2/4/19

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

O 2 de abril conmemoramos o Día Internacional do Libro Infantil,  data  de nacemento  de Hans Christian Andersen.
Achegamos  nesta data algúns títulos que deben formar parte da colección das nosas bibliotecas escolares.



O segredo do avó de Pedro Mañas, con ilustracións de Zuzanna Celej (Kalandraka, 2019), é un fermoso canto á chegada da primavera e do espertar da natureza. Este álbum é unha fonte de inspiración estética para o noso alumnado xa que as imaxes dialogan co texto, non o completan. Ao tempo ofrece recursos para a creación artística pola mestura de técnicas.


Agora non, Bernardo de David McKee (Kalandraka, 2019), un clasico que podemos ler en galego grazas á tradución de Xosé Manuel González. A temática do álbum é moi acaída co lema da edición do Día Internacional do Libro de deste ano"Os libros fannos acougar" pois necesitamos parar para escoitar.






1/4/19

Día das Artes Galegas: Luís Seoane

Para conmemorar o Día das Artes Galegas, adicado este ano a Luís Seoane, seleccionamos estes dous libros que nos achegan ao Seoane pintor e debuxante.


Botella ao mar pertence á colección Unha historia para un cadro do Museo de Belas Artes da Coruña. Neste caso é unha historia de Marilar Aleixandre inspirada no cadro As mariscadoras e ilustrado por Xosé Cobas.







Publicada en Mediavaca, esta edición conserva o formato dos debuxos orixinais e agrupa os tres libros que Seoane publicou en Arxentina (Retratos furtivos, Buenos Aires 1968, e Outros retratos furtivos, Buenos Aires 1969) e Galicia (Retratos desguello, A Coruña 1968). Son un total de 250 debuxos a liña realizados en lugares públicos de distintas cidades: Roma, Nova York, Madrid, Valencia, A Coruña etc., aos que o autor engadiu unhas liñas de texto en castelán ou galego. Nas páxinas finais do libro inclúese a transcrición e tradución de todos os textos manuscritos.