Mostrando entradas con la etiqueta Novela infantil. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Novela infantil. Mostrar todas las entradas

30/5/20

Lecturas para o verán: Vampira de biblioteca de Ledicia Costas

Vampira de biblioteca é o último libro que vén de publicar a escritora Ledicia Costas con ilustracións de Víctor Rivas na colección Merlín de Xerais.
A novela conta a historia de Eleonora, unha vampira un tanto peculiar que vive nunha biblioteca especial como a Biblioteca Joanina da Universidade de Coímbra. Como os morcegos que habitan na biblioteca portuguesa, Eleonora ten que eliminar a todo becho que ameace a conservación dos libros. Acompañada de Xa e Mon, os seus morcegos de confianza e coa complicidade dunha bibliotecaria, un avó e os seus netos, terá que enfrontarse aos insectos bibliófagos para preservar os libros desta importante biblioteca.
Proposta moi acaída para as recomendacións lectoras do verán e destinada a partir dun lectorado autónomo, con Vampira de biblioteca tense asegurada unha lectura divertida, con nomes, personaxes e diálogos moi ocorrentes amais dunha defensa das bibliotecas, dos libros, da lectura e da literatura.

4/7/19

LÚA EN NINGURES, a voz dos sen voz.





Xerais publicou na súa colección Merlín Lúa en Ningures de Beatriz Maceda  con ilustracións de Laura Veleiro.
Lúa e a súa familia vense na obriga de fuxir do horror da guerra e instálanse en Ningures, un campo de refuxiados onde semella que xa non queda esperanza. Porén, vai ser nese lugar onde Lúa descubra cales son os valores realmente importantes na vida das persoas ás que lle dá vozUn refuxiado é unha persoa que se ve obrigada a abandonar o seu país por causas políticas, por unha guerra...
Destinado a lectores autónomos achéganos os dereitos da infancia que se cuestionan en toda a novela: Xa ninguén lembra a Declaración de Dereitos da Infancia?Xa ninguén lembra que todos os seres humanos somos iguais?

E tamén atopamos, como se sinala en Versos e aloumiños,  a homenaxe a Principiño de Saint Exupery: ...e lembrei esa frase do Principiño que di: Pregúntome se as estrelas se iluminan co fin de que algún día cada un poida atopar a súa.

26/11/16

Novidades de Agustín Fernández Paz en Xerais

A editorial Xerais acaba de publicar unha edición especial de Cartas de Inverno (nº 35) ao acadarse os 100.000 exemplares vendidos da novela, cifra á que só chegou na historia da edición en Galicia Memorias dun neno labrego de Neira Vilas, falecido hai un ano.
Esta edición especial vai encadernada en "flexibook", con doce ilustracións orixinais de Antonio Seijas e o texto Doce + nove: vinte un anos despois actualizado por Agustín Fernández Paz.
Tamén en Xerais vense de editar outra novela de Agustín Fernández Paz, O soño do Merlo Branco con ilustracións de Lucía Cobo. A novela fora publicada anteriormente en Everest e con ilustracións de Manuel Uhía
Ambos os dous libros son imprescindibles nas bibliotecas escolares así como o resto da produción literaria de Agustín Fernández Paz. A nosa mellor homenaxe é promover a lectura dos seus textos nas mochilas viaxeiras, nas recomendacións lectoras, nos clubs de lectura...

7/1/16

Son un animal de LLuis Llort e Salvador Macip

Xerais acaba de publicar os dous primeiros títulos da serie Son un animal, escritos por LLuis Llort e Salvador Macip, ilustrados por Sergi Cámara e traducidos do catalán por Eva Lozano Carpente.
No primeiro libro,  Son un animal: unha viaxe inesperada,  coñecemos a Armán e os seus pais científicos, a súa mascota e o singular país onde vive. Tamén descubriremos cal é o poder que o leva a vivir múltiples aventuras: transformarse no animal que toca.
En Son un animal: Armán e a fábrica podre  as amizades de Armán  xunto con el  aventúranse nunha historia para salvar a cidade e o planeta das industrias contaminantes, que producen graves danos ecolóxicos.
Indicados para lectores autónomos, Son un animal: unha viaxe inesperada e Son un animal: Armán e a fábrica podre, son uns relatos que mesturan aventuras, fantasía e humor. Neles atopamos valores como a amizade, a lealdade, a liberdade, e a defensa e protección do medio ambiente. 
Libros que conforman series, tan do gusto do noso alumnado, ben valen para a Hora de ler ou para a lectura individual cun  posterior comentario en grupo.

15/12/15

Teño uns pés perfectos


Teño uns pés perfectos está publicado por Kalandraka con texto de María Solar e  ilustracións de Gusti.
María Solar escribe este libro cunha dupla función, literaria e e informativa, e utiliza o recurso dun libro dentro doutro.
O personaxe principal , Melchor Sabichón, preséntase ao concurso Na busca do neno máis listo pero, malia ter preparado moitos temas, non esperaba enfrontarse a unha materia descoñecida: os pés. O protagonista atopará nun libro, que lle facilita a nai, todo canto necesita saber sobre esas extremidades inferiores: os tipos de pés, a súa anatomía e a función que cumpren para que poidamos camiñar e correr, o número de ósos que teñen, curiosidades sobre as unllas ou as pegadas que deixamos. Descobre, ao rematar o concurso, que o próximo pásanos moitas veces desapercibido.

Libro escrito con humor, destinado a lectores autónomos que queiran saber moito sobre pés.

29/10/15

De novo, O lapis de Rosalía de Antón Cortizas


O lapis de Rosalía de Antón Cortizas vén de ser editado de novo da man de Xerais na colección Merlín ,con ilustracións de David Sierra.
O novo lapis de Rosalía é imaxinativo, poético, optimista, mesmo desobediente...un lapis especial para nenas de seis anos, ao que non lle gusta escribir parvadas.

Trátase dun libro moi acaído para as lecturas compartidas entre pequenos e grandes, que seguro se han divertir coas situacións  que nos propón o autor.
Para nenos e nenas de seis anos ou máis...!

20/7/15

Libros que andan polas bibliotecas

Ilustracións con moito movemento e moita liña curva, ás veces cun aire que lembra aos debuxos doutra época.
Desa época é o relato. Unha historia de guerra, de recuperación histórica no mellor sentido da palabra. Unha historia con lirismo, que pode lembrar as de Juan Farias.
Un neno que admira ao amigo do seu pai, o home lagarto. Porque os homes lagarto soben aos postes, voan dun lugar a outro en bicicleta... son os celadores da telefonía. O neno, Mundo, quere ser coma el, celador de telefonía. A admiración ha ir máis alá da bicicleta e facilidade para escalar, porque un día desaparece o pai e será este amigo o que axude á familia levándolle algo que comer pero tamén noticias do pai. 
Farao mediante libros, neles van as mensaxes do "desaparecido". Porque nesa época desaparecían... o humor de Fina esmaga con contundencia: seica os levan "de paseo".  Pero xusto cando debería estar rematando a guerra deteñen a este home lagarto. Haberá que facer sacrificios para que esa forza descoñecida na que queremos confiar nolo traia, igual que trouxo ao pai; haberá que deixar de respirar, haberá que tentalo.
El rayo que no cesa, e o seu autor, Miguel Hernández, están presentes na historia.

29/4/15

Dous libros para lectores a partir de 9 e 11 anos


Rubicundo de María Canosa, vai dirixido aos máis pequenos. Trata da relación entre un vello e unha nena moi curiosa, tanto que non para ata adiviñar o que fai Rubicundo cada noite cando sae da casa, montado nunha bicicleta enriba da árbore do seu xardín. Non deixará de sorprendernos o oficio deste home e o final, un final de afectos e esperanza. Esta obra, ilustrada por Nuria Díaz, resultou finalista do premio Merlín, na súa última convocatoria.
O corazón da maxia de Xavier Estévez e ilustrado por Santi Gutiérrez, remítenos a ese mundo paralelo (que tentamos descoñecer) dos nenos e nenas enfermas e hospitalizadas.
A protagonista ten unha enfermidade grave, que toma con moita filosofía. Ela reparte alegría pola planta do hospital tan pronto se atopa con algo de forza. O tempo compartido con outra pequena na habitación e a necesidade de contarlle un conto para defendela do medo, dan lugar a unha historia que camiña ao par da real, e na que dúas rapazas parten na busca dos dragóns para salvar as aldeas. Porque os dragóns fan que o mundo continúe sendo como sempre foi, achegan a seguridade de que nada malo vai pasar e hai que rescatalos, estean onde estean... e nesas andan as nosas rapazas.  

21/4/15

Novidades e máis novidades

O meu pesadelo favorito de María Solar foi galardoado co Premio Lazarillo de creación literaria. Agora é publicado en Galaxia, na colección Árbore, con ilustracións de María Lires.
O protagonista, un neno con febre, vai sufrir soños fantasiosos como efectos secundarios polos antitérmicos que lle subministra. Unha homenaxe a Ana María Matute e Alicia a través do espello. Unha repartidora de bicos, un bar onde todo o mundo di mentiras, un alien que se move polos sumidoiros, un dinorrinco... pasean polos espazos imaxinarios do soño.
Un novo Lazarillo para a literatura galega, ese galardón que ven sendo algo así como o Cervantes da literatura para nenos e nenas que unha e outra vez recae na nosa literatura. Fixérao hai uns anos con O pintor do sombreito de malvas de Marcos Calveiro (2009), e antes Tamón Trigo con Leviatán (2012), An Alfaya con A sombra descalza, Ana Mª Fernández con Amar e outros verbos (2001), Gloria Sánchez con Chinto e Tom (2000), Marilar Aleixandre con A banda sen futuro (1999) e Agustín Fernández Paz con Contos por palabras, sen contar os accesits de Fran Alonso, Concha Blanco, Antón Cortizas...
Agradecemos esta ocasión para darlle as grazas, de novo, a María Solar polo texto "O libro que tes ao lado" con motivo do Día do Libro.

6/4/15

Libros que tratan de mamás e... demais

A mamá que perdeu as cóxegas da autora Clara do Roxo, que xa publicara na colección Árbore de Galaxia: A princesiña que conducía unha locomotora.
Con ilustracións de Ana Francisco de Jorge Vázquez, preséntasenos unha historia chea de preguntas:
Por que non ri a mamá nin siquera cando lle fan cóxegas?
Que pode estar a pasar?
Como se perden as cóxegas?
Para averigualo... non queda máis remedio que lelo, pero mentres tanto ir anticipando a historia, seguro que nalo acertamos.


30/3/15

Un libro de Paco Martín

A rula, o peluche e a nena de Paco Martín, acaba de saír do forno.
Unha familia de rulas con dúas fillas. Unha delas moi curiosa, descobre un oso nunha galería. Cando fala con el, cóntalle que nesa casa vai nacer unha nena, e decide agardala. Non se irá a países máis quentes, non acompañará aos pais e á irmá porque se quedará nesta casa para coñecer á cría dos humanos.
Que hai que facer neses caso? Como sobrevivir nunhas temperaturas que non che corresponden? Como alimentarse cando xa non hai sementes nos campos? Como manterse en forma no medio do inverno?
Pero a historia irá máis lonxe, porque o oso tamén quere coñecer mundo... ¡e lograrao, vaia se o logrará!
Noutra cor, o autor diríxese á nena nunha conversa paralela á historia.

25/3/15

De dous en dous

 

Edebé Rodeira acaba de publicar  na colección Tucán un par de noveliñas de autores galegos.
Amizades secretas de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Marta Altés cóntanos a historia de dúas familias que van a coincidir nunha casa: a dos tratos con tres crías e a dos humanos cunha nena. Non queda máis remedio que adiviñar entre quen se establecerá esa amizade secreta. Un relato que corre rápido mentres nós imos pasando de identificarnos con cada unha das familias, e o seu temor á outra, a loita entre elas para sobrevivir e a necesidade de compañía entre as crías. Aí está o primeiro dos capítulos, para facer boca.
Viaxe a Dragonia con texto e ilustración de Xan López Domínguez conta unha historia de dragóns, libros perigosos e magos. Unha divertida historia con personaxes tan marabillosos coma a bruxa Herminia todo dulzura e disposición, tan estrafalarios como o dragón Bambalum coas súas sete cabezas,... e ademais, os malos acaban perdendo, ¿que máis se pode pedir? Leamos o primeiro capítulo... por se apetece seguir.

9/2/15

Novidades














Non hai berce coma o colo é un libro disco que responde ao proxecto de Paulo Nogueira e Magoia Bodega con ilustracións de Mariona Cabassa, publicado por Kalandraka. A nana como canto primixenio e central da vida nas voces de Mini e Navia Rivas, de Merche Rodríguez (Leilía) e Sonia Lebedynski. Ademais da música, non deixan de chamar a atención unhas delicadas ilustracións arredor dun mundo onírico protagonizado por ese neno en pixama collido ao boneco e acompañado por nais e pais que nos abren a visión a unha maternidade/paternidade de todas as cores. Non hai dúbida de que ese primeiro contacto coas palabras e coa tradición vai envolto no afecto e acompañado polas imaxes que nos levan a países que quedan ao leste dos soños.
Historia da bicicleta dun home lagarto de Fina Casalderrey con ilustracións de Laura Súa Campos; unhas imaxes con moito movemento e liñas curvas que nos traen o aire dunha época que coñecemos a través das postais. Unha historia chea de lirismo que nalgún momento pode lembrar as de Juan farias. Un tempo de guerra no que un rapaz de familia de pastores admira a un amigo do pai que traballa colocando postes para a telefonía... esa maneira de subir ao máis alto dos paus e esa bicicleta... polo medio, formando o núcleo do relato a desaparición do pai que ha de fuxir e andar pola cadea antes de volver á casa, pero cando iso sucede xa ten desaparecido ese home lagarto que tanto lles axudara na súa ausencia con alimentos do corpo e do espíritu, con libros e lembranzas de Miguel Hernández. Ese neno esfórzase en manter a respiración para darlle azos á esperanza e nós acompañámolo por eses camiños de Albarracín e Gaudalaviar, por eses tempos tristes dos que aínda queda recordo e escritoras dispostas a contárnolos.


26/6/13

De... vacas


En primeira persoa a vaca vai contando e conta...
Cada capítulo comeza cun dito e remata coa historia dunha vaca exemplar (da vaca leiteira á outra vaca no millo, da vaca sagrada á vaca de Fisterra, da vaca esférica á vaca das vacinas e... así para diante).
Un xogo creativo, que se recrea na tradición e as referencias literarias, ao que acompañan as ilustracións magníficas e inconfundibles de Enjamio.

30/5/13

De dragóns


Corazón de pedra de Agustín Fernández Paz con ilustracións de Federico Delicado, publicado por Oxford na colección A árbore da lectura.
Nesta novela nárrase a historia dunha nena moi interesada nos dragóns e do que sucede cando lle contan unha lenda na que semella intervir un deles. A Cova da Serpe e o Pozo Mouro son lugares relacionados con esa tradición, que corre de boa en boca, ata que unha rapaza a escoita, un escritor a segue, un pai debuxante a pon en imaxes...
Historias que se cruzan. A forza dos afectos ou da calor das caricias. O espello e os enigmas...
Federico Delicado complica o relato achegándolle complexidade, introducindo imaxes á beira da realidade, personificando casas ou ordenadores, introducindo corazóns chameantes no peito do escritor e intertextualizando realidade e imaxe de mil maneiras diferentes, xogando co surrealismo nas formas do revés ou os soños, inserindo seres misteriosos, transformando obxectos e animais cotiáns...

19/4/13

BINOMIO FANTÁSTICO: mosca - tele


Gianni Rodari propoñíanos xuntar dúas palabras, que pouco tiveran que ver, e con elas realizar un texto. Neste caso, podería ser A verdadeira historia da mosca da tele
Coñecemos a súa autora por ser a presentadora da programa Zigzag Diario da TVG; polo tanto, se alguén sabe de moscas da tele... é ela, María Solar.
En primeira persoa, vainos contando a mosca a razón do seu título. Ela é unha mosca artista, especializada en molestar a presentadores e convidados no estudio. Sabe como facelo ata facerlles perder os nervos, ata que se vexa a mosca máis que o humano. É feliz, ¿quen non?, pero todo o bo acaba e un día a tal mosca buscando esas procalladas das que tanto gusta ponse a chucahr no sudor dunha calva na que cae un sombreiro que a aprisiona e a leva a un avión....
Non se conta máis, pero podemos asegurar que ninguén se vai aburrir, a prosa é axil e salpresada de humor, a historia orixinal. Hai que buscalo e ler. 
Da mesma autora, As meigas de Lupa, na colección Fóra de Xogo de Edicións Xerais de Galicia, unha novela xuvenil, situada en Santa Cruz de Rivadulla, que retoma a figura da raíña Lupa dos tempos castrexos relacionándoa co presente.   

23/3/12

Premio O BARCO DE VAPOR


Mundo Arb é o título do último premio O barco de vapor da editorial S.M. Era esta a vixésimo sexta edición do prestixioso premio que "busca potenciar a creación dunha literatura infantil de calidade en lingua galega", en palabras do representante da editorial promotora del concurso e editora do mesmo. Precisamente, SM anunciou con este motivo que O Barco de Vapor pasará, a partir de agora, a ser de carácter bianual fronte ás convocatorias que se estaban a realizar anualmente; polo tanto, a próxima convocatoria finalizará o 15 de abril de 2013.
O autor de Mundo Arb,  Manuel Lourenzo, conta cunha boa traxectoria de publicacións e premios no ámbito da literatura infantil e xuvenil.
A novela crea un espazo fantástico, dunha complicada xeografía, que se desenvolve arredor das árbores e no que viven diferentes especies dependendo da altura na que se sitúe o seu mundo. A aventura de dúas rapaces e un rapaz na busca dun lugar ao que nunca se chegara, fai que se descubran os riscos que corre a existencia de todos eles. A ecoloxía forma parte dos valores que transmite.
 

22/11/11

SEGUNDAS PARTES

Hai libros que anuncian segundas partes, como aquel de Jacobo Fernández Serrano que acadara o premio Merlín 2009: Mil cousas poden pasar (Libro I). Agora, acaba de publicarse o Libro II.
Nel continúase unha das historias máis surreais que se escribiron nunca para pequenos e pequenas.

Así presentaban a primeira das entregas na páxina de Casa del Libro:

"Os fillos do rei do mar, Neda e Mercurín, caen na conta de que se achega o aniversario do seu pai, Pindo IV o Tratable, e aínda non teñen agasallo. Na procura dese galano desencadéanse as mil cousas que dan título a obra. A partir de aí, a narración vainos levando ao encontro dunha serie de personaxes insólitos e á sucesión de situacións imaxinativas e disparatadas na cidade de Nil, onde todo é posible, onde o surrealismo é o normal e o absurdo convértese en lóxico. O xurado do Premio sinalou que Mil cousas poden pasar. Libro I vainos amosando unha serie de pezas que acaban conformando de maneira totalmente natural un mosaico fermoso e único, construíndo un imaxinario propio e un mundo fantástico orixinal e novidoso, sólido e sen fisuras. Grazas ás pequenas (ou grandes) historias das personaxes que habitan a cidade de Nil, descubrimos un universo que trascende os límites desta novela e que non recorre a tópicos anteriores da literatura infantil."

Só queda dicir que a historia continúa levando a extremos máis radicais o que na primeira parte se avanzara; por exemplo, un neno que herda o oficio de sepultureiro de seu pai e fai unha gran labor de hixiene e educación cos mortos do cemiterio, converterase en alcalde (se ninguén o remedia) ... que máis se lle pode pedir á imaxinación

5/10/11

NOVIDADES. A partir de oito anos.

Unha de OQO na colección Q.
Unha historia de medo (agora que se achega o
Samaín e defuntos) salpresada de humor para tratar o sempre negro tema da morte. Pablo Albo é o autor deste relato no que os zombis se mesturan con personaxes ao estilo do frautista de Hamelín que levaba con el aquelo que molestaba ou con lembranzas de experiencias como as das vacas tolas. O que tal fai unha alimentación inadecuada!
A irreverencia comeza co nome da vila, Matamala, onde teñen lugar os sucesos, para continuar coa escolla dos protagonistas: un grupo de galiñas que á súa vez comeron o millo afectado polo primeiro raio da lúa chea en noite de defuntos; a partir de aí unha historia de zombis imposibles de matar ou morrer, por moitos anacos que fagas dos polos, noite plenas de loucura con polos fragmentarios correndo polos camiños e con eles que tiveron a desdita de comelos á súa vez... Observando a situación os humanos: o dono das mazurcas que as vendeu, o gandeiro que llas dá aos pitos, o empregado da carnicería, o crego, ... e outros.
Mikel Mardones, desde as ilustracións, completando o relato e introducindo outras asociacións moi ao caso. como ese Frankestein que semella drogarse, esa aldea que é unha das nosas e case a recoñecemos con nome propio... nunhas imaxes de gran riqueza que non esqueceremos.
O ano que os pitos perderon a cabeza será inesquecible, sen dúbida.

29/3/11


Macarrón de narices de Xoán Babarro con expresivas ilustracións de Marcos Calo, publicado na colección Merlín duro. Conta unha historia que comeza con dedicatoria rimada do autor “Para os nenos e as nenas que coman macarrón con tomate e lean este conta ata o remate”. Entra no relato o narrador desta magnífica maneira “Narices é un país que non está nin cerca, nin lonxe. A distancia desde onde nós vivimos deica Narices non é maior ca unha baixada de pálpebras. No reino de Narices existe un enorme pazo con vidreiras de cebola, paredes de pedra de azucre, tellados de cenoria e xardíns de pirixel.” Xa estamos introducidos nun mundo de fantasía que terá moito que ver cos alimentos e as preferencias, e que deixamos en branco para que as cabeciñas vaian dándolle voltas, iso si, adiantemos o remate a modo de porta de peche: “Acaban contando as crónicas que, unha vez repostos da desfeita, o tubo-rei, o tubo-raíña e os demais uralitas, descansaron unha tempada de macarronate e sometéronse a un réxime de xamón, compota de mazá e ensalada de pirixel. E volveron ser gordiños e guapos, como era toda a xente de narices. Mais disque lles quedaron para sempre uns fociños de macarrón con bico de O.” E finaliza o autor: “Pero..., xa se sabe, un fento é un fento, un chanto é un chanto e un conto é un conto.” Que ninguén se leve a engano.