29/12/09

PREMIO MERLÍN DE LITERATURA INFANTIL


O xurado do Premio Merlín de literatura infantil 2009 sinalou que Mil cousas poden pasar. Libro I "vai mostrando unha serie de pezas que acaban conformando de xeito totalmente natural un mosaico fermoso e único, construíndo un imaxinario propio e un mundo fantástico orixinal e novidoso, sólido e sen fisuras. Grazas ás pequenas (ou grandes) historias dos personaxes que habitan a cidade de Nil, descubrimos un universo que transcende os límites desta novela e que non recorre a tópicos anteriores da literatura infantil". Unha descuberta, a deste autor, que comezara a sorprendernos en A pedra e as formigas pero que agora asume un surrealismo pleno e divertido preñado de onomatopeas e ironía. O que tal pode pasar (no mundo dentro do mar e no mundo fóra do mar) só poderedes coñecelo despois de ler texto e ilustracións deste creador que traballa a dúas mans. Un gran acerto, desde o formato ao contido, desde o premio á evolución de Jacobo Fernández Serrano. Unha gran obra que esperamos continúen outros libros nos que sigan a pasar cousas. Xa non poderá defraudarnos!

22/12/09

LIBROS CON SEGUNDA PARTE



O Brindo de Ouro. II A Táboa da Hospitalidade de Xesús Manuel Marcos. 2ª novela da serie ambientada nas montañas orientais de Galicia que comezara con A chamada do Brindo que resultara premio Merlín de Literatura infantil no 2004. Literatura épica na que po ben e o mal se cruzan. Pobos (arxinas, alobres…) con gardiáns que vixían e meigas que len na natureza, con guerreiros e artesáns que loitan pola supervivencia… Unha verdadeira saga con orixinais personaxes e unha lingua rica e propia da zona. Recoñeceremos os lugares, pois como nos versos de Novoneyra os topónimos vanse plasmando na escrita. Poderosa 2. Diario dunha rapaza que tiña o mundo na man do brasileiro Sèrgio Klein. Tamén esta é a segunda entrega da serie protagonizada por Joana Dalva, unha adolescente coa capacidade de facer real todo o que escribe coa man esquerda. Pero a rapaza non é poderosa só por iso: a maneira na que se enfronta á súa realidade cun irmán pequeno, uns pais separándose e unha avoa enferma; unhas reflexións que nos fan pensar e unha forma de actuar con responsabilidade ante o mundo. Dous títulos que permiten continuar lecturas, acompañar uns personaxes xa amigos e fomentar a lectura entre adolescentes. Ambos na colección Fóra de xogo de Xerais.

15/12/09

OUTRO LIBRO DE NEIRA CRUZ, a ter en conta


Violeta non é violeta de Xosé Antonio Neira Cruz con ilustracións de Judit Morales (ganadora do premio Lazarillo e Nacional de Ilustración) Violeta non é violeta, pero sí o foi aquel primeiro día no que seu pai a veu desa cor e dixo: é violeta. Así llo contaron. Leamos: " (…) Porque, malia selo durante tan breve tempo, ela xa era Violeta. E ía selo para sempre. -Para sempre? -Si, para sempre. A palabra “sempre” parécelle enorme a Violeta. Parécelle que ten centos de es, cando en realidade, “sempre” só ten dous es. Un ao comezo e outro ao final. “Sempre" é unha palabra que Violeta nunca utiliza. Pero “nunca” é outra palabra que tampouco lle gusta demasiado. Endexamais lle poñería “nunca” como nome a ninguén. Aínda que fose a primeira palabra que un pai pronunciase no primeiro intre de vida de alguén. Ben pansado, tampouco lle gusta “endexamais”. “Nunca” e “endexamais” son palabras que só poderian dar nome ao tempo. E o tempo xa se chama tempo. Que se saiba o tempo non parece interesado en cambiar de nome.” Unha historia de sensacións e sentimentos, de sensibilidade extrema e identificación coa infancia. Unha historia na que irrumpen as novas formas de familia dun xeito tan natural como a vida mesma, onde se reflite a realidade, e a rapazada pode lerse sen sentirse estraña nin diferente.

4/12/09

MÁIS LIBROS CON PREMIO


O PUNTO DA ESCAROLA Subtitulada “Titiriópera en tres actos composta polo Mestre Choupín para ser representada no Salón do Trono do Real Formigueiro da Horta”. Unha peza teatral de Xosé Antonio Neira Cruz, con ilustracións de Marcos Calo, publicada por Baía Edicións. Na introdución á obra explícasenos que aínda coñecendo a súa existencia só se puido atopar a peza grazas ás investigacións do musicólogo Davi Zinho Cempés, que dou con ela encadernada dentro dunha revista de calceta, e aparece a definición da mesma como unha “titiriópera mordaz, absurda, acumulativa e deseñada contra calquera poder establecido porque si”. A continuación recóllense unha selección de críticas especializadas da época entre as que podemos ler a de Il Corriere Della Sera, CasaHamlet ou Le Courier de Casablanca. Unha presentación detallada dos personaxes é o pórtico de entrada aos tres actos da obra que se desenvolve nun claro da horta o no salón do trono porque tanto ten e todo seu porque.
Entre insectos e músicos, mentres tememos que a barbantesa acabe con algún inocente, asistimos aos diálogos entres as formigas obreiras que cargan e cargan… e as conversas de todo ese grupo de animaliños. Un ritmo trepidante salpresado de cancións e chiscadelas. Neira, que xa se fixera co premio Lazarillo con outra obra de teatro A noite da raíña Berenguela volve a retomar o xénero, neste caso cunha obra para títeres coa que acada o premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques 2008.

1/12/09

CANTOS DA RULA


Cantos da rula, un libro de poemas de Concha Blanco publicado por Edicións do Castro, empresa fundada por Isaac Díaz Pardo.

Despois de Pepe Cáccamo con Lúa de pan, Helena Villar con Na praia dos lagartos, Marica Campo con Abracadabras, aparece este poemario que acada o Premio Arume de poesía 2007. Un premio a libro de poesía infantil, unha rareza que merece recoñecemento, pois é a Fundación Neira Vilas, unha institución á que non lle sobran os cartos quen o fai e o mantén. Un manchea de poemas escritos por unha autora que normalmente escribe narrativa, pero que aquí se descubre como creadora de versos para ler e gozar, para reler e xogar aos contrarios ou a adiviñar, como veremos no poema que recollemos como aperitivo. As ilustracións semellan feitas a bolígrafo azul, situadas entre os debuxos infantís clásicos dunha época e as propias de Vizoso co aire de sempre, lembrando a Seoane, o Vizoso que recolle a tradición. Adiviñas: Xoguemos a descubrir cos sinais que eu vos dou, adiviñas moi sinxelas saídas do corazón. Pican como ortigas. Formigas. Fan furados nas hortas. Toupas. Bate no corazón un montón. Corazón. Cola de peixe e melena. Serea. Son cen... cocéndose na perola. Centola. Para o caloroso e o frioleiro. Sombreiro. No ceo brillando, vela. Estrela.

23/11/09

UN GRAN SOÑO


Trafegando ronseis envíanos o seguinte comentario:

Un gran soño, escrito e ilustrado por Felipe Ugalde e publicado por Kalandraka.
Un relato moi sinxelo, apenas unha frase por páxina, que fala de ambición, de facerse grande a costa do que sexa, ata que o protagonista, un crocodilo famento de fama, topa algo ou alguén máis forte, e aínda así, prefire enfrontarse. Ou quizais o único que quere este simpático animal é converterse en estrela, porque todos envexamos o Universo.
As ilustracións son impresionantes, dominan o libro con total fereza e ao mesmo tempo sutilidade. Chaman a atención os contrastes de cor e a magnitude do debuxo.
En fin, un álbum para recrear a vista.

18/11/09

CAPITITÁN CALABROTE

De parte de Trafegando ronseis:
Capitán Calabrote é un conto "clásico", ou o que entendemos por clásico no sentido máis xeral do termo: un conto que vai de piratas, de illas desertas, de tesouros agochados, de amizades... E sobre todo vai de xenerosidade. Porque o protagonista desta historia anceiaba sobre todo a soidade na súa propia illa e acabou comprendendo que é mellor compartir que loitar.
O mellor da historia? Que baixo a temible aparencia dun pirata malo, malísimo, agóchase a figura dunha persoa de nobre corazón.
As ilustracións... en fin, novamente, teño que dicir que me encantan: dominan absolutamente o texto grazas ás fortes cores e ao movemento que transmiten.
Un mundo exótico para soñar. Así é Capitán Calabrote de Alberto Sebastián, ilustrado por Carles Arbat, editado por Kalandraka.

16/11/09

PICURRUCHOS


Trafegando ronseis envíanos o seguinte comentario:

Fermoso álbum de OQO, tal como adoita suceder.
Picurruchos de Mar Pavón con ilustracións de João Vaz de Carvalho, fálanos do absurdos que somos cando decidimos prohibir algo que non se sustenta en ningunha base fiable.
O libro rebosante de humor non xoga tan só coas ilustracións senón tamén coa tipografía e coa achega dun narrador que decide inmiscirse para poder rematar con ironía a historia.
Como ningún de nós saberá seguramente que son os "picurruchos", o ilustrador resólveo debuxando unha especie de vermes luminosos de aparencia máis simpática ca outra cousa. Un símbolo máis do sentido do humor que se desenvolve no álbum.
Por suposto, unha ensinanza: que se non sabemos o que comemos mellor nos gustará... fóra prexuízos!

9/11/09

A illa dos cangrexos violinistas


Trafegando ronseis pásanos o seguinte comentario:

Fermosísimo álbum, fermoso texto e fermosas ilustracións: así é este libro, A illa dos cangrexos violinistas, con texto de Xavier Queipo e ilustracións de Jesús Cisneros editado por OQO.

Unha nena que ansía saber. Lembranza de que sempre temos algo novo que aprender. Respecto á vellice. Natureza en estado puro. Estes e outros son os temas que nos propón a lectura deste texto, tan ben acompañado por unha ilustración estilizada, maiormente humana, elegante, con fondos mixtos de cor, agochados case baixo a importancia do representado.

Chegaremos á conclusión de que tan importante é o sabido como o que nos falta por aprender, nunha retroalimentación entre maiores e nenos que nunca debe rematar.

As imaxes son poesía, como poética é a historia onde a natureza animal cobra protagonismo polas súas accións, sempre ao servizo da personaxe principal.

2/11/09

MARTA TEN A SOLUCIÓN


Marta ten a solución de Ana Mª Fernández con ilustracións de Patricia Castelao, publicado na colección "Os duros de Árbore" da editorial Galaxia.


É un libro que trata de libros: Conto Novo quere ter a mellor historia, con ese obxectivo pon un anuncio para buscar a mellor personaxe; van chegando uns detrás dos outros: un caracol, un coello, un lobiño, un elefante, o pirata Matamares, ... e a todos rexeitaba porque van morrer e el busca un inmortal, un personaxe tan bo que non poida morrer. Os veciños considéranno un fachendoso pero Marta, unha nena, di que ten a solución para esa busca; lévao á biblioteca da casa da cultura e ensínalle os ollos dos nenos que están a ler.


Leamos con eles: “- Cando abrimos un libro os personaxes que están adormecidos no seu interior espertan e volven contar a súa historia unha e outra vez sen se cansaren nunca. - Non entendo o que me queres explicar. -Pensa no personaxe de Carapuchiña Vermella, no do Lobo, no do Gato con Botas... Cres que morrerán algunha vez? Ningún protagonista dun conto morrerá se ten lectores que o lean. Entendes agora o que trato de explicar? -Coido que tes toda a razón. Estou perdendo o tempo en escoller un protagonista inmortal e non existe... -Pero si existen historias inmortais. Debes inventar unha fermosa historia e seguro que nunca morrerán os seus protagonistas.”

30/10/09

FIZ, O COLECCIONISTA DE MEDOS















Un álbum de Fina Casalderrey, ilustrado por Teresa Lima e publicado en OQO.


Unha obra sobre os sentimentos e as emocións:





Que facer cos medos?

Sufrilos? Sumalos? Coleccionalos?

Comeza Fiz padecéndoos, tendo medo á escola, aos monos, ... incluso a si mesmo cando non se recoñece. A avoa dálle unha idea: "Se coleccionases todos os medos que tes, serías o campión do mundo".

E Fiz vainos metendo nun baúl. Como o baúl é grande tamén pode meter os dos seus amigos. Asústanse cando o abren e os ven pero mátanse á risa cando pechan a tapa.

Así descubrimos que a mellor terapia contra os medos é rir. Cando o corpo ri os medos teñen que saír, non lles queda outra.

Que facer cos medos? Rir!!!

27/10/09

"ÁS DE BOLBORETA" de Rosa Aneiros


Ás de bolboreta de Rosa Aneiros. Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2009. Aquel día de xuño no que Rosa Aneiros nos acompañou falando de clubs de lectura aínda non se fixera público que era a ganadora do Premio de Literatura Xuvenil e do Premio Xerais de Edicións Xerais de Galicia. Falaba ela de encontros con lectores e lectoras, de como os libros lle pertencen tamén a quen os le, deixando de ser propiedade da autora... falaba Rosa Aneiros deses personaxes que nos acompañan a unhas e outras xa para sempre. Agora entréganos nestas Ás de bolboreta as vidas dunha xente que vai e ven por unha cafetería adiante. Un bar “Luzada” rexentado por unha moza que como centro dunha circunferencia atende aos parroquianos, aos de aquí e aos de alá, ao avó co neto vido de lonxe e ao malencarado que observa aos fillos que xa non lle pertencen mentres camiñan cara á escola, á que fai a limpeza e ao que conduce o taxi, ao paquistaní e á nixeriana... todos entran e saen nese bar e, a través dela, tamén coñecemos aos donos enfrontándose á enfermidade e á vellez. Unha cámara fixa –ao estilo de Smoke - semella situarse nese edificio para dar unha visión complexa dun mundo de mestizaxe no que coinciden os que foron emigrantes antes e fóra cos que están chegando desde diferentes lugares. Un espello no que se reflicten os rostros e os problemas dun presente convulso.

8/10/09

A DAMA DA LUZ

Trafegando ronseis pásanos o seguinte comentario:
Fermoso libro, fermoso texto, fermosa historia, fermosas ilustracións. A dama da Luz de Agustín Fernández Paz, ilustrado e ideado por Jorge Magutis, é unha xoia bibliográfica que debemos ter nos nosos andeis. Para abrila de cando en vez. Para deter o esquenzo de historias máxicas.Unha historia fantástica que conta a loita perenne entre o Inverno e a Primavera, -seres fantásticos que viven nunha vila mariñeira moi diferente á que existe actualmente- da man do avó de Marta, protagonista e gardián dun segredo do pasado que relata agora con tenrura á súa neta para que esta comprenda a transformación e a ledicia do entendemento. Porque a vida tamén sabe ofrecer marabillas, como esa flor que descubrirá a nena nunha fenda, unha flor que é quen de medrar entre o asfalto como triunfo da natureza. E que é a fin dun relato marabillosamente nostálxico.

Un álbum de Xerais.

2/10/09

MAKINARIA


MAKINARIA de Carlos Negro, publicada na colección Fóra de Xogo de Xerais. Despois daquel marabilloso poemario As laranxas de Alí Babá co que nos introducía da man da ternura nun mundo de referencias infantís e cunqueiráns, trouxéranos Far west situándose neste oeste lonxano, apartado de todo e perto de nada, abrindo fiestras a mundos que haberá de transitar. Con Héleris acadara o VII Premio de Poesía Johan Carballeira do concello de Bueu. E agora, revisítanos con Makinaria, un título que trae ruído de metal para petar nas consciencias ou nas emocións. Poesía actual. Poesía para adolescentes.Poesía a modo de esconxuro contra a morte. Poesía que ten moito de máquina, de motor, de goma, de música que abrouxa e de explotación (na produción e no consumo). Para que cheguen a vellos, para que sobrevivan aos fins de semana, ás carreteiras na madrugada e ao presente. Ese é un mestre, tal como xa tiña demostrado noutras ocasións e noutras actividades. Leamos:

MAMÁ CARME A ver agora quen lle conta á vella que o rapaz da casa, a meniña dos seus ollos, foise, foise de vez, antes ca ela.

28/9/09

O incrible neno devorador de libros


Trafegando ronseis pásanos o seguinte comentario:

Coma ocorre cos álbums ilustrados, a aparencia de libro infantil non significa que este o sexa, cando menos, exclusivamente. Porque O incrible neno devorador de libros, de Oliver Jeffers, traducido por Laura Sáez coa colaboración de Óscar Villán, non é tan só un álbum. É a primeira aposta dunha nova editorial cun nome tan suxerente como "Patasdepeixe", e é un libro que nos convence -se de cumprir for- da diversión que produce a lectura e dos seus beneficios. Porque un neno come libros e faise máis listo... ata comprender que o mellor é lelos.

Un libro para ler, reler, ollar, disfrutar... e comer!

25/9/09

CHAMÁDEME SIMBAD


Francisco Castro sorpréndenos cun novo libro que continúa a estela de Un bosque cheo de faias e O ceo dos afogados. Chamádeme Simbad, vai dirixido a un lectorado máis infantil e aparece publicado na colección Árbore de Galaxia, con ilustracións de Manel Cráneo. Retomamos, unha vez máis, ese personaxe tan querido de nós, Simbad, que nos remite á primeira literatura, a Cunqueiro e a todos os que compartimos ese mundo que navega entre oriente e todos os mares. A enfermidade do avó e os soños e mundos compartidos co neto; a importancia desa relación que pode atalos á vida e a recuperación da tradición que fala de que só recibirás o que estás disposta a dar. Por ese imaxinario nos movemos. Leamos: “(...) “Eu xogaba ao fútbol no patio de debaixo da casa, con María e con Xavier, o seu irmán pequeno (só ten tres anos. É moi pequerrecho e sempre anda enredando nas nosas cousas, meténdose polo medio e enleándoo todo. Deixámoslle xogar, sobre todo porque rebenta a chorar se non lle deixamos, e non cala, o moi testán, ata que llo permitimos, pero é moi malo coa pelota, que é máis grande ca el. Xoga tan mal que non lle mete un gol nin ao Arco da Vella e sen porteiro). Estabamos ao final do noso Campionato Mundial de Fútbol no Patio cando chegou o carteiro. Chamou a todos os pisos, como fai sempre, para que alguén lle abra o portal e poder deixar as cartas nas caixas de correo. Entrou e nós seguimos xogando o noso partido. Coido que ía gañando eu por dezasete a cero. Por moitos goles. Despois duns minutos, o carteiro saíu. Cunha man tiraba da bolsa amarela onde levaba as demais cartas do resto da xente, os paquetes e todas esas cousas coas que andan os carteiros cargados todo o día. Na outra man, traía unha carta. - ¿Alguén de vós sabe onde vive un tal Simbad? (...)”

21/9/09

AS PALABRAS ESTÁN A MIRARSE ARREDOR DA MESA

Un novo libro de Antonio García Teijeiro.
Un novo libro de poemas para adolescentes.
Publicado por Everest Galicia, na colección Punto de Encontro, cunhas ilustracións moi suxestivas de Xosé Cobas, que comeza traballando o papel, o fondo da páxina, para continuar coas ceras raspando liñas ou debuxando obxectos, achegándose nalgún caso ao realismo, introducíndonos moitas veces na arte do deseño, pintando palabras de amor, experimentando con diferentes estilos… pero buscando sempre a creatividade do lector que completará a significado das imaxes, que as relacionará con outras… igual que terá que facer cos poemas. Un xogo en paralelo, entre o ilustrador e a tradición, entre o escritor e as súas lecturas.
Un libro para ler e mirar.
Catemos:
Ser poeta é
unha desculpa
para poder dicir,
como Pedro Salinas:
“Serás, amor,
un largo adiós que no se acaba?”
no canto
dun simple
“non sabes, amor, como
te
quero”.

16/9/09

A ARAÑA E MAIS EU


Trafegando ronseis continúa achegándonos comentarios:
A pesar de que unha araña pode tirar para atrás aos posibles lectores, xa que non é un becho moi querido, o libro, un álbum ilustrado fermosisímo, invita a ser aberto.

Fran Alonso consegue en A araña e mais eu un achegamento delicado ao corpo humano, comparando cada unha das partes dese fermoso corpo infantil a unha froita diferente.

A última páxina "Desapareceu tecendo unha corda de amizade" case me fai esquecer o noxo que lle teño a eses animaliños. Un día alegre, de súpeto, una araña gorda e fea... brincou desde o ceo para aterrar no meu corpo. A descarada, primeiro explorou unha deda do meu pé, avultada coma un kiwi. Logo, subiu aos meus nocellos, rugosos como a pel dunha mandarina.

Un libro de Kalandraka, froito da colaboración entre Fran Alonso e o fotógrafo Manuel G. Vicente ; unha nova aventrua que nos lembra o proxecto anterior A casa da duna publicada por Xerais

7/9/09

Historia da resurrección do papagaio


De novo, a través de Trafegando ronseis, chéganos este comentario:


Unha lenda brasileira -unha historia sinxela, como boa lenda que se precie- recuperada por Eduardo Galeano que explica a orixe da cor das plumas do papagaio. O texto encerra a tristura do mundo cando aquel afoga. E as ilustracións de Antonio Santos axudan a que os lectores nos conmovamos máis con esta historia rotunda e delicada. Unha ilustracións diferentes, xa que o seu artífice as constrúe primeiro en esculturas de madeira para logo fotografalas e logar que nos mergullemos extasiados nelas, tan cheas de cor e de vida.

O papagaio caeu na pota que fumegaba (...)

e afogou na sopa quente.

A nena, que era a súa amiga, chorou.

Por fin o home recuperou a fala,

e contoumme que o papagaio afogara

e a nena chorara

e a laranxa espírase

e o lume esmorecera

e o muro perdera unha pedra

e a árbore perdera as follas

e o vento perdera unha refolada

e a fiestra abrirae o ceo ficara sen cor

e o home sen palabras.

A morte do papagaio encheu de tristura, tanto, que ata o ceo o soubo. Le o libro e saberás que pasou!

Publicado en galego por Kalandraka, e en castelán, por Libros del zorro rojo.

4/9/09

O león Landinga


"Trafegando ronseis" remítenos a seguinte entrada:




Este conto tradicional africano amosa o poder da intelixencia -personalizado nunha lebre- sobre a forza bruta -o león depredador-; como bo conto oral ensina como a avaricia ou o egoísmo non son bos conselleiros: "se tes, comparte". A ilustración feita por Elisa Arguilé é impresionante, predominando as cores cálidas, o vermellos sobre todo, e con trazos e proporcións que lembran pinturas primitivas; con estes debuxos viaxamos máis facilmente a eses lugares tan afastados onde domina a natureza animal. Boniface Ofogo, o autor, escoitou a historia por primeira vez cando tiña tres anos, en Camerún.

Un novo álbum de Kalandraka.

2/9/09

PEDRA, PAU E PALLA.


De "Trafegando ronseis" pásannos este comentario.


O libro, Pedra, pau e palla, adaptado por Ana Presunto e ilustrado por Josep Rodés, é un conto popular ruso que nos lembra a Pulgariño. As ilustracións son "rotundas", ocupando case toda a dobre páxina. Coma naquel conto, o pai sae da casa deixando tras de si unha pegada feita con diferentes materiais; pero, ollo!, hai un oso máis listo que sabe como reter ás fillas deste home que semella non dar moita seguridade. Iso si, como bo conto que se precie, remata coa imaxe da felicidade de toda a familia xunta e triunfadora.


De OQO e para a infancia.

7/8/09

SELECCIÓNS POÉTICAS


Poesías escollidas baixo o criterio que se queira, antoloxías elaboradas por especialistas ou por simples lectores que aprecian o verso; benvidas todas elas porque nos achegan voces que doutra maneira tal vez non chegarían a todos. E por aquí andan estas dúas editadas por Factoría K: unha de Unamuno (Miguel de Unamuno. Selección poética con ilustracións de Artur Heras e edición de Antonio Rubio y Federico Martín Nebras) e outra de Gabriela Mistral (Gabriela Mistral. Selección poética con ilustracións de Paloma Valdivia e edición, tamén, de Antonio Rubio y Federico Martín Nebras), para que a rapazada os lea na súa lingua de orixe, igual que le aos poetas galegos e pode ler aos portugueses na súa. Lela baixiño, para dentro. Lela en voz alta, declamándoa. Saboreala. Escoitala. Pedirlle a alguén que nola lea para que a gusto sexa dobre e o pracer maior. Tamén é tempo de poesía.

5/8/09

AUTOR DE CÓMIC de visita nun club de lectura


David Rubín (Ourense, 1977), autor de El circo del desaliento e La tetería del oso malayo visitou o club de lectura "Os trasnos dos libros" deixándolles este pequeno texto, que transcribimos:

"Ola!

Antes de nada, quería darvos as grazas por ler a miña obra, pois a lectura -e a relectura- é o que mantén vivos os libros.

Agardo que desfrutárades lendo "La tetería del oso malayo", para min foi toda unha aventura levar a cabo este libro, deixei moito de min nel, é coma un anaco do meu corazón, por iso éncheme de ledicia cada vez que alguén abre as súas tapas e faise partícipe das alegrías, os medos, a paixón e a desesperanza que eu volquei nesas páxinas.

Se xa sodes lectoras habituais de tebeos agardo que esta lectura a gardedes na mente e no corazón durante moito tempo, se polo contrario "La tetería..." foi o voso primeiro achegamento ao mundo do cómic desexo que fora para vos unha experiencia pracenteira e que quedarades con gañas de repetir, tanto lendo outras historias miñas como calquera outro dos marabillosos tebeos de calquera outro autor que hoxe en día podedes atopar con facilidade.Mil grazas por camiñar da miña man nesta aventura, a tetería de Sigfrido estará sempre aberta para vos.

Un bico!


29/7/09

NOVONEYRA para a infancia





Gorgorín e Cabezón ilustrado por Quintana e Vázquez




Tres relatos dun poeta.


Tres obras para a infancia nos que se adiviña o mundo do poeta da montaña. Ímolo vendo nos animais (corzos, lobos, xabaríns); atopámolo nas palabras e na sonoridade que as acompaña; están no escenario desa serra do Courel, na paisaxe plagada de covas e ríos ou nos personaxes míticos coma o home do saco e as lendas como a da moza amiga dos animais que recibe o nome de Ilda; está no vocabulario que a modo de glosario acompaña a historia...


E estará na poesía que o profesorado irá seleccionando para que a rapazada o coñeza, para que a diga en voz alta sentindo na boca que a fonética tamén é poesía e a lingua é voz, para espertar sensibilidades e gozar dos versos.

21/7/09

NOVONEYRA, Letras Galegas 2010


A Real Academia Galega tomou a decisión e poucas veces recibirá tantos parabéns por un acordo, pois haberá máis autores e autoras que o merecen (que é certo) pero el ... tamén, e canto antes mellor.


Traer á actualidade unha voz como a de Novoneyra, cando aínda non hai tanto tempo que podíamos escoitala, é un luxo e un gusto. Poder achegarlla á rapazada para que a goce, poder lembrala; volver a ler - mirar as súa caligrafías e dicir en voz alta eses que semellan pequenos versos - poemas nos que se agacha un mundo que é o noso...



Neso andamos recuperando a voz da montaña.


E con ela chega algún que outro libro que escribira para pequenos. O primeiro deles, este O cubil do xabarín, con ilustracións de Quintana Martelo nesa primeira intervención na literatura infantil e xuvenil galega, os dous estreándose. Unha iniciativa que debemos a Xulio Cobas que por aquela dirixía a colección Ala Delta e traballaba arredor da literatura infantil e xuvenil galega. Tamén a el lle debemos un recoñecemento merecido.

17/6/09

UNHA OBRA DE TEATRO


Restaurante Farruco de Chus Pereiro, a quen lembramos por aquela outra peza teatral ¡Mamasiña que medo!.


Chus, ademais de escritora é unha profesora á que lle gusta facer teatro co seu alumnado, e iso nótase. Cando les as súas obras imaxinas o ben que o pasan os pequenos e as pequenas traballándoas / xogándoas.


Neste caso, sitúanos nun restaurante. Unha parella acude a celebrar o seu aniversario e o rei a comer. Uns piden con medo -atentos ao prezo- mentres o outro se deixa aconsellar, pero aínda así xantar vaille resultar pouco doado, pois os alimentos están vivos e pouco dispostos a deixarse engulir ou manipular.


Unhas rimas que nos enchen de ledicia, uns personaxes ben definidos e con ganas de troula, unha obra para ler e representar.


Xan López Domínguez dálle moi ben o contrapunto cunhas ilustracións para non esquecer. Un traballo feito con ganas e sen avaricia. Pasen e vexan...!


Tal como pasara co Ramón Lamote de Paco Martín, que existía e podía viaxar a Lugo, restaurantes Farrucos hai varios espallados polo mundo, miremos nesa enciclopedia aberta que é internet e viaxemos desde Betanzos a Barcelona, de comedor en comedor...

8/6/09

O HOME QUE PRANTABA ÁRBORES


En galego, nunha tradución de Ánxela Gracián, na Editorial Galaxia, publicouse este magnífico libro de Jean Giono, con ilustracións de Jacobo Fernández.


Del fíxose eco o blogue da biblioteca escolar do IES Macías o Namorado recollendo dous recursos de grande interese.

Un libro que fala do valor dunha vontade decidida, a vontade dese home sinxelo e solitario que prantaba árbores como un acto de amor á terra e á humanidade. Un empeño férreo que fai cambiar a paisaxe.


En consecuencia, fálanos da nosa capacidade para transformar a realidade por moi imposible que semelle, por moi impotentes que podamos sentirnos. Prantando árbores, de esas que tardan en medrar e se sementan pensando no futuro que talvez non vexamos, e lendo libro a libro, páxina a páxina, ... para facerse lectores responsables, tamén coa terra.


Un pequeno gran libro para todas as idades.

4/6/09

GUNDAR E O CABALO DE OITO PATAS


Unha “videoaventura” editada pola Asociación Cultural Monte Branco e a Deputación da Coruña arredor do libro de Xelucho Abella Chouciño, con ilustracións de Josep Gual, do mesmo título. A historia deste neno, Gundar, publicada na colección O Trolebús da editorial Casals, está situada na beiramar de Bergantiños, nos tempos da revolta irmandiña, alá polo século XV. E nesa historia baséanse os xogos que se nos propoñen no CD. Unha maneira de darlle voltas á literatura, de motivala ou de seguir dentro da historia unha vez rematada a lectura. Animación á lectura a través do cd interactivo. Baseado no libro...

26/5/09

Soños de andel. Soños de papel. Soños de libro.


Soños de andel de Susana Lamela con ilustracións de María Lires. Publicado na colección Ala Delta de Tambre, trátase dun libro que fala de libros e de lecturas. Comeza así: “Lepouco é un val. Lemoito é unha vila. No val de Lepouco está Lemoito, xusto no medio do camiño entre Lerasveces e Leracotío. As distancias entre as vilas son curtas, un chega axiña dun lado ao outro, só ten que estar disposto a percorrer o fermoso camiño que vai entre Lerasveces e Leracotío. E pega a pena.” Pois si, vai de lugares con nomes que nos interesan moito e que nos deixan coas ganas de saber algo máis acerca deles. E tamén de bibliotecas e libros. Libros que teñen sentimentos, que se senten sos ou con ciumes, e que poden ser felices se unha rapaza os baixa do andel e se empeña en levalos de viaxe ata a súa casa. Porque, imaxinemos: Que senten os libros cando están aí quedos, pousados nos andeis? Que lles pasa pola cabeza cando ningunha man os agarra? Que pensan cando alguén os colle de calquera maneira e os manca?...

Aí están os libros dispostos a contarnos mil historias e algunha delas acerca deles mesmos. E aí, unha escritora e unha ilustradora dispostas a achegárnolas.

19/5/09

OS DUROS DE XERAIS (2)


Ademais de A NOITE D’O RISÓN de Gonzalo Moure e O ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR de Agustín Fernández Paz un novo libro:


O pequeno señor Paul de Martin Baltscheit. Ilustracións sinxelas, a dúas cores e moi expresivas de Ulf K. Traducido por Patricia Buján


Entre libros… O primeiro capítulo titúlase “Os libroeiros” e comeza así: “Cando o pequeno señor Paul era un señor Paul aínda máis pequeno, vivía nun mundo cheo de libros. A casa dos seus pais estaba de arriba abaixo chea de libros. Había libros no salón, mesmo no faiado había libros en andeis. Poderíase pensar que a familia Paul vivía realmente nunha biblioteca. Mesmo algúns dos mobles eran libros. Había tallos feitos de libros, unha butaca de libros,e co atlas enorme do avó fixeran unha mesa. Dependendo da páxina por que estivese aberto, a familia podía almorzar en América, cear en África ou tomar café na Lúa. Lían durante o día, quedaban durmidos cun libro sobre o bandullo e, antes de se diciren “bos días”, xa leran un capítulo. (…)". Vai de libros, de casa con libros, de libroeiros que medran na horta, de libros malos cos que facer compost, de diferentes finais de historias dependendo do lector, de lectores á busca de editor/autor que determine un final... Interesante, moi interesante, especialmente aquel outro capítulo titulado “A obra de arte” e... o resto do libro. Non o perdades!

11/5/09

OS DUROS DE XERAIS


No labirinto do vento de Marina Colasanti, ilustrado por Carmen Segovia (obra seleccionada na Feira Internacional de Boloña de 2002) e traducido por Mercedes Pacheco. Contos de fadas, princesas, unicornios e demais fauna marabillosa, obxectos e espazos que desde sempre acompañaron o inexplicable coma o espello, o reflexo, o pelo, o labirinto; o vento coa súa carga de loucura e absurdo, o tempo; o soño e o sono... Son contos dos de sempre pero doutra maneira, contos de autora que vai un pouco máis lonxe coa imaxinación e o misterio, contos que introduce no surreal e xogan a partir da tradición dándolle unha nova volta de torca. Dise na presentación que a obra desta autora foi admirada por escritores co mo Julio Cortázar e enténdese moi ben a razón, pois máis dunha vez os imaxinarios de ambos poden entrar en contacto. O libro que reúne dous anteriores Unha idea completamente azul e Doce reis e a moza no labirinto do vento, ten acadado o Gran Premio da Crítica e o Premio da Fundación Nacional do Libro Infantil e Xuvenil, en Brasil. As ilustracións achegan unha recreación das historias no mesmo plano, desde unha óptica que parte de compartir unha mirada. En canto ás técnicas vai alternando as sombras ou baleirados nunha cor, os debuxos en branco e negro que lembran as imaxes dos vellos libros introducindo o desconcerto de personaxes que a medias son paxaros ou leóns, e os colaxes nos que se unen as técnicas anteriores con outros compoñentes. En canto ao contido faise presente o misterio e a presenza de personaxes actuais ilustrando contos que pertencerían á tradición, rapazas con roupa á moda, unicornios que son nenos con disfrace ou reis que no deixan de ser rapaces en roupa deportiva. Unha boa mestura da realidade actual coa tradición marabillosa.

5/5/09

XARDÍN DO PASATEMPO


Para falar deste libro, quero recoller as palabras dun editor, Ignacio Chao, que segue a exercer o oficio como a arte que é ... para mostrar libros de autor (Ramiro Fonte) e de ilustrador (Jacobo Muñiz), pero tamén libros de editor.


"Á parte das súas virtudes estilísticas e da escolla dos temas (outra vez o diálogo entre tradición e modernidade, unha das marcas da súa obra), valoro nel que sexa un libro non para unha categoría ou unha franxa da infancia, senón verbo dunha categoría da infancia. Tamén, como a súa triloxía narrativa, é un libro de memorias de cativo. O libro do neno que habitaba no corazón do adulto. O primeiro poema, "Xardín do pasatempo" está entre os mellores da súa obra. É unha declaración de intencións e propón o panorama moral de todo o libro: a idea de que a infancia é o espello da identidade de cada un. Pero tamén pola simplicidade do enunciado, pola súa potencia plástica, cunha enumeración de elementos cheos de vida, pola enorme capacidade de evocación e pola axilidade rítmica, que suxire o compás dun paseo real."

30/4/09

Emilio Pascual. Na defensa da literatura oral.


EL FANTASMA ANIDÓ BAJO EL ALERO Anaya, 2003. Colección Leer y pensar. Ilustracións Javier Serrano. No estilo do artista, en branco e negro; todas elas son cartas dunha baralla, aquela que o pequeno debuxa para que o avó poida xogar con el o só mentres está no purgatorio. Unha baralla na que as espadas son agullas, os ouros estrelas, os bastos lapis e as copas rosas. Un xogo e unha aposta de gran calidade na que texto e imaxe se enchen de simbolismo e poesía. O libro, unha reivindicación da literatura oral, da contada, da trasmisión da tradición de avós a netos… porque o avó non pode deixar de contarlle todo tipo de historias: as que están ao seu alcance e aquelas que precisan do seu apoio para entendelas, e aínda aquelas que poida que non se entendan, como se recolle naqueles fragmento no que o avó pregunta: “-¿Lo entiendes?” e o neto contesta: “-No, pero me gusta.” Todo se pode contar, todos os libros se poden comentar cun pequeno… iso é o que pensa este avó que foi mestre republicano e agora vive “bajo el alero” convertido nun fantasma que debe andar polo purgatorio (ao entender do pequeno), un fuxido en tempos de posguerra, … O autor entroncaba así con esa literatura que toca cos dedos a memoria histórica e coa alma as historias que nos humanizan...

27/4/09

Emilio Pascual. Unha literatura que reivindica a literatura.


Ilustracións de Javier Serrano con profusión de imaxes de libros. A obra constitúe unha defensa da literatura escrita, da redención a través da lectura literaria. Un libro de libros, de lectores que len para outros ao tempo que se van facendo donos das palabras e das historias… que os van atando para sempre aos libros e á cultura. Un rei mago, varios reis magos, vanlle preparando o camiño do ocio cultural ao adolescente protagonista, salvándoo do risco de abandono escolar e familiar, levándoo a compartir o patrimonio propio da cultura occidental, a converterse en lector. El aprende literatura ao tempo que aprende vida. E conta … “(…) Lo cierto es que mi ciego (…) parecía adivinar cuándo era yo lector de oficio y cuándo quedaba atrapado en algún laberinto de la historia. Si presentía que me acechaba el fantasma del aburrimiento, con una notable destreza simulaba que se acababa el tiempo, y el libro no volvía a aparecer. Otras veces, aunque sabía que me apasionaba -o precisamente por ello-, interrumpía la lectura en el momento más emocionante, como si quisiera asegurarse mi regreso.”

22/4/09

MARCOS S. CALVEIRO: Premio Nacional da Crítica en galego




Gústanos lembrar a Calveiro e as súas incursións na literatura xuvenil (Sari, soñador de mares /Rinocerontes e quimeras) e infantil (O carteiro de Bagdad, XVIII Premio de Literatura Infantil Ala Delta /O canto dos peixes, Premio O Barco de Vapor 24 edición).



Un dos novos valores da literatura infantil e xuvenil galega, como o demostran os premios recibidos en tan curto espazo de tempo, pero tamén a calidade de cada un dos seus libros. Calveiro lembrándonos a Simbad, o mariñeiro dos contos e a fantasía; a ese neno fillo dun carteiro no Bagdad en guerra; a ese outro que recolle quincalla e se fai amigo dun vello mariñeiro co que comparte a preocupación por un mar que xa non o é ou aos rapaces "diferentes" que acompañan ás quimeras do circo.

Podemos ler os seus libros e, tamén, a súa bitácora: Alfaias.


Aledámonos dos seus premios: Irmandade do libro / Premio Nacional da Crítica en narrativa en galego... e os que virán.

13/4/09

Miguelanxo Prado, a banda deseñada na Academia


Recollo

a noticia na prensa:


"A Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario aprobou o ingreso de Miguelanxo Prado como membro numerario. Prado, proposto polos académicos Xurxo Lobato, Felipe Senén e José Ramón Soraluce, integrarase na sección de Artes da Imaxe, sendo o primeiro autor de banda deseñada que fai parte desta prestixiosa institución galega. A Academia aínda non ten data para o acto de ingreso."


E, con este motivo lembramos un dos últimos traballos deste autor. De Profundis, o libro aparecido despois da longametraxe que nos sorprendera por constituír unha proposta audiovisual de gran orixinalidade ao fusionar pinturas ao óleo dotadas de movemento coa música do compositor Nani García. Era a primeira vez que se traballaba con óleo nunha longametraxe. O propio autor definiuna como un poema visual e musical que non pretende convencer senón suxerir, que non pretende impoñer unha realidade senón conseguir a complicidade sentimental e estética do espectador; o seu aviso a navegantes - espectadores era "A quen lle aburra contemplar un atardecer de 10 minutos resultaralle tediosa".

E despois de poder disfrutalo en cines e de aparecer en formato doméstico, preséntase o libro cun relato ilustrado.

Unha obra na que seguir a traxectora do autor de Trazo de xiz, Quotidiania delirante ou Fragmentos da enciclopedia Délfica e que traballou para Spielberg na serie de debuxos animados Men in Black. Lembremos tamén a súa participación no Proxecto Terra co cómic A mansión dos Pampín ou o seu papel como director do Salón do Cómic Viñetas desde o Atlántico.

6/4/09

A CABEZA DA MEDUSA


Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2008, un dos tres White Raven de literatura galega 2009 e un dos cinco finalista dos premios de literatura infantil e xuvenil AELG 2009.
Coller o libro na man e atopar á fotografía de Victoria Dielh na capa. Unha imaxe que sintetiza o texto recollendo o que se podería chamar fotografía escultórica pero non só, porque é fotografía si, escultura tamén e mestura de realidades; algo suxerinte e evocador como porta de entrada a un libro valente dunha escritora que ten demostrado o seu compromiso desde a primeira publicación. Marilar Aleixandre enfronta o tema da violación dunhas adolescentes á volta dunha festa e faino con todas as consecuencias, relatando paso por paso as situacións polas que han de pasar, todas elas co denominador común da vergonza – culpabilidade que semella deben sentir elas e non quen comete o delito. A identidade de quen o fai, as dúbidas nas que se debaten as violadas, o intento de mercalas, a xustiza que semella cega e xorda algunha vez, o sensacionalismo da prensa… O relato vai camiñando por esas rutas mentres as citas relacionadas coa historia da Medusa o acompaña. Onte e hoxe, no mito e na realidade, as mulleres pagan polo que outros cometeron co horror de vivir cunha melena de serpes e coa soidade dunha mirada que mata. Un bo libro dunha boa autora. Un libro para ler, para traballar igualdade, para reflexionar e falar … falar.

30/3/09

FUME


FUME con texto de Antón Fortes e ilustracións de Joanna Concejo, publicado por OQO, na colección Contextos. Un dos libros galegos seleccionados pola Internationale Jugendbibliothek München, xunto con A cabeza da Medusa de Marilar Aleixandre e O prodixio dos zapatos de cristal de X. A. Neira Cruz. Un dos nosos White Raven 2009. Un novo orgullo para esta literatura que semella ter que demostrar continuamente que está entre as mellores, que non ten que acomplexarse, que pode recomendarse… que pode lerse en galego sen estar na periferia de nada. En Fume, aparece de novo o nazismo e os campos de concentración. De novo un dos momentos máis duros da Historia da humanidade e, de novo, na voz dun neno. Un pequeno preso con súa nai e separados do pai. No medio da crueldade, o neno fala dese mundo tal como el o entende, porque aínda no horror segue a ser un neno que analiza a realidade cos ollos da súa experiencia; fálanos da realidade, da solidariedade co “outro” e da amizade que tamén aí ten o seu lugar. O fume sube ao ceo, os mortos van ao ceo..., e calquera lugar é mellor ese. As ilustracións manteñen o ton con apenas cor, as figuras envólvennos no ambiente do relato e o libro pasa a ser un obxecto de arte para ver, sentir, emocionar... Algunha vez haberá que facer, tamén, libros nos que os nenos palestinos nos conten o que ven, o que senten, o que lles emociona...

23/3/09

O LIBRO DAS VIAXES IMAXINARIAS


Agora, que sabemos que o premio Irmandade do libro a un escritor, será entregado a Xabier P. Docampo, queremos lembrar o seu "Libro das viaxes imaxinarias". Esta obra foi premio Isaac Díaz Pardo a libro ilustrado da AGE, no 2008.
Introducimos un pequeno texto que mostrará o ton xeral: "Arama non ten río nin montañas que o arrodeen e delimiten. Non está nunha beiramar que poña un rumor de auga no aire seco e tépedo que o acomete da mañá á noite. Arama é un lugar no medio de ningures que chama polo Viaxeiro desde o renxer continuo das carricantas e a secura areosa dunhas rúas de fino po branco. Ándase por elas no temor dun vento que espila esa brancura virándoa en nube que envolva ao transeúnte, penetrándoo por todos os orificios até afogalo. Quizais por iso Arama está sempre deserto coma un pobo abandonado; coma un pobo agonizante ou morto. Pero abonda con entrar neste lugar e petar nunha porta calquera, facelo golpeando cun daqueles chamadores de martelo, que semellan unha man que agarra unha esfera metálica ou os que son un medallón cun aro metálico que bate no seu centro; tamén os hai que parecen un can que pega coas patas dianteiras; outros son unha simple argola de ferro que golpea sobre dun cravo de cabeza arredondada. Calquera deles que for, cando o Viaxeiro petou nel, abríronse todas as portas de Arama e en cadansúa unha persoa inquiriu polo motivo da chamada. O aire de todas as voces da cidade soando a un tempo moveu lixeiramente, coma unha ameaza, o po albar das rúas, que non chegou a refolar. Cando o Viaxeiro respondeu que andaba á procura dun lugar para pasar a noite, as portas fóronse pechando unha por unha e a muller que abrira aquela na que el petara, indicoulle onde estaba a pousada. Díxolle que a recoñecería porque era a única que habería ficar, despois da súa chamada, coa porta entreaberta. Alí se dirixiu e encontrou que, efectivamente, tiña a porta algo entornada pero non pechada. Mais, como non vise a ninguén, deu un golpe co puño na madeira e de inmediato todas as portas de Arama se abriron a un tempo, porque en Arama cando petas nunha porta a túa chamada resoa en todas, e todas se abren e en cada oco hai unha persoa que lle pregunta ao Viaxeiro que é o que quere, e con iso unha nova pasada do airiño que remexe o po do chan." Unha verdadeira homenaxe a Italo Calvino e Ulises, á imaxinación e ás viaxes.