27/3/12

OUTRA CONTATRÁS


"Paula Carballeira vén de reeditar un dos seus poemarios máis populares con textos engadidos e novas ilustracións a cargo de X. Carlos Hidalgo. Trátase de “Contatrás II-I” (Edicións Positivas), que a autora presentou recentemente dentro dun espectáculo da súa propia compañía, Berrobambán.
Trátase dun conxunto de poemas afastados da convencional poética infantil cunha gran carga narrativa.
Temáticamente, comeza coa viaxe sen límites, desde a decisión de voar para ser xigantes: en tren (que está só, sempre sen ninguén na vía para conversar), ou en barco (un berce no que as persoas soñan arroladas polo ruído do mar)." Extraído de Toupa.net.
Alégranos esta segunda incursión de Positivas na poesía infantil da sempre creativa Paula, coa presentación e ilustracións tan ben tratadas.  


26/3/12

AS PÁXINAS DAS EDITORAS como recurso para a selección


Tertulia literaria en Ourense
As páxinas web das editoras son recursos moi interesantes para a selección de materiais. Nelas podemos observar as novidades e revisar os catálogos completos para lembrar aquelas obras que puderon pasarnos desapercibidas pero que aínda teñen moito que achegar. Un exercicio recomendable que sempre defenderemos igual que perder/ganar o tempo nas librarías pasando libros polas mans. Recomendamos vivamente o paseo por estas páxinas ao igual que a lectura da literatura especializada que aparece en xornais e revistas.
Desa maneira tamén temos en conta o esforzo que as editoras realizan para informarnos a través da rede.
Visitemos, polo tanto, as páxinas de Edicións Xerais de Galicia (para revisar os premios Merlín e xuvenil -CaixaGalicia ou o nome co que se vaia recoñecendo-, as diferentes coleccións de literatura e información...), a de Editorial Galaxia (coas incursións nos novos medios, os clásicos e traducións), Sotelo Blanco (coas coedicións, a promoción de novos valores na novela xuvenil, o apoio ao teatro e poesía en determinados momentos...), Baía Edicións (co Premio Meiga Moira de literatura infantil e as diferentes colección literarias e informativas), Biblos clube de lectores (un proxecto que leva directamente ás casas libros, múscia ou cine), Edicións Embora (coas coleccións de literatura infantil e teatro), OQO e Kalandraka con Factoría K (cheos de bo álbum, antoloxías poéticas e prmeio Compostela de álbum ilustrado, narrativa, traducións, músicas e cine de animación),  Ouvirmos (coas fotobiografías sonoras, as músicas ou os libros de cociña),  Edicións Fervenza (co seu apoio ao teatro), Edicións Positivas (que anda a estrearse en poesía infantil despois de ter demostrado a súa aposta pola vangarda), Toxosoutos (co premio Avilés de Taramancos de novela de aventuras), BD Banda (como o seu nome indica), Urso Editora (coas colección especializadas en gótica, fantasía, ciencia  ficción, ...) e algunha máis que nos desculpará non ser citada.


23/3/12

Premio O BARCO DE VAPOR


Mundo Arb é o título do último premio O barco de vapor da editorial S.M. Era esta a vixésimo sexta edición do prestixioso premio que "busca potenciar a creación dunha literatura infantil de calidade en lingua galega", en palabras do representante da editorial promotora del concurso e editora do mesmo. Precisamente, SM anunciou con este motivo que O Barco de Vapor pasará, a partir de agora, a ser de carácter bianual fronte ás convocatorias que se estaban a realizar anualmente; polo tanto, a próxima convocatoria finalizará o 15 de abril de 2013.
O autor de Mundo Arb,  Manuel Lourenzo, conta cunha boa traxectoria de publicacións e premios no ámbito da literatura infantil e xuvenil.
A novela crea un espazo fantástico, dunha complicada xeografía, que se desenvolve arredor das árbores e no que viven diferentes especies dependendo da altura na que se sitúe o seu mundo. A aventura de dúas rapaces e un rapaz na busca dun lugar ao que nunca se chegara, fai que se descubran os riscos que corre a existencia de todos eles. A ecoloxía forma parte dos valores que transmite.
 

21/3/12

DA NECESIDADE DE REESCRIBIR (2)


Unha historia que tamén dou moita tinta e versión diferentes é a de Robinson Crusoe, desde Daniel Defoe ata Michel Tournier (se nos centramos nos xuvenís) co seu "Venres ou a vida salvaxe" na que introducía unha mirada contemporánea sobre o clásico.
Agora é Marilar Aleixandre quen retoma a historia do náufrago e faino, tal como se di no título Robinson contado polas alimarias, da voz dos animais que o reciben na illa, pasandose a palabra desde o gato montés á tartarua, do oso ao lagato... nunha sucesión que achega a mirada de cada un deles. Nin Robinson nin Venres, os animais observan a chegada, o tempo de estancia e a marcha da illa e cóntannola alternándose coa sapa Cururú, a grancontadora das historias da orixe, as fundacionais que van da man das lendas guaranís. O final aberto, con diferentes posibilidades segundo quen nos traia as novas: os papagaios, os morcegos ou as bolboretas.
As ilustracións de Federico Delicado tamén van do debuxo naturalista ao simbolismo étnico e a unha recuperación da figura humana que lembra imaxes doutras épocas. Algunha delas quedaranos na retina, como aquela do oso formigueiro na que o xogo cos grises nos trae calidades inesperadas...

20/3/12

DA NECESIDADE DE REESCRIBIR (1)


Hoxe queremos presentarvos libros que reescriben vellas historias.
Por un lado Ulises, o protagonista da Odisea, que aparece da man de Lino Braxe e Ana Pontón nunha obra de teatro que acadou o premio Curuxa de Humor e que nace froito dun traballo común na radio galega.
Unha historia que nunca está de máis, para volver a ela, para revisitala unha e outra tal como nos levara xa Cunqueiro ou Avilés de Taramancos, entre outros moitos.
Agora, aparece esta versión libre, humorística e xuvenil na colección Punto de Encontro de Everest Galicia.

16/3/12

Dous libros galegos seleccionados na prestixiosa lista THE WHITE RAVENS



Zimbo de OQO Editora e A viaxe de Olaf de Kalandraka resultaron seleccionados na Lista de Honra dos Corvos Brancos, neste ano. O primeiro deles, Zimbo, xira ao redor do tema de autonomía: unha marioneta que consegue a liberdade coa axuda do titiriteiro; con texto de Antonio Abad que adianta o valor da liberdade na dedicatoria "Para miña irmá Penélope, que preferiu deixar de coser e emprender a busca de Ítaca". Nesta caso, as ilystracións son de Joannna Concejo que xa lle puxera imaxes a Fume (que fora seleccionada nesta lista no 2009) e Cando non atopas a túa casa.
A viaxe de Olaf de Martín León Barreto xa aacadara o IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. O seu tema é a busca da amizade e novos horizontes a través dunha viaxe iniciática.

15/3/12

CATÁLOGO DE BOLONIA

Este é un catálogo que recolle a produción das editoriais galegas no ámbito da literatura infantil e xuvenil durante o ano anterior, polo tanto no ano 2011. Este catálogo é presentado na Feira de Boloña (que se celebra do 19 ao 22 de marzo) cos libros reseñados en galego, castelán e inglés. Unha ferramenta de primeira magnitude que permite amosar o traballo excelente dos nosos ilustradores, autores e editoriais diante do mundo.
Este ano, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria decidiu poñelo na súa web para a súa libre descarga en PDF. A ligazón é esta.
(Da páxina de GALIX)

14/3/12

VALENTÍN PAZ ANDRADE


Unha biografía do autor e unha antoloxía da súa poesía para todos os públicos, para todo tipo de lectores e lectoras, así se presenta o libro que xerais publica na colección Merlín, dedicado ao autor das Letras.
Da man de Charo Portela (autora  de Epistolario de Valentín Paz Andrade en colaboración con Díaz Pardo e de Valentín Paz Andrade. Biografía e do pincel de Jaime Asensi nas ilustracións.
Unha aproximación ao autor homenaxeado este ano dirixida aos máis pequenos.

9/3/12

O ANIVERSARIO DE VIVALDI COMO MOTIVO


Coincidindo co aniversario do compositor, a editora Kalandraka estrea unha nova colección de música clásica.
O libro - disco As catro estacións  (unha das obras máis coñecidas deste compositor) conta co relato do autor José Antonio Abad ilustrado por Emilio Urberuaga (Premio Nacional de Ilustración 2011) e coa gravación desta peza realizada en 2007 pola violinista estadounidense Sarah Chang, coacompañamento da Orpheus Chamber Orchestra, considerada pola revista BBC Music como a actuación máis brillante.

7/3/12

Salóns do Libro, puntos de encontro

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra xa comezou.
Do 4 ao 31 de marzo estará aberta esta fiestra á temática da supertición, baixo o título de "12 + 1".
Se accedemos á súa páxina poderemos atopar o programa de actividades e unha ampla bibliografía sobre este tema.