26/11/16

Mes da ciencia en galego: Inventario ilustrado das aves

A editorial Kalandraka vén de publicar un novo libro dentro da serie de Inventarios ilustrados, o Inventario ilustrado das aves de Virginie Aladjidi e Emmanuelle Tchoukriel.
Nel descríbense as diferentes características das  80 aves que aparecen no álbum,como a plumaxe de cada especie, a peculiaridade da súa alimentación, ou curiosidades sobre os seus hábitos de apareamento ou o chío que fan ao cantar. Tamén se achegan datos como o tamaño e a envergadura media de cada ave para comparalas entre si. Estas descricións veñen acompañadas dunha fermosa ilustración.
Rematando xa o Mes da ciencia en galego, esta achega é necesaria nas bibliotecas escolares para acrecentar a colección de libros informativos na nosa lingua.
Ciencia en Galego nas Bibliotecas - Libros informativos

Novidades de Agustín Fernández Paz en Xerais

A editorial Xerais acaba de publicar unha edición especial de Cartas de Inverno (nº 35) ao acadarse os 100.000 exemplares vendidos da novela, cifra á que só chegou na historia da edición en Galicia Memorias dun neno labrego de Neira Vilas, falecido hai un ano.
Esta edición especial vai encadernada en "flexibook", con doce ilustracións orixinais de Antonio Seijas e o texto Doce + nove: vinte un anos despois actualizado por Agustín Fernández Paz.
Tamén en Xerais vense de editar outra novela de Agustín Fernández Paz, O soño do Merlo Branco con ilustracións de Lucía Cobo. A novela fora publicada anteriormente en Everest e con ilustracións de Manuel Uhía
Ambos os dous libros son imprescindibles nas bibliotecas escolares así como o resto da produción literaria de Agustín Fernández Paz. A nosa mellor homenaxe é promover a lectura dos seus textos nas mochilas viaxeiras, nas recomendacións lectoras, nos clubs de lectura...

8/11/16

Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta

Por que  ler  Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta de Ledicia Costas?
Premio Lazarillo de literatura xuvenil 2015
Esta engaiolante historia pode namorar a adolescentes e a moitos adultos fieis seguidores da literatura de Jules Verne e da narrativa de Ledicia Costas.
A novela mistura xéneros narrativos como a novela fantástica, de aventuras, histórica e realista; algúns dos seus personaxes son reais e famosos de seu coma Verne ou Sanjurjo Badía e a trama parte duns feitos coma a visita do francés a Vigo e a importancia que o empresario Sanjurjo Badía tivo nesta cidade. Aparecen as lendas que forman parte xa do noso imaxinario popular: a presenza do Nautilus en Vigo, os tesouros de Rande ou o túnel entre as Cíes.
Esta obra fálanos de amor, de aventuras, de felicidade, de nostalxia, os afectos… pairando sobre un mundo sobrenatural (o das mulleres planta) apoiado pola bioloxía e pola localización xeográfica real, a cidade de Vigo, que lle aportan verosimilitude á historia. Destacamos tamén a presenza na obra do primeiro amor, dos sentimentos entre pais e fillos e dos avós.
A partir da novela podemos achegarnos á obra de Verne e despertar a curiosidade sobre datos históricos e tecnolóxicos que nela aparecen.
(Unha colaboración da profesora Anxos Rial)

Novidades de poesía na Editorial Galaxia




A editorial Galaxia vén de publicar dous libros de poesía para a xente máis moza, imprescindibles na biblioteca escolar e nas seleccións de poesía.

En Versos da tarde laranxa da poeta Ana María Fernández e ilustrado por María Ruíz Castelain, dáse unha ollada lírica pola realidade e todas as súas manifestacións, dende as estacións, ás rúas, dende as propias cores aos sentimentos. Ana María Fernández é unha poeta moi lida nas nosas escolas e achega novos lectores á poesía. Este libro está indicado para lectores autónomos.

Nunca mascotas de Paula Carballeira quere achegarnos o mundo animal do que formamos parte. Destinado ao lectorado xuvenil, xa no primeiro poema anuncia que van ser os protagonistas: Chamádenos animais/ Nunca mascotas, que nos convidan á reflexión: faremos compañía se nos peta.

26/10/16

A casa do medo de Agustin Fernández Paz


En torno á data do 1º de novembro moitas bibliotecas escolares preparan seleccións de lecturas que teñen o medo como eixo temático.

Presentamos unha  novidade editorial, obra póstuma de Agustín Fernández Paz, A casa do medo, que debe estar nesa selección xunto con outras obras de Agustín, un mestre neste tipo de relatos, como Cartas de inverno, Aire negro, O centro do labirinto, As fronteiras do medo ou A neve interminable, entre outras.
Publicado en RodeiraA casa do medo está dirixida a lectores expertos e conta a historia dun home que  lembra uns feitos acontecidos durante a súa infancia cando se achega á casa do medo ...
Traemos tamén a nova sobre o catálogo que vén de editar Xerais con todas as obras de Agustín Fernández Paz publicadas nesa editorial, que se está a distribuír por escolas, bibliotecas, librarías ou no próximo cultur.gal


18/10/16

O PAPAGAIO, revista infantil e xuvenil


Acaba de saír o primeiro número da revista O PAPAGAIO, baixo a dirección de Abraham Carreiro e editada por Edicións Moito Conto.  A revista está destinada ao alumnado de primaria e secundaria e publicada integramente en galego.
A ciencia, a tecnoloxía, a ecoloxía, a historia, a arte, a cultura, a integración ou a banda deseñada teñen unha sección fixa na revista e os textos están asinados ou asesorados por persoas expertas na materia, aínda que botamos en falta os créditos do consello de redacción.

Os contidos da revista, ben interesantes, poden axudar co traballo informativo nos diferentes ámbitos e mesmo téñen cabida as achegas dos centros de ensino.
Material imprescindible nas bibliotecas escolares e necesario para a normalización do galego.

14/10/16

Un Ronsel de Ardora, biografía de Ángeles Alvariño


Achégase novembro e moitas bibliotecas escolares están a seleccionar recursos para celebrar o mes da ciencia. 
Traemos unha novidade editorial,  Un ronsel de ardora, que é unha  pequena biografía da científica Ángeles Alvariño.
Este volume inaugura a colección "Mulleres galegas", editado por LELA Edicións que trata de achegar aos primeiros lectores a vida e a obra de mulleres relevantes nos diferentes campos do saber.
Os autores, tanto do texto como da ilustración, Carlos Roberto Álvarez Taboada e Enrique Mauricio Iglesias forman o colectivo Polo correo do vento.

10/10/16

Un monstro vén a verme


Kalandraka vén de publicar en galego (tradución de Xesús Fraga) a novela Un monstro vén a verme de Patrick Ness, que desenvolve unha unha idea orixinal da escritora de literatura xuvenil Siobhan Dowd, xa falecida. En palabras do autor: "este ía ser o seu quinto libro. Tiña os personaxes, o argumento e un comezo. O que non tiña, mágoa, era tempo".

O personaxe principal, Conor, tiña o mesmo pesadelo todas as noites desde que a súa nai enfermara. pero unha noite atopou un monstro na súa ventá que lle vén solicitar o segredo máis oculto  e faino asumir a súa propia realidade.
Pola súa temática, a novela incorpórase ao listado de libros que tratan de superar  a enfermidade, a dor e a morte con valor e abrindo a porta á esperanza.
Aproveitemos a súa lectura en clubs, por exemplo, á par do visionado da versión cinematográfica, recén estreada estes días.



7/10/16

O album Cepillo de Pere Calders, traducido ao galego


Entre as novidades de Kalandraka destacamos a  publicación en galego do álbum  Raspall, de Pere Calders e ilustrado por Carme Solé. Este álbum, de 1981, recibiu o Premio Lazarillo de Ilustración e o Premio Serra d´Or dese mesmo ano. A tradución é de Xosé Ballesteros.

Cepillo narra como un neno queda sen o seu can porque lle comeu o sombreiro ao pai. A mascota vai ser substituída por un cepillo, que nun exercicio de maxia e imaxinación, cobra vida e convértese no amigo fiel do protagonista. O relato remata coa frase: "Non é seguro que o sexa, mais merecería selo".
As relacións entre pais e fillos, o poder da imaxinación ou a importancia das mascotas son temas que aparecen neste álbum ilustrado, recomendado para primeiros lectores, que ben pode estar nas bolsiñas que veñen e van.

6/10/16

BIBLIOTECA ESCOLAR, territorio das artes



A rede de bibliotecas escolares galegas, a proposta desta asesoría, vai seleccionar títulos de ficción e de información, así como outros recursos de interese (películas, música, espazos web,...) en relación co lema proposto este ano: BIBLIOTECA ESCOLAR, territorio das artes.
Iniciamos este percorrido con catro títulos de referencia na LIX galega de temática artística, que se poden incluír nas lecturas dos Clubs, nos itinerarios lectores ou ben como recomendacións da biblioteca.
O retrato de Bia de Médicis, pintado por Bronzino, inspira O armiño dorme de Xosé Neira Cruz, publicado en Galaxia e Premio Raíña Lupa 2002. Tamén nesta editorial e tamén co mesmo premio na edición de 2013 está Reo, de Xesús Fraga, que nos fala da arte urbana cun graffiteiro como protagonista.
O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, publicado en Xerais e que foi Premio Lazarillo entre outros galardóns, recrea os últimos días do pintor Van Gogh.
Por último, unha das múltiples homenaxes que fai Agustín Fernández Paz ao cine: Fantasmas de luz publicado en Xerais no ano 2011.

9/9/16

A LECTURA, CHAVE DO FUTURO. Guía para a lectura en familia.

Recomendamos a guía dixital  A lectura, unha chave de futuro, porque nos pode dar boas ideas para tratar a lectura coas familias e para deseñar orientacións para a lectura en familia desde a biblioteca escolar. 
É un proxecto de Letra en Obras, o portal educativo Botóns e da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Cultura.
O recurso está dividido en dez apartados nos que se describe a importancia do hábito lector para o futuro dos nenos e das nenas, os primeiros pasos na animación á lectura, o tipo de libros máis axeitados para cada idade, regras básicas para a lectura en familia,a lectura no mundo dixital,  o papel das librarías e bibliotecas, tamén a escolar, como espazos comúns de lectura. Propón asimesmo algunhas actividades para facer na casa en torno aos libros.
Complétase o recurso co apartado Compartindo experiencias onde persoas destacadas do mundo da literatura, do ensino, das bibliotecas e librarías e de diferentes asociacións contan a súa experiencia e dan algunhas claves para a animación á lectura.

8/9/16

Lista de honra do IBBY 2016

Escarlatina, a cociñeira defunta de Ledicia Costas pasa a formar parte da lista de honra do IBBY 
(International Board of Booksfor Young People) 2016, que recoñece as mellores publicacións internacionais dedicadas á literatura infantil e xuvenil. A novela, publicada en Xerais, xa fora galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e co Premio Lazarillo.
Estes días cúmprense dous anos da súa publicación e chega á súa oitava edición.

Tamén forma  parte da lista o escritor e crítico literario Ramón Nicolás pola tradución ao galego de Bisa Bea, Bisa Bel da escritora brasileira Ana María Machado, publicada en Galaxia.

Podedes consultar a lista das publicacións premiadas aquí 

16/6/16

Un novo libro de poesía para primeiros lectores


Acaba de saír publicado en Xerais o  Poemas birollos para ler cos ollos de Fran Alonso, quen se encarga tamén das ilustracións. O poeta vén de recibir o Premio ao mellor proxecto literario na rede na I Gala do Libro Galego en 2016, por Poétic@.gal.
Este  libro combina poesía e imaxes nun xogo lúdico  que convida aos nenos e nenas a gozar e á vez achegarse a este xénero literario porque "a poesía non morde". Tamén ten unha presenza importante a oralidade,  a través de cancións infantís, arrolos e sortes.
Como xa sucedía en O meu gato é un poeta, a lectura pode continuar na rede xa que inclúe a ligazón a un videoxogo.
Neste enlace  tedes unha pequena mostra do libro.
Indicado para primeiros lectores, ben pode formar parte dunha selección de lecturas para o verán. 
Necesaria a poesía para nenos e nenas e tamén necesaria a poesía visual. Fran Alonso é un innovador no campo da literatura transmedia e multisoporte no panorama literario actual.

6/6/16

Premios Xerais 2016

O sábado 4 de xuño de 2016 resolvéronse os Premios Xerais na Illa de San Simón (Redondela). Na XXXIIIª edición do Premio Xerais resultou gañador Manuel Esteban coa novela A ira dos mansos, na VIIIª edición do Premio Jules Verne de literatura xuvenil Iria Misa con Xa non estou aquí e na XXXIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil David Pérez Iglesias con Todo o tempo do mundo.
A escritora Ledicia Costas, quen recibirá o próximo venres o Premio dos Clubs de Lectura, foi a mantedora literaria do acto, co discurso Todas as constelacións do mundo, que dedicou á Xeración Lamote por abrir o camiño da esperanza, lembrando a súa experiencia como lectora dende cativa.

2/6/16

Con Tango son tres


Kalandraka vén de publicar en galego  Con Tango son tres,  
premiado álbum de Justin Richardson e Peter Parnell, con ilustracións de Henry Cole. A tradución para o galego é de Sandra e Óscar Senra Gómez.

Cóntasenos a historia real dunha parella de pingüíns do zoo de Central Park en Nova York , que gozaron da oportunidade de teren unha cría, Tango, a primeira pingüín en ter dous pais.
Destinado para primeiros lectores, fálanos dos diferentes modelos de familia apelando á tolerancia e o respecto, valores que se promoven desde as nosas bibliotecas co programa de voluntariado, entre outros.
Este álbum é un exemplo de como unha selección coidada dos fondos da biblioteca pode contribuír á educación emocional, máis alá da denominada "autoaxuda".

23/5/16

Moita poesía



Como nas escolas se le moita poesía, achegamos un poemario, recén chegado ás librarías e indispensable nas nosas bibliotecas.

Poemar o mar  pecha a triloxía do mar de Antonio García Teijeiro , da que forman parte ademais Palabras do mar, editado por Embora, e En la cuna del mar, editado por Creotz ediciones.
O autor indicou na presentación do libro que concibe «o mar como un sentimento íntimo», «sinto que o mar me chama, como me chaman os poetas do mar como Alberti, Mendiño ou Martín Codax».
Publicado en Xerais, na súa colección Merlín e destinado a partir de lectores autónomos, este mar de García Teijeiro ronca, molla cos poemas, ten trenzas, anda murcho, chora por dentro e cala por fóra...nese xogo poético inundado de lirismo.
As fermosas ilustracións son de Xan López Domínguez.



1ª GALA DO LIBRO GALEGO


O pasado 14 de maio celebrouse no Teatro Principal de Santiago a primeira edición da Gala do Libro Galego, promovida pola AELG, AGE e a Federación de Libreiros, onde se recoñeceron os mellores traballos do ano 2015.


O premio ao Escritor Galego Universal foi concedido pola asemblea xeral da AELG, que decidiu outorgarllo a Pere Gimferrer, o Honorífico á libraría foi concedido pola directiva da Federación de Librarías de Galicia á Libraría Pedreira e o Honorífico á editora correspondeu á directiva da AGE, quen distinguiu os 25 anos de labor editorial de Laiovento.

Estas foron as obras gañadoras dos Premios da Gala do Libro Galego 2016:

Ensaio

Tradución
Mocidade (Joseph Conrad), en tradución de Alejandro Tobar. Hugin e Munin

Proxecto literario na rede
Poétic@, de Fran Alonso

Literatura infantil e xuvenil

Iniciativa bibliográfica
Lendo lendas, digo versos, de Antonio G. Teijeiro e Antonio Reigosa (ilustracións de Xosé Cobas). Xerais

Iniciativa cultural ou de fomento da lectura
Espazo Lectura

Libro ilustrado

Teatro
Xogando con gatos, de Antón Cortizas. Xerais

Xornalismo Cultural
Sermos Galiza

Narrativa

Poesía
oso, mamá, si?, de María Lado. Xerais

Obras finalistas da literatura infantil e xuvenil
  • O home que sabía voar, de Xabier López López (ilustracións de Jacobo Muñiz). Tambre
  • O meu pesadelo favorito, de María Solar (ilustracións de María Lires). Galaxia
  • Teño uns pés perfectos, de María Solar. Kalandraka
  • Todos os soños, de Xavier Estévez (ilustracións de Marcos Viso). Tambre
Obras finalistas do Libro ilustrado
  • Balea, de Federico Fernández e Germán González. Kalandraka
  • Cadros dunha exposición. Modest Mussorgsky, de Xosé Cobas (texto de José Antonio Abad Varela). Kalandraka
  • Lendo lendas, digo versos, de Xosé Cobas (texto de Antonio G. Teijeiro e A. Reigosa). Xerais
  • O home que sabía voar, de Jacobo Muñiz (texto de Xabier López López). Tambre


9/5/16

Cambiando o conto: Feliz feroz


Se o Lobo Feroz en lugar de ser malo quere ser bo? 


El Hematocrítico preséntanos a historia de Feliz feroz. O lobiño riquiño que lle dá unha volta ao conto clásico d´A carapuchiña vermella. Publicado en Xerais, con ilustracións de Alberto Vázquez e tradución de Anaír Rodríguez.

A irmá de Lobo Feroz está moi preocupada porque o seu fillo non é feroz, é boísimo. Feroz tranquilízaa e dille que o mande á súa casa, que el se vai encargar de convertelo nun verdadeiro lobo feroz. Será quen de conseguilo?

Destinado a primeiros lectores, o conto propón novas lecturas dalgúns contos tradicionais, onde nada é como tiñamos aprendido. Para aprendermos, con humor, que ás veces as cousas non son como parecen.

28/4/16

Os libros da merenda de Urco Editora


Agora que xa vén o bo tempo, non vos esquezades de levar ao patio Os libros da merenda de Urco editora... ou metelos no peto do mandilón ou na mochiliña para a casa. Son dez divertidos minilibros interactivos para os máis pequenos.

Os títulos son os seguintes:
-Don Bento, o porco fedorento
-Fariñeiro, o burro larpeiro
-Señor Fiz, o repolo feliz
-Xoana, a ra lacazana
-Besteira, a cebola falangueira
-Ramona, a cenoura sabichona
-Clemente, o polo valente
-Rosa, a vaca agarimosa
-Eladia, a ovella sabia
-Sinforoso, o can temoroso





14/4/16

Novos álbums para pequen@s

Kalandraka publica novos álbums destinados a primeiros lectores.


A viaxe de mamá Mariana Ruiz Johnson preséntanos  a experiencia dunha nai que ten que ausentarse durante un tempo do fogar por motivos laborais. Asistimos á preparación da equipaxe, a despedida no aeroporto, os cambios na rutina doméstica, a comunicación a distancia grazas aos avances da tecnoloxía e o retorno á casa.

Introdúcense os novos roles e os cambios nas familias, tan necesarios na educación dos nenos e nenas.


En Somos amigos?”  fálase da construción da amizade entre un neno e un oso, personaxes diferentes pero que se poden axudar mutuamente.
Anabel Fernández Rey estrutura a obra en dúas partes, mostrando os puntos de vista, os desexos e as necesidades de ambos ante situacións cotiás.

Nos dous álbums a tradución corre a cargo de Manuela Rodríguez.

6/4/16

Novas de teatro infantil


A editorial Galaxia vén de publicar na colección Árbore dúas obras de teatro: Moito morro corporation, Sociedade Ilimitada e As terapias da doutora Ledicia.

Moito morro corporation, Sociedade Ilimitada está escrita por Carlos Labraña conta e ilustrada por Rodrigo Chao. Trátase dunha historia moi divertida onde unha compañía de pallasos, trapecistas e domadores demostrarán aos pequenos e pequenas lectoras que se acheguen a eles por que o circo é “o maior espectáculo do mundo”.
Con esta obra de teatro Carlos Labraña gañou o concurso de Teatro infantil O Facho, na convocatoria de 2014.


As terapias da doutora Ledicia está escrita por Raquel Castro , con ilustracións de Almudena Aparicio. Nesta obriña, tamén cómica, unha psicóloga trata aos doentes “de corazón”. Personaxes coma o Apalpador, o Home do Saco, o Lobishome ou a Carolina serán tratados por ela,  que receita  sorrisos, brincadeiras ou ilusión.
As terapias da doutora Ledicia recibiu o Premio de Honra nos premios Estornela de Teatro que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas, no ano 2014.

Destinadas ambas as dúas  aos lectores autónomos, ben valen  para ser lidas ou representadas nas nosas escolas.

17/3/16

"O último día de Terranova", o último de Rivas

Publica Manuel Rivas en Xerais a súa novela, O ÚLTIMO DÍA DE TERRANOVA, da que podemos ler unha breve recensión no blogue da editorial. 

Terranova será desde a súa lectura un espazo de múltiples ecos para os lectores e as lectoras galegas. Máis aló do bacallau e as aventuras dos mariñeiros galegos, o termo "Terranova" será a LIBRARÍA, esa  na que calquera "letraferido" quererá habitar, ou cando menos pasar unha boa tempada. Este é un libro para os amantes dos libros, para os amantes das librarías, para os resistentes, para os surrealistas, para os que defenden a memoria como única posibilidade de futuro, para os que algunha vez están En Certo Punto. para os coruñeses, para os que gostan de coñecer a historia pequena, a única que finalmente importa... e para os seguidores do escritor/poeta que mellor nos escribe. 

O último día de Terranova ha ser ben recibido nos grupos de lectura de alumnado xove (bacharelato, FP e outros)  ou  de adultos que polo país adiante se reunen para compartir experiencia lectora.

Libros - disco adicados a Manuel María na Editorial Galaxia

A editorial Galaxia publica na súa colección Sonárbore, o libro- CD Teatro de guiñol do grupo Pirilampo e con ilustracións de Iván R.
Trátase dunha escolma de poemas retranqueiros e festivos de Manuel María, dirixidos a un público infantil.
No prólogo, Xurxo Souto anima con estas palabras a escoitar o disco:

                                     ATENCIÓN!!!
                             Se escoitades este disco
                             na cama pola noite cos ollos pechados,
                             Pirilampo ha encher
                             con mil estreliñas o voso cuarto.


Tamén na mesma colección ten publicado Canta o cuco, poemas de Manuel María interpretados por Uxía e Magín Blanco, que a través da música achegan os versos do poeta aos pequenos e pequenas. O libro está ilustrado por Leandro Lamas.

Indispensables nunha biblioteca de Infantil e Primaria, e nunha selección de recursos sobre Manuel María.

Estes materiais están incluídos na maleta viaxeira de Manuel María á disposición dos centros escolares na Asesoría de Bibliotecas Escolares.


14/3/16

¿ A que altura está o ceo? de Jorge Mira


Jorge Mira acaba de publicar en Alvarellos Editora ¿ A que altura está o ceo? , un novo libro de divulgación científica. Escrito en colaboración con María Canosa e ilustrado por Dani Padrón.
Na cuberta do libro podemos ler:
Velaquí  unha das preguntas que se leva formulando o ser humano desde os albores da súa existencia:  Este libro vainos dar a resposta. A esta cuestión... e a moitas outras.
O físico e comunicador científico Jorge Mira realiza unha apaixonante viaxe no tempo. Comeza na época da Grecia clásica e chega ata os descubrimentos máis recentes sobre o universo.
Despois de ler estas páxinas poderemos responder a cuestións coma estas:
¿Por que vemos o ceo azul ou o Sol amarelo?
¿Como se puido saber a que altura están a Lúa, o Sol e os planetas?
¿Como é posible calcular o lonxe que está unha estrela ou unha galaxia?
¿Cal é a idade do universo?
¿E o seu tamaño?
¿Que quere dicir que o universo se expande?
¿E a que velocidade o fai?
¿É certo que foi un cura quen primeiro falou do Big Bang?..


Cara ao leste de Antía Nara

Xerais vén de publicar Cara ao leste de Antía Nara, unha investigadora galega que reside en Berlín. Esta é a súa segunda novela despois de Aquel lugar (Xerais, 2007).

Catro mozas reencóntranse, despois de dezanove anos, para velar a Isolina. A súa sobriña, emigrada en Alemaña, e tres compañeiras coas que montara unha cooperativa agraria na aldea de Al-Luaira reflexionan sobre as súas vidas desde que o seu futuro en común se vise truncado por un incendio.

Destacan na novela temas como a importancia da memoria, o velorio como momento de repaso vital, a morte, a (im)posibilidade de vivir do campo, a maternidade, a emigración, os incendios, a especulación urbanística, a vinganza etc, que flúen de xeito áxil e dramático entre as personaxes.

O alumnado de Clubs de lectura de 4º de ESO ou Bacharelato e Ciclos ben pode ser o destinatario desta breve pero intensa novela.

23/2/16

Adopta un animal de conto. Día Internacional do Libro Infantil 2016


Co gallo do DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL, a Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil, OEPLI, xunto coas súas catro seccións: Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX), Consejo General del Libro Infantil y Juvenil, Consell Català del Llibre Infantil i Juvenil (ClijCAT) e Galtzagorri Elkartea, co patrocinio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, convoca o concurso "Adopta un animal de conto".

Poden participar todos os lectores e lectoras que estean cursando Primaria ou primeiro ciclo de Secundaria, a través do seu centro docente ou dende a biblioteca. Consulta as bases en GÁLIX.

Nas actividades deste día animan a participar a centros escolares, bibliotecas e librarías na difusión da mensaxe da escritora Luciana Santori e do cartel do ilustrador Ziraldo que este ano preparou a sección brasileira do IBBY.

(Información facilitada por GÁLIX)

22/2/16

FONTÁN


A editorial Galaxia publica Fontán de Marcos Calveiro, coa que o autor gañou o IX Premio de Narrativa Breve Repsol 2015.

Novela biográfica de fondo histórico, trata sobre o ilustrado, matemático e topógrafo Domingo Fontán, quen elaborou o primeiro mapa científico e topográfico de Galicia, denominado a Carta Xeométrica de Galicia.

Unha das cousas que máis lle interesaba a Calveiro sobre a Fontán é  averiguar como nace a vocación de ser científico nun neno dunha aldeíña de Portas (Pontevedra) e tamén rescatar do esquezo esta figura tan importante para a ciencia. 

Coincidindo co bicentenario dos exercicios preliminares para a confección da súa Carta Xeométrica de Galicia,
o MUPEGA elaborou unha exposición sobre cartografía: 

Novela acaída para o itinerario lector de Xeografía de Galicia e para os clubs de lectura, 
nomeadamente os científicos. 

5/2/16

A historia do touro Ferdinando


Kalandraka acaba de publicar en galego A historia do touro Ferdinando”, recuperando o deseño da primeira versión en branco e negro deste clásico de 1936. A ilustración é de Robert Lawson e o texto de Munro Leaf
En 1938 Walt Disney gañou un Óscar pola curta que realizou a partir deste conto.
Esta historia, traducida a máis de 60 linguas, foi motivo de queima nalgúns países como Alemaña ou censura como España, onde se consideraba unha crítica á Guerra Civil pola súa mensaxe pacifista e antibelicista. Era, porén, o libro preferido de Gandhi.
Cóntasenos a historia dun touro sensible que prefire a tranquilidade do prado e o arrecendo das flores fronte á bravura que se lle presupón aos da súa raza.
Recomendado para primeiros lectores, non debe faltar na biblioteca escolar polos valores que transmite aos nenos e nenas. Nestes días podería  formar parte da selección de libros para a paz. 


25/1/16

Para onde imos cando desaparecemos?


Xerais publica Para onde imos cando desaparecemos?  álbum de Isabel Minhós Martíns, con ilustracións de Madalena Matoso.

A tradución do portugués é de Anaír Rodríguez.

Como non somos quen de responder a esta pregunta, o que fai o libro é fornecernos de posibles respostas, observando o que acontece ao noso redor: o sol, as nubes, as follas..., atopándoas  na imaxinación.

Este álbum vén acrecentar o listado de libros que falan da ausencia, da desaparición e da morte aos máis pequenos, que vén de ser actualizado.

Congratulámonos tamén de contar en Galicia con textos da literatura portuguesa.

13/1/16

A bruxa Discordia. Cancións para a paz



Nestes días que as bibliotecas escolares seleccionan materiais para conmemorar o Día Escolar da Non Violencia e a  Paz, lembramos que Mamá Cabra e Carmen Gil acaban de publicar o libro-disco A bruxa Discordia. Cancións para a paz na coleccción Sonárbore da Editorial Galaxia. As ilustracións son de Iria Fafián.

Galaxia explica que, no contexto social actual, A bruxa Discordia constitúe un álbum ateigado de valores positivos pensado e desenvolvido tendo en conta as necesidades dos nenos e nenas. Mensaxes como a importancia de compartir, de respectar ao próximo ou de convivir en harmonía escritas na súa propia linguaxe e transportadas a través dun dos vehículos máis eficaces: a música.
Material ben acaído para os primeiros lectores e para acompañar no Día da Paz.
Velaquí unha mostra das cancións que inclúe o libro-disco:



Baile da paz

Esta é a danza
da esperanza,
danza capaz
de sementar paz.

Ombro con ombro
pódese todo.

Dá un taconazo.
levanta o brazo
e con donaire
dálle ao cú aire.

Colle a orella
da túa parella.
Faille cóxegas.
Ponte en crequenas.

Esta é a danza
da esperanza,
danza capaz
de sementar paz.

Agora dá un brinco,
ou mellor cinco!,
e tres palmadas
con gargalladas.

Logo ao compás
anda cara atrás.
E cara adiante,
coma un xigante.

Pinta un momento
paz no vento.
Grita un segundo:
"paz no mundo"


12/1/16

Poesía infantil: O país das Andaviras

A editorial Sotelo blanco vén de publicar na súa colección Bolboreta, O país das andaviras, libro de poemas de Xoán Babarro e ilustrado por Viki Berre.
Poesías sobre paxaros e outros seres voadores da nosa fauna: merla, paspallás, galo, perdiz, lavandeira...acompañadas de ilustracións cheas de cores.
Dirixido aos primeiros lectores de Educación Infantil e 1º Ciclo de Primaria, este pequeno catálogo de aves é unha achega á poesía, ben para ler, recitar ou recrear.




O país das Andaviras

É un soño de sabores.
O arrecendo de todas as flores.

O ronsel dun bergantín. 
O que cabe no teu e no meu maxín. 

Un chapeu 
en cada flor de romeu. 

Un beixo 
en cada seixo.

Un son harmonioso
semellante ao país noso.

E mil unha andaviras de cores 
pintando a terra de rumores.

7/1/16

Son un animal de LLuis Llort e Salvador Macip

Xerais acaba de publicar os dous primeiros títulos da serie Son un animal, escritos por LLuis Llort e Salvador Macip, ilustrados por Sergi Cámara e traducidos do catalán por Eva Lozano Carpente.
No primeiro libro,  Son un animal: unha viaxe inesperada,  coñecemos a Armán e os seus pais científicos, a súa mascota e o singular país onde vive. Tamén descubriremos cal é o poder que o leva a vivir múltiples aventuras: transformarse no animal que toca.
En Son un animal: Armán e a fábrica podre  as amizades de Armán  xunto con el  aventúranse nunha historia para salvar a cidade e o planeta das industrias contaminantes, que producen graves danos ecolóxicos.
Indicados para lectores autónomos, Son un animal: unha viaxe inesperada e Son un animal: Armán e a fábrica podre, son uns relatos que mesturan aventuras, fantasía e humor. Neles atopamos valores como a amizade, a lealdade, a liberdade, e a defensa e protección do medio ambiente. 
Libros que conforman series, tan do gusto do noso alumnado, ben valen para a Hora de ler ou para a lectura individual cun  posterior comentario en grupo.