Mostrando entradas con la etiqueta animación á lectura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta animación á lectura. Mostrar todas las entradas

18/3/21

21 DE MARZO DÍA DA POESÍA

O 21 de marzo conmemoramos o día da poesía e queremos celebrala léndoa e recomendando algunhas novidades editoriais.


O poeta Xavier Seoane publica na colección Merlín de Xerais o libro de poemas infantís Cancións para Ana Lúa.

Con belas ilustracións do pintor Correa Corredoira, os 17 poemas que compoñen o libro son un canto á infancia. Nana de viaxe, Onde estás lúa, lueira?, No peito da túa nai, Dons, A canción do unicornio, Numerando...van percorrendo un universo infantil, cheo de maxia e imaxinación.

A poesía non debe faltar nas nosas bibliotecas e a lectura en voz alta, por exemplo, destes poemas é un bo achegamento a ela.

Sae, lúa, sae, lúa

do pozo da noite núa (...)




Na colección Udra de poesía para nenos e nenas de Chan de pólvora editora, publica Marica Campo nós outras, un libro de poemas que é un canto á diversidade e á igualdade.

A ducia de poemas que compoñen o libro levan cadansúa ilustración da pintora Menchu Lamas, nunha simbiose extraordinaria de linguaxe poética e visual.

Tal como expresan na presentación editorial nós outras é un libro de cores e de valores. Un encontro onde as mans están abertas para ofrecer territorios comunais, ámbitos de intercambio, paisaxes que retratan a beleza e a complexidade de cada persoa...A raza, a condición económica ou social, as características físicas ou mentais, os xeitos de amar ou a procedencia xeográfica son a forza que nos une, un patrimonio compartido”.

nós outras é un libro imprescindible nas bibliotecas escolares, sobre todo na selección de lecturas inclusivas.

Gustos

Se eu prefiro a rosa

e ti dis anil,

son eu menos neno,

menos nena ti? (...)




29/12/20

Agasallos de Nadal


Dámoslle a benvida  Belagua Edicións que vén de achegarnos algúns dos seus libros de Literatura infantil e xuvenil.

No Pinterest de Ciencia en galego nas bibliotecas podedes atopar Un mundo para Maruxa.

Na entrada Cociñamos na casa deste mesmo blog propoñemos a lectura d´ As receitas de Rosaura de Isabel Blanco, ilustrado por Luz Beloso.

30/5/20

Lecturas para o verán: Vampira de biblioteca de Ledicia Costas

Vampira de biblioteca é o último libro que vén de publicar a escritora Ledicia Costas con ilustracións de Víctor Rivas na colección Merlín de Xerais.
A novela conta a historia de Eleonora, unha vampira un tanto peculiar que vive nunha biblioteca especial como a Biblioteca Joanina da Universidade de Coímbra. Como os morcegos que habitan na biblioteca portuguesa, Eleonora ten que eliminar a todo becho que ameace a conservación dos libros. Acompañada de Xa e Mon, os seus morcegos de confianza e coa complicidade dunha bibliotecaria, un avó e os seus netos, terá que enfrontarse aos insectos bibliófagos para preservar os libros desta importante biblioteca.
Proposta moi acaída para as recomendacións lectoras do verán e destinada a partir dun lectorado autónomo, con Vampira de biblioteca tense asegurada unha lectura divertida, con nomes, personaxes e diálogos moi ocorrentes amais dunha defensa das bibliotecas, dos libros, da lectura e da literatura.

18/3/20

Poesía..."irmá paxaro" de Tamara Andrés


Próxima a celebración do Día mundial da poesía o 21 de marzo, neste tempo difícil que nos toca vivir, queremos recomendar irmá paxaro de Tamara Andrés, con ilustracións de María Montes. Este poemario  foi publicado a finais de 2019 na recén creada editorial  Cuarto de Inverno

irmá paxaro é finalista dos Premios da Gala do libro galego 2019 tanto no apartado de poesía, no xuvenil como no de libro ilustrado.

Libro de poemas destinado a un lectorado xuvenil,  en irmá paxaro atopamos "o relato da perda da complicidade entre dúas irmás descoñecedoras de que o golpe máis duro é o paso do tempo". A xove poeta Tamara Andrés "emprega a poesía, nun texto profundamente narrativo, para mostrarnos a dispar evolución de dúas irmás que mantiñan un elo na infancia que lles permitía ser elas mesmas até que quebrou co despregar das ás da irmá pequena: a irmá paxaro".

Lectura que recomendamos para un club de lectura de poesía, para as nosas seleccións poéticas ou para as lecturas en voz alta, aínda que sexan virtuais agora mesmo.
ela pousou a súa ollada sobre min
e vestiume

6/3/20

Poesía... "Porque te quero" de Baldo Ramos

A editorial Galaxia vén de publicar Porque te quero de Baldo Ramos, con ilustracións de Anxo Rodríguez Fariña.
O poeta afirma que se inspirou nas ocorrencias e preguntas que lle facían os seus fillos a medida que ían descubrindo o mundo. Concíbeos como poemas reversibles que se len practicamente igual de esquerda a dereita que de dereita a esquerda, promovendo tamén a lectura como xogo.
Neste mes que celebramos o Día da poesía, temos que apostar pola lectura de poemas nas nosas bibliotecas, nas seleccións de lectura, nas mochilas viaxeiras, nos clubs de lectura... para facermos lectores e lectoras  porque as crianzas non teñen prexuízos e de seguro que quererán seguir lendo poesía.

Velaquí o poema final que nos convida a ler e escribir:

RECEITA PARA ESCRIBIR POEMAS IRRACIONAIS

Le este libro durante
6 días, 6 horas e 66 minutos
Escolle de cada poema unha palabra.
Reméxeas con maña e forza:
a poesía éche o que ten.
Méteas no peto
da túa chaqueta reversible
outros 6 días, 6 horas e 66 minutos.
Nese momento exacto
sentirás que se entenden.
Que teñen vida propia
e que saben convivir.
Entón é o momento
de sacar o poema a pacer.
Compartilo cos que te queren.
escribir é sempre un xeito
de agradecer que nos queiran.

29/1/20

Libros para mediadores/as de lectura I: Da Carapuchiña ao señor Lamote

Miguel Vázquez Freire vén de publicar en Xerais Da Carapuchiña ao señor Lamote.Clásicos da literatura para a infancia e a mocidade en lingua galega.

O autor propón neste libro coñecer  a LIX universal e faino percorrendo a historia da literatura infantil e xuvenil desde a Carapuchiña vermella até o Ramón Lamote de Paco Martín.

Sabedores de que moitos descoñecemos a existencia destas versións ao galego de clásicos universais e tamén na necesidade de coñecermos o canon da LIX, este ensaio é ben oportuno para as bibliotecarias e bibliotecarios escolares e para as mediadoras de lectura porque como di o autor na presentación “ os mellores libros para a infancia e a mocidade son os mellores libros que calquera, incluídos nenos e mozos, poden ler;os libros, logo máis universais, os libros para todos”.

De moito interese son tamén as referencias que fai ao cine nas 32 propostas e a bibliografía que as acompaña.




2/7/19

NO VERÁN, BANDA DESEÑADA


Animalia 2.Branco de Xosé Tomás
Publicado na colección Merlín cómics de Xerais, é a segunda entrega do autor e os protagonistas son os animais do mundo do mar e da auga.
En Animalia atopamos historias autoconclusivas cheas de ironía e humor pero tamén de reflexión ante as mudanzas do clima.



Aprende banda deseñada con Fiz de Kiko da Silva, é outra novidade da colección Xerais-Cómic de Xerais.
Neste libro, o popular personaxe de Kiko da Silva, Fiz o neno máis porco do mundo, ensínanos como se crea un cómic. Paso a paso, mediante historietas e exercicios, iranos explicando que é e como podemos crear a nosa propia banda deseñada.


20/3/19

Día da narración oral: "Contar" de Pep Bruno

Hoxe, 20 de marzo, conmemórase o Día da narración oral.
Aproveitamos a efeméride para presentar o libro de Pep Bruno, Contar. Neste libro informativo o autor fala da importancia de contar e dá algunhas pistas sobre como contar contos. O libro foi publicado en febreiro de 2019 por A buen paso e as ilustracións  son de Andrea Antinori.
Recomendamos aos mediadores a súa lectura e posta en práctica nas nosas bibliotecas escolares.



28/1/19

RECURSOS PARA O DÍA DA NON VIOLENCIA E DA PAZ


Desde 1964, para conmemorar a morte de Gandhi, celébrase o 30 de xaneiro o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, recoñecido pola UNESCO en 1993. Desde as bibliotecas escolares lembramos a necesidade da educación para a tolerancia, a solidariedade, o respecto aos Dereitos Humanos, a non violencia e a paz.
É importante pór nas mans do noso alumnado recursos que fomenten esta cultura de paz e non violencia. Nestes últimos meses foron aparecendo novos libros que axudan a conformar unha sociedade máis tolerante, solidaria e non violenta. 
Achegamos tamén outros títulos publicados anteriormente. Entre eles está O nacemento do dragón,de Kalandraka. Con textos en galego e en chinés mandarín, cóntanos por que motivo o dragón é o simbolo da paz na cultura chinesa.

 O lapis máxico de Malala



Nelson Mandela e o camiño cara á liberdade













O Principio


La guerra de Catherine














El mapa de los buenos momentos


El deshielo













Vidas ocupadas


13/7/18

Reedición de Imaxina animais de Kalandraka


Van xa 10 anos da 1ª edición de   Imaxina Animais, publicado na colección Demamora de Kalandraka. Os textos de Xosé Ballesteros veñen acompañados das ilustracións de Juan Vidaurre.

Estes imaxinados animais, porque nada é o que parece, descríbense con cadansúa ilustración que mestura a fotografía de obxectos cotiáns e debuxos, a modo de collage.
A ilustración, o nome dos diferentes animais ou a propia descrición destes, cargada de imaxinación e enxeño, fan que este libro sexa moi atractivo para o lectorado, desde os máis pequenos até os mozos e mozas da ESO. Permite adiviñar, crear, debuxar, inventar, interpretar...todo ese mundo animal imaxinado.
Moitas das bibliotecas escolares xa contaban na súa colección con Imaxina animais pero aquelas que non o posúan deben ter moi en conta esta proposta creativa.

21/6/18

Lectura fácil en galego: 20.000 leguas baixo dos mares de Jules Verne.


Parabenizamos a publicación do libro de Jules Verne 20000 leguas baixo dos mares que vén de editar Galaxia segundo as pautas de lectura fácil.

A lectura fácil vén atender a un lectorado con dificultades de lectura ou de comprensión e facilita o disfrute da lectura, facendo unha biblioteca, unha escola e, por extensión, unha sociedade máis democrática e inclusiva.
Imprescindible para a normalización linguística, este título (primeiro dunha serie), non debe faltar nas bibliotecas escolares galegas, sobre todo nas de secundaria, para incentivar a creación de clubs de lectura fácil ou para favorecer a alfabetización en galego de lectorado con dificultades de aprendizaxe.
Ë destacable tamén o título que inicia esta serie, pola vinculación da obra e de Jules Verne a Galicia.

30/4/18

O manga Tam de Anémona de Río


Retranca Editora vén de publicar neste 2018 Tam de Anémona de Río (Aldara Álvarez García).
A autora formouse na escola profesional de banda deseñada e ilustración O Garaxe Hermético de Pontevedra. No último curso creou Tam, a personaxe protagonista da súa primeira obra publicada, que levou o Premio Fin de Curso 2017.
Considerado o primeiro manga galego, Tam conta a historia dunha moza que é convidada a unha cea de antigos estudantes e a preocupación e presión que produce nela enfeitarse para a ocasión, seguindo os ditames da moda.
Destinado a lectores xuvenís, xa está dispoñible para as bibliotecas escolares nas maletas de Banda Deseñada de Secundaria e algúns clubs  de lectura xa están a ler este manga nas súas sesións.




5/3/18

RAPAZAS 25 LITERATURA INFANTIL E XUVENIL GALEGA PARA A IGUALDADE


Pilar Sampedro,  experta en Literatura Infantil e Xuvenil (foi integrante do equipo da Asesoría de bibliotecas escolares),  vén de publicar co gallo da celebración dos 25 anos da publicación de Rapazas de Agustín Fernández Paz dous taboleiros en Pinterest cunha selección de títulos para a igualdade. Esta mirada literaria é moi necesaria nestes tempos que nos tocan vivir, tanto para as persoas mediadoras como para os lectores e lectoras que precisan tamén de referentes femininas para construír un mundo igualitario e con perpectiva de xénero.


  • Taboleiro no que se mostran aqueles libros dirixidos ao lectorado infantil e  nos que se mira (e le) con perspectiva de xénero
  • Taboleiro no que mostran aqueles libros dirixidos ao lectorado xuvenil e nos que se mira (e le) con perspectiva de xénero

Máis alá do mes de marzo, cómpre ter en conta estes materiais coa intención de equilibrar e completar as coleccións das bibliotecas escolares. Da mesma forma, débense  de valorar estes recursos á hora de programar actividades ou facer propostas para os grupos de lectura.

22/12/17

Dándolle a volta aos contos clásicos: Brancaneves e os 77 ananiños e Cincenta e as zapatillas peludas


A editorial Xerais vén de publicar  os contos Brancaneves e os 77 ananiños e Cincenta e as zapatillas peludas, ambos os dous da autoría de Davide Cali, con ilustracións de Raphaëlle Barbanègre e traducidos por  Anaír Rodríguez.

Na presentación editorial indícannos que son reinterpretacións dos contos clásicos e un canto á liberdade. Desde o humor cuestiónanse os estereotipos aceptados, que impiden a educación en igualdade de dereitos de oportunidades de nenos e nenas.
Indicados para primeros/as lectores/as, son boas lecturas para incluír nos fondos da biblioteca escolar co fin de traballar a coeducación, a iguadade de xénero e o dereito a decidir das persoas, nomeadamente as mulleres. 

4/12/17

Novidades de poesía


Achegamos tres novos títulos de poesía que poden formar parte do fondo das nosas bibliotecas escolares, das nosas maletas ou mochilas de poesía ou ben formar parte das recomendacións lectoras do Nadal.


O baúl de Domingo Quintas de Xoán Babarro, ilustrado por Estefanía Padullés e publicado en Hércules Edicións. A historia comeza cando o narrador decide abrir o vello baúl do bisavó e atopa unha morea de poemas escritos sobre cortizas de bidueiro. A partir de aí, cada páxina contén un deses poemas, acompañado de cadansúa ilustración.

A pel do mundo de Berta Dávila, ilustrado por Alba Cid e publicado na Colección Árbore, de Galaxia. O poemario está deseñado como unha viaxe a diferentes lugares do planeta. Canda o poema temos unha pequena explicación do lugar que se visita.




Anatomía da lingua (Lingua de amar, lingua de amor) de Antón Cortizas Amado, con ilustracións de Leandro Lamas e publicado pola AS-PG. Na súa presentación editorial di que nos fala en 31 poemas saídos "dun impo tan profundo como a noite", da lingua, da nosa lingua. Como obxecto para amar, como obxecto de amor, como palabra de futuro. Oficios de lingua, paisaxes de lingua, beixos de lingua todo está presente neste poemario.





25/1/17

Historias de inmigración para xoves



Faktoría K de libros vén de publicar Eu son Suleimán de Antonio Lezcano, con tradución de Carlos Azevedo.

Na súa presentación editorial dísenos que a novela conta como, farto da extrema pobreza que padece en Mali, Suleimán decide marchar co seu amigo Musa na busca dunha vida mellor en Europa, onde esperan traballar, conseguir diñeiro para voltar ao seu país, abrir os seus negocios e axudar as súas familias. A viaxe resulta dura e difícil: cruzan o deserto en camións escangallados, ateigados de xente tan desesperada coma eles; chegan á fronteira con Melilla pero, ao cruzar a reixa fronteiriza, son arrestados e expulsados. Tras perder Musa, Suleimán loita por sobrevivir e volve intentalo por mar, dende as costas de Senegal ata Gran Canaria.

É a historia de calquera dos miles de rapaces que desafían a morte para chegar a Europa fuxindo da guerra e da miseria no continente africano. Un drama que traspasa o frío factor da actualidade para achegarse á dimensión humana do fenómeno migratorio que é tratado tamén na novela Camiños na auga de Manuel Núñez Singala, publicada en Galaxia tamén no 2016, onde se denuncian as duras condicións de vida dos negros albinos en África, así como a trata de negros que constitúe o negocio dos caiucos mediante os cales tratan de introducirse en Europa.


Destinadas a un lectorado xuvenil ou adulto, ambas as dúas novelas deben estar nas nosas bibliotecas escolares, poden ser lidas en clubs de lectura temáticos ou ben poden formar parte da selección de lecturas sobre inmigración, guerras ou vulneración dos dereitos humanos, nestes días que temos tan próxima a Conmemoración do Día escolar da non violencia e a paz.

9/9/16

A LECTURA, CHAVE DO FUTURO. Guía para a lectura en familia.

Recomendamos a guía dixital  A lectura, unha chave de futuro, porque nos pode dar boas ideas para tratar a lectura coas familias e para deseñar orientacións para a lectura en familia desde a biblioteca escolar. 
É un proxecto de Letra en Obras, o portal educativo Botóns e da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Cultura.
O recurso está dividido en dez apartados nos que se describe a importancia do hábito lector para o futuro dos nenos e das nenas, os primeiros pasos na animación á lectura, o tipo de libros máis axeitados para cada idade, regras básicas para a lectura en familia,a lectura no mundo dixital,  o papel das librarías e bibliotecas, tamén a escolar, como espazos comúns de lectura. Propón asimesmo algunhas actividades para facer na casa en torno aos libros.
Complétase o recurso co apartado Compartindo experiencias onde persoas destacadas do mundo da literatura, do ensino, das bibliotecas e librarías e de diferentes asociacións contan a súa experiencia e dan algunhas claves para a animación á lectura.