literatura transmedia, libros que medran noutros formatos e soportes


As meigas de Lupa é unha novela de María Solar, da que xa falamos noutra entrada deste blogue.
O que agora nos chama a atención é o feito de que ese libro dou lugar a unha serie de produtos que seguen a falarnos dese imaxinario creado pola autora.
Ela mesma nolo conta desta maneira:
"É a historia máis linda que vivín na literatura porque medrou en moitos campos grazas ao traballo desinteresado de lectores.
Naceu como un libro xuvenil, pero leuno un compositor de música de cine que vive en Lugo e que eu non coñecía, David Alonso Garzón. Él criouse nos espazos do Pico Sacro dos que fala o libro. Así que inspiroulle unha Banda Sonora Orixinal"
Esta banda sonora foi recollida nun CD que acompañou a segunda edición do libro, publicado por Edicións Xerais de Galicia. Banda sonora que resultou finalista dos prestixiosos premios Jerry Goldsmith de musica de cine. Podedes escoitala neste enlace.
E segue a contar María:
"Despois o mesmo compositor cun compañeiro (teñen unha productora) pedironme usar o libro para probar unha técnica audiovisual nunca feita en Galicia mesturando actores reais con escenarios recurtados en papel e sombras chinescas. Así implicaron a un artista plástico, a productora e o grupo de teatro Achádego de Lugo e naceu o booktrailer. E a web As meigas de Lupa onde contan o proceso que seguiron.
E despois aínda se fixo unha exposición preciosa e moi exitosa no Museo de Historia interactiva de Lugo cos proscenios usados para o audiovisual."
Sería xenial poder contar con esa expo rulando por toda Galicia, a que si?
De todo isto se dá noticia na páxina de María Solar.
Un libro que medra nunha BSO, un audiovisual, unha web e unha expo

8/7/14

Booktráilers de libros galegos (II)

Miremos algún dos que anuncian os libros dun dos nosos: Manuel Rivas e os seus libros Todo é silencio, Os libros arden mal,...

7/7/14

E... aínda máis booktráilers

Si, cada día aumenta o número de booktráilers de libros escritos en galegos, e cada día apetece máis velos, seguilos, observar como "falan" deles, como os presentan desta maneira, como adoptan esta linguaxe publicitaria...
Como esquecer o de Ámote Leo A, de Rosa Aneiros. Unha triloxía da que pedimos continuación, porque queremos saber qué vai pasar nese triángulo Galicia (toda Galicia) - Berlín, ou non?
Asasinato no Consello Nacional de Diego Ameixeiras

20/6/14

Novidades que son traducións

Os nenos de Bullerbyn de Astrid Lindgren, ilustrado por Ingrid Vang Nyman e traducido por Moisés Rodríguez Barcia, aparece publicado no selo Sushi Books
Así se recolle na presentación editorial: 
"Lisa, Britta, Anna, Lasse, Bosse e Ole viven en Bullerbyn, unha aldea tan pequena que non ten sitio para o aburrimento. Alí constrúen cabanas, van pescar, dormen na palleira e fan carreiras na neve."
A autora, cun cento de libros publicados e traducida a máis de 80 idiomas, foi avalada co Premio Hans Christian Andersen, o Premio Nacional de Literatura de Suecia, a Medalla de ouro da Academia Sueca e o Premio Internacional do Libro da Unesco. Trala súa morte, no 2002, instaurouse o Premio Memorial Astrid Lindgren de literatura infantil e xuvenil, ao que foi nominado en varias ocasión o escritor galego Agustín Fernández Paz.

5/6/14

Libros que son novidade (1)



As noites de Xián de Concha Blanco ilustrado por Dani Padrón na colección Merliño.
A historia dun neno que vive ao lado do mar e ha de marchar coa familia a outro lugar, por mor do traballo dos adultos. Alí non hai mar e Xián bóta de menos o seu rumor cada noite ata que nunha delas, a lúa se lle achega para que desde un castelo (que trae no colo) unha princesa lle entregue unha caixa de música na que se escoita o son do mar. 
Saudade e fantasía retratadas coa maxia dunhas ilustracións onde as casas se abalan no leito do mar e os meniños usan as olas como sabas, onde as casas da outra localidade súbense ás árbores e onde os meniños viaxan polo mundo coa súa cesta de xoguetes ao lombo.

2/6/14

A terceira entrega dunha triloxía

Da editorial chega esta información a ter en conta; si, a ter en conta porque se trata dunha triloxía que o alumnado dos centros foi seguindo, porque se trata dunha autora moi lida polos clubs de lectura e porque parte deses clubs son os que estarán con ela nesa presentación, tal como vemos na nota. Si, unha boa presentación que ten en conta os lectores e lectoras... os verdadeiros seguidores da triloxía.
"O xoves, 5 de xuño, ás 17:00 horas, na libraría Couceiro, Praza de Cervantes, 6 de Santiago, terá lugar a presentación da triloxía Ámote Leo A. de Rosa Aneiros.
Rosa Aneiros manterá unha conversa coas persoas integrantes do Club de lectura “IES Caldas Letras” do IES Aquis Celenis de Caldas de Reis.
Ámote Leo A. Terminal de…chegadas?, de Rosa Aneiros, é o terceiro volume da triloxía Ámote Leo A., o volume que pecha esta cativadora triloxía destinada ao público xuvenil."

5/5/14

"A lúa da colleita" e "Raíz da fenda", premios da Crítica Española



As autoras, Anxos Sumai e Berta Dávila, xa recibiran con anterioridade outros premios por estas mesmas obras. O primeiro deles xa resultara ganador do Premio García Barros 2013 e o segundo acadara o XV Premio de Poesía Johán Carballeira e a súa autora resultara recoñecida nos premios Ánxel Casal como autora 2013
Agora é a Asociación Española de Críticos Literarios, quen recoñece estas obras, outorgando a A lúa da colleita (Editorial Galaxia) o premio de Narrativa e a Raíz da fenda (Edicións Xerais de Galicia) o premio de Poesía.