30/9/13

Arte e ciencia. Recursos


Igaciencia (que leva por limiar "A prol da Ciencia Galega e do Galego na Ciencia") presenta a exposición Arte e Ciencia na Sala de Exposicións da Deputación Provincial de Lugo, entre o 20 de setembro e o 20 de novembro.
Recollemos da súa páxina:
"O obxectivo fundamental da exposición é ilustrar e profundar no diálogo entre a ciencia e a arte. Para explorar esa interacción dinámica seleccionanse obras e autores representativos de distintos movementos artísticos ao longo do tempo. Na exhibición das obras prima a compoñente didáctica e divulgativa e bríndase a posibilidade de participar en obradoiros para afondar na conexión arte e ciencia das mesmas.
A exposición presenta mostras de múltiples aspectos xeométricos que rexen a construción de obras de arte. Máis tamén se fai explícita a influenza de investigacións científicas como a persistencia retiniana, o contraste simultáneo de cores, os descubrimentos en astronomía… , sen esquecer a análise de símbolos galegos e obras arquitectónicas. Dedícase un apartado especial ao contexto actual no que, ao igual que a fotografía cambiou as metas da arte, o desenvolvemento tecnolóxico revolucionou as maneiras de crear e representar.
As conexións son múltiples e en ambos sentidos. Acéptase que a xeometría incide e inflúe nas artes plásticas pero poucos teñen presente que o puntillismo inflúe no concepto de píxel, ou que dous premios Nobel de Química recentes foron outorgados por aspectos científico-artísticos que iluminan a Química, como son os cuasicristais e o fullereno.
Entre os autores elixidos figuran: Vasarely, Seurat, Calder, Mondrian… e, destacan especialmente, Juan Gris e Escher."
Ao tempo, terá lugar unha xornada de formación dirixida ao profesorado de primaria e secundaria.





27/9/13

Rutas de lectura


Con este título, Rutas de lectura, faise pública unha guía para traballar a comunicación oral na aula, baixo o epígrafe de lectura compartida. Esta iniciativa preséntase formando parte dun proxecto máis amplo no que participan todos os sectores do mundo do libro: Educación, familias, librarías, bibliotecas, editoriais…
Rutas de lectura é un proxecto concebido e elaborado por TresBrujas,  para as editoriais Ekaré, Kókinos, Corimbo, Bárbara FioriLibros del zorro rojo, Thule, Juventud e A buen paso
Unhas editoriais moi centradas no libro infantil de calidade e, especialmente, no álbum ilustrado.
TresBrujas naceu no espazo dunha libraría infantil e xuvenil, como una iniciativa de xestión cultural e promoción da lectura, coordinada por Lara Meana, Beatriz Sanjuán y Olalla Hernández.

25/9/13

Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil



Na súa novena edición, o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil (convocado pola Deputación da Coruña), recaeu na novela Reo de Xesús Fraga.
Unha historia protagonizada por un grafiteiro adolescente que defendeu o xurado en base a "escoller unha temática actual e unha linguaxe directa para rescatar valores" e a aposta por "falar da identidade dun rapaz adolescente que manifesta as súas inquedanzas a través da cultura urbana". 

24/9/13

LISTA DE HONRA DO IBBY

Cada dous anos incorpóranse novos títulos a esta prezada lista, a través de propostas realizadas polas diferentes seccións do IBBY.
A proposta de GALIX, a través da OEPLI, para esta lista recolle no apartado de creación Palabras de auga (Xerais) de Marcos Calveiro e a tradución ao galego de Contos por teléfono de Gianni Rodari realizada por Carlos Acevedo.
A primeira delas xa foi recoñecida co premio Merlín de literatura infantil, premio Fervenzas literarias ao mellor libro xuvenil e premio Fervenzas literarias á mellor portada de infantil e xuvenil e a segunda, recibiu o premio Isaac Díaz Pardo da AGE ao mellor libro ilustrado.

23/9/13

De como seleccionar e outros asuntos







Hai uns días liamos no xornal que a editora Libros del Silencio non resistira nin os malos tempos nin a desaparición do seu fundador e presentaba concurso de acreedores. A editora que se presentaba cunha cita de Pascal Quignard ("Un libro es un fragmento de silencio en manos del lector. Aquel que escribe calla.

Aquel que lee no rompe el silencio.") presenta concurso de acreedores. Cando pecha unha destas editoras comos un pouco menos libres, temos menos onde escoller, temos acceso a menos reflexión e beleza... por iso nos apena. Libros del Silencio, ademais, editara a algúns "periféricos" (como recollía a noticia do xornal) entre os que citaba a Carlos Casares, Narciso de Gabriel e Lois Pereiro. 
Por iso, ao lado desta nova queremos poñer aquela outra dunha editora (Rinoceronte) que lanza un novo selo Sushi books para lectores e lectoras de cinco a quince anos; en galego, castelán, catalán e éuscaro tanto títulos propios como traducións de autores internacionais. Dámoslle a benvida, e con ela o compromiso de apoio ás obras de calidade que vaian vendo a luz, porque só coa axuda dos lectores e dos mediadores de lectura (como os responsables de bibliotecas escolares) poderán seguir publicándose

20/9/13

WEB DE TRILOXÍA FANTÁSTICA


Despois da presentación da primeira entrega, Bágoa de Lúa, Galaxia abre unha web dedicada á triloxía fantástica, As crónicas de Landereina, escrita por Sabela González.
Así fala Ledicia Costas:  
"Bágoa de Lúa é unha novela de amazonas afoutas, de centauros de tradición milenaria, de elfos de cabelos rubios imposibles. Pero tamén é unha novela de kaihunns, un potente exército de criaturas de corpos chepudos e retortos, coa pel gris chea de verrugas moradas, que sementan o pánico e o caos, destruíndo a paz de Gabaia, o pobo das amazonas, por algún misterioso motivo que o lector irá descubrindo a medida que avance na historia.
A min, persoalmente, encantoume que existise unha comunidade de amazonas, todas mulleres guerreiras, adestradas na arte da loita con espada, e o tiro con arco e que sosteñen o peso e a tradición da Tríade. Encántame tamén que a fundadora de Sunnaüp sexa unha muller e encántame que os personaxes principais sexan dúas amazonas, Berenguela e Güenaela -filla da druída de Gabaia-, que irán forxando a medida que avanza a historia unha interesante amizade. Porque é un xeito de outorgarlle á muller ese lugar que merece neste xénero que é a fantasía. (...) A autora atreveuse a afondar no xénero fantástico desde unha perspectiva universal, pero coidando, agarimando e tratando con mimo a linguaxe literaria, e iso, para as persoas que somos ávidas lectoras, é algo de agradecer.

19/9/13

Premio de literatura infantil e xuvenil dramática

Raúl Dans conseguiu, con Un mosquito de nome Henri, o premio Barriga Verde de teatro infantil na súa última convocatoria. Este galardón, está promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) para a dinamización da escrita teatral para monicreques.
A obra está publicada por Baía con ilustracións de Jacobo Fernández.
A autor, Raúl Dans, nunhas declaracións á prensa, anima a ler teatro da mesma maneira que se len outros xéneros literarios.

18/9/13

TOUPORROUTOU DA LÚA E DO SOL no CDG

 

O CDG (Centro Dramático Galego) coproduce con Teatro do Noroeste, coa colaboración da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, a obra infantil de Roberto Vidal Bolaño, baixo a dirección de Eduardo Alonso.
A estrea trerá lugar o 4 de outubro no Salón Teatro de Santiago
Por fin, o público máis novo terá acceso á obra do autor homenaxeado nas Letras galegos do 2013.
"Touporroutou da lúa e do sol preséntase como unha "farsada choqueira para actores e bonecos, ou viceversa" na que catro titiriteiros axúdanse dos máis diversos elementos para contar historias sobre a orixe destes astros, dos días e das noites, do diluvio universal e sobre como acertar cos tesouros e tratar os mouros, as fadas e, sobre todo, as serpes e os xigantes que os gardan". Mitoloxía en marcha.

17/9/13

A biblioteca de GALIX na Cidade da Cultura

Recollido do portal educativo:
A sección infantil da Biblioteca de Galicia conta xa con preto de 3.000 volumes cedidos por Gálix (a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), desta maneira a cabeceira da Rede de Bibliotecas de Galicia ábrese aos máis novos como espazo de lecer e lectura,
Trátase basicamente de obras de creación, no ámbito  infantil-xuvenil, cunha colección especialmente centrada na creación e a edición galega. Hai tamén, aínda que en menor cantidade, estudios e obra de ensaio sobre esta temática, incluíndo as publicacións de Gálix e de outras entidades.
Neste momento a colección está clasificada en cincos partes: obra orixinal en galego, traducións do galego a outras linguas, traducións de outras linguas ao galego, obras en castelán e obras noutras linguas.
A chegada destes volumes ao Gaiás produciuse coincidindo co traslado da sede da Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil á Cidade da Cultura.
Cómpre salientar o significativo desta institución (GALIX) que representa un dos principais piares de apoio á creación literaria e artística galega.

16/9/13

García Teijeiro na voz de Paco Ibáñez



Unha poesía de Antonio García Teijeiro (un poeta ben coñecido pola rapazada galega) aparece neste video musicado polo cantautor Paco Ibáñez.

13/9/13

SEMPRE ROSALÍA



Na lingua que eu falo,un libro con CD editado por Galaxia.
A voz ponlla a cantante galego palestina Najla Shami e a letra Rosalía de Castro, maioitariamente, pois Shami tamén asume o reto de incorporar temas propios que combinan cos ecos rosalinianos. Nalgúns temas, outras voces acompañan a esta cantante.

12/9/13

A ÚNICA REVISTA INFANTIL EN GALEGO



O Xabarín Club foi un fito para varias xeracións.
Ese personaxe creado por Miguelanxo Prado entrou nos fogares, a través da pantalla, para quedar nos ollos dos maís novos da casa. Así se foi construíndo o club dos xabaríns, cubrindo unha necesidade básica da rapazada.
Agora, para cubrir unha demanda moi sentida, aparece de novo o Xabarín con "Oink!”, a revista destinada aos nosos rapaces e rapazas, a única revista en galego. Aí atoparán  novas, reportaxes, pasatempos, música, seccións divulgativas, de entretemento e moita, moita banda deseñada,  coa colaboración de Miguelanxo Prado, Andrés Meixide, Miguel Porto, Fran Bueno, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, Kohell, Victor Rivas e Pinto & Chinto
comandados por Kiko da Silva.
O seu prezo 3€, a súa periodicidade mensual. 
Os pais da criatura son Marcos Ferreira e Lucía Castro, a fronte da empresa Agalip.

11/9/13

Celso Emilio Ferreira en música


Xosé Manuel Budiño pon a música e Luís Tosar a voz, a dous poemas ferreirianos.
Unha colaboración que aparece incluída no traballo Sotaque de Budiño baixo o título Hoxe canto en libertá.

10/9/13

Paco Nogueiras, de novo.

 
1, 2, 3 tod@s a cantar, para comezar con ánimo, porque aínda nos queda algo de verán.