Mostrando entradas con la etiqueta LIBRO - DISCO. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta LIBRO - DISCO. Mostrar todas las entradas

6/7/18

Con Galaxia, para contar e cantar no verán


Achegamos tres novidades de libro- disco na colección Sonárbore da Editorial Galaxia, que como sabedes,  conta tamén cunha canle de Youtube.

E como o verán é para ler e contar pero tamén para cantar e bailar, velaquí van as novidades, que se non están, ben poderían estar nas bibliotecas escolares de Infantil e Primaria ou nas recomendacións ás familias.

No país do vento con contos, texto das cancións e música de Charo Pita e ilustracións de Óscar Villán. Neste país "nada queda quieto:  os pés bailan, as saias xiran e moitas melodías e alguhas pequenas historias van buscando orellas que as escoiten e labios que as cantaruxen para seguir vivas montadas no lombo das brisas e dos furacáns."


Monstros con ou sen consentimento de Chuches Amil, con ilustracións de Manel Cráneo.
Son "cancións para gozar en familia, cun sorriso nos beizos e moito ritmo para erguer o ánimo e non parar de bailar. E tamén moitos monstros, que medo!"


Coas miñas mans de Pablo Díaz con ilustracións de Lucía Cobo.
Coas miñas mans "podo debuxar, contar, sentir... Música para aprender os números, as cores, as comidas… pero tamén para cantarlle á lúa, á primavera… Cancións divertidas para medrar con alegría!"


22/6/15

Cadros dunha exposición: libro música

Cadros dunha exposición é unha peza de Modest Mussorgsky, que interpreta a Filarmónica de Nova York dirixida por Guiuseppe Sinopoli. Ademais, Cadros dunha exposición é un libro con texto de José Antonio Abad e ilustracións de Xosé Cobas.
Un obxecto de arte. Un libro CD no que se unen as palabras, as notas musicais e a pintura para que todos os sentidos poidan gozar da beleza.
Cóntasenos a historia dun grupo de gansas que cada día pasa por diante do Museo de San Peterburgo e nunha ocasión, unha delas -nova e despistada- entra no museo e vai paseando e vendo os cadros de Viktor Hartmann, observando as pinturas mentres a música nos conduce.

9/2/15

Novidades














Non hai berce coma o colo é un libro disco que responde ao proxecto de Paulo Nogueira e Magoia Bodega con ilustracións de Mariona Cabassa, publicado por Kalandraka. A nana como canto primixenio e central da vida nas voces de Mini e Navia Rivas, de Merche Rodríguez (Leilía) e Sonia Lebedynski. Ademais da música, non deixan de chamar a atención unhas delicadas ilustracións arredor dun mundo onírico protagonizado por ese neno en pixama collido ao boneco e acompañado por nais e pais que nos abren a visión a unha maternidade/paternidade de todas as cores. Non hai dúbida de que ese primeiro contacto coas palabras e coa tradición vai envolto no afecto e acompañado polas imaxes que nos levan a países que quedan ao leste dos soños.
Historia da bicicleta dun home lagarto de Fina Casalderrey con ilustracións de Laura Súa Campos; unhas imaxes con moito movemento e liñas curvas que nos traen o aire dunha época que coñecemos a través das postais. Unha historia chea de lirismo que nalgún momento pode lembrar as de Juan farias. Un tempo de guerra no que un rapaz de familia de pastores admira a un amigo do pai que traballa colocando postes para a telefonía... esa maneira de subir ao máis alto dos paus e esa bicicleta... polo medio, formando o núcleo do relato a desaparición do pai que ha de fuxir e andar pola cadea antes de volver á casa, pero cando iso sucede xa ten desaparecido ese home lagarto que tanto lles axudara na súa ausencia con alimentos do corpo e do espíritu, con libros e lembranzas de Miguel Hernández. Ese neno esfórzase en manter a respiración para darlle azos á esperanza e nós acompañámolo por eses camiños de Albarracín e Gaudalaviar, por eses tempos tristes dos que aínda queda recordo e escritoras dispostas a contárnolos.


29/5/14

Libro disco de Xoán Curiel, Charo Pita e Iván R.

Estamos no verán!, así se chama o novo libro disco que publica galaxia na súa colección Sonárbore. A música e as letras de Xoán Curiel, o texto de Charo Pita e as ilustracións de Iván R.
Todo xira arredor dun grupo de amigos que queren montar un grupo musical. Unha historia que vai medrando a base de diarios.
Estilos como o funk, o rock ou a bossa nova atópanse nun álbum que busca o seu público en ouvintes de entre oito e doce anos.  

23/5/14

Libro disco para saber máis de instrumentos musicais

Os instrumentos musicais preséntanselles aos maís novos da man de Olga Brañas e con colaboradores como Sérgio Tannus, Uxía, Quim Farinha ou Anxo Pintos .
A través da historia da neta dunha directora de orquestra que se achega a coñecer as familias de instrumentos. 
Pitusa Semifusa é o novo libro-disco que acaba de publicar Galaxia na colección Sonárbore para o público infantil. Dez temas de ritmos variados e con multitude de instrumentos, fan parte deste novo proxecto que ilustra Leandro Lamas.

19/5/14

Kalandraka e Paco Nogueiras ¡que boa parella!


Pois si, non podemos negar a debilidade ante un Paco Nogueiras que lle dou unha alegría á nosa música para pequenos, introducindo temas moi pero que moi serios. ¡Como non ía a ganarnos! Colgaba os seus traballos en internet e nin siquera se ofrecía para dar concertos bailados (que era o seu), simplemente poñía o seu granciño de area no monte para que todo o mundo puidera apoiarse nel. Se algún día nos tropezamos de fronte con el... haberá que darlle as grazas. Agora, semella que Kalandraka descobre este fenómeno e publica un libro disco, ilustrado por David Pintor ¡ben merecido o tiña! Nós, coma sempre a gozalo, agora con máis ganas. Parabéns para tod@s nós porque o que de aí saia non ha ser inútil. Brinca Vai.
Da presentación editorial recollemos:
"Paco Nogueiras é o compositor e intérprete de todos os temas, nos que aborda temas incluídos no currículo escolar: a natureza, os xogos tradicionais, a importancia dos libros e da lingua galega, ou celebracións como o Entroido, o Nadal, o Magosto e o Samaín. Destaca tamén polo amplo abano de estilos musicais contemporáneos, dende o rock ao reggae, pasando polo techno e a música electrónica, con influencias tradicionais.
Trátase dunha proposta lúdica e transgresora, que transmite bo humor, e que se complementa con imaxes cheas de colorido, expresividade e dinamismo. “Brinca Vai!” reúne lectura, expresión musical e corporal, creatividade artística e aprendizaxe global en clave de diversión"

5/3/14

Libros e discos. Texto e música...


As editoras están animadas a publicar libros-CD e o mercado está a enriquecerse con este novo formato.
Kalandraka, Ouvirmos, PAI Música, Galaxia, Xerais, Edicións do Cumio...
Nun artigo publicado na páxina do Consello da Cultura Galega lg3, fálase de tres categorías. Por un lado estarían os discos nos que adaptan poemas nos que resultaría un bo exemplo todo o publicado en soporte musical arredor da poesía de Rosalía de Castro (Na lingua que eu falo, Nas tardes escuras, A miña primeira Rosalía...), por outro osálbumes ilustrados para os máis pequenos nos que se reproducen e contextualizan as letras das cancións (Cartas eu veñen e van, Pan de millo, Os bolechas fan unha banda, Toc Toc...) e propostas destinadas a público xuvenil (A terra queima, A caza do ghazafello...) e, finalmente, as publicacións de información dedicadas á música na que os CD é o complemento imprescindible pois explícaa  e contextualízaa (Historia da música en Galicia, De roda en roda. Músicas do mundo, De Voces Ceibes a Milladoiro, Para cantar e bailar, Xogos musicais, Guía didáctica de instrumentos galegos...) E aínda habería que engadir aqueles produtos singulares como CoraSons nos que se complementa o texto, a música  e a fotografía, sne que esta última se poida considerar unha ilustracións ao uso.  

18/2/14

Libros para ler e cantar


Un libro - CD que se reedita. Aparecera en 2006 da man da editorial Primerapersona ilustrado por Lorena Pita e, agora, foi editado por Galaxia con ilustracións de María Lires. Cartas que veñen e van, está escrito por Susa Herrera, autora tamén das letras das cancións que interpreta o grupo Mamá Cabra.
O título responde a que o temas están escritos en forma de carta a difeentes animais e personaxes como Pai Nadal.
Este tipo de materiais teñen moito interese ao combinar o libro (cos seus textos e imaxes) coa música, de maneira que animan a cantar pero tamén a ler, a bailar e a mirar, a compartir momentos agradables e a facelo en galego.


26/12/13

Libros para Rosalía


O Consello da Cultura Galega quere rematar o ano 2013 con Rosalía e nove poetas actuais.
Se o 21 de marzo se celebrou o recital no que as poetas contemporáneas homenaxearon á maior letrista deste ano (como alguén a nomeou), é dicir, á poeta que dou entrada ao Rexurdimento da literatura galega, hai agora 150 anos.
É neste día, 26 de decembro, cando se presenta este libro "Cantares para Rosalía. Nove poetas galegas dialogan cos seus versos" que contén o recital en audio e a transcrición deste. As nove poetas participantes foron Lupe Gómez Arto, Luz Pozo Garza, María Xosé Queizán, Olalla Cociña, Xiana Arias Rego, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Lorena Souto e Ana Romaní. Prologa Comba Campoy.

12/12/13

TOC TOC, músicas e libros petando na porta


De Pablo Díaz, publicado por Galaxia na colección Sonárbore, un novo disco, con ilustracións de Nuria Díaz.
Así o presenta a editorial:
Unha nova obra para achegar a música e a poesía aos máis pequenos e pequenas da casa.
Un mollo de cancións cheas de ledicia, ilusión, amizade e compañeirismo, onde non teñen cabida os malos rollos e si a defensa do medio ambiente, a protección dos animais e todas esas cousas que nos axudan a facer un mundo mellor. Un disco pensado para toda a familia, e do que gozarán todas e todos, en especial os máis pequechos da casa, que non van parar de cantar e bailar.
E así aparece en Ulträqäns:
"Despois de editar o primeiro traballo "Tic Tac" aló polo 2009, non era sen tempo que chegara a segunda entrega, feita sen presa pero sen pausa como se facía o carbón de turgueira.
A banda composta por Carlos Freire á batería, Diego Barral á guitarra, Álex Fente ao acordeón e Antón ao baixo, dirixida polo xefe Pablo Díaz coa inestimável axuda de Olaga Kirk, volven á carga con 13 temas cheos de piratas con loros, ratos e gatos dialogantes, mazaricos con cabuxas, piollos e pulgas namoradeiras e garavanciñas ecoloxistas nunha orquestra zoolóxica metida no saco do noso amigo carboeiro.
Na banda tamén pasaron outros fenómenos como Sergio Delgado, Fran Amil, Santi Cribeiro, Roberto Grandal, Dani Cerqueiro, Juan Tinaquero ou Juan Naya... vamos que esto é o como o SuperDépor de Irureta, onde había polo menos 2 homes en cada posto!.
Se o primeiro disco xurdiu como unha suma de colaboracións (e que colaboracións! Carmen Rey, Xabier Díaz, Guillerme Fernández, Pedro Lamas... entre outros) que daban a cada tema un carácter diferenciado, o resultado do novo traballo é mais homoxéneo, dado que é o resultado de 4 anos de xiras da banda, facendo un son característico que ten como patrón o rock acústico con toques folk, pero sen deixar de facer chiscadelas ao mais tradicional ou até os ritmos mais "sabrosones" 
Tempo de música!

5/12/13

Novos libros en diferentes soportes

Galebook é unha nova editora, especializada na lectura dixital. Unha empresa asociada á Universidade da Coruña, onde se licenciou o equipo de filólogos que a constitúen.
Aínda que non conta cun catálogo moi amplo, achega novidades interesantes e unha nova maneira de enfrontar o texto: en papel e en CD, de tal maneira que se pode utilizar para ler na biblioteca e tamén prestar para ler na pantalla que teñamos a man na casa; polo tanto, un produto interesante para as mochilas viaxeiras. 
O seu catálogo componse de narrativa e poesía para adultos, en xuvenil atopamos unha tradución ao inglés de A sombra cazadora de Suso de Toro (que boa opción para os clubs de lectura noutras linguas!) e en infantil: Man, o alemán de Camelle; O pitiñlo revolucionario de Xulio L. Valcárcel e As trovas de Midas de Diana Varela Puñal.  Libros, estes últimos, ilustrados e algún deles con anexo didáctico (propostas a modo de pasatempos relacionados cosa obra) e outro con audio para escoitar un fragmento do texto.
A versión en soporte dixital leva incluído o audio para poder escoitar os poemas recitados pola autora ou alguén especializado.
Outro dos materiais que presentan é unha proposta dixital educativa para traballar cos nomes e apelidos, Enredando nos topónimos.
Novos produtos e nova empresa para dar resposta a unha necesidade. Entrade na súa páxina, vedes os materiais e probade...

26/11/13

Libro - Música para unha serie de éxito


Os Bolechas fan unha banda é un libro disco, o primeiro de Os Bolechas. A editora Bolanda pon en marcha este proxecto, da man de Pepe Carreiro e a participación de de dez grupos galegos. Cada un deles achega un tema orixinal e, paso a paso, vanse tocando diferentes estilos con Pandeiromus, O Sonoro Maxín, Novedades Carminha, Ataque Escampe, Sés, Transilvanians, The Homens, Eladio y los Seres Queridos, Álex Casanova e AID.
Bolanda, que se fixo cargo deste proxecto, desaparecida a A Nosa Terra (primeira editora da serie) tamén levou a esta popular familia de bonecos á TVG.




23/5/13

Xogos muxicais


Edicións O Cumio, presenta Xogos musicais de Luís Prego, despois dos seus Para cantar e bailar.
Esta editora, especializada en música presenta así o traballo:
"Este traballo pretende afondar un pouco máis nos xogos, recitados e cancións para os máis cativos da casa, converténdose deste xeito nun libro entregado por completo aos xogos musicais iniciáticos. O tratamento das cantigas e recitados que compoñen este libro foron escollidos con moito cariño para que sexan un bo material didáctico para os pais, non se centrando exclusivamente na faceta artística. As músicas son doadas de asimilar, e facilmente reproducibles por pais e nais que non sexan grandes intérpretes ou cantantes profesionais, e as súas letras repetitivas e, maiormente, con temáticas infantís teñen como único fin que poñades todo este material en práctica e a viva voz, sen necesidade de darlle ao “play”. Contén un CD con 38 cancións."



19/10/12

OUTROS SOPORTES (III)



MARÍA FUMACA!!! … cantar e bailar para ser máis feliz
CD+DVD+ libro todo nun lote, presentado por Galaxia na colección Sonárbore.
Un proxecto literario e audiovisual que xira arredor do tema da felicidade e da festa.
Un neno, Rui, que a pesar das súas dificultades pode gozar da música, cantar e bailar, é o centro deste proxecto. Un traballo realizado por moitos músicos galegos reunidos con este bxectivo. Música, vídeo e karaoke para defender o que hai que defender, a marabilla que supón ter unha lingua e unha cultura propias, a ledicia de estar xuntos unhas e outros, cada unha e cada un de nós distintos, coas nosas capacidades e discapacidades.
As ilustracións de P. Pastor tamén nos traen ese ambiente festeiro que necesitamos todos/as, e máis nestes tempos.

18/10/12

OUTROS SOPORTES (II)



Así fan os bailadores… de Sergio de la Osa, Xabier Iglesias, János Fügedi e Juan Parga. Un conxunto de CD+DVD+libro que nos trae unha compilación de bailes e danzas que nos servirán de iniciación ao baile galego. Editado por Dos Acordes.
Unhas veces cantamos e outras bailamos, e de cando en cando facemos de todo.
Quen dixo complexo?
A bailar que toca!
A bailar que alguén toca!

9/3/12

O ANIVERSARIO DE VIVALDI COMO MOTIVO


Coincidindo co aniversario do compositor, a editora Kalandraka estrea unha nova colección de música clásica.
O libro - disco As catro estacións  (unha das obras máis coñecidas deste compositor) conta co relato do autor José Antonio Abad ilustrado por Emilio Urberuaga (Premio Nacional de Ilustración 2011) e coa gravación desta peza realizada en 2007 pola violinista estadounidense Sarah Chang, coacompañamento da Orpheus Chamber Orchestra, considerada pola revista BBC Music como a actuación máis brillante.

2/12/11

AVENTURA EN LIBRO - DISCO

A caza do ghazafello. Unha aventura en libro-disco, con textos de Denís M, Ilustracións de Sara López, música de Marcos Paiño interpretada pola Orquestra das Ánimas coas voces de Antón Reixa, Xurxo Souto, Ugía Pedreira, Pulpiño Viascón, García MC, Ico, Manolo Maseda, Coralie Yap e Chine.
Xerais, de novo, saca á luz un libro con algo máis. Se hai un días fora un espello flexible o que acompañaba o poemario de Antón Cortizas, agora presenta un libro que se complementa cun disco; unha estupenda obra, desas que dá gusto ter entre as mans, porque desde o papel ao tipo de letra, as marxes con todo o aire necesario, as cancións introducidas na historia como se se tratara dun musical, unhas ilustración moi ao caso onde descubrimos ¡por fin! Como é que son os ghazafellos. As cubertas onde o debuxo do ghazafello se introduce nunha fotogafía de natureza, de forma que a realidade e a ficción se entrecruzan igualq ue sucede na historia. Unha historia que posiblemente teña continuación e que habería que pensar en pasar á representación coa música en directo xunto coas actuacións de todos e cada un dos personaxes. Xurxo Souto como mestre de cerimonias introdúcenos no relato
“Xa non hai voltga atrás. Acabas de saír da estradaprincipal da túa vida e coller un ramal que conduce directamente á aventura!
Estaba tan preto de ti, aínda que non o soubeses, e agora por fin foi quen de atraparte.”