Chegan novidades ás bibliotecas para celebrar o Samaín.
30/10/20
Quen dixo medo? Lecturas para o Samaín
26/10/20
A viaxe culinaria de Kukinhas
A editorial Xerais publica A viaxe culinaria de Kukinhas. A volta ao mundo en 50 receitas.de Elisa Kukinhas. Algo máis que un libro de receitas, unha viaxe polos cinco continentes e a súa gastronomía, porque como dí a autora "A nosa lingua pode falar de calquera gastronomía do mundo" non só da nosa. O libro está dividido en 5 partes e cada unha presenta 10 receitas.
A presentación tradicional das receitas vese enriquecida polas iconas que aparecen sobre as fotografías sinalando tempos e tipo de molde, ademais ao pé de cada receita aparece unha información adicional.
Unha boa oportunidade para traballar a gastronomía nos proxectos que viaxan polo mundo adiante con receitas que convidan a ampliar informacións.
A ter en conta o artigo de Kukinhas no que nos fala de como fixo este libro.
De interese para ampliar a sección de cociña nos espazos creativos das nosas bibliotecas.
22/10/20
Fábulas contadas
Desde a editorial Xerais recibimos Fábulas contadas, de Gonzalo Navaza con ilustracións de Orelí Pello. "As fábulas, que foron incorporadas á tradición popular desde hai milenios, son pequenos relatos de intención moralizante onde personaxes animais encarnan condutas e caracteres humanos." O autor recrea, actualiza e galeguiza unha decena de fábulas nas que se mantén, sen perder o humor, a denuncia e a crítica, poñendo en valor a vixencia destes textos para traballar co noso alumnado.
As ilustracións, que reflicten o protagonismo dos animais nestos textos, xogan co texto transformándose en metáforas visuais.
Redondea a publicación o prólogo de Antonio Reigosa, un convite a viaxar, desde as primeiras civilizacións, pola historia da fabulación. En A república das fábulas indica que "As fábulas foron e seguen sendo un instrumento divertido, axeitado e moi eficaz contra os abusos dos poderosos e para amainar, xa que non erradicar, a estupidez humana. Tomen nota e gocen das súas ensinanzas!"
19/10/20
Atlas da Galicia Pequeniña
Obra finalista na Gala do libro galego 2020 na categoría de libro mellor editado |
Un índice ben cheo de contidos. |
Fonte: @bandadeseada |
Fonte: Domestika.org |
16/10/20
Bo camiño, Valentiño!
A través dunha estrutura repetitiva e rimada, o pimgüín Valentiño vai facendo camiño ao tempo que os seus xenerosos amigos van aumentando a súa equipaxe."Ata que, con tantos "por se acaso", non pode dar nin un paso."
Unha publicación a ter en conta nos proxectos sobre o Camiño que tanto abundan neste curso. Unha lectura que permite, a través do xogo visual e poético, achegar aos máis pequenos a esta experiencia. Importante, tamén, pararnos nas ilustracións das gardas para poñer en valor a importancia do respecto ao medio e o patrimonio.
Na contraportada un código qr da acceso a actividades e pasatempos relacionados coa lectura.