21/7/21

GALEGAS NA CIENCIA

 



«Hai tempo que lle debía a unha amiga un libro sobre mulleres e ciencia, un libro que animase as novas xeracións a perseguir os seus soños sen importarlles o que os demais pensen; un libro que axudase a romper estereotipos de xénero e abrise as portas das ciencias a homes e mulleres por igual. E, para iso, decidín apoiarme na historia de vinte mulleres científicas."

Así empeza a nota coa que Isabel Blanco ábrenos a porta ao traballo de vinte mulleres galegas pioneiras. A selección foi guíada por tres premisas: a galeguidade, a apertura de camiño para as demais e a cronoloxía.


As acuarelas de María Lapido amosan o poder comunicativo da ilustración, os códigos da iconicidade científica que promoven a alfabetización visual da persoa lectora.

Unha necesaria aportación de Edicións Belagua para incrementar os fondos de igualdade e  libro informativo en galego das nosas bibliotecas.



 

14/5/21

LETRAS GALEGAS 2021

 

Presentamos unha pequena mostra das publicacións que viron a luz neste último ano para achegar a vida e obra da homenaxeada  nestas Letras Galegas 2021. Libros inéditos, biografías, propostas creativas, antoloxías... e mesmo a obra completa da poeta, tradutora, editora e mestra, Xela Arias.

Obra inédita de Xela Arias Non te amola!


XELARIAS. PALABRA Á INTEMPERIE
 

Intempestiva. Unha biografía (literaria) de Xela Arias



 

Xela quixo ser ela. Biografía de Xela Arias  

Xela Arias. Poeta e tradutora


Liberdade, solidariedade e amor pola lingua. Pequena biografía de Xela Arias


os bolechas XELA ARIAS

De certo, a vida ía en serio


Poesía reunida (1982-2004). Xela Arias

23/4/21

ANIMALIA 3 AZUL

 

 Animalia 3. Azul de Xosé Tomás, publicado recentemente en Xerais, segue as aventuras do mundo animal, agora adentrándose no mundo acuático e os seus habitantes. A través deles, Xosé Tomás reflicte a civilización humana na caracterización das súas personaxes, pertencentes á diversidade mariña, achegando así esta perspectiva cun toque humorístico a nenos e nenas tanto de primaria como dos primeiros cursos de secundaria. 

Un imprescindible de banda deseñada nas nosas bibliotecas escolares.

19/4/21

O neno Groba e Música

 

A Fundación Rogelio Groba achéganos O neno Groba e Música, no que se fai unha viaxe polas vivencias do compositor e director Rogelio Groba, dende a súa primeira infancia ata a súa volta ao lugar natal, a través dos fermoso textos de Lidia Fraga e da música do propio compositor, interpretada pola Orquestra Sinfónica de Londres, a Orquestra de Cámara Galega e a Banda Municipal da Coruña, transportándonos así a esa Galicia profunda e máxica onde comezou a súa vocación musical, e onde despois de moitos anos, coa súa volta a Ponteareas, volveu atopar á pequena Música, xunto con 

todos aqueles sons que tanto amaba: o canto dos paxaros, o rumor da auga e do vento...A música da natureza, da súa infancia nunha pequena aldea do abeiro do máxico monte de San Cibrao”.

Un libro musical imprescindible nas bibliotecas escolares, que permite ao alumnado de infantil e primaria achegarse a coñecer a cultura musical galega e a un dos seus compositores máis relevantes a través da unión da lectura e a música.


18/3/21

21 DE MARZO DÍA DA POESÍA

O 21 de marzo conmemoramos o día da poesía e queremos celebrala léndoa e recomendando algunhas novidades editoriais.


O poeta Xavier Seoane publica na colección Merlín de Xerais o libro de poemas infantís Cancións para Ana Lúa.

Con belas ilustracións do pintor Correa Corredoira, os 17 poemas que compoñen o libro son un canto á infancia. Nana de viaxe, Onde estás lúa, lueira?, No peito da túa nai, Dons, A canción do unicornio, Numerando...van percorrendo un universo infantil, cheo de maxia e imaxinación.

A poesía non debe faltar nas nosas bibliotecas e a lectura en voz alta, por exemplo, destes poemas é un bo achegamento a ela.

Sae, lúa, sae, lúa

do pozo da noite núa (...)




Na colección Udra de poesía para nenos e nenas de Chan de pólvora editora, publica Marica Campo nós outras, un libro de poemas que é un canto á diversidade e á igualdade.

A ducia de poemas que compoñen o libro levan cadansúa ilustración da pintora Menchu Lamas, nunha simbiose extraordinaria de linguaxe poética e visual.

Tal como expresan na presentación editorial nós outras é un libro de cores e de valores. Un encontro onde as mans están abertas para ofrecer territorios comunais, ámbitos de intercambio, paisaxes que retratan a beleza e a complexidade de cada persoa...A raza, a condición económica ou social, as características físicas ou mentais, os xeitos de amar ou a procedencia xeográfica son a forza que nos une, un patrimonio compartido”.

nós outras é un libro imprescindible nas bibliotecas escolares, sobre todo na selección de lecturas inclusivas.

Gustos

Se eu prefiro a rosa

e ti dis anil,

son eu menos neno,

menos nena ti? (...)