30/12/11

ANO DE CELSO EMILIO FERREIRO



Pois si, o próximo ano 2012 será tamén ano de Celso Emilio Ferreiro, así o declarou o Parlamento de Galicia. Neste 2012, cumpriranse cincuenta anos de Longa noite de pedra e o autor cumpriría cen este vindeiro 4 de xaneiro.


Xa fixeramos unha entrada coa selección poética de Kalandraka, pero este será un bo momento para lembrala, e xunto a ela, as antoloxías realizadas nas Ediciones de la Torre, editora á que tanto temos que agradecer cando falamos de poesía e infancia/xuventude. Este selección fora realizada por Antonio García Teijeiro.


Tamén podemos atopar, poemas seus musicados en Son de poetas. É o caso de "Monólogo do vello traballador", "Deitado frente ao mar", "Irmaus", "Lendo certo período menstrual", "Longa noite de pedra" e os de amor: "Eu en ti" e "Xaneiro 1972 II".


Volver a Celso Emilio Ferreiro será un pracer.

5/12/11

Algo máis sobre o libro – disco

Algo máis sobre o libro – disco...
Si, ir lendo ao tempo que imos escoitando as cancións relacionadas coa historia... no momento no que corresponde.
Un relato protagonizado por un deses nenos que non teñen amigos e está desexoso de atopalos, disposto a que incluso se burlen del por non correr o risco de non intentalo: Lois, un neno de doce anos, pequeno e miúdo, de pelo crecho con roupa pasada de moda, ... un rariño!
Ese rapaz ao quen lle van a pasar cousas, ten moito que dicirnos de como se converte un en marxinado sen tan sequera darse conta, e sobre todo, de como hai cousas moito máis importantes que gustarlle aos demais... Vexamos:
“Lois pensou como se vería o mundo sendo tan pequeniño..., o medo que podería sentir entre os humanos... E entón visualizou de novo ese Lois triunfador, levando o ghazafello á vila coma un trofeo, rindo mentres Furelos e os mangallóns facían burlas á conta da coitada criatura... e decatouse de que el non era ese Lois... É máis, ese Lois non lle caía nada ben. El non era quen de facer sufrir un animal para ter amigos. Non, el non era así. El era... como era. E, de súpeto, decatouse de que era preferible non lles gustar aos demais... a non gustarse a si mesmo.”

2/12/11

AVENTURA EN LIBRO - DISCO

A caza do ghazafello. Unha aventura en libro-disco, con textos de Denís M, Ilustracións de Sara López, música de Marcos Paiño interpretada pola Orquestra das Ánimas coas voces de Antón Reixa, Xurxo Souto, Ugía Pedreira, Pulpiño Viascón, García MC, Ico, Manolo Maseda, Coralie Yap e Chine.
Xerais, de novo, saca á luz un libro con algo máis. Se hai un días fora un espello flexible o que acompañaba o poemario de Antón Cortizas, agora presenta un libro que se complementa cun disco; unha estupenda obra, desas que dá gusto ter entre as mans, porque desde o papel ao tipo de letra, as marxes con todo o aire necesario, as cancións introducidas na historia como se se tratara dun musical, unhas ilustración moi ao caso onde descubrimos ¡por fin! Como é que son os ghazafellos. As cubertas onde o debuxo do ghazafello se introduce nunha fotogafía de natureza, de forma que a realidade e a ficción se entrecruzan igualq ue sucede na historia. Unha historia que posiblemente teña continuación e que habería que pensar en pasar á representación coa música en directo xunto coas actuacións de todos e cada un dos personaxes. Xurxo Souto como mestre de cerimonias introdúcenos no relato
“Xa non hai voltga atrás. Acabas de saír da estradaprincipal da túa vida e coller un ramal que conduce directamente á aventura!
Estaba tan preto de ti, aínda que non o soubeses, e agora por fin foi quen de atraparte.”

1/12/11

Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados

A viaxe de Olaf de Martín León Barreto, acadou o IV Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados 2011.
Kalandraka, promotora deste premio xunto co concello de Santiago, acaba de publicar a obra. Unhas ilustracións en tonos fríos e escuros abren a historia de Olaf, aquel que vivía nunha casa moi grande nun planeta moi pequeno, que sae a camiñar un día. No camiño atopa un peixe que ten a cola do revés, e aí instalámonos nas cores claras e luminosas, mentres o peixe vai canda Olaf e este segue atopando novos acompañantes: un cabalo alado e multicolor, un tigre arco da vella, un elefante elegante, o paxaro que sabía falar... e o lucecú, que aparece cando cae a noite, e os guía a todos eles nesa retahila acumulativa de volta á casa. Un texto sinxelo e unhas ilustracións que van pasando duns fondos a outros, dunhas cores a outras, nunha verdadeira viaxe multicolor onde cada páxina é un cadro estación unido ao anterior e seguinte pola figura de Olaf.


Así nolo conta o autor, na súa páxina, a chegada de Olaf...


"La caja
Hace unos días llegó el cartero.
Traía una caja.
Dentro de la caja había un planeta.
En el planeta vivía Olaj.
Olaj decidió salir a caminar...
y caminó..."