24/2/10

E outro máis...


Valdelobos de Carlos Laredo, publicado na Colección Catavento de Tambre edicións.

Aquí non hai lobishomes, só interese polo lobo como animal mítico e totémico, como representante dun mundo de natureza respetada que está chegando á súa fin.

A irresistible atracción que sente polo lobo un mozo de cidade fai que comparta verán cuns amigos do rural. Estes son veciños dun lugar arredado en Mazaricos, que leva este nome, Valdelobos.
A novela que comeza coa noticia dun ataque de lobos ao gando fai interesantes achegas acerca das diferenzas entre a rapazada da cidade e do rural, da súa maneira de pensa re actuar.

23/2/10

UN LIBRO MÁIS DE LOBOS e lobishomes


O lobishome de Candeán de Paula Carballeira, publicado en Costa Oeste da Editorial Galaxia. Un poema de Álvaro de Campos introduce cada unha das tres partes nas que se estrutura esta novela de trinta pequenos capítulos. Así comeza o relato: “Esas non eran horas para andar polos camiños. Dicíao o frío, que lle conxelaba os dedos e ata os pulmóns cando respiraba. Dicíao o orballo, que lle enchoupaba a carne. Berrábao o vento, que a enxordecía. Pero el parecía non escoitar nada. El abríalle paso entre os toxos e as silvas, apurábaa, nin sequera miraba por se o seguía ou non. Houbo un momento en que a ela todo se lle volveu irreal, coma nun soño. Só o bafo que formaba unha nubiña branca diante dos seus fociños a convenceu de que, en realidade, ela estaba camiñando polo monte de Candeán ás tres da mañá detrás dun rapaz que case non coñecía. E xa estaba ben de carreiros que non existían antes de que eles pasasen por alí.”

22/2/10

MÁIS LIBROS DE LOBOS e lobishomes




A herdanza do Marqués de Conchi Regueiro, con ilustracións de Noemí López, publicado na colección Meiga Moura de Baía editorial. Novela estruturada arredor de dúas narradoras: Xandra, que pertence aos Negro (unha familia maldita, de corredores) e Zoila (acaba de chegar á aldea con súa nai e a parella desta, Mati) que participa a través dos correos electrónicos que envía a un amigo. Dúas rapazas na adolescencia, dúas mulleres cunha situación diferente e no medio o mito dos corredores ou lobishomes. Unha trama na que atopamos tamén descubrimentos científicos e empresas de mercenarios que buscan asasinos.

16/2/10

LIBROS DE LOBOS, tamén no entroido


O lobo da xente, un cómic de Moxom publicado dentro da colección Vicente Risco, na editorial BD Banda. Trátase dunha adaptación libre do relato de Vicente Risco coñecido con este mesmo título. Na obra recóllese a participación deste escritor como personaxe principal que conta unha historia, esta, aos á rapazada que lle pide contos. Unha nova versión do mito do lobo da xente, ou máis ben, da loba. Esa muller que por unha maldición da nai se transforma en loba determinadas noites e só se liberará do feitizo cando alguén queime a pelica que a aprisiona.

10/2/10

Máis música



A NENA E O GRILO. Segunda entrega da colección Q son de OQO, un libro CD – DVD, no que as cancións compostas por Magin Blanco, Uxía Senlle e Joao Afonso son interpretadas por Guadi Galego, Ugía Pedreira, Fred Martins e Uxía Senlle. O coro de nenos e nenas que cantan en éuscaro, saharauí, francés, húngaro... sumado aos diferentes estilos, ritmos e músicas achéganlle un acento multicultural moi do gusto da rapazada e dos adultos que median entre estes e os produtos culturais. Da man da nena e o grilo, como protagonistas que conducen a historia que pasea polas cancións e se vai pousando nas ilustracións de Iván Prieto. Estas están realizadas a base de recortes con diferentes tonalidades e texturas, dándolle un papel moi importante ás palabras que plasma con distintas tipoloxías e modelos, nuns colaxes de estética contemporánea que bebe dos medios de comunicación de masas especialmente dos carteis e publicidades. Unhas ilustracións que nos remiten á obra plástica deste artista que traballa especialmente no campo da escultura e cunhas formas que crean un certo desasosego polo estáticas, inexpresivas e surreais. Este autor xa tiña colaborado coa editorial no álbum O baúl dos ladróns.

8/2/10

O VIXÍA NO CENTEO


Estes días, mentres se daba noticia da morte de J.D. Salinger, en Galicia lembrábamos a súa obra xuvenil, O vixía no centeo, traducida e publicada e publicado por Xerais hai xa anos...

Había que preguntarlle a Freixanes, director da editorial por aquela época, como foi a negociación dos dereitos, e pode que nos sorprenda coñecer a sensibilidade de alguén tan lonxano e "pouco sociable" (como se dicía deste autor) en relación a unha lingua como a nosa.

A historia dos tres días que Holden Caulfield pasa en Nova York, tres días de fuxida cara adiante nos que vai rematando con todo e nolo conta coas súas palabras, coa opinión que o mundo dos adultos lle merece, coa escuridade que o rodea agás esa fírgoa de luz pola que se cola o sentimento de tenrura cara ao irmán pequeno. Unha personalidade extremadamente sensible que se converte no prototipo de adolescente rebelde e inconformista que será referencia en moitas outras novelas dirixidas ao lector adolescente. Unha delas é Frío, frío de Óscar Calato, publicado por Galaxia e recollido nunhda das entredas deste mesmo blogue.

4/2/10

SOIDADES

De Trafegando ronseis para Rede lectura...
Fermosísimo libro este de Neus Moscada ilustrado por Chiara Fatti: Soidades está editado por OQO. Só coa portada e co título sabemos que temos un xoia nas mans. O conto lévanos da man dos diferentes significados da palabra Soidade, pero desde un punto de vista positivo, contrariamente ao significado que a palabra adoita denotar; non hai tristura nin perda, senón que hai tranquilidade, satisfacción. Todo isto ilustrado especial e sinxelamente en branco e negro sobre fondos de cor. Porque esta sensible nena que nos fala de estar soa só o está en aparencia, posto que todo o que ela fai pode ser compartido, sendo algo valioso, único, fóra do aburrimento sendo cotiá. ... porque só estando soa cheiro os verdes do campo: verde pera, verde verxa, verde envexa... Cantos verdes haberá?

3/2/10

Un libro de Charo Pita


Trafegando ronseis pásanos o seguinte comentario:


Fermosísimo este libro, Velliñas de Charo Pita con ilustracións de Fátima Afonso que nos devolve trazos propios dos contos tradicionais e nos levan á vellice, todo un agasallo da natureza. Porque as dúas velliñas que protagonizan este conto -cunhas ilustracións marabillosas- son aventureiras, alegres e valentes. Fantasía, humor... abride o conto e sorprenderédesvos.