Mostrando entradas con la etiqueta Libros - Música. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Libros - Música. Mostrar todas las entradas

27/2/19

É TEMPO DE ENTROIDO!!!

Xerais publicou a fins de 2018 o álbum É tempo de entroido! con texto de Ramón Domínguez e ilustracións de David Sierra.
O libro fai un percorrido polos diferentes entroidos galegos, á vez que vai organizando un xantar propio da festa de carnaval.
Polo álbum desfilan as figuras tradicionais do entroido como son os cigarróns, boteiros, volantes, peliqueiros, mázcaras, troiteiros, labardeiros, vergalleiros, pantallas, felos ou osos, madamas e galáns, os xenerais do Ulla, o loro Ravachol, unha merdeira viguesa e mais uns choqueiros coruñeses que foron xuntos nun chimpín a facer festa. 
O libro complétase cunha canción de Isabel Fernández Reviriego inspirada no propio texto, un karaoke  e dúas figuras para colorear, que se poden descargar no Blog de Xerais.

Múltiples posibilidades ofrece o álbum de investigación sobre os entroidos tradicionais galegos: máscaras, traxes ou a gastronomía propia da celebración.
Recomendado para primeiros lectores,  ben merece estar nas nosas bibliotecas escolares.

8/7/15

Libros de Neira Vilas para o lectorado máis novo

 O xardín de Irene, é un libro poesía para primeiros lectores. Di o autor que a este público polo que sinte especial predilección hai que darlles palabras en idioma galego desde o berce, co obxectivo de que ao medrar sigan querendo ler na lingua de Galicia. Darlles versos, achegarlles un ritmo que os engancha. As ilustracións son de Leandro Lamas, un creador moi próximo á infancia. Edición de editorial ferrolá Embora.
Cantos de sol a sol é un libro-CD, con ilustracións de Xosé Vizoso y musicado por Xosé Lueiro. Aquí as poesías son musicadas e as ilustracións enchen as páxinas para acompañar as cancións.
Tamén ilustrado por Xosé Vizoso está o libro Aquel neno que consta de pequenos relatos do autor de Gres.
Todos eles, dirixidos á infancia. Todos eles escritos nos últimos anos con toda a enerxía creadora do autor das Memorias dun neno labrego. Neira Vilas continúa a producir os textos necesarios.

22/6/15

Cadros dunha exposición: libro música

Cadros dunha exposición é unha peza de Modest Mussorgsky, que interpreta a Filarmónica de Nova York dirixida por Guiuseppe Sinopoli. Ademais, Cadros dunha exposición é un libro con texto de José Antonio Abad e ilustracións de Xosé Cobas.
Un obxecto de arte. Un libro CD no que se unen as palabras, as notas musicais e a pintura para que todos os sentidos poidan gozar da beleza.
Cóntasenos a historia dun grupo de gansas que cada día pasa por diante do Museo de San Peterburgo e nunha ocasión, unha delas -nova e despistada- entra no museo e vai paseando e vendo os cadros de Viktor Hartmann, observando as pinturas mentres a música nos conduce.

17/2/15

Premio da Música Martín Códax na categoría de Música Infantil

 O libro-disco de Pablo Díaz, Toc toc, resultou ganador nos Premios da Música Martín Códax 2014, na modalidade de música infantil. este traballo, con ilustracións de Nuria Díaz, impúxose aos finalistas Te, chocolate, café de Golfiños e Xiqui Xoque, Fiú Fiú de María Fumaça.
 



12/1/15

E ... taboleiro do libro galego (XXIX) para comparar




O taboleiro do libro galego, correspondente ao mes de decembro,  publicado polo blogue Caderno da crítica da autoría de Ramón Nicolás, co apoio das librarías (Trama, Paz,  Casa do Libro de Vigo, Suévia, Miranda,  Biblos,  Andel,  Cartabón,  Libros para soñar, Pedreira, Couceiro, Aira das Letras e Lila de Lilith) onde se mostran os libros galegos máis vendidos.
recollemos aqueles apartados máis relacionados coas nosas bibliotecas
Literatura xuvenil
1º-. Xesús Fraga, Reo, Galaxia. Premio Raíña Lupa.
2º-. Rosa Aneiros, Ámote, Leo A. Terminal de… chegadas?, Xerais. A derradeira entrega da triloxía "Ámote Leo A".
3º-. Francisco Castro, Tes ata as 10, Galaxia.
4º-. Elena Gallego, Dragal IIIXerais. Outra entrega da serie.
5º-. Anxo Fariña, Os megatoxos e o dragón de xade, Xerais. Unha entrega máis da serie dos Megatoxos.
Literatura infantil
1º-. Ledicia Costas (ilustracións de Víctor Ribas), Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais. Premio Merlín.
2º-. Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, O soño de Esther, Nova Galicia Edicións.
3º-. Chema Heras (ilustracións de Kiko Dasilva),  Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis, Kalandraka. Reimpresión e sorprendente éxito continuado.
4º-. Antón e o Apalpador, Barafunda Animación.
Música
1º-. Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Non hai berce coma o colo, Kalandraka.
 2º-. Paco Nogueiras e David Pintor,  Brinca vai!,  Kalandraka.
3º-. Uxía, Xiqui Xoque, fiú fiú!,  Galaxia.
4º-. Magín Blanco, Gatuxo, Fol Música.
5º-. Os tres TENedoORES, Cocido sinfónico, Galaxia.
Non deixa de chamar a atención o gusto polas series (Ámote, Leo A. Terminal de… chegadas?, Dragall III, Os Megatoxos e o dragón de xade) dentro dos preferidos na literatura xuvenil, a presenza dos premios (Raíña Lupa e Merlín), as novidades (Tes ata 10Non hai berce coma o colo...), os libros que seguen a ser actuais ao longo do tempo e os de época (Antón e o Apalpador).

29/12/14

O apalpador. Cantémoslle!


Hai tempo que non lle cedemos a páxina a Paco Nogueiras, ese músico e actor disposto a facernos cantar e bailar.
É Nadal e andamos a agardar ao apalpador, así que busquémolo! 

As ofertas de Nadal e a compra de libros en galego



Estes días ao pasar polas librarías, preguntade polas ofertas. Hai moitas máis das que se vos foron contando a través deste blogue, coleccións como a de óperas na que se funden música, literatura e arte a través de libretos adaptados, unha pequena biografía do compositor e fragmentos sonoros interpretados por prestixiosos concertistas. Toda a colección destinada a espertar o interese infantil por este xénero musical.
A colección Pequechos cos animais máis sorprendentes de cada ecosistema, con Pequechos do deserto,
Pequechos das praderías e das sabanas, Pequechos dos ríos e dos lagos, Pequechos da selva, Pequechos das montañas e Pequechos das terras polares.
Tamén podedes atopar a triloxía "A materia escura" (cos títtulos A aurora boreal, O anteollo de ámbar e O coitelo sutil) de Philip Pullman, encadernados en cartoné, con deseño de Marc Taeger e tradución de Fernando Moreiras. 
Para aqueles que queiran agasallalos, para os que queiran lelos, para todos eles e elas...
Nunca tanta propaganda se fixo desde este blogue e debe entenderse dentro dunha campaña para facer fronte ás últimas estatísticas a respecto da lectura en galego. 
Hai tanto que facer, que non nos queda máis remedio que evitar os obstáculos posibles como a carestía do produto, por iso, unhas entradas de Rede Lectura para todos aqueles que teñan moitas ganas e non tantos cartos.  




23/5/14

Libro disco para saber máis de instrumentos musicais

Os instrumentos musicais preséntanselles aos maís novos da man de Olga Brañas e con colaboradores como Sérgio Tannus, Uxía, Quim Farinha ou Anxo Pintos .
A través da historia da neta dunha directora de orquestra que se achega a coñecer as familias de instrumentos. 
Pitusa Semifusa é o novo libro-disco que acaba de publicar Galaxia na colección Sonárbore para o público infantil. Dez temas de ritmos variados e con multitude de instrumentos, fan parte deste novo proxecto que ilustra Leandro Lamas.

13/5/14

Novo disco con poemas de Díaz Castro

O dúo 2naFronteira, formado por Carmen Penim e Maurizio Polsinelli, presenta Zapatiños para Díaz Castro, un CD no que musica catorce poemas de Nimbos.
Harmonios, pianos e a voz de Carmen Penim dánlle vida a estes poemas.
Se ben comezaran con "Penélope", a poesía máis coñecida do poeta, alectura dos poemas de Nimbos foron atrapándoos ata completar o disco que se gravou ao vivo no estudio Casa de Tolos e ve a luz da man de Inquedanzas Sonoras. O vindeiro 8 de maio terá lugar no Museo Interactivo da Historia en Lugo o primeiro dos concertos de presentación do traballo.

19/12/13

Libro con CD. Historia con ilustracións, fotografías e música


A terra queima.
A historia de Xurxo Souto, as ilustracións de Sesé Barreiro, as fotografías de Xulio Rey e a música de Lalo Carnota, quen dá máis? 
Certamente, os produtos que están a saír das editoriais galegas andan na busca do libro total, da obra completa que integra diferentes manifestacións culturais, para dar acceso a todo ese mundo creativo que anda a fluír polo noso mundo. Non sabemos que facer con tanta imaxinación e inventiva, ou mellor dito, si sabemos e por iso o plasmamos en diferentes linguaxes que van do analóxico ao dixital, da palabra falada / cantada á escrita, da pintura á fotografía. Unha historia que bebe dun imaxinario que xa é fundamento, coa natureza como escenario e unha localización real e que sirve de referencia para todos nós: as proximidades da torre de Hércules, o ollo de deus.

22/7/13

Cos pés na Terra / Cos pés no aire


Cos pés no aire é unha obra de Agustín Fernández Paz que resultara ganadora do Premio Raíña Lupa. Un libro para soñadores, para aauqles e aquelas que cren nos soños e os mundos que a partir deles se crea.
De  Paco Nogueiras é este Cos pés na Terra. Unha obra para non perder o contacto co chan; para pisar suavemente a Terra que nos acolle e á que todo lle debemos.
Aí vai...

5/3/13

Máis música


Magín Blanco acaba de sacar o seu segundo traballo na estela de A nena e o grilo, a través do selo editorial Fol Música.
Trátase dun conxunto de trece contos que se publican acompañados por outras tantas cancións e actividades didácticas. Un libro de sesenta páxinas, ilustrado por Leandro Lamas e acompañado de actividades creativas e interactivas para que os nenose nenas poidan crear o seu propio libro, acompañado dun Cd. O proxecto vaise presentar o vindeiro 8 de marzo no marco do Salón do Libro Infantil de Pontevedra, onde tamén terá lugar o primeiro concerto o día 9. O disco gravouse no estudio de Jorge Juncal en Moaña, na Cova dos Peixes con Guilllerme Fernández e en Casa de Tolos con Segundo Grandío.
Este traballo conta coa colaboración de Uxía, Fran Perez, Guillerme Fernandez, Isaac Palacin ou Segundo Grandío, entre outros.

3/4/12

DE ALMANAQUES e tempos


Almanaque musical, con letra de Antonio Rubio e ilustración de David Pintor, traducido por Xosé Ballesteros e publicado en Kalandraka fóra de colección é unha desas alfaias dignas de acariñar.
Cada mes un poema e unha ilustración na que unha orquestra -con músicos de diferentes fasquía- se adapta ao tempo que corresponde. Un exemplo...

ABRIL

Cando chove abril

os músicos cantan

negras e corcheas,

semifusas, brancas.

A celosa chuvia

bate no paraugas

con pingas agudas:

pizzicato de auga.

Son notas de nube,

salmodias aladas

que ao caer entoan

primavera de auga."

Un almanaque para ler, ver e escoitar, porque ao remate, se nos recomendan concertos de corda cunha unha serie de pezas.

23/12/08

ÁRBORE MUSICONTOS



Acaban de saír os dous primeiros títulos desta colección de Galaxia: O debut de Martino Porconi e O prodixio dos zapatos de cristal. Nacen co obxectivo de introducir aos pequenos e pequenas na música clásica, e de facelo da man dos contos clásicos … tal vez porque clásico é todo aquilo que perdura sobre o tempo, que resiste o paso dos séculos demostrando o seu valor; e non é clásico por clasista e afastado senón por valioso e pleno de calidade. De aí que Galaxia una os contos de sempre coa música permanente, neste caso, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave. Álbumes de gran formato con Cd. Historias da autoría de Xosé Antonio Neira Cruz que realiza unhas versións moi libres e abertas dos contos de Perrault, que levan aos personaxes ata o mundo da música e os abren a novas realidades e visións. O debut de Martino Porconi está inspirado en Os tres porquiños e as súas respectivas casas. Un conto que todos recoñecemos conforme o tenor Martino vai rememorando o seu pasado antes de entrar en escena, e que nos fala de amizades entre seres moi diferentes. Está ilustrado polo Premio Nacional de Ilustración, Federico Fernández. A música é Les illuminations de Benjamín Britten, e a Sinfonía nº 9 en Mi bemol maior de Dimitri Shostalóvich. A historia foi narrada por Francisco Martínez Barreiro nos concertos didácticos do Auditorio. O prodixio dos zapatos de cristal inspírase en Cincenta e os seus marabillosos zapatos que só admiten os pes dunha muller especial, non pola orixe nin pola elegancia senón polo don que lle é propio. A nena, que nos conta a súa historia en primeira persoa, é unha inmigrante con vocación de cantante; a cincenta -primeira e verdadeira- non será esposa senón filla adoptiva dun rei que lle cede o trono, pero ademais, ao final do seu mandato retírase e o “feliz reino convértese en próspera república”, e todas aquelas que poidan calzar os zapatiños de cristal verán cumprirse os seus soños... A nena será cantante “porque nada mellor hai no mundo que poder ser o que unha quere ser até o final”. Neste caso as ilustracións son de Rodrigo Chao e a música La Cenerentola de Rossini. Tal como se recolle no libro, a historia foi narrada por Teresa Santamaría no Auditorio de Galicia dentro do seu programa de concertos didácticos. Unha idea orixinal que xunta o álbum ilustrado e a música, o clásico: música e contos, o texto e a ilustración en pé de igualdade, a gravación do texto do conto coa música intercalada por un lado e a música soa por outro, para poder traballar conxuntamente ou por separado ambas disciplinas. Unha idea na que, coa editorial, se implica o Consorcio de Santiago para abrir as portas da música aos nenos e nenas, da man do libro.