31/5/10

AS SERPES CEGAS


As serpes cegas Con guión de Felipe Hernández Cava e debuxos de Bartolomé Seguí. Un cómic publicado por BD Banda en galego e castelán, e pola editorial Dargaud en francés. Unha verdadeira coedición galego francesa.
Ambientado na España da guerra civil e no Nova York da época, retrata o compromiso da esquerda internacional coa república española nun ambiente militante ao tempo que tinguido de novela negra con dobre espionaxe e traizón. Unha magnífica historia na que atopar a inocencia e o idealismo ao lado dos intereses máis escuros. Un relato de grandes personaxes.

Vexamos algún adianto...

28/5/10


Os amigos de Archiboldo Roque é o nome do blogue do autor destas historias: Jacobo Fernández Serrano.
Os amigos de Archiboldo Roque, era a tira que se publicaba periodicamente en Golfiño, aquela revista de banda deseñada para pequenos e pequenas que dirixira Miguel Vázquez Freire cun loable empeño.
Posteriormente foron recollidas no álbum do mesmo nome publicado por factoría K, na colección BD Banda, con moito acerto, ao tratarse dun material cheo de imaxinación e orixinalidade. O surrealismo campando polas follas e recollendo a posibilidade de que calquera obxecto, ser ou anaco pode ser protagonista; para entendelo só temos que ler a frase que encabeza cada historia “Na terra hai moita xente e cada un é cada un”, frase que se fai presente, tamén, no último premio Merlín Mil cousas poden pasar, que bebe do mesmo imaxinario, deses mundos imposibles nos que semella crer Jacobo Fernández Serrano.
Xuntar lecturas, pasear por autores e abrirse a novos campos. Niso andamos.

18/5/10

AS LETRAS DESPOIS DAS LETRAS


Porque non é só un día senón o ano, todo.

Porque o Día das Letras é unha porta de entrada, non de saída.

Porque nunca nos fartaremos de ler a Novoneyra...


Coma se tiveses a unha nena que xa é rapaza ao carón e quixeras contarlle a vida e obra do poeta, coma se te foras estendendo, explicando o que vai aparecendo e debullas un anaco da historia do país... así Fran Alonso se adentra na biografía de Novoneyra para dar razón do pasado e que se entenda o presente, e vai ofrecendo as súas palabras para que se disfruten e se pensen.

Unha homenaxe ao poeta e unha mostra de respecto pola rapazada á que considera capaz de comprender todo ou case todo.

Leamos:

"A poesía de Uxío Novoneyra cae donda e manseliña sobre o papel. Cae imperceptiblemente, cae amodo, de vagar, cae case coma se non caese, enchoupando a folla de palabras sen que se note, sen que se advirta. A poesía de Uxío Novoneyra cae docemente sobre o papel, pero ao caer amárrase a el con esas raiceiras profundas e vitais coas que foi escrita. As palabras de Novoneyra esvaran polo papel coma a neve suave da serra, esa neve que cae, folerpa a folerpa, falopiña a falopiña, "e nin o vento a arremuíña nin a auga a desfai".

10/5/10

NOVAS DE LITERATURA



Un escritor que se despide, onde tal se veu? Suso de Toro, o autor de novelas xuvenís como A sombra cazadora (coa que se botou a andar o buque insignia da literatura xuvenil, a colección Fóra de xogo de Xerais), Conta saldada ou Morgún.
O autor que recibiu premios como o da Crítica de Galicia e Española, o Blanco Amor ou o premio Nacional de Narrativa quere deixar a literatura e volver ás aulas. “Un dos escritores con mellor pulso e dos intelectuais con máis criterio” en palabras de Xabier R. Blanco. Un escritor con obra traducida a varios idiomas e recoñecido por universidades estranxeiras, volve ás aulas. Así nolo conta no seu blogue.

3/5/10

VERDADES DE PLASTILINA, novo Lagarto Pintado




Nestas datas, arredor do Día do Libro, acostuman saír á luz novas entregas da Colección Lagarto Pintado.

Neste 2010, unha delas leva o nome de Verdades de plastilina e recolle textos de Yolanda Castaño, Jacobo Fernández, Charo Pita e Xavier Queipo. Todos eles adobados co pincel de David Pintor

Recollemos un pequeno fragmento do relato de Queipo, un texto magnífico que nos reconforta e nos fai pensar no valor da literatura.


"Estaba no bordo do leito. Abrín os ollos e fun pasando así un a un os obxectos que había naquela caixa que eu gardase cando neno. A area transportoume a un deserto imaxinario, camiño da China, onde un día me levasen as lecturas das aventuras de marco Polo. O tacto frío dunha bóla de aceiro fixo que recorrese dacabalo as estepas de Siberia como correo do Zar de todas as Rusias, ata que me queimaron os ollos e fiquei "xa para sempre" cego. Un anaco de madeira atopado andando as crebas na praia de Carnota levoume a navegar camiño das Indias, a sucar os mares do Sur ata cruzar o Cabo da Boa esperanza e partir logo na rota das Illas das especias, alí houben confrontar os tigres comedores de homes e os piratas máis feros, aos que con mañas elegantes arrebatei o tesouro que tiñan agochado nunha illa de coral. Xa logo apreixei na man as penas de ouriolo e de bubela e abrindo os ollos puiden ver que estaba montado nun cisne percorrendo toda Suecia dende o alto, voando por riba de lagos e forestas, outeando o horizonte camiño do Polo Ártico. Entretívenme con morsas e osos brancos, vin combater narvais co seu corno en espiral, vin paspallás de plumas brancas e golfiños barbados. Agora tiña frío e daquela, pensando no caloriño do sol, entrei nun saloom dun pobo de kansas. Fóra había indios pacíficos e con eles cabalguei co rostro pintado de cores e tocado de plumas, percorrendo as chairas na caza dos búfalos."