27/6/12

LIBRO CON CURTA


Dúas letras, unha curta de Eloi Varela con guión de Fina Casalderrey, acaba de ser publicada pola editorial Galaxia. O volume recolle un DVD (coa curta e os seus extras en forma de entrevistas con director, guionista, primeira actriz, making off, localizacións…) e un libro no que acompañan o relato de Fina un par de textos de Víctor Freixanes e Francisco Castro sobre a emigración.
Unha película que xa recibiu varios premios (nos Festivais de Cine de Bueu, Primavera de Vigo e Cans onde recolleu o Premio do xurado dos veciños de Cans á mellor curtametraxe de ficción, Premio do público á mellor curtametraxe de ficción, e o Premio do xurado á mellor interpretación feminina)  e está realizada en branco e negro. Nela, nin os actores nin as actrices son profesionais pero conseguen facer real unha historia triste de emigración na que nai e fillo se comunican a través desas dúas letras que atravesan o Atlántico.
Vale a pena vela, por moitas razóns pero especialmente polo que supón de superación de obstáculos cando hai unha historia que contar e se quere facer a través dun medio tan caro coma o cine. Todo se pode superar cando se parte da creatividade, era a mensaxe do editor na presentación, e neste caso demóstrase de sobra. Con iso debemos contar e coa novidade de que por unha vez, se escriba o relato a partir dunha película e non ao revés, como é común.

26/6/12

ROBERTO VIDAL BOLAÑO e AS LETRAS



A Real Academio Galega na última reunión aprobou dedcicarlle as Letras do ano 2013 a Roberto Vidal Bolaño. Un home de teatro que colocará a este xénero e arte no centro de todas as miradas. Roberto foi autor, director e actor. Como actor tamén traballou no cine, pero o teatro foi a súa pasión.
Creador de grupos e obras, naceu co teatro aficionado para converterse nun profesional como a copa dun pino.
Obras súas son A burla do galo, A ópera de a patacón,  Agasallo de sombras, Animaliños, As actas escuras, Bailadela da morte ditosa, Cochos, Criaturas,  Daquel Abrente, Días sen gloria, Doentes, Integral; Laudamuco, Señor de Ningures - Ledaíñas pola morte de meco,  Mar revolto, As actas escuras,  Perspectivas do teatro galego actual, Rastros, Saxo tenor, Touporroutou da lúa e do sol ou Ruada das papas e do unto o Romance dos figos de ouro dirixida aos máis pequenos.
Un ano para o teatro!








21/6/12

DE TRAILERS E TRILOXÍAS


As sagas comparten coas series a facilidade para facerse querer, para animar a ler. Abres o primeiro libro e adéntraste nun mundo que continuará contigo ao longo do tempo: a ambientación espacio temporal, as personaxes e a súa caraterización,... Seguiralos, porque xa serán algo teu e quererás saber que lles pasa, como van medrando... e así te vas enganchando.

20/6/12

A LECTURA E A VIDA



Foise Emili Teixidor. O escritor que ademais de múltiples historias de ficción (como Pa negre, que dou lugar á premiada película) escribiu ese libro de referencia para os mediadores La lectura y la vida. Cómo incitar a los niños y adolescentes a la lectura: una guía para padres y maestros,  e o artigo "Estrategias del deseo o trucos para leer" publicado no suplemento Culturas do diario La Vanguardia, que resultou ganador do VI Premio Xornalístico da Fundación Germán Sánchez Ruipérez no 2005.
Emili Teixidor acompañaranos nunha das actividades de formación de bibliotecas escolares, os "Encontros de bilbiotecas escolares de Galicia" no 2006. As súas palabras resultaron sabias e poderosas, igual que a súa presenza.
Hai unhas semanas volveunos acompañar, neste caso a través do libro citado que formaba parte dos materiais entregados ao profesorado participante na V Xornada dos Clubs realizada o 9 de xuño no Palacio de Congresos. Así de forte é o vínculo que nos unía e nos une a alguén que tanto dixo e escribiu sobre eses temas que tanto nos interesan. Un bo momento para volver ás súas obras, para seguir os seus consellos...  

19/6/12

A LITERATURA INFANTIL E XUVENIL A DEBATE


Sirvan estas declaracións do último premio Merlín (Marcos Calveiro) para abrir a reflexión:
"A xente segue a ver a LIX coma unha literatura de segunda división. Para min é o contrario. A mellor literatura que se fai en Galicia agora mesmo é a LIX. Hai libros extraordinarios, con moitísimo máis nivel que moita da literatura para adultos. Supoño que ten moito que ver con que os medios poñen moito máis o foco na literatura de adultos. Pero realmente a LIX é a que está a formar lectores, a que máis vende e a que máis traducións ten no mundo adiante. En fin, a min tanto me ten. Eu non escribo un libro pensando se vai ir a unha colección infantil, adolescente ou de adultos." 

15/6/12

VIDEOS PROMOCIONAIS

Unha boa maneira de promocionar a lectura!

14/6/12

Que faría SE EU FOSE UN GATO?



Se eu fose un gato con texto de Paloma Sánchez  Ibarzábal e ilustracións de Anna Lienas, está publicado na colección O de OQO editora.
Trátase dunha proposta moi interesante na que o protagonista se vai colocando na pel dun gato, por un lado, e que por outro no sitúa na situación hipotética de seguir xogando a ser diferentes animais ou, incluso, cousas.
A técnica empregada foi a da colaxe con papeis e cartóns pintados previamente en acrílico. Deste xeito, incorpora volume ao debuxo plano co obxecto de que se perciba o rústico do material. Para este traballo, aproveitou recortes de caixas de transporte, de cereais, envoltorios... para compor a ilustración tipo diorama ou escenario teatral.
A ilustración está realizada a base de colaxes e introduce personaxes dos que non se fala no texto
Unha maneira divertida de traballar a diferenza, o respecto ao outro e afondar na vida deses seres que nos rodean.

13/6/12

SEGUIMOS CON NOVAS de prensa


Ray Bradbury, que naceu en Illinois o 22 de agosto de 1920, xa ten data final (Os Ánxeles, 5 de xuño de 2012)
El, é un autor imprescindible que nos achegou as mellores historias de ciencia ficción, con títulos como Farenheit 451 ou Crónicas marcianas.
451 son os grados Farnenheit, aos que arde o papel, pero o título é a referencia esencial á salvagarda dos libros e das ideas, á lembranza de que nos peores momentos quéimanse libros e sempre hai alguén que os rescata aínda que sexa por medio da memoria, axudándonos a gardar a esperanza. En Farenheit 451 aparece tamén esa contradición fundamental de que son os bombeiros os que queiman e que nos fan pensar en certa teoría psicolóxica que explica que cada un busca a profesión onde poder redimir a íntima e secreta tendencia á maldade.  
Historias que desacougan pero que tamén dan lugar a accións que nos reconfortan como a das persoas libro ou a das bibliotecas vivas; xentes que lembran textos de memoria e llos van dicindo aos demais en calquera momento e lugar; persoas que relatan a súa vida porque constitúe unha biblioteca que se perderá cando morra.  Así fixeron alumnas e alumnos do IES Sanxenxo, IES de Poio, IES de Vilalonga, IES Manuel García Barros e IES de Mugardos.
Unha páxina de RTVE móstranos a súa faceta de escritor cinematográfico. 
"A galaxia está de luto" escribía o ABC Cultura.
No blog Ciudad Seva podemos seguir lendo a Bradbury.
Grazas a Xerais, por esas dúas obras en galego, na colección Fóra de xogo.

12/6/12

PREMIO MERLÍN DE LITERATURA XUVENIL

                                                                       
O sábado 9 de xuño, na illa de San Simón, tivo lugar a entrega dos premios Xerais e Merlín, por parte de Edicións Xerais de Galicia.
O ganador do Merlín deste ano foi Marcos Calveiro, esa descuberta da nosa literatura que conta con múltiples galardóns e do que agardamos aínda moitos máis no futuro.
Este é o listado dos recibidos ata agora:
Premio de poesía Concello de Carral no 2006, por Cartas do terceiro día.
Gañador do XVIIIº Premio Ala Delta de Literatura Infantil no 2007, por O carteiro de Bagdad.
Premio da Crítica de narrativa galega no 2008, por Festina lente.
Premio Barco de Vapor no 2008, por O canto dos peixes.
Premio White Ravens no 2008, por O carteiro de Bagdad.
Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro de Narrativa para adultos no 2008, por Festina lente.
Premio Irmandade do Libro no 2009 ao Mellor Libro Galego do 2008, por Festina lente.
Premio Lazarillo no 2009, por O pintor do sombreiro de malvas.
Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro Xuvenil no 2010, por O pintor do sombreiro de malvas.
Premio de literatura infanto-xuvenil 2011 da Asociación de Escritores en Lingua Galega, por O pintor do sombreiro de malvas.
Mención como finalista do xurado do Premio da Crítica Galicia de Creación literaria no 2011, por O pintor do sombreiro de malvas.
Premio Merlín no 2012, por Palabras de auga.