30/4/15

Libros que son novidade: traducións


Voando só de Roald Dahl, publicado por Sushi Books, retoma a autobiografía que este autor comezara en Relatos de infancia. Trata da fascinante vida deste clásico da literatura infantil, ao longo do tempo no que traballa coa petroleira Shell en África oriental e durante a II Guerra mentres voa coas forzas aéreas do exército británico, RAF.
Agradecemos ao selo Sushi a versión en galego desta xoia da literatura memorística.
Outro libro desta editora que se achega á nosa lingua, da man de Moisés Barcia é Os papacalcetíns de Pavek Srut con ilustracións de Galina Miklínová. Un libro do que podemos ler unha mostra neste enlace.
Todos os temas caben na literatura infantil, incluso este no que se nos conta que pasa cos calcetíns, cómo se desparellan e qué cousas lle pasan.


29/4/15

Dous libros para lectores a partir de 9 e 11 anos


Rubicundo de María Canosa, vai dirixido aos máis pequenos. Trata da relación entre un vello e unha nena moi curiosa, tanto que non para ata adiviñar o que fai Rubicundo cada noite cando sae da casa, montado nunha bicicleta enriba da árbore do seu xardín. Non deixará de sorprendernos o oficio deste home e o final, un final de afectos e esperanza. Esta obra, ilustrada por Nuria Díaz, resultou finalista do premio Merlín, na súa última convocatoria.
O corazón da maxia de Xavier Estévez e ilustrado por Santi Gutiérrez, remítenos a ese mundo paralelo (que tentamos descoñecer) dos nenos e nenas enfermas e hospitalizadas.
A protagonista ten unha enfermidade grave, que toma con moita filosofía. Ela reparte alegría pola planta do hospital tan pronto se atopa con algo de forza. O tempo compartido con outra pequena na habitación e a necesidade de contarlle un conto para defendela do medo, dan lugar a unha historia que camiña ao par da real, e na que dúas rapazas parten na busca dos dragóns para salvar as aldeas. Porque os dragóns fan que o mundo continúe sendo como sempre foi, achegan a seguridade de que nada malo vai pasar e hai que rescatalos, estean onde estean... e nesas andan as nosas rapazas.  

28/4/15

Pequeno tigre e oso pequeno. Unha serie para os máis pequenos


Eses dous amigos, que xa tamén o son nosos, móvense polo universo de Janosh.
"Un día tigre pequeno regresou do bosque coxeando, xa non podía camiñar máis nin manterse en pé e caeu.
E quedou alí tombado no chan, no medio do prado.
Deseguida chegou correndo oso pequeno e preguntoulle:
–Que che pasa, tigre pequeno? Estás enfermo?
- Eu curareite, dixo oso pequeno"
As personaxes máis entrañables da literatura infantil continúan xuntas. Se sempre se prestaron coidados, agora fano máis, pois os amigos están para iso: para axudarse cando se necesita. Tenrura e humor, diálogos dunha sinxeleza universal e a dozura salpresando o relato. 
É a amizade!!!!!!
Que bonito é Panamá!
Imos buscar un tesouro.
Correo para tigre



27/4/15

Polo día do libro: recomendacións...

 

Recollemos varias recomendacións lectoras, a través da páxina de Criaturas.
É un pracer descubrir os libros nos que pensan nesta celebración.

24/4/15

Revista de libros: Criaturas (Nº 1)


Xa se dera a benvida á revista Criaturas, unha publicación necesaria para coñecer máis e mellor a nosa literatura infantil e xuvenil.
Agora, aparece o número un, dedicado ao humor.
Ademais da súa sección de crítica, artigos de fondo como "O humor na lix galega" de Mª Jesús Fernández, "O que se agacha detrás do teatro de Paula Carballeira" de Vázquez Freire, "Humor no teatro infantil e xuvenil contemporáneo", "Humor na literatura portuguesa", unha guía de lecturas de humor baixo o nome "Constelación: humor" ou a entrevista de Francisco Castro a Paula Carballeira. 
Unha boa ocasión para lembrar o papel do humor na literatura infantil e volver aos grandes do xénero. 
Pega a pena entrar na páxina e ler. Ler sempre, sobre lecturas e libros.
E despois, falaremos.

22/4/15

Taboleiro do libro galego marzo 2015


Este taboleito que recollemos do Caderno da crítica, foi elaborado coa colaboración das librarías seguintes: Trama de Lugo, Lila de Lilith de Compostela, Libros para Soñar de Vigo, Suévia da Coruña, Andel de Vigo, Miranda de Bueu, Paz de Pontevedra, Pedreira de Compostela, Biblos de Betanzos, Casa do Libro de Vigo e Airas de Allariz.
XUVENIL
1º-. Jaureguizar (ilustracións de Matalobos), O veleno da risa, Xerais.
2º-. Fernando Cimadevila, O mundo secreto de Basilius Hoffman. A batalla por Avalon, Urco.
3º-.  Xesús Fraga, Reo, Galaxia.
4º-. Marcos Calveiro, As palabras poden matar, Xerais.
5º-. Francisco Castro, Tes ata as 10, Galaxia.
INFANTIL
1º-. María Solar (ilustracións de María Lires), O meu pesadelo favorito, Galaxia.
2º-. Ledicia Costas (ilustracións de Víctor Ribas), Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. Russell Ayto e Andy Cutbill (tradutoras:  Laura Sáez e Mónica Pazos),  A vaca que puxo un ovo, Patasdepeixe.
4º-. Francesc Grimalt,  Sanatoria. Historia dos nenos raros, Baía Edicións.
LIBROS CD-DVD
1º-. Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Non hai berce coma o colo, Kalandraka.
2º-. Paco Nogueiras e David Pintor,  Brinca vai!,  Kalandraka.
3º-. Uxía, Xiqui Xoque, fiú fiú!,  Galaxia.
4º-. Magín Blanco, Gatuxo, Fol Música.
BANDA DESEÑADA
1º-. Luís Davila, O bichero IV, Edición do autor.
2º-. Jacobo Fernández Serrano, Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, Xerais.
3º-. Miguel Anxo Prado, Mar interior, El Patito Editorial.

21/4/15

Novidades e máis novidades

O meu pesadelo favorito de María Solar foi galardoado co Premio Lazarillo de creación literaria. Agora é publicado en Galaxia, na colección Árbore, con ilustracións de María Lires.
O protagonista, un neno con febre, vai sufrir soños fantasiosos como efectos secundarios polos antitérmicos que lle subministra. Unha homenaxe a Ana María Matute e Alicia a través do espello. Unha repartidora de bicos, un bar onde todo o mundo di mentiras, un alien que se move polos sumidoiros, un dinorrinco... pasean polos espazos imaxinarios do soño.
Un novo Lazarillo para a literatura galega, ese galardón que ven sendo algo así como o Cervantes da literatura para nenos e nenas que unha e outra vez recae na nosa literatura. Fixérao hai uns anos con O pintor do sombreito de malvas de Marcos Calveiro (2009), e antes Tamón Trigo con Leviatán (2012), An Alfaya con A sombra descalza, Ana Mª Fernández con Amar e outros verbos (2001), Gloria Sánchez con Chinto e Tom (2000), Marilar Aleixandre con A banda sen futuro (1999) e Agustín Fernández Paz con Contos por palabras, sen contar os accesits de Fran Alonso, Concha Blanco, Antón Cortizas...
Agradecemos esta ocasión para darlle as grazas, de novo, a María Solar polo texto "O libro que tes ao lado" con motivo do Día do Libro.

20/4/15

Animais, animais... e paseando pola obra dun gran arquitecto

"Cor animal é un libro que achega de forma amena unha trintena de animais de difeentes lugares do mundo, presentándoos cun sinxelo texto descritivo e cunhas chamativas ilustracións elaboradas coa técnica do collage dixital, que destacan polo seu extraordinario colorido, as sorprendentes texturas e a orixinal fisonomía dos seus protagonistas.
Pensada para primeiros lectores, a partir dos catro anos, está escrita por Agustín Agra (que fai a asúa primeira incursión nesta editorial) e ilustrada por Maya Hanisch a base de recortes de revista e xornal, estampados de correo postal, tipografías, papel pintado con pinceladas de tinta, trazos soltos ou retais
de materiais téxtiles." 
Da presentaicón editorial.
Lembremos que nesta editora podemos atopar a colección de "Animais extraordinarios", en gran formato. Sempre son ben recibidos estes produtos nas nosas bibliotecas.

17/4/15

Quen pode vencer a quen?


Fai falla a chuvia e o vento que a traia. Hai que convencelo, pero primeiro hai que ir a buscalo.
Un animal tras outro o tenta, e quen o consegue? "A tartaruga, o animal máis lento da chaira, ofreceuse e finalmente conseguiu, con paciencia e teimosía, traer ao vento que, á súa vez, trouxo a choiva. Así, ese ano tiveron unha boa colleita." de Quen pode vencer o vento?, un álbum de Charo Pita, ilustrado por Marion Arbona.
Un anaquiño de horizonte de Arturo Abad e Miguel Cerro. se foras pirata e te aburriras igual querías atrapar o horizonte, chegar ata el e ver o que se agacha detrás, chegar ata el e pisar a raia,... ou xogar a "unha, dúas, tres, zapatiño quieto é". Coa poesía por bandeira, igual que en Taller de corazóns e Zimbo, Arturo Abad sigue a levarnos por mundos creativos nos que se deixa acompañar por grandes artistas.

16/4/15

¿Quen mata: as palabras ou o silencio?

 
Ben a conto a pregunta despois de ler a última novela de Marcos Calveiro As palabras poden matar.
Un barrio de favelas onde goberna o Chibo e os seus sicarios. O Chibo, igual que o progatogisna daquela novela de Vargas Llosa é intocable e ditador, sen límites no seu castigo e sen perdón nas súas decisións. O perigo axexa nese mundo pechado do que non se pode saír. Xa dende rapaces xógase a lareta ou sicario, logo tómase a decisión que non pode ser outra que a que decida O Chibo, porque non se trata de conseguir algo senón de lograr que non acaben con un.
En terra hostil, sería o programa. 
Unha antiutopía.
Un personaxe que non damos crido de tan enrevesado e cruel... porque, non vai quedar unha fenda de esperanza? van deixar a rapazada condenada a unha noite sen día? 
Igual non vale a risa nin os paiasos aínda que sexan do mundo, igual non é suficiente coa visita dun anxo e hai que agardar máis, pero as portas deben estar abertas. Hai demasiada desesperanza para non agardar por alguén.
Porque as palabras poden de auga ou de xeo, poden liberar ou matar.

15/4/15

Ler para pensar

Galeano, púxonos a pensar cos seus libros, coas súas frases. Nunca o micro ensaio dera para tanto...
Por iso, unha das homenaxes debe ser esa: frases para pensar. Recollemos algunha delas.
"No século XX a metade do mundo sacrificou a xustiza no nome da liberdade e a outra a liberdade no nome da xustiza e no séulo XXI sacrificamos as dúas no nome da Globalización" 
"O medo gobérnanos. Esa é unha das ferramentas das que se valen os poderosos, a outra é a ignorancia"
"As paredes son a imprenta dos pobres"
"A liberdade dos cartos esixe traballadores presos no cárcere do medo"
"Conviría que os tecnócratas, os que deciden desde a velocidad do voo das moscas á intensidade dos amantes, escoitasen as reflexiones dos nenos"

"Recordar: Do latín re-cordis, volver a pasar polo corazón..."
"O mundo divídese, sobre todo, entre indignos e indignados, e xa saberá cada quen de qué lado quere ou pode estar..."
"A diferencia da solidaridade, que é horizontal e se exerce de igual a igual, a caridade practícase de arriba-abaixo, humilla a quen a recibe e nunca altera nin unha migalla as relaciones de poder"
"Agora América é, para o mundo, nada máis que os Estados Unidos: nós habitamos, todo máis, unha sub América, unha América de segunda clase, de nebulosa identificación. É América Latina, a rexión das venas abertas.
"Vñeron. Eles tiñan a Biblia e nós tiñamos a terra. Dixéronnos: "Pechen os ollos e recen". E cando abrimos os ojos, eles tiñan a terra e nós tiñamos a Biblia"
"Se a natureza fora banco, xa a terían salvado"
Outra homenaxe será volver a cada un dos seus libros. Algúns deles postos a disposición de tod@s por Tele Sur

14/4/15

Dous grandes autores que se van











Vanse e non se van, pero non poderán seguir escribindo, nin facendo declaracións, nin atopándose cos lectores e lectoras en calquera lugar do mundo.
Igual que Cervantes e Shakespeare, un día, xuntos fóronse Günter Grass e Eduardo Galeano, dous bos escritores e críticos coa inxustiza. Dúas mentes necesarias. Dúas consciencias imprescindibles.  
Günter Grass foi Premio Nobel de Literatura e Premio Príncipe de Asturias das Letras. Autor de novelas como El tambor de hojalata, El gato y el ratón, Años de perro, El rodaballlo...  tamén escribiu poesía, teatro, memorias e ensaios. Pertenceu ao grupo 47 e foi tamén ilustrador ata o punto de recibir o premio Hans Christian Andersen de ilustración en 2005
Eduardo Galeano, que nos lembraba a Castelao polo escribir sinxelo para conter o núcleo da filosofía, en vez de recibir premios (non hai cómo ser crítico e latinoamericano para non acceder a eles) realizaba afirmacións como estas: "Porque os científicos din que estamos feitos de átomos, pero eu creo que estamos feitos de historias", "Medio mundo está en guerra permanente contra os pobres, en lugar de estar en guerra contra a pobreza", "¿por que os pobres son pobres?, ¿tal vez porque a súa fame e a súa nudez, son as que nos dan de comer?"... Sempre atento ás contradicións, a descubrir o que oculta o día a día e facérnolo chegar a nós.
Como dixera García Bodaño na despedida a Novoneyra, agora a referencia está nas nosas mans, e haberá que ver o que facemos con elas.

13/4/15

Libros infantís, gratuítos e para ler en pantalla

A editorial Weeble preséntase como un pequeno grupo de nais e pais que deron paso a unha rede de persoas comprometidas coa educación e dispostas a investir o seu tempo na creación de libros infantís para ler en pantalla. Escriben, ilustran e traducen.
Hai uns días uniuse a esta rede o nosos compañeiro Xoaquín Freixeiro, que comezou a traducir ao galego parte destes libros, así, podemos acceder a Viaxe ás estrelas, A miña primeira viaxe ao sistema solar,... e varios máis que verán a luz nas próximas semanas.
Alguén máis se anima a traducir?
A iso se lle chama voluntariado lingüístico!
Porque hai xente que pon estes recursos a disposición de tod@s, gratuitamente. Para que contemos con maís recursos informativos en formato dixital, e na nosa lingua.
Grazas!!


8/4/15

Finalistas dos premios da AELG




Será na Gala das Letras, que se celebrará o día 9 de maio no Circulo das Artes de Lugo cando coñezamos os ganadores. Ata daquela, iremos vendo os finalistas das oito modalidades: poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística.
Blog literario
Versos e aloumiños, de Antonio García Teijeiro e Antón García Fernández 
Ensaio
Literatura Infanto-Xuvenil
Xornalismo Cultural
Narrativa
Poesía
Teatro
Tradución
- A Divina Comedia, de Dante Alighieri, en tradución de Darío Xohán Cabana (Edicións da Curuxa)
Jude o escuro, de Thomas Hardy, en tradución de María Fe González (Editorial Hugin e Munin)
Tempo de exilio, de Joseba Sarrionandia, en tradución de Isaac Xubín (Faktoría K de Libros)
Un matrimonio provinciano, da Marquesa Colombi, en tradución de Isabel Soto (Editorial Hugin e Munin) 
Que a sorte acompañe ás mellores obras e aos mellores autores e autoras. Estámola necesitando!


7/4/15

Os premios da AELG


Xa son públicos varios dos premios da AELG:
O premio a Institucións Culturais será para o Colexio Profesional de Xornalista de Galicia e a Asociación de medios en Galego.
O premio ‘Mestres e Mestras da Memoria’, na súa segunda edición, recoñecerá a traxectoria de Josefa Arias e Emilio do Pando “por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional”, segundo refire a asociación en nota de prensa.
O gañador do premio ‘Escritor Galego Universal’ recaerá no brasileiro Luiz Ruffato.
O premio "Bos e Xenerosos" será para os xornalistas Margarita Ledo Andión, Manuel Lombao, Tareixa Navaza e Xosé María García Palmeiro.
Proximamente presentaremos os finalistas das outras modalidades.

6/4/15

Libros que tratan de mamás e... demais

A mamá que perdeu as cóxegas da autora Clara do Roxo, que xa publicara na colección Árbore de Galaxia: A princesiña que conducía unha locomotora.
Con ilustracións de Ana Francisco de Jorge Vázquez, preséntasenos unha historia chea de preguntas:
Por que non ri a mamá nin siquera cando lle fan cóxegas?
Que pode estar a pasar?
Como se perden as cóxegas?
Para averigualo... non queda máis remedio que lelo, pero mentres tanto ir anticipando a historia, seguro que nalo acertamos.


1/4/15

Feiras do libro


Comeza a teporada das Feiras do libro.
Comezan, este ano, en Pontevedra.
Unha boa ocasión para pasear, pararse nas casetas, asistir a algún evento... e ler, sempre ler.