29/7/15

A serie Osiño




Con texto de Else Homelund Minarik e  ilustracións de Maurice Sendak, a serie de Osiño.
Frases moi curtas e sinxelas. Historias cheas de tenrura envoltas nun humor especial e unhas relacións que remiten ao mellor da infancia. Osiño e os seus amigos (Galiña, Parrulo, Gato, Bufo...), Osiño e a súa familia: pais e avós.
Catro libros, cada un con catro historias arredor dun eixe temático, así, en Osiño atoparemos  “Que vestirá Osiño?”, “Sopa de aniversario”, “Osiño vai á Lúa” e “O desexo de Osiño”. Todas as historias xiran arredor de Osiño e súa nai, o cariño e o sentido común ao lado da parte divertida que pon en solfa o que semellaba non estar claro. En Papá Oso volve á casa cóntanse aventuras relacionadas co seu pai, a aventura de andar pólo mar e os mitos salpresando a vida. A visita de Osiño conta a visita de Osiño aos avós, cómo a avoa lle conta o conto de cando Mamá Osa era pequena e coidou un paporroibo ata que o deixou voar para que fora feliz e el volveu e os fillos dos seus fillos o seguen a facer, cómo o avó lle conta o conto do trasno que ten medo os seus zapatos...
En Un bico para Osiño, cóntasenos a historia do bico que a avoa lle envía a Osiño para agradecer o debuxo que lle enviou e como ese bico dá voltas e voltas… Ese debuxo de Osiño lembraranos a algún outro de Sendak. A ilustración deste volume cambian un pouco de estilo coas anteriores, resultan máis barrocas, máis natureza, menos personificadas máis debuxo do natural.   

28/7/15

Novidades con premio

Da autoría de Antón Cortizas, o texto recolle o mellor da súa faceta de recompilador da tradición oral e dos xogos populares. Lembremos que del son os libros Chirlosmirlos. Enciclopedia dos xogos populares de Galicia, Tastarabás. Enciclopeda de brinquedos tradicionais e Ao pé da Laxa da Moa. Literatura de tradición oral de Carnota.
A obra presenta o xogo como actividade imprescindible e para iso toma man da tradición, dos xogos pasados de boca en boca a través da memoria. Da memoria que hai que gardar fronte a o Gro que é un monstro que quere roubala. Unha loita na que dúas fadas (Impo, de imposible e Tempus de tempo) axudan aos humanos, pero na que os gatos terán moito que dicir. 
Unha nena aburrida de ver televisión e andar coa video consola tenta brincar, e se non hai nenos farao coa Lúa.
Actores e títeres, teatro real e de sombrqas para poñer sobre as táboas e no chan do teatro os xogos de sempre, as lengalengas, as estruturas acumulativas e repetitivas, as adiviñas... en catro actos (un deles opcional con xogos a realizar cos espectadores) e todo iso adobado coas cancións infantís (que se nos achegan cos seus pentagramas).   
Porque "xogades que facedes ou facedes que xogades?", "xogar ou non xogar... esa é a cuestión".
E asa ilustracións de Leandro Lamas acompañando o texto, coas súas características propias, aportando o seu bo facer.  


27/7/15

Libros que andan polas praias e demais lugares de vacacións



Explica o autor que está baseado nun personaxe real, o xeadeiro músico. Arredor del, arma unha historia de música e lúa, de viaxes polas diferentes partes do mundo para escoitar as músicas que a natureza crea neses lugares. 
Non todos teremos que ser músicos, o importante será ter a sensiilidade para escoitala e gozala, para creala chegado o momento, para vivila.

23/7/15

Por aí... andan os libros

 
O avó de Zulaimar de Juan Carlos Méndez Guédez con ilustracións de Elsa Klever
Unha nena buscando un avó... porque os avós fan falla, moita falla e se non o tes debes buscalo, e se non o atopas debes crealo. Diso trata este álbum.
As covas de aceiro, de Isaac Asimov, publicado por Hugin e Munin. Nunca é tarde para volver aos clásicos e ler ciencia ficción, da clásica.
A batalla por Avalon, de Fernando M. Cimadevila. Terceiro volume da saga "O Mundo secreto de Basilius Hoffman", despois de  O ladrón de soños Un faro na escuridade. Unha serie de fantasía feita en Galicia e publicada por Urco. 


22/7/15

Os clásicos da literatura infantil internacional



Kalandraka continúa nesa labor imprescindible de traernos aos clásico da literatura infantil universal. E así, vainos achegando esas obras que moitas veces xa ficaban descatalogadas e que nunca tiveramos na nosa lingua. Así sucede coa serie de Osiño.

A serie de Gatiño, con textos de Joel Franz Rosell e ilustracións de  Constanza v. Kitzing
As marabillosas e expresivas imaxes, as situacións que deben resolverse da maneira máis axeitada, os textos mínimos... 
E canto á Gatiño e as vacacións, contasenos que o último día, antes das vacacións, na clase de Gatiño, todos os animais contan a onde irán no verán; hai para todos os gustos: Parrula vaise con súa nai ao mar, Coella vai cos irmáns á casa do avós, Esquío parará a metade do tempo co pai e a metade coa nai e cámping, Ourizo vaise só a aprender idiomas a Inglaterra... pero Gatiño non sabe qué vai facer. Cando chega á casa pregunta e a resposta non pode ser mellor: non irán a ningunha parte “pasarémolo moi ben: papá, túa irmá, teu irmán, ti e máis eu... Serán unhas vacacións fantásticas!, porque imos estar todos... xuntos” di a nai. 
Unha ensinanza, o valor de compartir o tempo, facendo o que sexa, sen necesidade de ir nin lonxe nin a un lugar distinto, estar xuntos. 
Outra ensinanza, a presentación de todo tipo de familias e situacións e ningunha mellor que outra, simplemente distintas. O traballo coa memoria a través das repeticións... 





20/7/15

Libros que andan polas bibliotecas

Ilustracións con moito movemento e moita liña curva, ás veces cun aire que lembra aos debuxos doutra época.
Desa época é o relato. Unha historia de guerra, de recuperación histórica no mellor sentido da palabra. Unha historia con lirismo, que pode lembrar as de Juan Farias.
Un neno que admira ao amigo do seu pai, o home lagarto. Porque os homes lagarto soben aos postes, voan dun lugar a outro en bicicleta... son os celadores da telefonía. O neno, Mundo, quere ser coma el, celador de telefonía. A admiración ha ir máis alá da bicicleta e facilidade para escalar, porque un día desaparece o pai e será este amigo o que axude á familia levándolle algo que comer pero tamén noticias do pai. 
Farao mediante libros, neles van as mensaxes do "desaparecido". Porque nesa época desaparecían... o humor de Fina esmaga con contundencia: seica os levan "de paseo".  Pero xusto cando debería estar rematando a guerra deteñen a este home lagarto. Haberá que facer sacrificios para que esa forza descoñecida na que queremos confiar nolo traia, igual que trouxo ao pai; haberá que deixar de respirar, haberá que tentalo.
El rayo que no cesa, e o seu autor, Miguel Hernández, están presentes na historia.

Libros que andan por aí...

Como ben dicía Eva Mejuto no Culturagal, as narradoras oraiz teñen un don niso de escribir contos: dominan o ritmo, as paradas. os silencios. Demóstrase neste caso, a ganadora do Premio de Narración Oral Cociña de Contos, un certamen que é unha das principais acciones do programa "Europa á carta", organizado poa editorial OQO e que, xunto coas editoriais O Bichinho de Conto (Portugal) e Tako (Polonia) como socias, foi seleccionado para o programa Cultura 2007-2013 da Unión Europea.
Para cociñar historias, neste tempo de vacacións.

17/7/15

Animación de álbum (II)


O peixe que sorría de Jimmy Liao. Un álbum que dá lugar a un audiovisual.
Unha curta de animación realiada en Taiwan que ganou un premio especial no festival de Berlim de 2006. Os directores son ay Shih, Alan I. Tuan e Poliang Lin, e a música é de Chien-Ci Chen.

14/7/15

Banda deseñada clásica

Volver aos cómics clásicos, ás series que fan lectores. 
Bandas deseñadas para rir e rir e rir e... volver a rir. E rindo recuperamos as referencias dun mundo que sigue vivo. 
Con Goscinny e Uderzo, en galego, de novo... porque están tolos estes romanos e nós somos irredutibles. Beberemos a poción máxica para meternos a gladiadores ¡pobres dos adestradores e donos de escravos! ¡pobres dos godos que un día se atreveron co nosos druída! ¡pobres dos que non estean dispostos a respectar a aldea gala! 
Secuestro tras secuestro, Obélix e Astérix recuperan o que é seu, sexa druída ou bardo... que aínda que resulte molesto ha de volver a onde o aprecian porque é compañeiro.

13/7/15

Libros censurados

Kalandraka informa da censura dun dos seus libros:
Orellas de bolboreta”, con texto de Luisa Aguilar e ilustracións de André Neves (publicado pola editora pontevedresa en galego, castelán, catalán, éuskaro, portugués, inglés e italiano) é uno dos 49 títulos que o novo alcalde de Venecia, Luigi Brugnaro, retirou das garderías e das escolas municipais de Educación Infantil por estar incluído no programa “Ler sen estereotipos”, desenvolvido polo anterior goberno local.  
Trátase dunha das obras máis demandadas, recomendadas e eloxiadas do catálogo de Kaladraka, seleccionada polo Plan Nacional de Lectura en Portugal e finalista en Italia do Premio Nacional Cittá di Bella".
Este álbum forma parte dun programa de lectura titulado “Ler sen estereotipos”, que reúne 49 títulos entre os que se atopan destacados clásicos da literatura infantil e xuvenil, como Pequeno Azul e Pequeno Amarelo, de Leo Lionni e Imos cazar un oso, de Michael Rosen e Helen Oxenbury .

10/7/15

Máis novidades...





Trátase da recuperación dun dos libros deste autor para o lectorado autónomo; as ilustracións son do Premio Nacional de Banda Deseñada: Miguelanxo Prado.
No primeiro deles, que lle dá nome á obra, unha nena valente cambiará o discorrer das cousas, cando os camiños secretos do soño lle comuniquen o perigo que corre seu irmán.
No segundo, “A maldición da néboa”, será tamén unha nena a que vaia á Torre dos Corvos (morada de antigos deuses que noutros tempos gobernaran o mundo) para enfrontarse ao incomprensible, e así poder espertar a todos os que dormen desde a chegada da Néboa Negra.
O recente Premio dos Clubs de Lectura comenta”Ademais de consolidar nos nenos e nenas o pracer de ler con historias que os fascinen, é inevitable que dun xeito máis ou menos explícito, transmita a miña visión do mundo. Un mundo onde non haxa lugar para a dominación dunhas persoas por outras. Un mundo onde a liberdade e a xustiza sexan valores básicos”.

9/7/15

Dúas historias nunha ou unha novela en clave realista e fantástica

O corazón da maxia de Xavier Estévez, magnificamente ilustrado por Santi Gutiérrez ten eses ingredientes: realismo e fantasía. Nese senso, lémbranos o anterior premio Jules Verne, O Gran Reino, onde o día a día da moza protagonista se mesturaba cunha gran aventura. Ambas historias, tamén,  teñen relación con hospitais.
Neste caso, a rapaza protagonista caracterízase pola alegría que desprende sempre que o corpo llo permite. Ela vai repartindo ledicia por todo o hospital, visitando aos outros rapaces e achegando optimismo, a pesar das súas circunstancias. Unha grave enfermidade mantena débil pero ela inventará outra vida a través da historia que cada noite crea para a súa compañeira de cuarto, unha nena que ten medo e chora na noite. A partir de agora, as noites estarán poboadas de dragóns que desaparecen e de dúas rapazas que van na súa busca; cheas de fortaleza e valentía, non pararán ata resolver o enigma e devolver os dragóns a cada unha das aldeas. Un pano de pirata e as ganas de vivir. E, no espello, as dúas realidades dándose a man dun outro ao outro, porque a realidade... é múltiple. 
Tamén deste autor: A lenda do Rei Lobo, A rapaza da fiestra e Todos os soños.

8/7/15

Libros de Neira Vilas para o lectorado máis novo

 O xardín de Irene, é un libro poesía para primeiros lectores. Di o autor que a este público polo que sinte especial predilección hai que darlles palabras en idioma galego desde o berce, co obxectivo de que ao medrar sigan querendo ler na lingua de Galicia. Darlles versos, achegarlles un ritmo que os engancha. As ilustracións son de Leandro Lamas, un creador moi próximo á infancia. Edición de editorial ferrolá Embora.
Cantos de sol a sol é un libro-CD, con ilustracións de Xosé Vizoso y musicado por Xosé Lueiro. Aquí as poesías son musicadas e as ilustracións enchen as páxinas para acompañar as cancións.
Tamén ilustrado por Xosé Vizoso está o libro Aquel neno que consta de pequenos relatos do autor de Gres.
Todos eles, dirixidos á infancia. Todos eles escritos nos últimos anos con toda a enerxía creadora do autor das Memorias dun neno labrego. Neira Vilas continúa a producir os textos necesarios.

6/7/15

Manuel María, autor das Letras Galegas para o ano 2016


 A noticia de que o escritor Manuel María será o autor homenaxeado o próximo 17 de maio foi moi ben recibida polo conxunto da sociedade galega. Poucas veces un autor recibe este aplauso unánime dos lectores. A RAG acertou na súa elección.
Manuel María, ademais de poeta para o público xeral e a infancia, foi narrador e autor teatral. 
Un creador atento ás necesidades do sistema literario galego, da escola e da sociedade. Cando publicou Os soños na gaiola  declaraba que era o libro que tivera gustado ler cando cativo. E os pequenos e pequenas do país déronlle cumprida resposta. Os soños saíron da gaiola para voar e ser cantados por Suso Vaamonde, e con el, polos galegos dun tempo. 
As Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, foi unhas desas obras de teatro que encheron os escenarios dos centros de ensino. teatro para ler, para representar, para falar... porque ten mensaxe.
E outros libros para a infancia e a xuventude, para confirmar que nas bibliotecas escolares haberá moito que dicir deste autor da Terra Cha.
Un autor que conta cunha Fundación que achega moita información e recursos para traballalo. Un autor que recibiu o I premio Leixaprén de centros de ensino pola súa contribución ao galego.




3/7/15

A AELG homenaxeou a Xosé Mª Álvarez Cáccamo, poeta -tamén- para a infancia



A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou este ano á súa XXI edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Xosé María Álvarez Cáccamo, que foi homenaxeado no Concello de Vilaboa.
Consiste este galardón na entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Silverio Rivas), a plantación dunha árbore simbólica (unha moreira branca elixida polo propio autor), a colocación dun monolito conmemorativo e a atribución do nome do homenaxeado a un espazo público, neste caso á avenida o Parque Público Poeta Xosé María Álvarez Cáccamo.

Con esta homenaxe do gremio de escritores Álvarez Cáccamo suma o seu nome ao dos escritores celebrados en anteriores anos, como Manuel María, Xosé Neira Vilas, Uxío Novoneyra, Luz Pozo Garza, Agustín Fernández Paz ou o último, Xabier P. Docampo, entre outros grandísimos nomes das nosas letras.
(Da páxina de Fervenzas Literarias)
O autor conta, coas seguintes obras de literatura infantil: 
    • Ganapán das palabras, 1998, Kalandraka.
    • Dinosaurio Belisario, 2001, Kalandraka.
    • Lúa de pan, 2002, Edicións do Castro.
    • O segredo do pan, 2005, Obradoiro.
    • Un home impuntual, 2010, Galaxia.
    • Pedro e as nubes, 1996, O Barco de Vapor 
     

2/7/15

Novidades varias (III): Acuario 2; A flol da celdeira; Sanatoria, historia dos nenos raros

 
















Acuario 2, con versos de María Canosa acompañada das impresionantes imaxes de Dani Padrón. Publicado por Embora. É a continuación daquel Acuario que xa xiraba arredor da temática do mar. Del escribe ramón Nicolás en Caderno da crítica: (...) 
"Cómpre non esquecer, asemade, ese valor tan precioso que asume con naturalidade como é o de ofrecer a fixación acaída dos termos clave sobre os que xira cada un dos poemas. Velaí como a balea, o xurelo, o tiburón, os chocos, o sanmartiño, o longueirón ou a anguía, entre outros, se deseñan con algúns dos seus trazos característicos, potenciando a familiaridade do seu coñecemento a través de certas personificacións, permitindo así convertelos en seres próximos, cheos de vida e atractivo para calquera lectora ou lector, sospeito que aínda máis para os que comezan a aventura da lectura".

A flol da celdeira, un conto chinés, de Xosé Quintas Canella e ilustrado por Ánxeles Ferrer en Everest Galicia, na colección Ler é vivir. Del escribe Brabátegos: "
"Xosé Quintas Canella artella un interesante e orixinal relato sobre unha rapariga estigmatizada desde nena por ser diferente. Rosiña, a flol da Celdeira, unha cativa que non sabe pronunciar o ele na China imperial, rebuldeira e alegre, que vai sufrir rexeitamento e marxinación por ser diferente, pero que amosa coraxe e resistencia, afouteza no pensamento, determinación. Polo camiño dese soñar, desa diversificación que se produce nun país tan afastado, conflúen personaxes como o xeneral Inshub Misho ou Lham Bhe, historias que maxicamente nos transladan e conforman pontes entre dúas culturas, a galega e a chinesa e que nos levan a reflexionar sobre identidade, idioma e beleza"

Sanatoria, historia dos nenos raros de Francesc Grimalt, un sorprendente álbum, que según a presentación editorial... "é enxeñaría da ilustración, unha espectacular concepción do álbum ilustrado para un público xa lector e con múltiples lecturas dependendo da imaxinación de cada quen. É un libro para nenos grandes". Publicado por Baía.