28/2/13

UN GALEGO NA FEIRA DE BOLONIA


De novo, foi seleccionado o ilustrador galego, David Pintor, para presentar os seus traballos na Feira de Bolonia. Neste caso, foi o libro a través do libro Nel bosco della Baba Yaga, unha recompilación de contos tradicionais rusos ilustrados por diferentes ilustradores de todo o mundo, no que Pintor ademais de realizar a portada, ilustra o conto "Il pesciolino d´oro". Esta obra está publicada pola editorial italiana Franco Cosimo Panini.
Pintor xa fora seleccionado para esta feira nos anos 2007, 2010 y 2011
Unha boa plataforma para demostrar o bo facer da ilustracións galega.




27/2/13

LIBROS CON BLOG PROPIO


Así como atopamos blogues de asociacións, hainos de editoriais, de autores/as, e de libros.
Neste caso traemos á páxina o dun libro que acaba de saír á rúa, de autoría de Pere Tobaruela e publicado na colección Fóra de Xogo.  
O libro é O códice do Santo Lugar un novo achegamento a Santiago e a súa historia eclesiástica xa visitada en A cripta do apóstolo. Este o seu blogue.
Tobaruela, nacido en Cataluña, escribe en catalán e en galego, ao levar afincado en Galicia uns anos. Unha experieiica a ter dn conta. Del son outros títulos como Memorias dun can de palleiro, Na cerna da selva...
Gusta der escribir a catro mans e ata o de agora teno feito con Ana Boullón, con Luz Mendez e con Ledicia Costas, asinando ambos como Pereledi, unha serie de novela negra para peques (Desaparizión, Mortos de Ningures, Letras de xeo)

26/2/13

COUSAS DE CRÁNEO



Manel Cráneo traenos un par de publicacións ben interesantes. Unha delas é Cousas de mortos que lembra aquelas outras "cousas" que sempre temos presentes. Estas cousas de Cráneo teñen o seu aquel (chamémoslle filosofía, comprensión dese outro mundo ou creación dunha xeografía propia coas súas maneiras de facer e desfacer, de saberse mortos ou non querer escoitalo, ...). A ninguén deixará indiferente e moit@s recoñecerán ese humor escuro... pero non tanto. Unha obra que non é gótica pero si de mortos, porque así somos nós!
A torre dos mouros é un xacemento arqueolóxico, un ciclo de barferencias, un proxecto, unha inicitaiva de voluntariado, un calendario de visitas guiadas,... un cómic. Se o proxecto arqueolóxico foi unha inicitiva de arqueoloxía pública retransmitida en directo a través das redes, esta banda deseñada ten por obxectivo divulgar os achados e as hipóteses da primeira fase de intervención na fortaleza. Aí o temos, ademais das redes sociais, a banda deseñada facendo pública a imaxinación sobre as prospecións (en rima).
Publicadas por Demo Editorial.
 

25/2/13

ROSALÍA ILUSTRADA


Rosalía ilustrada. Unha exposición co seu catálogo.
25 ilustradores 25, poñendo imaxe aos poemas de Rosalía. 

ROSALÍA, SEMPRE ROSALÍA


Da presentación editorial:
"O proxecto Rosalía 21, promovido pola Dirección Xeral de Creación e Promoción Cultural e coordinado por Anxo Angueira, ten tres principais realizacións, as tres complementarias: un espectáculo audiovisual baseado na imaxe e na palabra, na poesía e na música; un disco coas gravacións base dese espectáculo e o presente libro. Os tres soportes participaron coordinadamente dun repertorio temático común que tiñan que ver con nove grandes eixos temáticos: a terra, a casa, a emigración, a muller, a sombra, os miserábeis, a revolución, a alborada e Rosalía poeta nacional."
Facémonos eco desta publicación de Xerais, por non ser demasiado coñecida e realizar achegas a este figura fundamental das nosas Letras, desde outros soportes.

22/2/13

ROSA, ROSA, ROSALÍA

Rosalía na voz dos poetas. Poetas novos e vellos. Poetas e poetisas. Poetas vivos e non tanto.
Publicación da Fundación.
Igual que aquela outra Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas.

De Rosalía para a rapazada

Rosalía de Castro. Parece unha rosa. Publicado por unha editorial que botaremos de menos, Espiral Maior, unha editora atrevida, centrada na poesía e cun par de títulos para nenos e nenas: este de Rosalía de Castro e outro de Emilio Pita, Cantiga do mazarico.
As ilustracións de Isabel Pintado e o bo facer de Miguel Anxo Fernán Vello, a quen confiamos en seguir atopando en novas aventuras editoras, culturais...
Poñemos o enlace á páxina de blix, onde se presenta.
E tamén...


Daquelas que cantan...


Uxía Senlle canta a Rosalía
Fuxan os ventos, Amancio Prada,... tod@s nós!




ROSALÍA. 150 ANIVERSARIO DE CANTARES GALLEGOS


Os poemas musicados, recitados, lidos...
Unha e outra vez volver a eles. Traelos dunha a outra man. Facelos propios.
Rosalía de Castro por Amancio Prado.

21/2/13

CANTARES GALLEGOS ilustrado


Acaba de saír do forno unha nova edición de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, un libro fundacional da nosa literatura e alborada do rexurdimento das nosas letras.
Neste caso, ven da man de El Patito Editorial e con ilustrracións de Pepe Barro. Unhas ilustracións nas que o deseño paila coas cores, coas texturas e materias, con fotos de elementos vexetais ou patrimoniais, de terra terra ou da formación de figuras a modo de calidoscopio, marabillosas tipografías... figuras que nacen do xogo; telas, sal e terra combinándose para achegarse a un mundo que é feminino pero tamén plural. De todo hai, para ver e para ler, para reler, para volver unha e outra vez aos versos de Rosalía, sempre Rosalía. 

ÚLTIMO CONCURSO


Un concurso para ler e escribir.
Urco fainos chegar a súa convocatoria para o I Premio de Relato Fantástico. Leamos as bases:
1.E isto que vén sendo?
Urco, a editora pioneira na edición de literatura fantástica en lingua
galega convoca o: I Premio Urco de Relato Fantástico
2.E logo por que?
A mellora da capacidade lectora e o fomento da creación literaria
entre a mocidade, así como dar a coñecer a literatura de xénero
fantástico.
3.A quen vai dirixido / quen pode participar / que teño que facer?
Poderá participar calquera alumno de secundaria dos centros públicos da Galiza, presentando como máximo un relato por cada categoría.
4.Como participo?
Fase 1: inspiración
Todos os grandes escritores en potencia teñen que se inspirar nos mestres da súa época e do pasado, daquela deberás ler, cando menos, un dos seguintes libros, que estarán encadrados en cadansúa categoría:
A praga escarlata, Jack London
Categoría «Horizontes escuros»
Nas montañas da loucura, H.P. Lovecraft
Categoría «Teño medo, mamá!»
O mundo secreto de Basilius Hoffman: O ladrón de soños, Fernando M. Cimadevila
Categoría «Fantasías aventureiras»
O xogo de Ender, Orson Scott Card
Categoría «O distante e fantástico futuro»
Fase 2: a choiar!
Despois dunha conveniente dose de inspiración, toca sacar o mellor de cada un e escribir o noso conto fantástico.
Os relatos terán que estar escritos en lingua galega e ser orixinais e inéditos.
A extensión será de dez folios como máximo, tamaño DIN A4, por unha soa cara, a dobre espazo, xustificado e cunha fonte Garamond a tamaño
12.
Os traballos escritos en Comic Sans serán directamente descartados sen ler.
5.Onde e como os mando?
O enderezo para envialos é o seguinte:
Urco Editora / Rúa do Avío 11, baixo / 15705, Compostela, Galiza
Debes enviar 2 sobres separados, un co relato ou relatos (non os asines!!!) e outro cos datos persoais. Este procedemento serve para que o xurado lea os contos sen saber de quen son e así garantir que os premios se repartirán só en función da calidade. Ambos os dous sobres deben ter o mesmo tamaño e levar por fóra o título do conto ou contos, a categoría ou categorías a que se adscriben e o pseudónimo co que os asines.
Sobre 1: Conterá unha folla cos datos reais da autora ou autor (nome e apelidos, centro docente e datos de contacto, título do relato ou relatos e categoría ou categorías nas que participa).
Sobre 2: Aquí terás que meter a túa obra mestra, unha ou varias, segundo participes nunha categoría ou en máis.
6.E canto teño que bulir?
O prazo de recepción de orixinais finaliza o 26 de abril de 2013.
7.Como se escollen os gañadores?
Urco Editora seleccionará, de entre todos os presentados, tres relatos por cada categoría para seren publicados nunha obra colectiva. Estes relatos serán os finalistas do concurso, de entre os cales un xurado
elixirá os catro gañadores; un en cadansúa categoría.
O xurado estará formado por profesionais reputados do mundo da literatura e a cultura galegas.
8.E que gaño, se gaño?
O premio para os finalistas consistirá nun lote de libros e a publicación do seu conto nun volume colectivo. Os gañadores de cada categoría recibirán, alén do lote de libros e a publicación, un
dispositivo e-reader cargado con varios títulos da editorial.
9.E cando sei se gañei?
A entrega de premios terá lugar a finais do mes de maio, en Compostela. Todos os participantes serán convidados ao acto.
A obra colectiva de gañadores e finalistas estará a disposición do público desde o mesmo día da entrega de premios.
10.A quen me dirixo se teño algunha dúbida?
Para calquera dúbida podes contactar connosco a través do correo electrónico davidcortizo@urcoeditora.com.
As dúbidas non resoltas ou calquera continxencia sobre estas bases serán resoltas pola organización e, no seu caso, polo xurado.
11.Que se vai facer cos orixinais?
Os participantes poderán pasar pola editora a recoller os seus orixinais até o 30 de Xuño, pasado ese tempo procederase á súa reciclaxe.
12.O feito de participar no concurso supón a aceptación das presentes bases.

20/2/13

CONCURSOS E MÁIS CONCURSOS


Recollido do Boletín informativo da Consellería de Cultura, Educación e O.U.
"Inspiraciencia é un proxecto da Unidade de Cultura Científica da Delegación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Cataluña e o Instituto de Ciencia de Materiais de Barcelona, que consiste nun concurso de relatos curtos e microrrelatos de inspiración científica. É unha iniciativa que relaciona a ciencia e a literatura dunha maneira lúdica e participativa. A ciencia e a literatura recorren á creatividade para encarar novos retos e combinalas pode xerar novas e frescas ideas en direccións imprevisibles. Inspiraciencia pretende ser un espazo aberto a todo o mundo onde pensar e imaxinar a ciencia desde a ficción."
A editorial Galaxia participa na organización e desenvolvemento de Inspiraciencia.

19/2/13

CONCURSOS DE ESCRITA


Cada vez son máis orixinais os concursos que se convocan desde as bibliotecas escolares.
Hai uns días mostrábamos un concurso de contracubertas de libros de literatura infantil e xuvenil, agora presentamos un de escrita na que se premian letras para cancións. Trátase do VII Certame de Poesía Xosé A. Barral, organizado polo departamento de música e a biblioteca do I.E.S. Plurilingüe As Bizocas. O departamento de música encargarase de musicar os poemas ganadores de cada unha das categorías.
Aquí, aparecen as bases.


18/2/13

PREMIOS GOYA para o conto infantil


Blancanieves foi a gran ganadora da noite dos Goya, cos premios á mellor película, mellor actriz (no personaxe da bruxa), mellor dirección de fotografía, mellor música, mellor dirección artística, mellor actriz revelación (nun dos papeis de Blancanieves), mellor deseño de vestiario, mellor maquillaxe e perruquería e mellor guión orixinal. Ao recoller este último premio, Pablo Berger, dedicoullo a todos os pais e nais que cada noite contan un conto aos seus fillos. A el contáronllos, por iso se denominou contador e... posiblemente por iso conseguiu unha noite como a de onte.
Un alegato a favor das contadas e da literatura para os máis pequenos.
Por iso, podemos dicir que nós tamén estivemos nos Goya, e os pais e nais do noso alumnado.

15/2/13

De Agustín Fernández Paz


Zeralda e o dragón, un dos últimos libros de Agustín Fernández Paz, ilustrado Fran Jaraba (que xa ilustrara tamén a  primeira versión publicada na colección A Chalupa) e publicado por Galaxia.
Trátase da reescritura dunha obra anterior de título O tesouro do dragón Smaug
Trata dunha princesa valente. Ela irá á cova do dragón Moghur para roubarlle o cofre do tesouro e tamén o Anel de Luz. Para iso ha de bañarse na Lagoa Negra, para non ser vista nin descuberta a través do olfato excepcional do dragón. Pero o dragón non se dá por vencido e acudir ao bruxo Ogomei que o transforma nun príncipe que a namora. De aí para diante... vos diredes.

14/2/13

VERDEDADES = +


Verdedades Podemos imaxinar que de verde e verdades, xa que son verdades rimadas que tratan sobre o verde dos vexetais. Estrofas / poemiñas de catro versos, cada un deles de oito sílabas, con rima nos pares... que entre todos eles compoñen un poemario con unidade de seu.
Tratará Yolanda do mundo vexetal: plantas e árbores, porque todas son verdes de clorofila. Pasa a poetisa das margaridas (quéreme / non me quere) á hedra, das cabazas ao carballo, xeranios e algodóns... contándonos virtudes e características a modo de adiviñanza que cita, acompañándose dunhas felices ilustracións nas que continúa a adiviñanza. Un bo libro, unha poeta ganada á causa da literatura infantil, traéndonos un mundo de herbas e arrecendos, de aromáticas e infusións, de plantas medicinais e especias.
Un aperitivo, a modo de conclusión:
"Acompáñannos seguido
cego estás se non o ves:
ter un berce vexetal
ata a páxina que les."
Con texto de Yolanda Castaño e ilustracións de Xosé Tomás, publicado por Biblos, nun formato xeneroso.

DE PETISCOS E LIBRISCOS


Da páxina de Urco editora, recollemos a noticia:
"Urco Editora e Edizer, en colaboración con diversos locais de Compostela (Café Bar O 13, Pub O Curruncho, As Dúas Café Bar, Ultramarinos, Medusa, Casa das Crechas e Bicoca) e a imprenta Sacauntos, poñen en circulación os Libriscos, a nosa nova iniciativa cultural para as vosas noites compostelás.
A nosa intención é achegar ao público a lectura, como se dun petisco se tratase. De feito, estes oito libros serán postos aos clientes que consuman nestes bares, como se adoita facer cos petiscos. A iniciativa procura darlle un pulo á lectura e que o público considere os libros como parte da súa vida cotiá, mesmo cando saen a tomar algo polo casco histórica de Compostela".



13/2/13

Dos libros aos filmes

OQO filmes presenta nove relatos do seu catálogo editorial en linguaxe audiovisual. O salto do papel á pantalla aparece en animación audiovisual con música e presentacións plásticas diferentes para cada un dos contos.
En Os contos do camiño I recóllense:

12/2/13

UN LIBRO PARA APRENDER A CONTAR


Un subtítulo interesante, sobre todo cando o título é Un gorila.
Esta obra de Anthony Browe, está traducida ao galego por Silvia Pérez Tato e publicada por Kalandraka.
Con esas magníficas ilustracións imos identificando un gorila, dous orangutáns, tres chimpancés e todo o que segue (no mundo dos primates) ata dez.
Da presentación editorial, podemos recoller o seguinte:
"Debuxos realistas e detallistas, nos que destaca o uso da cor e a expresividade dos simios, que transmiten afabilidade, dozura, picardía, timidez... Nos seus rostros adivíñanse xestos e actitudes propios das persoas."
A relación de proximidade entre estas especies e os humanos pode verse claramente a través das expresións e, dun xeito evidente, no momento no que Anthony Browny presenta o seu autorretrato ao lado dunha "foto" antropolóxica que reflicte a diversidade de razas e culturas a modo de espello no que se pode ver calquera.

11/2/13

DISCURSOS DE REIS MAGOS


Unha guía de discursos, preparada para que ninguén rei que dirixirse noutro idioma aos nosos nenos e nenas. Porque se pode ser rei e mago ¡en galego! Agora xa non hai desculpa.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística tivo o acerto de contar cunha ilustradora de excepción, Marina Seoane, autora do cartel "Biblioteca escolar, un mundo de oportunidades", e con vintecinco escritoras  (Yolanda Castaño, Lupe Gómez, Halena Villar, Ana Mª Fernández, Antía Otero, Concha Blanco, Rosa Aneiros...) que redactan esas alocucións.
Pódesmo dicir todo ¡en galego! semella o lema. Noraboa pola idea e ogallá aparezan moitas outras deste tipo!
A rapazada xa lle escribía aos reis neste idioma, fíxoo tamén pola man da escritora Fina Casalderrey naquela magnífica Derradeira carta ós Reis Magos

8/2/13

POESÍA NA VOZ DE POETAS E POETISAS



Poesíagalega.org (arquivo de poéticas contemporáneas na cultura), recuperou as voces dunha serie de recitais realizados en locais do casco vello de Santiago. Estes documentos de propiedade de Rafa Villar foron gravados entre os anos 1997 e 2000, nas vinte e sete presentacións dos libros de Edicións do Dragón de Paco Souto e as de Letras de Cal da Asociación cultural Amaía e moi ligada ao Batallón literario da costa da morte. Así, pódense escoitar as voces de Marilar Aleixandre, Anxo Angueira, Helena de Carlos, Eduardo Estévez, Paco Souto, Modesto Fraga, Claudio Pato, Séchu Sende,... 
Neste momento podemos acceder a eles no repositorio que atoparemos no enlace seguinte.
Esta páxina, poesiagalega.org, é un proxecto do grupo GAAP (Grupo Alea de Análise Poética), coa colaboración do Consello da Cultura Galega.

7/2/13

POESÍA RAPEADA


A poesía ten música, desde sempre. Cada un vaille poñendo a súa. Cada unha das persoas creadoras e tamén cada unha das lectoras. Quen escribe / di e quen le / escoita. Algunha vez a lectora ponlle a súa música para compartir con outras, de tal maneira que a poesía pasa a ser música total. Algo diso sucede con AID e o seu traballo Rapoemas, un libro - disco no que musica grandes poesías do século XIX e XX, como "A xusticia pola man", "Castellanos de Castilla", "O maio", "Cantarte hei, Galicia"... dos poetas Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro e Manuel Antonio.
A POESÍA ESTÁ VIVA! ... Escoitade.

Video gravado na praza do concello de Carballo e publicado por Nel Vidal en You Tube

6/2/13

NOVOS LIBROS


Niños, con texto de Pepe Márquez, ilustracións de Natalia Colombo (coñecida entre nós por Cerca, que resultara gsanadora do Premio Compostela de Álbum Ilustrado) e traducido por Manuela Rodríguez.
Un inventario de niños, un achegamento aos paxaros, un mundo que pertence por mérito propio ao ámbito infantil. Quen non se emocionou ante a visión dun niño, sendo neno? Quen non admirou paxaros? Quen non quixo aprender a distinguir os seus cantos, imaxe ou niño? Pois aquí os están! Nun álbum para prelectores e primeiros lectores.    

5/2/13

NOVIDADES



Neste caso, da editorial Kalandraka, que nos achega un par de libros que xa coñeciamos noutras edicións. Libros necesarios, libros imprescindibles: clásicos que sempre son ben acollidos.
O soño de Matías de Leo Leonni, en tradución de Xosé Manuel González Barreiro. Unha historia próxima a Frederick, aquel poeta que alegraba o mundo. Agora, Matías quere ser artista e viaxar por todo o mundo. A arte como vida e as experiencias que cha cambian, como esa visita a un museo. este libro conta co Premio Children´s Choice IRA - CBC
Outra das novidades é Imos cazar un oso de Michael Rosen e Helen Oxenbury, traducido por Sandra e Óscar Senra e Gómez. Unha historia que nos leva a unha infancia dourada, na que o pai cos catro fillos vai de aventuras, a cazar un oso, por un camiño no que cantan e repiten, no que observan e... corren riscos ¡que aventura habería sen eles!
Dúas traducións agardadas.  

4/2/13

Banda deseñada galega no iPad e iPhone


Información editorial:
"A editorial Galaxia ven de crerar Galaxia Cómic, unha aplicación para iPad e iPhone que nos permitirá ler nas tablets e móbiles novelas gráficas e toda clase de produtos relacionados coa banda deseñada. A aplicacíón, dispoñible en galego, castelán, inglés e coreano é totalmente de balde.

A primeira novela gráfica que se pode consultar é Nómades, de Xosé Tomás, por un prezo de 2′69 euros.

Esta é unha das novas iniciativas posta en marca dende Galaxia, xunto a Galaxia Tales, unha web de contos interactivos en Rede, listos para ser visualizados e mercados dende calquera soporte que teña conexión a Internet."

1/2/13

UN CONCURSO ORIXINAL


A Asociación Sociocultural Muíño do Vento de Canido (Ferrol) ven de convocar o I Premio “Muíño do Vento” de Textos de Contraportada para obras de Literatura Infantil e Xuvenil editadas en galego.
Podeán presentarse ao premio todos os libros de literatura infantil e xuvenil publicados no ano 2012, calquera que sexa o seu xénero literario. Os interesados en participar deberán remitir, antes do día 15 de febreiro de 2013, unha fotocopia da portada e da contraportada da obra.
Seguro que este é un aliciente para poñernos a revisar os textos das contrapostados dos libros que nos gustaron.
Ánimo!