25/1/17

Historias de inmigración para xoves



Faktoría K de libros vén de publicar Eu son Suleimán de Antonio Lezcano, con tradución de Carlos Azevedo.

Na súa presentación editorial dísenos que a novela conta como, farto da extrema pobreza que padece en Mali, Suleimán decide marchar co seu amigo Musa na busca dunha vida mellor en Europa, onde esperan traballar, conseguir diñeiro para voltar ao seu país, abrir os seus negocios e axudar as súas familias. A viaxe resulta dura e difícil: cruzan o deserto en camións escangallados, ateigados de xente tan desesperada coma eles; chegan á fronteira con Melilla pero, ao cruzar a reixa fronteiriza, son arrestados e expulsados. Tras perder Musa, Suleimán loita por sobrevivir e volve intentalo por mar, dende as costas de Senegal ata Gran Canaria.

É a historia de calquera dos miles de rapaces que desafían a morte para chegar a Europa fuxindo da guerra e da miseria no continente africano. Un drama que traspasa o frío factor da actualidade para achegarse á dimensión humana do fenómeno migratorio que é tratado tamén na novela Camiños na auga de Manuel Núñez Singala, publicada en Galaxia tamén no 2016, onde se denuncian as duras condicións de vida dos negros albinos en África, así como a trata de negros que constitúe o negocio dos caiucos mediante os cales tratan de introducirse en Europa.


Destinadas a un lectorado xuvenil ou adulto, ambas as dúas novelas deben estar nas nosas bibliotecas escolares, poden ser lidas en clubs de lectura temáticos ou ben poden formar parte da selección de lecturas sobre inmigración, guerras ou vulneración dos dereitos humanos, nestes días que temos tan próxima a Conmemoración do Día escolar da non violencia e a paz.

23/1/17

Novidades de literatura xuvenil

Destacamos hoxe en Rede Lectura dúas novelas xuvenís, 
publicadas ambas as dúas na colección Fóra de xogo de Xerais. Estamos a falar de Xa non estou aquí de Iria Misa, que recibiu o premio Jules Verne de Literatura Xuvenil na edición de 2016, e d´A caixiña dos rancores de Héctor Cajaraville, Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil en 2015.
Aínda que con temáticas moi diferentes, son novelas altamente recomendables para ese alumnado que se achega á biblioteca escolar solicitando algún título que o enganche porque desde o comezo, as historias e os personaxes son quen de atraer a lectoras e lectores, pola súa proximidade.

Iria Misa, presentando a súa primeira obra publicada, comenta que é unha novela que fala de sentimentos universais: a necesidade de pertenza a un grupo, de comprensión, a soidade… A intriga artéllase arredor da desaparición da protagonista, misterio que se irá desentrañando ao longo da novela a través dos distintos puntos de vista dos personaxes. É unha novela coral onde quixen traballar o multiperspectivismo e así poñer de manifesto o cariz tan distinto que pode tomar a realidade dependendo dos ollos de quen a mira.

D´caixiña dos rancores de Héctor Cajaraville dísenos na presentación editorial :
A xuíza Felpeto, acabada de chegar á localidade costeira de Valdomar, revoluciona a vila coas súas orixinais sentenzas. Cando Estevo é obrigado a pasar todo o verán visitando a Chiruca, a anciá a que atropelara co seu ciclomotor, imaxina unhas soporíferas xornadas aturando as historias daquela muller que cruzara polo paso de cebra sen mirar. Pero todo cambia cando a casualidade fai que o mozo descubra un segredo que ten na súa cerna a Chiruca e que ela mesma descoñece. Coa axuda de Paula, a noiva de Estevo, o nobelo daquel misterio irase desenredando ao mesmo tempo que xorde entre os tres protagonistas unha relación tan profunda como inesperada, que pasa por riba da diferenza de idade e que demostra que a amizade verdadeira non entende de prexuízos nin de convencionalismos.

16/1/17

A escritora Marilar Aleixandre ingresa na Real Academia Galega

A bióloga e escritora ingresou o 14 de xaneiro de 2017 na Real Academia Galega, ocupando a cadeira que deixara baleira Xosé Neira Vilas.

Moitas son as obras de Marilar Aleixandre dirixidas ao público infantil e xuvenil, desde A formiga coxa a Catro cascarolos ou d´A expedición do Pacífico á Cabeza de Medusa, en prosa. En poesía, A ovella descarreirada.

A autora ten visitado moitas bibliotecas escolares para falar dos seus libros e os clubs de lectura teñen as súas novelas entre as preferidas.

Ten recibido premios como o Merlín ou o Premio da Crítica por A expedición do Pacífico, o Rañolas por O Trasno de Alqueidón, o Lazarillo por A banda sen futuro ou o Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil por A cabeza da medusa.

Destacamos tamén o seu papel a prol do galego nas ciencias, tanto na literatura como desde a súa Cátedra de Didáctica das Ciencias na USC. Fina Casalderrey, na súa resposta di que “Marilar chega á Academia con cestos ateigados de ideas, de palabras descareiradas coas que nomear os animais e as plantas todas, dende as que se refiren aos seres máis aparentemente insignificantes" ata "os que asoman por primeira vez".

Discurso de ingreso na RAG
Blog de Marilar Aleixandre
Biografía na AELG