25/9/12

DUN TEMPO E DUNHA TERRA


Dun tempo é unha terra, publicado na colección Ardentía de Tambre.  Este título, que se recolle da cita de Salvatore Quasimodo que encabeza a edición de Longa noite de pedra:
"Ser dun tempo e dunha terra. Eis o segredo da
poesía máis humana e verdadeira."
Unha selección dos poemas máis representativos de Celso Emilio Ferreiro realizada por Gonzalo Navaza e ilustrada por David Pintor neste ano no que se celebra o centenario do poeta.
Recollemos esta entrada de BLIX (Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil) porque non se pode dicir mellor, en tan pouco espazo:
Logo dunha breve introdución biográfica, reúnense 44 poemas agrupados en apartados temáticos:
"O descontento co presente" recolle nove poemas sobre a sociedade do seu tempo, dende a Ditadura franquista á guerra de Vietnam.
En "O tempo, a nostalxia do paraíso, o desacougo" aparecen a infancia e a mocidade sentidas como un tempo edénico e feliz.
"O compromiso cos que sofren a historia" presenta ao poeta que sente como propios os padecementos dos outros.
"O amor" pola muller, Moraima, ou filial-materno.
"A esperanza" nun futuro de liberdade, que nun momento da súa vida cre ver na emigración, e xustiza.
"A terra" natal, que conforma o paraíso perdido da infancia, e o seu país, cunha lingua de seu coa que o escritor pon de manifesto o seu compromiso.
"A sátira, o escarnio": o humor e a vea satírica de longa tradición na literatura galega, presentada ás veces anonimamente ou baixo pseudónimos.
Acompañan os textos unhas breves introducións contexturalizadoras e unhas mínimas notas lingüísticas.

24/9/12

ALMANAQUE


Almanaque musical, da autoría de Antonio Rubio e David Pintor en tradución de Xosé Ballesteros, publicado por Kalandraka.
Cada mes un poema e unha ilustración na que unha orquestra -con músicos de diferentes fasquía- se adapta ao tempo que corresponde.
A modo de exemplo:

ABRIL
Cando chove abril

os músicos cantan

negras e corcheas,

semifusas, brancas.

A celosa chuvia

bate no paraugas

con pingas agudas:

pizzicato de auga.

Son notas de nube,

salmodias aladas

que ao caer entoan

primavera de auga.

Un almanaque para ler, ver e escoitar, porque ao remate, se nos recomendan concertos de corda cunha unha serie de pezas.

20/9/12

CÓMICS EN SERIE


Castelao. O pobre tolo con guión de Inacio Vilariño e  debuxos de Iván Suárez  é o primeiro dunha serie na que se recolle a vida deste home fundamental na historia e na cultura de Galicia. Pintor, escritor e político... Castelao representa a personalidade máis rica dunha das mellores épocas históricas deste país.
O título do cómic débese á obra do mesmo nome de Teixeira de Pascoaes, que Castelao estaba a ler nos tempos que se recollen neste volume.
Esta obra foi editada conxuntamente por Demo editora e KÓMIC, que celebraba así os 25 anos de libraría especializada no mundo dos cómics.
Os autores recibiron o Premio de BD Castelao da Deputación da Coruña en 2011 por Titoán, que fai parte desta serie biográfica.

18/9/12

Arredor da literatura xuvenil

"(...) sei que hai moitos libros para adultos que están pensados para xente con máis vivencias, experiencias e unha forma de ver o mundo que aínda non é a que teño eu; sei que teño que esperar para saber saborealos plenamente. Por outra banda están os libros catalogados como literatura xuvenil, nos que é moi difícil atopar algún que mereza a pena (que os hai), porque os que máis éxito adoitan ter son todos iguais, cos mesmos temas, (...)"
  
Esta é a opinión da alumna dun IES. Unha opinión a ter en conta para os mediadores acheguen libros xuvenís realmente de calidade sen deixarse levar por modas nin reclamos editoriais ou de calquera outro tipo. É triste ver que a maioría dos libros xuvenís que esta moza tivo nas mans coincidiron cos aqueles que na literatura de adultos serían os máis comerciais. Pero hai ...máis mundo, moito máis. E para mostra, un botón...

4/9/12

2012 ANO CELSO EMILIO FERREIRO, tamén para @s peques


O meu primeiro Celso Emilio Ferreiro é un libro con Cd ou un Cd con libro, como prefirades; o asunto é que conta cos dous soportes para achegarnos a este poeta que está de aniversario (ou mellor dito, de centenario). Hai cen anos que naceu e cincuenta que publicou o poemario Longa noite de pedra, un motivo máis que suficiente para que as editoriais publiquen obras interesantes en torno a este autor. Esta é unha delas, e no noso caso unha das imprescindibles.

Sorprende saber que as ilustracións son de María Manuela, a cantante que dou voz a parte destes poemas, e da que non coñecíamos esta interesante faceta coa que logra moi bos resultados. Non sorprende tanto, que a edición sexa de Xosé Lastra (profesor moi coñecido polo seu traballo no movemento de renovación pedagóxica: Nova Escola Galega, coautor dos textos do grupo Avantar, codirector da colección Merlín de Xerais...) e da súa filla Xiana Lastra (tamén coñecida polo traballo en Nova Escola Galega e na Revista Galega de Educación, así como cantante). Ambos, escriben unha pequena biografía e antoloxía do poeta de Celanova e participan na gravación deses oito poemas nos que tamén colaboran María Manuela, Mini e Mero,... e moitos outros que percorren o campo dos cantautores ao folclore e jazz de maneira colectiva e "con sumo gusto" pois así vai a boa xente.

Leamos e escoitemos esta pequena xoia mentres o 2112 non remata e nos anos que han de vir.