Mostrando entradas con la etiqueta Libros de arte. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Libros de arte. Mostrar todas las entradas

10/9/19

Man de Camelle ou cando unha historia non precisa de palabras


Cun simple lapis Carme Hermo convídanos a adentrarnos na vida e obra de Man (Manfred Gnädinger), artista alemán afincado en Camelle que viviu e creou a súa obra en harmonía co mar e a natureza.
Os duros e lineais trazos do inicio vanse transformando en liñas suaves que se funden coa natureza, como na obra do artista.
Este álbum recibiu o  Premio Gala do Libro Galego 2019 de Ilustración.




19/12/14

As ofertas de Nadal: Kalandraka. Colección Arte

Kalandraka, pon a disposición dos lectores e agasalladores, un par de libros da colección Arte: Descubrir a arte a través do mundo e Mirar a pintura a través dos séculos.
Dous libros imprescindibles en calquera biblioteca persoal ou familiar que queira espertar o gusto polo feito artístico. Os dous polo prezo único de 22 €

16/12/13

Máis libros con CD - DVD e moita música


Publicado por Kalandraka, CoraSons é presentado como "un libro-cd-dvd que reúne fotografías, músicas e un completo traballo audiovisual sobre o proxecto que, baixo a dirección de Uxía, reúne un feixe de destacados intérpretes galaico-lusófonos
“…Corações de Galiza, Portugal, Brasil e Angola pulsando, batendo e emocionando na mesma lingua con «sotaques» diferentes”.
[Fragmento do limiar de Uxía] 
“Cada imagem conta uma história, um momento irrepetível, adquirindo múltiplos sentidos, para quem contempla. Recriar, improvisar, jogar com os reflexos e com a desfocagem, procurar a geometria da minúcia, desafiar as sombras e a magia, ousar a poesia e a simplicidade, dar à luz cor e metáforas…”
[Fragmento do limiar de Isabel Leal] 
“Unha mostra, encontros, química, música… E amizade, por cima de todo a amizade… e a lingua común”
 [Fragmento do limiar de Carlos Blanco]
CoraSons é unha experiencia artística que xurdiu nas redes sociais a través da páxina “Quem vê corações” e materializouse inicialmente nunha exposición de fotografías de Isabel Leal e nun recital posterior coa participación de varios músicos na Casa das Crechas de Santiago de Compostela. A ese encontro seguiulle un gran concerto celebrado na Illa de Arousa ao que se sumaron máis de 40 intérpretes e que se plasmou nun documental gravado por Paco Abelleira. Agora, da man de KALANDRAKA, o proxecto que dirixe Uxía convértese nun libro-cd-dvd con 19 temas e cunha película de hora e media.

5/6/13

De arte


Un conto de Francisco López  Barxas baseado na obra de Eugenio Granell, publicado por El Patito Editorial e Consorcio de Santiago, nunha magnífica edición.
Sobre fondos de cores fortes textos con caligrafía escolar.
Ao lado dos debuxos de Granell, a modo de trazos de xiz, vai aparecendo a representación da narración.
Nunha escola negra, o mestre pide que algún alumno debuxe un rectángulo, farao Granell e cando todos saian da clase pola porta, el atravesará ese rectángulo e a partir de aí vaise contando a súa propia historia dentro dunha fantasía creada a través do debuxo e a imaxe artística da Illa do Tesouro, un mundo propio.
O neno Eugenio, as afeccións á música e pintura, o paso pola guerra e o exilio nos países americanos que van enchendo o seu mundo de novas cores e seres míticos: paxaros – flor e novas selvas, novas tribos e criaturas monstruosas, o paxaro Pi, o mouro Muza, o Indio Tupinamba, o paxaro de lume e todos os soños da razón... ata debuxar un círculo que o devolverá á primeira infancia, a onde volve co cofre onde garda todos os tesouros que trae a Compostela. Unha viaxe de ida e volta, da infancia á vellez.
No final do libro aparece unha biografía de Granell e o listado das obras das que se foron extraídas as ilustracións. Un libro para entrar no mundo de Granell, nese que se garda no pazo de Bendaña, en Compostela.

4/10/11

E ... MÁIS




Dous libros, dúas traducións na colección de Arte de FAKTORÍA K. O de Picasso (Guernica) do que xa falamos e este outro de Velázquez, As Meninas. Un cadro que permite moitas miradas, moitas ópticas desde a que miralo.
Como no caso anterior, trátase de obras de
Claire D’Harcourt, que combinan equilibradamente texto e imaxe, que analizan detalles artísticos do lenzo, desde a técnica pictórica ata o tratamento da luz ou os planos visuais. Tamén achegan datos sobre o contexto histórico e a biografía do pintor. Coidadas edicións, incluso con superficies barnizadas, que se completan cunha lámina desplegable da obra.
Trátase de entrar no cadro e ir pasando duns a outros personaxes e con eles na época e na sociedade dese tempo, atoparse co autor ou coa parella que se adianta desde o fondo do espello. Non se trata dun retrato ou unha imaxe de grupo posando, senón de recoller unha escea chea de complexidades.

22/9/11

LIBROS DE ARTE

Un cadro de Picasso, con texto de Claire D´Harcourt (autor de obras como "Los teatros del mundo" ou "Mirar con lupa"), concepto gráfico de Loïc Le Gall e tradución do francés de Pedro A. Almeida, publicado por factoría K.


Guernica é o nome dunha cidade. Pero Guernica xa é algo máis, vai ligada a unha árbore, a un bombardeo e especialmente a un cadro. Deste cadro, trata tamén este libro.


Un libro de museo, para ler e ver, para mirar de maneira demorada e comprender un cadro. Moi ben escollida a obra, con toda a súa complexidade para mostrar e facerse entender. Con todas as axudas necesarias para clarificar o cadro ao completo e cada unha das súas partes.


Di Picasso: "No, la pintura no está hecha para decorar habitaciones; es un instrumento de guerra ofensiva y defensiva contra el enemigo" e, en base a esta explicación, preséntase a obra, unha obra cun nome (o dun pobo bombardeado) e cunha historia (non debía vir a España ata que se instaurara a democracia neste país).


O Guernica quería lembrar para sempre a barbarie da guerra sobre a sociedade civil e quería facelo enfrontando bombas a pinceis.
Utilizando só o branco, o gris e o negro e unha serie de imaxes que se converten en símbolos para expresar o horror, pero tamén a esperanza na bondade de homes e mulleres, e nun futuro mellor.



O libro inclúe un cartel despragable coa obra enteira, a biografía do autor e a explicación do cadro en base a doce detalles do lenzo. Un fermoso libro de arte e para entender a arte e a historia.

12/3/08

GRAN LIBRO DOS RETRATOS DE ANIMAIS


Con el comezou a colección OQart da editorial OQO Nel, croata Sujetlan Junakovic modifica algúns dos retratos que forman parte da historia da pintura para substituír os homes e mulleres retratados por animais que pasan a ser os protagonistas da imaxe. Esta galería de retratos de animais compleméntase cos comentarios nos que se achegan datos sobre o retratado, a época ou o artista nun ton nada alleo ao humor. Un bo punto de partida para un xogo de espellos no que a pesar do aviso de que “calquera semellanza coa realidade é pura coincidencia”, buscaremos aquel outro cadro que se nos imita a este, localizarémolo, compararémolos e riremos mentres nos movemos entre obras de arte. Esta obra acaba de ser galardoada cunha Mención de Honra na Feira do Libro de Bologna.