Florentino, o príncipe Quino de Gloria Sánchez, con ilustracións de Xan López Domínguez, publicado na colección Merlín (de pasta dura). A historia dun reino habitado por corrichos, situado na porcallada máis absoluta e decorado con inmundicia. Alí, sucedeulle algo á familia real que -pasado o tempo- se faría máis habitual: saíulle un fillo -que había de ser sucesor- con hábitos e maneiras pouco axeitadas á ocasión; neste caso o príncipe era educado e limpiño. Cando o desterran (que a iso chegaron) pasou algo digno de contar e ler...
Polo tanto estamos ante unha historia inesperada cos seus acenos ao lado máis escuro e risoño da infancia. As ilustracións de López Domínguez no estilo habitual achegan un imaxinario propio entre o relato da autora e a súa maneira de pensar en porcos e mundos de historia.