2/8/13

Un proxecto fílmico arredor de Nimbos


Nimbos, é o título da obra poética de Díaz Castro, próximo autor homenaxeado nas Letras Galegas 2014.
Martin Pawley, Xurxo Chirro e José Manuel Sande son os artífices dunha iniciativa que publican en Acto de primavera.
Este foi o correo electrónico que enviaron a una seria de realizadores:
"O ano que vén dedicáselle o Día das Letras Galegas ao poeta da Terra Chá, Xosé María Díaz Castro, autor dun único volume publicado, Nimbos, que é un dos fitos da creación literaria en lingua galega no século XX.
Hai xa uns anos que tiven a idea de “promover” algún proxecto fílmico colectivo arredor desta obra, e a designación de Díaz Castro coma escritor homenaxeado pola Real Academia Galega en 2014 -ano, ademais, do seu centenario- é a escusa perfecta para finalmente botarse á tarefa.
A idea é ben sinxela: propoñémosvos a diversos cineastas que fagades unha peza curta, entre 1 e 5 minutos, asociada a un poema do libro. Non se trata de ilustrar o poema en imaxes, en absoluto, senón de crear unha obra cinematográfica nova que naza da lectura do poema. Cada autor que participe elixirá o(s) poema(s) sobre o(s) que quere traballar e a partir de aí, (case) total liberdade. Hai unha única condición, ademais do tempo: desbotamos expresamente o uso íntegro e literal dos poemas do autor, e recomendamos limitar o uso dos textos, se for preciso, a “algúns” versos soltos. (...)"
Os apuntados (por agora) son: Xurxo Chirro, Margarita Ledo, Eloy Enciso, Alberto Gracia, Oliver Laxe, David Castro Sopeña, Carlos Álvarez-Ossorio, Diana Toucedo, Juan Lesta, Belén Montero, Xacio Baño, Pablo Cayuela, Xan Gómez Viñas, Jaione Camborda, Víctor Hugo Seoane, Otto Roca, Alfonso Zarauza, José Antonio Cascudo, Ángel Santos, Manuel Fernández-Valdés e Eloy Domínguez Serén
“Para poñer en marcha algunhas cousas abonda un correo electrónico”, din. Sería bo telo en conta...

1/8/13

"Lectura fácil"









Da presentación editorial...
KALANDRAKA e BATA (Baión Asociación de Tratamento do Autismo, con sé en Vilanova) crearon unha nova liña na súa colección de libros de fácil lectura, dirixida a persoas con necesidades educativas especiais. “Nicolás va de compras” e “Nicolás cocina sin fuego”, que levan o selo Makakiños día a día e están ilustrados pola artista pontevedresa Alicia Suárez, son materiais complementarios -de coñecemento e experimentación- que axudarán no desenvolvemento da súa autonomía persoal e da súa intercomunicación co contorno ás persoas con Autismo, Disfasia, Síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
Con Makakiños día a día preténdese dar un salto cualitativo, proporcionándolles aos seus usuarios un material de gran valor informativo para uso cotiá, que lles resulte útil á hora de realizar por si mesmos accións tan habituais e necesarias como cociñar ou mercar. Como principal novidade con respecto aos anteriores álbums de Makakiños, as páxinas están encadernadas en espiral para facilitar o manexo dos libros, que inclúen pegatinas -a modo de diccionario mímico- para que poidan amosarllas aos seus interlocutores.
Os textos adaptáronse ao sistema de Símbolos Pictográficos para a Comunicación (SPC) desenvolvido por Roxana Mayer Johnson, que incorpora diferentes cores asociadas ás distintas categorías de palabras: amarelo para designar ás persoas; verde para os verbos; azul para os termos descriptivos; laranxa para os sustantivos que non pertencen a outras categorías; rosa para identificar palabras referidas a actuacións sociais; branco para artigos, cores, conxuncións, preposicións, adverbios.
Antes da existencia de Makakiños, os expertos de BATA elaboraban artesanalmente o seu propio material de apoio, a base de símbolos debuxados, fotografías recurtadas e outros elementos que compoñían a modo de ‘collage’ sobre papel.