31/3/15

Doutra maneira...

 Bieito Dubidoso de Roque Cameselle na colección Milmanda de Xerais.
Bieito Dubidoso, o mago de Tui, xa chegara a nós nun formato dirixido aos pequenos, pero faino agora en forma de novela xuvenil para mostrarnos o horror medieval da man do bispo Xoán, dono e señor da vila con poder absoluto e malas artes. O fermoso e cruel bispo está disposto a mil estratexias para acabar cos de Bieito. Un neno e unha moza chegada do lonxano Norte, Bieito e Destreza, que maduran mentres descubren o amor e a perda das persoas queridas. 
Bieito Dubidoso xa está na wikipedia porque parte dunha longametraxe de animación, estreada no 2011 e dirixida polo seu autor Roque Cameselle. A película presentouse no 33 Festival Internacional de Nuevo Cine Latinoamericano na Habana e foi nominada a Mellor Película de Animación no Prmeios Goya 2012.
Tamén en Xerais, o álbum ilustrado O pequeno mago publicado en 2014.

30/3/15

Un libro de Paco Martín

A rula, o peluche e a nena de Paco Martín, acaba de saír do forno.
Unha familia de rulas con dúas fillas. Unha delas moi curiosa, descobre un oso nunha galería. Cando fala con el, cóntalle que nesa casa vai nacer unha nena, e decide agardala. Non se irá a países máis quentes, non acompañará aos pais e á irmá porque se quedará nesta casa para coñecer á cría dos humanos.
Que hai que facer neses caso? Como sobrevivir nunhas temperaturas que non che corresponden? Como alimentarse cando xa non hai sementes nos campos? Como manterse en forma no medio do inverno?
Pero a historia irá máis lonxe, porque o oso tamén quere coñecer mundo... ¡e lograrao, vaia se o logrará!
Noutra cor, o autor diríxese á nena nunha conversa paralela á historia.

27/3/15

Fráxil coma o cristal

De cristal, é o título da última obra de Silvestre Gómez Xurxo que fala da vulnerabilidade. Cinco relatos, cinco, sobre a indefensión do ser humano. 
Conta o autor que a colección de relatos nace da petición dunha nena, que quere un conto titulado "O home de cristal e o mago". Escribira Gloria Sánchez A casa de cristal do señor Clin (e ilustráraa Miguel Calatayud), unha das historias máis tristes ás que dera lugar a nosa literatura, porque cando es tan inocente que nada tes que ocultar faste transparente coma o cristazl e como el igual de delicado, de forma que calquera ceh pode destruír. Estaría ben reler esta obra antes de entrar nas de Gómez Xurxo... porque son estas unhas historias nas que o autor entra con presenza propia -parando o relato- porque en cada unha delas "O ratiño negro", "O ratiño branco", "O gato negro", "O pavo real" ou "Gulag de galgos" se presenta unha situación na que determinados animais padecen indefensión e un protagonista humano se identifica con eles porque a súa situación é parella e a súa dor é semellante.

26/3/15

De serie

Feitizo de sangue é a segunda entrega de "As crónicas de Landereina", de Sabela González.
Historias do ben e do mal, de illas de sabios e segredos de montañas, do poder e o destino, do bosque e dos feitizos, de maixas e amuletos... Son horas de retomar a triloxía das mulleres e continuar acompañándoas polos camiños da literatura.
O veleno da risa é a última entrega (polo de agora) de "Un misterio para Tintimán" (neste caso en Lugo). 
"Os planos do século III que se usaron para construír a muralla de Lugo aparecen nunha escavación arqueolóxica. O misterioso Home da Máscara consegue facerse con eses documentos e Tintimán, o reporteiro máis novo e espelido de Galicia, terá que recuperalos e desenmascarar o malvado. O delincuente está disposto a negociar: a cambio dos planos quere unha xoia castrexa, O carneiro alado, que Tintimán deberá roubar no Museo Provincial". 
Despois de Corazón de chocolate (situada en Compostela), A coroa de Napoleón (situada na Coruña)
Amor de serea (en Vigo), a carretera lévanos a Lugo e a súa muralla. Sempre da man das historias de Jaureguizar e das ilustracións de José Matalobos)
Outra novela con continuidade é a de Xenaro (con x de Xan de Xiao e de Xaime), neste caso a entrega leva o título de Xenaro e a negra sombra. Mar Guerra continúa debullando historias arredor dos personaxes xa coñecidos, e acompáñase das ilustracións de Fernando Llorente Sagaseta. Outros títulos: Xenaro e o misterio da mochila verde e Xenaro e a hucha do indiano...
 

25/3/15

De dous en dous

 

Edebé Rodeira acaba de publicar  na colección Tucán un par de noveliñas de autores galegos.
Amizades secretas de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Marta Altés cóntanos a historia de dúas familias que van a coincidir nunha casa: a dos tratos con tres crías e a dos humanos cunha nena. Non queda máis remedio que adiviñar entre quen se establecerá esa amizade secreta. Un relato que corre rápido mentres nós imos pasando de identificarnos con cada unha das familias, e o seu temor á outra, a loita entre elas para sobrevivir e a necesidade de compañía entre as crías. Aí está o primeiro dos capítulos, para facer boca.
Viaxe a Dragonia con texto e ilustración de Xan López Domínguez conta unha historia de dragóns, libros perigosos e magos. Unha divertida historia con personaxes tan marabillosos coma a bruxa Herminia todo dulzura e disposición, tan estrafalarios como o dragón Bambalum coas súas sete cabezas,... e ademais, os malos acaban perdendo, ¿que máis se pode pedir? Leamos o primeiro capítulo... por se apetece seguir.

24/3/15

Novidades...

John Boyne é o autor de O neno con pixama de raias, ese best seller que nos conmoveu, traendo a foco o nazismo desde os ollos dun neno (que se fai amigo doutro neno sen saber que é inimigo nin onde é que está). A inxenuidade no medio da barbarie, a confianza cando xa o home non pode confiar nin na propia sombra... Pois ben, John Boyne un autor mozo (nado en 1971), despois de ter escrito aquel libro para adultos que os lectores mozos fixeron seu, de vez en cado segue a escribir para eles, e Kalandraka publícaas, de aí que podamos achegarnos á súa produción en galego: Noah Barleywater escapa da casa e últimamente O que lle aconteceu a Barnaby Brocket, con ilustracións de Oliver Jeffers e a modo de alegato a favor da diversidade, de amor ao diferente... que nos lembrará certas obras de Roald Dahl e Cos pés no aire de Agustín Fernández Paz.
Na colección de narrativa de Factoría K, tamén poderemos ler Motín na Bounty, deste mesmo autor.












23/3/15

Poétic@, unha páxina de creación poética

 
Poétic@ é unha páxina que acaba de abrir o poeta de Cidades e Poetízate, Fran Alonso, e onde a poesía paira coas tecnoloxías e pantallas, onde se le e se escoita, se ve e se comenta, de forma que uns poemas nos levan a outros e cada un deles a novas citas e poetas.
Literatura electrónica realizada polo Estudi Llimona, baixo o selo Pitipoto.
De acceso libre e aberto, constitúe unha fiestra á poesía dixital e transmedia, o modo de instalación poética. Construído coa incorporación doutras voces e distintas linguaxes, de maneira provocadora e experimental buscando a complicidade do lector e lectora.
Entrar e moverse entre os versos; dar unha volta e volver. Diso se trata.

18/3/15

Premios Irmandade do Libro



Os premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia, foron entregados o pasado sábado 14 de marzo, na Cidade Cultura de Galicia.
Concedeuse o premio Libro do ano a Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto, publicado por Edicións Xerais de Galicia; tamén houbo unha mención especial para Bibliotecarios e bibliotecarias infames de Francisco Xavier Redondo Abal, publicado por Laiovento.
Na modalidade de libro infantil e xuvenil do ano premiouse Xiqui, Xoque, Fiú, Fiú, obra do colectivo María Fumaça da editorial Galaxia.
Urco, colección Gótica recibiu o premio á obra editorial.
A libraría O Pontillón de Moaña recibiu o premio na categoría de libraría. Houbo unha mención especial para a libraría La región de Ourense, que pechou no último ano.
O IES Castro Alobre recibiu o premio na categoría de centros educativos
O programa "Libros sen reservas" de Quique Alvarellos, do canal Localia, recibiu o premio na categoría de fomento da lectura
O premio á autora recaeu en Yolanda Castaño.



17/3/15

Premios da edición



Os premios da edición, nas diferentes modalidades corresponderon a...
Premio Xosé María Álvarez Blázquez á mellor autora do ano para María Reimóndez
Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción para A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz
Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil para Escarlatina, a cociñeira defunta de Ledicia Costas
Premio Ánxel Casal ao mellor libro de poesía ou teatro para Estrela do Norte, de Luís Rei Núñez
Premio Ánxel Casal ao mellor libro de non ficción para O soño galego de Julio Cortazar, de Francisco X. Fernández Naval
Premio Lois Tobío á tradución para As froliñas de San Francisco de Darío X. Cabana
Premio Isaac Díaz Pardo ao mellor libro ilustrado para Leviatán de Ramón Trigo
Premio Xosefa Iglesias Vilarelle ao mellor libro educativo para Historia das mulleres galegas. Das marchas nómadas á Marcha Mundial das Mulleres de Pepe Carreiro 
Premio Rosalía de Castro á Iniciativa Editorial para a colección Rescate de Alvarellos Editora

16/3/15

Premio Fernández del Riego para as Bibliotecas Escolares de Galicia

As Bibliotecas Escolares de Galicia obteñen o premio Fernández del Riego, na edición deste ano.
Así o presentan na súa páxina.
"O Premio Fernández del Riego á colaboración no ámbito editorial e cultural foi para as Bibliotecas Escolares de Galicia, unha iniciativa que se foi consolidando ao longo de dez anos e cuxo obxectivo é a dinamización da lectura nos centros escolares de toda Galicia, de primaria e secundaria. Douscentos vinte e oito centros galegos contan con CLUB DE LECTURA e nun 25% destes centros tamén funcionan  grupos de lectura de adultos. Segundo a Asesoría de Bibliotecas Escolares, os responsables desas bibliotecas e os coordinadores manteñen unha xuntanza anual, os Encontros do Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares,  e o mesmo acontece cos coordinadores dos clubs de lectura na Xornada de Clubs de Lectura.
E así aparece no portal educativo.
Así, recolle a nova, Manuel Bragado, director de Xerais, na súa páxina Brétemas.
Recibir este premio, co nome de Ferna´ndez del Riego, o gran bibliógrafo, bibliotecario da Fundación Penzol, é unha gran honra para as bibliotecas escolares, unha delas -a do CIFP Manuel Antonio- leva o seu nome.
Parabéns para todas!

10/3/15

Novas de libro



Do blogue Letra en obras recollemos un artigo titulado “Que  debe ter unha obra literaria en galego para vender máis de 40.000 exemplares?
“Nun mercado interno pequeno, e por riba non normalizado como é o noso, que unha novela chegue a vender 2.000 exemplares é xa nova. Comentabamos en 2013 que a tiraxe media dunha novela era de 1.000 exemplares (agora a cifra sería incluso menor) e a dun libro de poesía apenas superaba os 250. Mais entres os títulos que se publican sempre hai algúns que conquistan o público e que se converten en auténticos “long-sellers
Un exemplo podemos buscalo nunha das principais editoras en galego. Edicións Xerais, fundada en 1979, conta con seis libros que ao longo de todo este tempo superaron os 40.000 exemplares vendidos. Este é o seu particular ranking (con datos de finais de 2014)
Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz (1995)         91.000 exemplares vendidos.
O lapis do carpinteiro, Manuel Rivas (1998)                      85.000 exemplares vendidos.
Galván en Saor, de Darío X. Cabana (1989)                        52.000 exemplares vendidos.
Cando petan na porta pola noite, X.P. Docampo (1994)     48.500 exemplares vendidos
As flores radioactivas, Agustín Fernández Paz (1990)         48.000 exemplares vendidos.
A sombra cazadora, de Suso de Toro (1994)                       42.000 exemplares vendidos"
Igual non queremos deternos no que debe ter unha obra para vender máis de 40.000 exemplares, igual tampouco queremos pararnos a detallar o que non debe... Teríamos que revisar, tamén, os libros de Domingo Villar que en Galaxia venderon moito máis do agardado e os de Pedro Feijoo.
Mentres non acertamos coa fórmula, agradecemos a estes escritores/as que acheguen o libro a tantas mans e a tantos lectores/as que os convertan en verdadeiros best sellers. 
E dicir, unha vez máis, que das seis obras citadas, catro están publicadas na colección xuvenil Fóra de xogo, por que será? Quen le máis neste país?

9/3/15

Concurso "Nós lemos, e ti?"



 "Con ocasión do DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL, a Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil, xunto coas súas catro seccións: Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX), Consejo General del Libro Infantil y Juvenil, Consell Català del Llibre Infantil i Juvenil (ClijCAT) e Galtzagorri Elkartea, co patrocinio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, convoca o concurso “Nós lemos, e ti?”. 
  •  Poden participar todos os lectores e lectoras que estean cursando Primaria ou primeiro ciclo de Secundaria, a través do seu centro docente ou dende a biblioteca.
  • Reunir membros da familia ou amigos que queiran participar.
  • Escoller un libro en galego cada un e co móbil ou cunha cámara facerse unha selfie. É imprescindible que se vexan os libros.
  • Deberá acompañar á selfie un breve texto explicando o motivo polo que o/a participante escolleu ese libro. Tamén deberá constar o nome e apelidos do/a participante, o domicilio, poboación, teléfono, ano de nacemento e nome do centro docente ou biblioteca, do titor/a ou bibliotecario/a, domicilio, poboación, teléfono e correo electrónico.
  • Os centros docentes e bibliotecas deberán seleccionar un máximo de tres traballos por curso segundo o seu bo criterio e entregalos directamente ou ben remitilos por correo postal ou correo electrónico antes do día 2 de abril aos seguintes enderezos en función da súa residencia:     
            Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX)     
            Centro de Emprendemento Creativo de Galicia. Cidade da Cultura de Galicia. 
            Monte Gaiás, s/n. 15707 Santiago de Compostela. Tel.: 881 99 61 09 galix@galix.org
            OEPLI. concursodiainternaconal@oepli.org  
  • Establécese un premio para cada unha das seguintes categorías ( Primeiros lectores: 1º, 2º e 3º de Primaria / Lectores avanzado: 4º, 5º e 6º de Primaria / Superlectores: 1º e 2º de Secundaria) e ámbito lingüístico.
  • Cada un dos premios estará dotado cun diploma e lote de libros para os premiados e a entidade (biblioteca ou centro docente) que presente os traballos.             
                                                                                                             (Información facilitada por GÁLIX)

6/3/15

Finalistas do Premio San Clemente


Xa se fixeron públicos os finalistas do premio San Clemente desta nova XXI edición.
Na categoría de literatura galega:
A lúa da colleita de Anxos Sumai, A memoria da choiva de Pedro Feijoo e Somnámbulos de Suso de Toro. 
Na categoría de literatura castelán:
Así empieza lo malo, de Javier Marías, El balcón en invierno de Luis Landero e El impostor, de Javier Cercas
Na categoría de literatura internacional:
Barba Azul de Amélie Nothomb, El testamento de María de Colm Toibin e Expo 58 de Jonathan Coe.

















5/3/15

Salón do libro de Pontevedra

Da ciencia á ficción

Na montaxe do Salón do Libro de Pontevedra estase a ter en conta que o ano  2015 é o ano da luz "polo tanto será empregada como elemento plástico para crear a ambientación e o tema do futuro materializarase tomando como base emblemáticas películas de cine como 2001. Odisea no espazo, Alien, o octavo pasaxeiro ou Star Wars." en palabras das responsables da asociación socieducativa e cultural Paspallás

O espazo no que quedará convertido o Pazo da Cultura trasladará a grandes e pequenos ao interior dunha nave espacial, comezando por unha entrada na que se poderán ‘teletransportar' ata un laboratorio no que os nenos e nenas acharán a fórmula química de Orbil (a mascota do Salón), pasando por un futurista identificador de persoas.
Desde a páxina do Salón, podmeos acceder á bibliografía e ao programa.

4/3/15

Tradición oral: amuletos e reliquias


A Asociación de Escritores en Lingua Galega acaba de publicar, baixo a súa cabeceira Escrita Contemporánea o volume de 140 páxinas que recolle textos de Eusebio Rey Seara, Calros Solla, Alfonso Blanco Torrado e mais Rosa Maria dos Santos Capelão. Trátase das actas das VII Xornadas de Literatura de Tradición Oral que se desenvolveron en Lugo o pasado mes de outubro co título Amuletos e reliquias. Usos e crenzas e que están a disposición de todos os lectores e lectoras na rede. 
Cuestións como as reliquias na antigüidade, os obxectos de poder na sociedade tradicional ou a capacidade sanadora destes elementos son algúns dos temas abordados no volume, que se corresponde coa quinta entrega da cabeceira. 
(Información recollida en lg3)

3/3/15

Páxina de literatura infantil e xuvenil

Lupa del cuento é unha páxina de literatura infantil e xuvenil en español, "con recursos para a lectura, o ensino, a aprendizaxe, o ocio e a creatividade. O corazón de "Lupadelcuento" é unha base de datos de libros de literatura infantil/xuvenil e libros informativos que se actualiza diariamente" (así se definen).
Conta coas seguintes seccións:
Libros destacados
Seleccións (por xéneros, temáticas, conmemorativas, bos libros e premios)
Busca o teu libro
Proxectos de lectura
Recursos didácticos
Libro dixital
Autores/as
E seguen contándonos: "Lupadelcuento" é o froito do traballo dun equipo de profesionais comprometidos coa educación, a literatura infantil/xuvneil e as bibliotecas esoclares.
As nosas primeiras andaduras comenzaron alá polo ano 1987 coa creación "Doce-Documentos de Educación", en 1993 recibimos o "Premio Ibertex en el sector educativo" outorgado pola Fundación Telefónica. No ano 1999 creamos "Leer y Vivir: literatura infantil y juvenil" que se distribuía dende a plataforma "Educared" da Fundación Telefónica. No ano 2015, con novas secciones, transfórmase en Lupadelcuento."

2/3/15

esdelibro / édelibro acaba de estrear páxina


A páxina creada por CEDRO no que se recolle o programa de formación no tratamento da información, así como o concurso para investigadores alumnado entre 12 e 18 anos. 
Este sitio web acaba de actualizarse, cun novo deseño que presenta a información de maneira máis clara e asequible. 
Nela escollemos entre os epígrafes "Investigadores" (detrás do que se atopan 300 investigacións), "Aprender a investigar" (onde nos ofrecen descubrir os trucos do investigador) e o Concurso 2015 (en pñé desde a primeira convocatoria no 2007.Recursos para alumnado e profesorado, unha guía do investigador dixital, así como follas de traballo adaptadas a cada nivel de ESO e Bacharelato.
Uns materiais para utilizar no alfabetización informacional e un bo concurso para participar desde a biblioteca escolar.