30/5/13

De dragóns


Corazón de pedra de Agustín Fernández Paz con ilustracións de Federico Delicado, publicado por Oxford na colección A árbore da lectura.
Nesta novela nárrase a historia dunha nena moi interesada nos dragóns e do que sucede cando lle contan unha lenda na que semella intervir un deles. A Cova da Serpe e o Pozo Mouro son lugares relacionados con esa tradición, que corre de boa en boca, ata que unha rapaza a escoita, un escritor a segue, un pai debuxante a pon en imaxes...
Historias que se cruzan. A forza dos afectos ou da calor das caricias. O espello e os enigmas...
Federico Delicado complica o relato achegándolle complexidade, introducindo imaxes á beira da realidade, personificando casas ou ordenadores, introducindo corazóns chameantes no peito do escritor e intertextualizando realidade e imaxe de mil maneiras diferentes, xogando co surrealismo nas formas do revés ou os soños, inserindo seres misteriosos, transformando obxectos e animais cotiáns...

29/5/13

MATERIA DE BRETAÑA


Cando Artur non era rei. Costa Oeste. Editorial Galaxia
Xabier López López relata as aventuras do mozote Artur polos camiños. Neles vaise atopando con Lanzarote, Trim (o fillo vinculeiro dun labrego que por trouleiro ha de abandonar a casa) e Zeuxis, o fillo dun mercader xudeu. Cada un deles irá resolvendo as apostas e os problemas que xorden da mellor maneira, sempre baixo a óptica e calidades de cadaquén. Artur disfrazado e adoptando o papel de escudeiro de Lanzarote.
Volvemos á materia de Bretaña, ao rei Artur neste caso, ao tempo das súas mocidades... cando aínda non era rei.
Unha prosa coidada que nos leva a relatos vellos, a maneiras exquisitas.
No limiar, o autor confesa que o relato é bebedor de materiais orientais (persas, hindús e árabes) e da tradición grecolatina.
Un glosario recolle datos sobre os diferentes personaxes que aparecen na narración.
Un aperitivo para saborear a linguaxe:
“Disque pola estreita corredoira que cruza o bosque sagrado de Tinteol, abeirado de fentos, hedras e recendentes plantas de anís, camiñaba ensumido nos seus moitos pensamentos o mozo Artur, seguindo os curiosos ditados de Merlín Silvestre, disfrazado de vagabundo ou de mendigo. Que como é un disfrace de ...? Ben. Ao non haber demasiados acordos sobre este particular, conveñamos en que, con vestir unhas calzas cheas de remendos e un xibón sen máis adorno que as costuras, xa vai amañado medio asunto; se a iso sumamos a determinación de soltar a trenza”
O autor xa publicou Biff, Bang, Pow!  e A vella quenlla perde os dentes. Conta cos premios Lueiro Rey, Vicente Risco e o García Barros por A vida que nos mata, quedando finalista do Torrente Ballester con Trinta e dous dentes.

28/5/13

AMIZADE


Como un listado de enunciados que definen o que é a amizade, porque ser amigos é...”Sentirse iguais aínda que sexamos diferentes, non darlle importancia ao noso aspecto, apoiarse nos tempos difíciles, desexar que os bos momentos non acaben nunca, axudarse un ao outro, contarse segredos...”
Sobre un fondo plano de cor recórtanse as siluetas dos personaxes, aparecendo parellas de animais moi distintos que, a pesar da súa aparencia, poden relacionarse e ser amigos.
Cunha estética alegre e un tanto surreal, Arianna Papani xoga con ese mundo de emocións e sentimentos.
Hai tempo... había un libro portugués que levaba por título Un amigo, alguén o lembra?



27/5/13

De EVOLUCIÓN e fin de século


A evolución de Calpurnia Tate  é unha desas novelas que te enguedellan.
Ambientada a fins do XIX e no Estado de Texas, cóntanos en primeira persoa a vida dunha rapaza de once anos que asiste ao cambio de século. E tamén á mudanza que se está a producir na propia familia onde ela é a única muller entre sete irmáns. Por un lado están os primeiros amores (reais e platónicos dependendo da idade) dos irmáns máis vellos, por outro as expectativas da súa nai en relación a ela, pero no primeiro plano, faise presente o vínculo que nese semestre establece co avó.
Calpurnia oíra falar do libro A evolución das especies do Sr. Darwin e vaino buscar á biblioteca pública. Non o teñen, pero poderiano pedir a Austin ("Serían cincuenta centavos. Tes os cincuenta centavos?", pregunta a bibliotecaría. -E ademais precisaría unha carta da túa nai para leres ese libro en concreto"). Necesítao ler, porque ela é unha naturalista, unha observadora, unha pensadora que escoita as conversas dos seus maiores e así descobre a Darwin e o seu libro, que está nin máis nin menos que na biblioteca do avó; co libro descubrirao a el, e xuntos unha nova planta que o Instituto Smithoniano lles recoñece dándolle o seu apelido. Co avó busca especimes na natureza e realiza experimentos no laboratorio. Paralelamente, a nai loita por convertela nunha señorita do seu tempo, por introducila nun rol contra o que ela se rebela. Todo anda a cambiar... e nós asistimos a esa mutación das mans de Calpurnia, a través das súas emocións, e dos ambientes sureños tan recreados no boa literatura nortemamericana.
No comezo de cada un dos capítulos recóllese unha cita do libro de Darwin, achegando horizontes.  
Esta é a primeira e premiada novela de Jacqueline Kelly que se publicou por primeira vez en 1.999. As ilustracións de Beth White coa súa delicadeza e acerto acompañan moi ben o texto.
Unha boa aposta!

24/5/13

Máis títulos arredor de RVB


Entre os que acaban de saír á luz, debemos ter presentes un baixo o título Roberto Vidal Bolaño editado polo Servizo de publicacións da USC, coordinado por Anxo Tarrío e outro do Consello da Cultura Galega na que se edita un facsímil de Ruada das papas e o unto con texto introdutorio de Inma López Silva.
Desta maneira, vanse facendo realidade os estudos arredor do autor ao que se lle dedican as Letras, e tamén a duración do ano, que non remata en 17 de maio.

23/5/13

Xogos muxicais


Edicións O Cumio, presenta Xogos musicais de Luís Prego, despois dos seus Para cantar e bailar.
Esta editora, especializada en música presenta así o traballo:
"Este traballo pretende afondar un pouco máis nos xogos, recitados e cancións para os máis cativos da casa, converténdose deste xeito nun libro entregado por completo aos xogos musicais iniciáticos. O tratamento das cantigas e recitados que compoñen este libro foron escollidos con moito cariño para que sexan un bo material didáctico para os pais, non se centrando exclusivamente na faceta artística. As músicas son doadas de asimilar, e facilmente reproducibles por pais e nais que non sexan grandes intérpretes ou cantantes profesionais, e as súas letras repetitivas e, maiormente, con temáticas infantís teñen como único fin que poñades todo este material en práctica e a viva voz, sen necesidade de darlle ao “play”. Contén un CD con 38 cancións."



22/5/13

PREMIOS DA AELG

 
Na seguinte páxina tes toda a información ao respecto. 
Congratulámonos polo recoñecemento á obra de Ledicia Costas O corazón de Xúpiter (como ganadora na modalidade de literatura infantil e xuvenil) da que xa nos fixeramos eco nestas páxinas. Unha novela xuvenil, publicada por Xerais en Fóra de Xogo, sen final feliz nin nada semellante.
Ledicia Costas que comezara a súa carreira dentro desta colección (con Unha estrela no vento, 2000), volve a ela ao tempo que publica a dúas mans con Tobaruela (Mortos de ningures, premio Frei Martín Sarmiento) ou escribe poesía, Xardín de inverno, en Everest. 
Quen dixo que a literatura xuvenil non podía ser triste? 

21/5/13

PREMIOS definitivos FREI MARTÍN SARMIENTO



Da páxina lg3 do Consello da Cultura Galega.
"O IX premio literario Frei Martín Sarmiento, que escolle o alumnado dos centros agrupados na Comisión de Normalización Lingüística de Escolas Católicas, ten xa gañadores. A Festa da Lingua que se celebrou o pasado 8 de maio acolleu a entrega destes galardóns a Xosé Tomás e María Solar por Vou ter un irmán na categoría de 1º e 2º de Educación Primaria. Para os alumnos de 1º e 2º de ESO os mellor libro foi Mortos de ningures, de Ledicia Costas e Pere Tobaruela, mentres que para na categoría de 3º e 4º de ESO e mais bacharelato impúxose O noso amor será eterno de X. H.Rivadulla Corcón".




20/5/13

HAS DE CANTAR ... MENIÑA


Onte cumpríronse 150 anos da primeira edición do libro Cantares gallegos de Rosalía de Castro, e 50 da celebración do Día das Letras Galegas instaurado pola Real Academia Galega, unha data para conmemorar cada ano! En tal día, tamén Murguía estaba de cumpreanos.
Rosalía pequeniña é un libro disco.
Da man de editorial Galaxia, coa voz de Uxía Senlle, coa colaboración de Sés, Isaac Palacín, Habelas Hainas ou Magín Blanco e con Sergio Tannus a cargo da gravación e da dirección musical, 
Coas ilustracións de Marina Seoane

16/5/13

Un ano de TEATRO. LETRAS para LER e VER.





Teatro para ler e teatro representado.
Unha das artes máis completas, aquela que admite e precisa da música, das artes plásticas, moitas veces da danza, e sempre, do movemento no escenario...
Teatro representado. Estes días, o de Roberto Vidal Bolaño. Un autor ao que volvemos neste ano e que nestes momentos nos ofrece Días sen gloria polo CDG, Criaturas por Teatro do Aquí (a derradeira compañía do autor das Letras) e BailadELAS por Teatro Antroido (a primeira compañía).
Celebrar as Letras indo ao teatro, centrándonos na obra deste autor que nos achega ao texto escrfito como dramaturgo, pero tamén á representación teatral onde desenvolveu todos os oficios.
Unhas LETRAS para ler e ver, para asistir a ao teatro, un lugar de encontro coa cultura e as amizades, para tomar un café á saída e comentar a obra.    

15/5/13

Libros sobre ROBERTO VIDAL BOLAÑO


Cada editora vai sacando á luz a súa achega ao autor das Letras.
Comezaran as Obras completas da man de Positivas, unha editora disposta mostrar todas e cada unha das pezas.
Camilo Franco, segue con Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño, un ensaio a modo de percorrido pola obra e a vida do autor, publicado por Biblos Clube de Lectores.
Laura Tato, da man de Toxosoutos, publica Roberto Vidal Bolaño. Unha vida para o teatro, na que a especialista na historia do teatro galego se aproxima a esta figura enmarcándoa no contexto do teatro galego da segunda mitade do século XX.
Da man da editorial Galaxia presentouse o libro DVD Un chapeu negro e un nariz de pallaso. Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño, de Montse Pena e Gonzalo Enríquez Veloso.
Edicións Xerais de Galicia publicou o obra do profesor, da Escola Superior de Arte Dramática, Roberto Pascual Rodríguez Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro que se centra nos múltiples oficios propios do teatro e nos que Roberto traballou incansablemente, e no que destacamos unha pequena selección de fragmentos de pezas que poden servir para abrir boca. 
Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro, escrito por Afonso Becerra de Becerreá, é  aposta de edicións Laiovento. Na mesma editorial podemos acceder a A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño de Xosé Manuel Fernández Castro. 
Roberto Vidal Bolaño, escritor escénico: estudios críticos seguidos da comedia "Anxeliños". Da autoría de Carmen Becerra e Teresa Vilariño, publicado por Tris Tram, en 2002
A propósito de Roberto Vidal Bolaño: carteis de Fausto para Teatro do Aquí, publicado por El Patito Editorial.
E máis obras que irán aparecendo ao logno do ano en curso.  

14/5/13

PREMIO COMPOSTELA DE ÁLBUM ILUSTRADO


O VI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado convocado polo concello de Santiago e a editorial Kalandraka recaeu na arxentina Mariana Ruiz Johnson (Buenos Aires, 1984).
A obra presentouse co título Mamá. Dela, o xurado destacou "a vitalidade, a forza e o manexo da cor dun libro que traballa un tema universal e especialmente próximo ao mundo da infancia", así como "o pequeno e logrado homenaxe que realiza a autora a grandes figuras da historia da pintura".
O xurado destacou tamén con mencións especiais os traballos Panda, de Marcos Guardiola Martín e mais Un día calquera, de Cristina Martín Recaséns.
Nesta convocatoria, foron 374 os traballos presentados, procedentes de 21 países, o que fala da repercusión deste galardón.  
Agardamos a súa publicación "como auga de maio"

13/5/13

Coleccións de Literatura Infantil (2)


¡A IGUALDADE tamén CONTA!
"A igualdade conta" é o nome da colección de libros destinados á infancia, que xira arredor do tema da igualdade entre homes e mulleres, e que está a publicar Edicións Embora.
Varios títulos están xa nas librarías: O País dos mandónsA urna dos desexosO segredo de Flora, Iriña bailarina, Teño dúas casas e Canto te quero, profe! Os textos son de Cristina Justo e Paloma Rodríguez e as ilustracións de Spela Trobec.
Libros escritos para que a rapazada se identifique con determinados roles, que non son os tradicionais. Libros escritos para que o profesorado e as familias teñan máis doado o tratamento dos temas da igualdade entre os sexos.
Libros escritos con ese propósito de normalizar situacións, de botar abaixo estereotipos e de situarnos ante un novo imaxinario que se debe facer realidade.





10/5/13

Novas coleccións de Literatura Infantil Galega



Hércules Edicións entra no mundo da literatura infantil e xuvenil, a través de dúas coleccións: "As Amizades de Hércules" e "Os Imperdibles de Hércules", que se publican simultaneamente en galego e castelán. Desta maneira, a editora recupera o seu nome para xunguilo a esta literatura, na que este personaxe mitolóxico sempre tivo un papel destacado.
"As amizades de Hércules" promete recoller biografías noveladas de personaxes recoñecidos polo seu prestixio en distintos ámbitos culturais (literatos, pintores, escultores, cineastas, arquitectos, músicos…) para achegalos aos lectores. Comeza coa historia do propio Hércules, que baixo o título Hércules e a máquina do tempo, preséntanos o medio co que este heroe planea viaxar por outras épocas e lugares para coñecer personaxes aos que presentará nas diferentes obras. Na primeira delas, Hércules visita a Álvaro Cunqueiro, podemos ver o traballo de Clara Arranz e Matilde María Varela Ben nos textos e  Kika Hernández nas ilustracións. Na segunda publicación, Hércules visitará a Ana Mª Matute.
A outra colección, "Os Imperdibles de Hércules”, ten como obxectivo recoller unha selección de obras da literatura universal, tanto en forma de adaptacións de clásicos, como de traducións. O primeiro dos títulos, O león e o pastor, parte dunha fábula de Fedro. O segundo, leva por título A Coroneliña. 









8/5/13

LIBROS QUE SON TESOUROS



Hai libros que son tesouros, por iso hai que recuperalos cando se descatalogan, como sucede con este que acaba de publicar Kalandraka, na súa colección Tras os montes.
Verdadeiros clásicos que han de pasar polas mans de toda a rapazada, por moitos anos que transcorran desde a primeira edición. Libros que non envellecen, como este de Imos buscar un tesouro de Janosh.
No subtítulo podemos ler “A historia de como oso pequeno e tigre pequeno buscan a mellor cousa do mundo”. Estes dous animais que xa forman parte do noso imaxinario, volven a visitarnos. Lemos os textos e observamos as ilustracións nas que cada vez descubrimos máis personaxes e máis historias que acompañan a principal e que tamén tratan da amizade, dos avatares da vida, da simpleza da felicidade cando tes alguén con quen compartir os días e os empeños, os golpes de boa e mala sorte, os obstáculos e a aprendizaxe do esencial...
Para non esquecer nunca aquela ensinanza “lonxe nunca é onde un está!”. E para seguir lendo os outros libros destes dous amigos: Correo para Tigre Que bonito é Panamá!

7/5/13

Producións TORRE BRANCA e PACO NOGUEIRAS




Todo un luxo!
Paco Nogueiras semella coñecer moi ben o mundo da escola, das celebracións cíclicas e cívicas, das necesidades que sentimos e dálle resposta. E ben que o fai! Na súa páxina aparece "A través das nosas cancións atoparás unha alternativa para traballar cos nen@s"
Da súa man paseamos por Meu mundo é, facemos as paradas correspondentes á festa de outono no Rap do magosto e No samaín,  á de Nadal con O apalpador,  á da paz con Apertas que voan, á do Antroido con O Antroiteiro e O Antroido move o corpo, ás de abril con Nun libro, ás das Letras con ese Espírito Vidal Bolaño que tanto agradecemos. Quedounos atrás Cos pés na Terra, unha chiscadela ao medio ambiente?
Escoitámolo e temos ganas de bailalo, si, con ganas e toda a alegría que merecemos e nos piden as festas.

6/5/13

Agasallos para adultos


Se houbera que agasallar ao pai, á nai, ao avó ou a avoa...  con algo que sabemos que lle vai gustar,  no día de (...), este podería ser un bo libro:
Cando sexades pequenos, co subtítulo “Conto para contarlles aos maiores antes de durmir”. Texto de Uxue Alberdi, ilustracións de Aitziber Akerreta e tradución de M. Rodríguez. Publicado por Kalandraka.
Dous mundos: o dos pequenos a toda cor e os dos maiores gris, a lapis.
Dúas maneiras de ver a realidade; neste caso, cóntannola os máis pequenos: está vista desde os seus ollos. Eles e elas, prométenlles un futuro divertido e libre a eses adultos que traballan, non teñen tempo, discuten, ... para cando cheguen a ser pequenos.
Atoparemos acertos tan interesantes como “Cando sexades pequenos, non veredes os telexornais, será a avoa quen vos conte como é o mundo” ou ese final “E ese gran día, cando sexades pequenos, aquí estaremos nós para coidarvos. Tranquilos! Se tedes fame darémosvos a teta, e se estades cansos, arrolarémosvos ata que adormezades”.
Un libro orixinal que nos fai lembrar aquel magnífico relato de Alejo Carpentier: Viaje a la semilla.

3/5/13

Segundas partes...


Acaba de aparecer, traducida directamente, do alemán ao galego, a segunda entrega da saga de Cornelia Funke (e Lionel Wigram): Reckless. Vida nas sombras.
A tradución é de Mª Xesús Bello Riva, e a editora é -de novo- Xerais, acompañando ao texto as ilustracións da mesma autora. Unha edición moi coidada, coa letra e o deseño que anima a ler, e a seguir facéndoo nas seguintes ocasións que a creadora nos reserve.
Continúa a historia de Jacob, pagando pola vida do seu irmán Will, na busca do pai nesa terra do outro lado do espello, sempre na compañía de Fox -a muller raposa- e á busca de tesouros (¿que outra cousa pode facer un cazatesouros?). Tesouros que ás veces son... a propia vida.
Un fragmento para facer boca e lembrarnos a riqueza dos contos clásicos que van e veñen ao longo da historia, a modo de mitos revisitados:
“Había tres anos que a emperatriz lle pedira a Jacob que buscase o Barabazul que levara unha das súas doncelas. Donnersmarck quixo ser o seu acompañante militar. A moza era a súa irmá. Atopárona nun castelo baleiro xunto a outras sete mozas, todas mortas, coma ela. O Asasino xa marchara. Buscárono durante meses e finalmente fíxoos caer nunha trampa da saíron con dificultade e, logo, perderon toda pista. Anos máis tarde, faleceu pacificamente na súa cama, rico e respectado, despois de asasinar seis mozas máis.
Os Barbazuis saían a cazar perfectamente afeitados para que a barba azul que lles daba nome non os delatase. Disque había unha ducia deles, pero Chanute xuraba que eran centos. Contábase que todos tiñan un antepasado común, un home de sangue negro e barba azul e negra que atopara o xeito de se realimentar do medo dos demais e con iso vivir eternamente. Os Barbazuis non mataban ata que se consumía ese medo.”
O primeiro, levara o título "Carne de pedra"

2/5/13

TEATRO PARA TODO O ANO. RECURSOS


Pode que sexa o momento de buscar os libros de teatro, todos eles, facer unha exposición e animar a lelo. Un préstamo rápido, unha lectura case de pé, unha escolla ao paso e falar de teatro. falar de se gusta ou non lelo, de se gustaría máis lelo en voz alta dándolle voz individualizada a cada un dos personaxes. Por iso, igual o primeiro é darlles a oporunidade de ler varios, de que cada un escolla o que máis lle gusta para facer unha lectura dramatizada co seu grupiño, que o discuta co resto do equipo, que escollan o mellor despois de escoitar as propostas de cada un, de facer presente o TEATRO. Incluso se podería representar a obra que teña máis votos das lidas en voz alta. É o momento de xogar ao teatro.  
Poucas actividades son tan divertidas!
Para iso, volvemos a lembrar editoras que o publican...
Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil BLIX
Premios de teatro:
Editorial Galaxia, na súa colección Árbore
...
(Ide engadindo os que faltan nos comentarios. Grazas!)
Engadimos un par de libros de autores que escriben arredor do teatro na escola:
Fina Casalderrey en Recursos teatrais para a expresión dramática na escola (7 pezas para representar)
Xosé Agrelo en O xogo dramático (de, con por, para nenos)
Deste mesmo autor, unha boa obra na BVG: O cartafol de Ruperto
A web de Norberto onde recolle obras para representar en infantil e primaria
E unhas propostas de Isabel Vázquez desde a biblioteca do CEIP de Quintela.