24/6/10

O CORAZÓN DO XASTRE

Álbum da factoría OQO, ilustrado por Cecilia Varela e escrito por Txabi Arnal.
Despois dunha vida facendo traxes luxosos en palacio, o vello xastre sente un baleiro enorme no peito, como se o seu corazón non latera. Por iso, silenciosamente se vai unha mañá mentres todos durmen despois dunha noite de festa.

Percorre os puntos cardinais e vai atopando, nese camiño, xentes que necesitan dos demais: rapaces e mulleres que non teñen calzado, vilas a punto de anegarse, aldeas en guerra, mercaderes que perden a senda de volta á casa na noite, rapaces que se aburren porque o vento lles leva os xoguetes, lugareños que deben fuxir ante o risco da erpcuión dun volcán... e a todos eles axudará o xastre, coas súas agullas e fío, facendo mocasíns, cosendo as marxzes do río e facendo pontes colgantes de fíos, pechando cos costuras as bocas das armas, recortando e atando no ceo estrelas que alumbren a noite, cosendo papaventos ou as ás dunha bolboreta ferida...

A cada un destes lugares ía atando un nobelo "Se un día decidía regresar, o fío indicaríalle o camiño" .

O seu corazón latía.

Pero tal vez non haxa retorno... tal vez deba utilizar ese fío para despedirse...

23/6/10

O PINTOR DO SOMBREIRO DE MALVAS




O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro obtivo o premio Lazarillo 2009.

Unha historia que se sitúa nos últimos anos de Vincent Van Gogh.

Protagonizado por un adolescente convertido en narrador que acompaña ao pintor nos días de Auvers.

Dous seres atormentados que camiñan ao par con encontros e desencontros.

Os lenzos van aparecendo como espello nos que mirarse e mirar ao pintor de malvas e amarelos, ás xentes e paisaxes desa vila que asiste atónita á xenialidade mesturada co desequilibrio.

Un muchacho que medra na comprensión da vida a base de golpes e dor. A descuberta do amor e da morte. E a aprendizaxe da loita polo futuro: "(...) Eu tamén tiña que coller ese tren, tiña que marchar de Auvers para sempre..."

Un libro máis para o autor que está a recoller a meirande parte dos premios da literatura infantil e xuvenil escrita en galego, o último deles, o premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña.

4/6/10

INFORMA ...






Informa Kalandraka que catro dos seus libros foron seleccionados entre os máis destacados da literatura infantil e xuvenil internacional do ano 2010 polo xurado “Mellores Libros para Nenos e Mozos 2010” do Banco do Libro de Venezuela. Este premio que vai pola trixésima edición ven sendo un dos máis importantes do sector no ámbito de fala hispana e recoñece, neste caso… A viaxe do bisavó de Marta Farias e Aitana Carrasco (premio “obra orixinal”) Discurso del oso de Julio Cortázar e Emilio Urberuaga (premio “obra orixinal”) editado en galego, portugués e italiano por Kalandraka e en castelán por Libros del zorro rojo e Tecolote Estás na Lúa de Carmen Montalbán e Pilar Millán (libro entrañable) Lágrimas de cocodrilo de André François do selo Factoría K (mención “rescate editorial”) A historia do Rainbow Warrior de Rocío Martínez foi incluído na selección “Los tres imprescindibles de la biblioteca”.

1/6/10

«O armiño dorme», de Neira Cruz, obtén o premio ao mellor libro xuvenil do 2009 publicado no Brasil


Recollido en La Voz de Galicia do 31 de maio.

A novela O armiño dorme do escritor compostelán Xosé Antonio Neira Cruz ven de recibir o premio FNLIJ a o mellor libro xuvenil traducido e publicado no 2009, un galardón que se concede anualmente pola Fundaçao Nacional do Livro Infantil e Juvenil de Brasil seguindo o xuízo da crítica especializada brasileira.

Este prestixioso premio (equivalente aos premios nacionais aos mellores libros do ano) recoñece, por primeira vez, a unha obra da literatura galega.

Lembramos que O armiño dorme, publicado por Galaxia, xa acadara o premio Raíña Lupa da Deputación de A Coruña no 2002, e forma parte da lista dos White Raven a súa versión en catalán está incluída na Lista de Honra do IBBY e a versión castelá foi considerada polo Banco do Libro de Venezuela como un dos dez mellores libros xuvenís do mundo no 2008.

Un luxo para a literatura xuvenil galega!