Mostrando entradas con la etiqueta Galicia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Galicia. Mostrar todas las entradas

19/10/20

Atlas da Galicia Pequeniña

Obra finalista na Gala do libro  galego
2020
na categoría de  libro mellor editado


A editorial allaricense Aira volta a sorprendernos moi agradablemente coa publicación de Atlas da Galicia Pequeniña, unha obra destinada ás crianzas, pero da que tamén gozamos, e moito, as maiores.

César Cequeliños e Jorge Campos (premio da Gala do Libro 2017 polo seu cómic Alter·Nativo) compuxeron un Atlas moi visual, cheo de vocabulario e mapas, pero a través das súas páxinas tamén podemos facer un percorrido pola xeografía humana e a historia que conforman a identidade do noso país.


Un índice ben cheo de contidos.

Toda esta información, como xa dixemos é presentada dun xeito moi visual, ameno e ata divertido.

Fonte: @bandadeseada


Fonte: Domestika.org

Polo tanto, xa temos todos os ingredientes para unha gozosa lectura compartida (en familia, na aula, coas cómplices lectoras...) ou un tempo de viaxes en solitario.

Unha obra imprescindible nas nosas bibliotecas tendo en conta, ademais, o ermo do panorama das obras dista temática na nosa lingua e para crianzas. (Tanto o Atlas temático de Galicia, de Obradoiro-Santillana, de 1999, como o Atlas básico de Galicia da ed Sálvora, de 1982, están xa descatalogados).


En definitiva, unha obra para perderse nas Xeografías Lectoras.







20/5/20

Galicia contada aos non galeguistas


Edicións Xerais de Galicia presenta entre as súas novidades desta primavera estraña, un libro ben curioso, pois polo contido e pola súa edición sáese do común e consegue sorprender, sempre que á súa lectura se entre con mirada aberta, procurando atar ben os prexuizos. Pois ben, o xornalista Manuel Veiga Taboada pon nas mans do lector experto e adulto este Galicia contada aos non galeguistas a modo de pequeno manual para desfacer estereotipos (algúns, que quedan outros tantos ou máis) sobre o que vén sendo iso de ser galegos, que vén sendo iso de Galicia e por que pasa o que pasa. 

A través de pequenos capítulos, o autor convídanos a unha viaxe por esa "paisaxe tatuada" que constitúe Galicia, avísanos de que "observar os camiños" levaranos a coñecer o país, que algunha das claves está en saber quen son e quen foron "os donos da terra"; explícanos por que Galicia é unha "fábrica de ministros" ou que "a ambigüidade da escaleira ten explicación", entre outras. Manuel Veiga rende contas das fontes históricas que nutren a súa versión desta Galicia que cómpre recoñecer, o que motiva a buscar novas lecturas e exploracións históricas.

A edición dun tamaño ergonómico garda tamén a sorpresa das ilustracións de autoría de Jano (Alejandro Viñuela Agra).

Desde a óptica das bibliotecas escolares este libro pode motivar debates interesantes en reunións de clubs de lectura de alumnos dos últimos niveis do ensino ou de grupos de adultos, o mesmo que algúns dos seus capítulos poden dar entrada a outras lecturas máis específicas da historia de Galicia; por todo isto é un material a valorar para a súa inclusión na colección das bibliotecas de ensino secundario.