23/12/08

ÁRBORE MUSICONTOS



Acaban de saír os dous primeiros títulos desta colección de Galaxia: O debut de Martino Porconi e O prodixio dos zapatos de cristal. Nacen co obxectivo de introducir aos pequenos e pequenas na música clásica, e de facelo da man dos contos clásicos … tal vez porque clásico é todo aquilo que perdura sobre o tempo, que resiste o paso dos séculos demostrando o seu valor; e non é clásico por clasista e afastado senón por valioso e pleno de calidade. De aí que Galaxia una os contos de sempre coa música permanente, neste caso, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave. Álbumes de gran formato con Cd. Historias da autoría de Xosé Antonio Neira Cruz que realiza unhas versións moi libres e abertas dos contos de Perrault, que levan aos personaxes ata o mundo da música e os abren a novas realidades e visións. O debut de Martino Porconi está inspirado en Os tres porquiños e as súas respectivas casas. Un conto que todos recoñecemos conforme o tenor Martino vai rememorando o seu pasado antes de entrar en escena, e que nos fala de amizades entre seres moi diferentes. Está ilustrado polo Premio Nacional de Ilustración, Federico Fernández. A música é Les illuminations de Benjamín Britten, e a Sinfonía nº 9 en Mi bemol maior de Dimitri Shostalóvich. A historia foi narrada por Francisco Martínez Barreiro nos concertos didácticos do Auditorio. O prodixio dos zapatos de cristal inspírase en Cincenta e os seus marabillosos zapatos que só admiten os pes dunha muller especial, non pola orixe nin pola elegancia senón polo don que lle é propio. A nena, que nos conta a súa historia en primeira persoa, é unha inmigrante con vocación de cantante; a cincenta -primeira e verdadeira- non será esposa senón filla adoptiva dun rei que lle cede o trono, pero ademais, ao final do seu mandato retírase e o “feliz reino convértese en próspera república”, e todas aquelas que poidan calzar os zapatiños de cristal verán cumprirse os seus soños... A nena será cantante “porque nada mellor hai no mundo que poder ser o que unha quere ser até o final”. Neste caso as ilustracións son de Rodrigo Chao e a música La Cenerentola de Rossini. Tal como se recolle no libro, a historia foi narrada por Teresa Santamaría no Auditorio de Galicia dentro do seu programa de concertos didácticos. Unha idea orixinal que xunta o álbum ilustrado e a música, o clásico: música e contos, o texto e a ilustración en pé de igualdade, a gravación do texto do conto coa música intercalada por un lado e a música soa por outro, para poder traballar conxuntamente ou por separado ambas disciplinas. Unha idea na que, coa editorial, se implica o Consorcio de Santiago para abrir as portas da música aos nenos e nenas, da man do libro.

9/12/08

OS CINCO NARRADORES DE BAGDAD


OS CINCO NARRADORES DE BAGDAD Fabien Vehlmann / Frantz Duchazeau Factoría K de libros A banda deseñada de viaxe pola capital dos contos, pola cidade dos narradores, tan amada e soñada ao longo dos séculos. Factoría K achéganos esta historia traducida do francés. As boas historias, dísenos, son aquelas que sementan a dúbida, que desconcertan, que provocan e suscitan a inquedanza. Desas trata esta obra... Un vello diríxese aos que len / escoitan para facer o relato dos cinco narradores, el é un deles así que o que conta é de primeira man. O califa, que adoraba os contos, convoca un concurso a tres anos vista. Mil e un inscritos, o peor narrador será executado (ninguén pode facer perder o tempo a un califa) e o que consiga narrar a mellor historia recibirá as riquezas máis fabulosas. Os cinco máis prometedores terían que colaborar: Nazim que conta no mercado adaptándose ás expectativas do seu auditorio, Wahid que fascina aos clientes dos cafés con relatos desconcertantes, Tarek que foi rapaz da rúa e conta tan ben que a historia é o de menos, Anouar que é o máis brillante e menos amable e Ahmed que é fillo do califa e gusta dos contos tanto coma seu pai. Antes de comezar a viaxe, van ao adiviño. El anúncialles o que sucederá na viaxe, ao tempo que lles descubre que Wahid é Wahida e casará cun deles, que un deles atopará a historia perfecta pero será outro quen gane e, finalmente, que un deles morrería a mans do outro. Teremos que seguir lendo para descubrir se a profecía se cumpre, pero sobre todo para descubrir cales han de ser os ingredientes dunha boa historia e a integridade dun bo contador.

2/12/08

Frío, frío de Óscar Calato


Novela xuvenil narrada en primeira persoa por un adolescente en crise. A narración é compacta, coa espesura daqueles textos que necesitan contar moitas cousas e talvez non teñan demasiado tempo para facelo. Unha idea mesta repítese a modo de martelada: a dificultade da supervivencia. Para iso utiliza o símil das tartarugas: “Calcúlase que tan só o cero coma cero, cero un por cento do total teñen éxito nesa carreira vital –ou mortífera, segundo se vexa-“, nos informa, referíndose á carreira das crías ata a auga. Resistir ante todos os perigos cos que a natureza ou a sociedade rodea aos máis novos. O relato debulla as relacións: a incomprensión do mundo paterno, o afecto a proba de bomba polo irmán pequeno, o compañeirismo, a amizade, a profesora particular pola que se sente atraído, o curmán que ven de volta de todo, o primeiro amor e o primeiro desengano ... situacións típicas, comúns e cotiáns, coma a vida mesma ou coma as que se contan en moitas novelas xuvenís. Hai unha clave que o autor nos transmite, unha cita de W. Carracedo “O erudito cita aos autores que coñece. O home sabio cítase cos libros que ama”, e Calato cítase con Salinger e o seu magnífico vixía no centeo. A relación de Martín, o personaxe principal desta novela, co irmán pequeno semella brotar da mesma fonte, esa adoración e defensa por riba de todo, como o único limpo que se pode salvar desta barbarie. Martín, cos seus dezaseis anos, anda a construír a coiraza que lle sirva para defenderse dese mundo no que dá atopado o seu lugar. Un inadaptado que se rebela e que leva con el iso que nos agarra á novela, algo que non sabemos ata onde nos atrae ou nos renxe, esa crueldade asumida coa que trata ao amigo tímido e débil que o acompaña coma unha sombra, iso que en Holden Caulfield eran comportamentos autodestrutivos e aquí se converte en destrución do outro, en aras a non ser destruído. Unha novela, editada por Galaxia, coa que Óscar Calato entra na literatura para a mocidade.