29/1/20

Libros para mediadores/as de lectura I: Da Carapuchiña ao señor Lamote

Miguel Vázquez Freire vén de publicar en Xerais Da Carapuchiña ao señor Lamote.Clásicos da literatura para a infancia e a mocidade en lingua galega.

O autor propón neste libro coñecer  a LIX universal e faino percorrendo a historia da literatura infantil e xuvenil desde a Carapuchiña vermella até o Ramón Lamote de Paco Martín.

Sabedores de que moitos descoñecemos a existencia destas versións ao galego de clásicos universais e tamén na necesidade de coñecermos o canon da LIX, este ensaio é ben oportuno para as bibliotecarias e bibliotecarios escolares e para as mediadoras de lectura porque como di o autor na presentación “ os mellores libros para a infancia e a mocidade son os mellores libros que calquera, incluídos nenos e mozos, poden ler;os libros, logo máis universais, os libros para todos”.

De moito interese son tamén as referencias que fai ao cine nas 32 propostas e a bibliografía que as acompaña.




20/1/20

Para ler en Paz


Cara ao 30 de xaneiro achegamos unha selección de lecturas para traballar no Día Escolar da Non Violencia e a Paz. Diversidade de xéneros para falar de guerras, migracións, tiranos, racismo e mobilizacións (grandes e pequenas) na procura dun mundo mellor. Lecturas que convidan á reflexión, o debate  e o compromiso. Lecturas que axudan a conformar a colección das nosas bibliotecas como auténticos viveiros de cidadanía.

Para primeiros lectores e lectores autónomos:
Ninguén coma min da editorial Kalndraka, unha oportunidade para reflexionar sobre a egolatría e os abusos de poder, para traballar a metáfora e para sorprender cun final que amosa que non todo é o que parece.
Tamén de Kalandraka, Non Stop. A recuperación deste Premio Hans Christian Andersen convida a seguir o camiño seguro fronte ao caos, cara a construcción dun nundo mellor.
De Alba Editorial, na colección Pequeñx & Grande, Anne Frank e Martin Luther King. Dúas biografías que achegan a infancia destes significados personaxes.

Para todos os públicos, lecturas sen palabras:
Migrantes, de Libros del Zorro Rojo. A forza das imaxes para falar do drama da migración e promover a empatía e a solidaridade.
Da mesma editorial, Un camino de flores. Un canto poético á importancia dos pequenos xestos capaces de transformalo todo.

Para lectores expertos:
Todo lo que pudimos, de Kraken Ediciones. Un relato biográfico sobre a traxedia da migración dunha familia que fuxe do Vietnam.
Da Editorial Milenio, Sweet Sixteen. O problema racial nos EEUU na pel dunha adolescente.
Un cómic de Demo  Editorial, Tanta paz leves. Unha reflexión sobre os periodos de posguerra e as feridas que permanecen abertas.
Al sur de la Alameda, de Ediciones Ekaré. Unha novela ilustrada que pon o protagonismo nas revoltas estudiantís, na loita polos dereitos e pola procura dun mundo mellor.