28/3/08

"A flor máis grande do mundo" de Pablo Etcheverry


¿E se as historias para nenos foran de lectura obrigatoria para adultos? ¿Serían realmente capaces de aprender aquilo que levamos tanto tempo ensinando? -pregunta Saramago nesta curtametraxe. Nela, o Nóbel pon historia e voz, prestando tamén a súa imaxe en plastilina, como podemos ver. Un relato ao que acompaña unha reflexión sobre a literatura infantil e a defensa da natureza envolto na música de Emilio Aragón e o bo facer de Juan Pablo Etcheverry, xa coñecido pola curtametraxe Minotauro, Pablo en el laberinto. Esta peza foi nominada aos Goya na categoría de Mejor Corto de Animación pode verse na páxina seguinte:



27/3/08

As poesías musicadas de Álvarez Blazquez


... Porque na biblioteca hai algo moito máis que libros e porque a poesía complétase cando se recita en voz alta e se canta... facémosvos partícipes dunha nova:

Acaba de saír ao mercado o CD "Entre o Miño e o mar de Vigo".

Os poemas para nenos/as, do autor das Letras Galegas 2008, publicados en Roseira do teu mencer e O que ben che quer aparecen agora musicados por Eloi Caldeiro e presentados por Miguel Anxo Mato Fondo.

Un destes poemas, para abrir boca:


O año pitaño

vai no paraño.

A cabuxa luxa

marchou onda a bruxa.

O gato cegato

fuxiu ao burato.


O coello vello

anda no cortello.

O galo ralo

rubiuse no valo,

i a galiña tiña

está na cociña.


Anda, neniña,

deixaos estar,

e imos brincar

coas cunchas do mar.

25/3/08

NEGROS E BRANCOS


Cando a presentación editorial o di, o mellor é transcribilo:

"Hai moito tempo, todos os elefantes do mundo eran brancos ou negros, e odiábanse entre si. A guerra non tardou en estoupar e, durante tempo e tempo non se volveu a ver ningún elefante sobre a Terra. Ata que un día saíron da selva os netos dos elefantes amantes da paz... "

(Agora seguimos nós)

Os elefantes que saíron da selva e que eran descendentes daqueles outros, negros e brancos, que fuxiran da guerra eran grises, totalmente grises. Dende entón viven en paz. Pero, ultimamente os elefantes de orellas pequenas e os de orellas grandes míranse dun xeito estraño.

(¿Que pasará, non pasará? Tal vez se impón un "Continuará...")


Un bo libro a diferenza.

24/3/08

IMAXINA ANIMAIS


Búscanse animais nos obxectos máis cotiáns e atópanse, xa diso sabían moito os surrealistas. Faino, neste caso, Juan Vidaurre e conségueo... mostrándonolos cuns mínimos retoques para que descubramos eses ollos polos que ver cando se animalizan as cousas ou esa paisaxe de fondo na que colocar os animaliños a pacer ou dar unha volta. Este traballo pode lembrar as poéticas visuais de Brossa ou Chema Madoz -a través de fotografías- tal como se comenta na presentación editorial. Feito o labor da imaxe comeza o do texto. Daquela, Ballesteros, dálle outra reviravolta que nos lembra a Cunqueiro cando andaba a apañar gatipedros, e recrea esas personaxes que pasan a chamarse Abrenoites, Metrocol, Tibulatas ou Bolbopecha. Pon a imaxinación a soñar e invéntalles unha historia que de tan sorprendente resúltanos natural ¡como a vida mesma! na que se agachan todas esas cousas-animais que podemos non ver á primeira mirada pero que unha vez nos coloquemos as gafas de observar a fantasía descubriremos ... ampliando ese animaliario marabilloso onde han de estar a esperar por nós. E aí é onde o libro se abre e nos introduce nun xogo infinito no que seremos partícipes e ... seguiremos a crear.

18/3/08

O REINO VERDE DE XOÁN BABARRO


O libro vai daqueles tempos nos que sabíamos falar cos animais e eles entendíannos, respondíamos ao canto da perdiz, descubríamos o carapucho da bublela ou remedábamos o cuco...

Neste libro de poemas, Xoán Babarro establece un diálogo coa poesía popular, a modo de recoñecemento e pago por todo o que nos ten aportado; por iso, cada poema é introducido por uns versos desa outra poesía da que descoñecemos autor porque é de todos e todas e a tod@s pertence.

Un xogo que pode lembrarnos aquel outro que realizara Antonio García Teijeiro en "Na fogueira dos versos" coa coa tradición culta.

E como mostra un boton:

Era si,

era non.

que te comerá

o papón...!


O papón

non sabe comer

nin con garfo

nin con culler

nin nenas

nin nenos

nin grandes

nin pequenos

¿Que comerá?

Comerá a guerra

e parará,

comerá a inxustiza

e acabará,

comerá a miseria

e desaparecerá,

comerá...



17/3/08

O QUE BEN CHE QUER


Unha manchea de poemas, escritos por Xosé Mª Álvarez Blázquez para a súa filla Colorín, presentados por Pepe Cáccamo e ilustrados pola súa irmá Berta Cáccamo. Esta, realiza unhas acuarelas con delicados trazos, unha figuración mínima e suaves cores, acompañando os versos e deixando nas nosas mans un produto delicado.

Parte dos poemas pertencen ao libro Roseira do teu mencer e parte son inéditos.

Entre eles gustaríanos compartir con vos aquel que lle dá título ao libro, e que ademais conta cunha das ilustracións máis interesantes.


O que ben che quer

eche o vilorico que anda polo ler.


Ise si que é bo

que viu dende lonxes aguillando o vó

somentes por verte e que o viras ti,

para que os dous brincases; ti co teu oh, oh,

e el co seu chi, chi.


O vilorico

de longo bico

e longas patas de gabirú

que nin di cu - cu

nin anda con trolas de chicherico.


- Que non diga o moucho,

que no diga o cuco,

que non diga a poupa

que che queren muito...


O que ben che quer

está silandeiro enriba de un pé.

Sabes ti quen é?

Éche o vilorico que anda polo ler.



12/3/08

GRAN LIBRO DOS RETRATOS DE ANIMAIS


Con el comezou a colección OQart da editorial OQO Nel, croata Sujetlan Junakovic modifica algúns dos retratos que forman parte da historia da pintura para substituír os homes e mulleres retratados por animais que pasan a ser os protagonistas da imaxe. Esta galería de retratos de animais compleméntase cos comentarios nos que se achegan datos sobre o retratado, a época ou o artista nun ton nada alleo ao humor. Un bo punto de partida para un xogo de espellos no que a pesar do aviso de que “calquera semellanza coa realidade é pura coincidencia”, buscaremos aquel outro cadro que se nos imita a este, localizarémolo, compararémolos e riremos mentres nos movemos entre obras de arte. Esta obra acaba de ser galardoada cunha Mención de Honra na Feira do Libro de Bologna.

10/3/08

Santiago, balada inxenua de Federico García Lorca


¿A que lembramos aquel marabilloso poema de García Lorca que ten que ver con Santiago, o apóstolo, e o camiño lácteo que conduce ata nós? Esta noche ha pasado Santiago su camino de luz en el cielo. Lo comentan los niños jugando con el agua de un cauce sereno. ¿Dónde va el peregrino celeste por el claro infinito sendero? Va a la aurora que brilla en el fondo en caballo blanco como el hielo. (…) Pois ben, anda polas bibliotecas e librerías un libro estupendo no que á poesía de Lorca lle pon imaxes Javier Zabala, cunha técnica mixta na que traballa dende o colaxe ás agoadas e ceras, ¡un luxo! Pois ben, este álbum acaba de obter a Mención de Honor do Xurado da Feira do libro infantil de Bologna, na sección de poesía 2008

6/3/08

O teatro tamén se le

BOAS NOITES A peza teatral de Paula Carballeira, ganadora do I Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2006 convocado polo IGAEM. Unha obra divertida con diálogos áxiles e unha historia chea de imaxinación e humor. ¿Qué pasa cando os pais buscan que a súa filliña sexa a máis lista, a máis, guapa, a máis do máis…? Pois que a mandan a clases de judo, de inglés, de conservatorio, de baile, de natación… e ela ten que facer iso despois das clases e dos deberes e … ¿que tempo lle queda? Só o da noite, un tempo de liberdade para xogar e poder vivir aventuras imaxinarias. Daquela, Pedro Chosco empeñado e facela durmir e ela en manterse esperta, ata que dan cunha solución … á que poderán asistir todos os lectores e lectoras desta peza sobre o estrés infantil e os seres marabillosos da fantasía infantil. Unha peza para ler e unha peza para ver.

5/3/08

TARTARUGA

"Tartaruga" de Xaquín Marín, na colección Xiz de cor da editorial Baía. Un álbum para mirar e remirar, para ler e pensar. A combinación completa de imaxe e texto realizada por un ilustrador, humorista e escritor. Todo arredor da tartaruga que se fai preguntas e aseveracións, que filosofa sobre a vida e os tempos, os camiños longos ou os pasos curtos, para rematar conformándose porque, polo menos, onde se cansa durme ¡é o bo de levar a casa con un! Bo libro, e cando haxa ocasión non perder a oportunidade de asistir á presentación, pois Xaquín Marín é un creador para coñecer e escoitar, para observar mentres debuxa tartarugas individualizadas...