Mostrando entradas con la etiqueta Humor. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Humor. Mostrar todas las entradas

30/5/20

Lecturas para o verán: Vampira de biblioteca de Ledicia Costas

Vampira de biblioteca é o último libro que vén de publicar a escritora Ledicia Costas con ilustracións de Víctor Rivas na colección Merlín de Xerais.
A novela conta a historia de Eleonora, unha vampira un tanto peculiar que vive nunha biblioteca especial como a Biblioteca Joanina da Universidade de Coímbra. Como os morcegos que habitan na biblioteca portuguesa, Eleonora ten que eliminar a todo becho que ameace a conservación dos libros. Acompañada de Xa e Mon, os seus morcegos de confianza e coa complicidade dunha bibliotecaria, un avó e os seus netos, terá que enfrontarse aos insectos bibliófagos para preservar os libros desta importante biblioteca.
Proposta moi acaída para as recomendacións lectoras do verán e destinada a partir dun lectorado autónomo, con Vampira de biblioteca tense asegurada unha lectura divertida, con nomes, personaxes e diálogos moi ocorrentes amais dunha defensa das bibliotecas, dos libros, da lectura e da literatura.

30/3/20

Novas de Banda Deseñada: Luzbell e o demo bombilla


Luzbell o demo bombilla é un álbum de banda deseñada publicado por Galaxia con guión de Diego Rosales e debuxos de Xosé Tomás. Os creadores recuperan nel un personaxe que vira a luz no congreso Pé de imaxe (a mediados dos noventa), pasando pola revista Golfiño, a páxina dominical do diario El progreso e no Diario de Pontevedra.

O álbum componse de historias humorísticas dunha páxina nas que o protagonista é o demo Luxbell que xunto con outros personaxes como Vatio, Al-Kalina, Oliverius, Slurp e outros, revisitan a Historia Sagrada cun toque de humor para tirarnos o sorriso.

Destinada a un lectorado experto, a banda deseñada é un xénero moi demandado entre os/as adolescentes.

Se queredes consultar recomendacións de cómic en galego, tedes as nosas seleccións nas Maletas viaxeiras ou nos Taboleiros de Pinterest.

28/6/18

Novas de banda deseñada: Animalia de Xosé Tomás


Na colección Merlín cómic, a editorial Xerais vén de publicar Animalia 1. Verde de Xosé Tomás.

Este cómic, destinado inicialmente para lectores expertos, fará rir a nenos e nenas e persoas adultas porque a tira cómica que debuxou Xosé Tomás non ten idade.
Primeiro dunha serie sobre animais, completarase con outras dúas entregas.
Segundo o autor, "Animalia constitúe unha reflexión sobre a humanidade como especie e como civilización, dende as posibilidades que ofrece a caracterización dos animais na súa diversidade".
Imprescindible nas bibliotecas escolares, nas maletas de cómic, na selección de lecturas para o verán, porque precisamos do humor que transmiten estes animais!

25/9/17

A señorita Bubble de Ledicia Costas


Editada por Xerais e ilustrada por Andrés Meixide, vén de publicarse a nova novela de Ledicia Costas, A señorita Bubble. 
Segundo a autora é unha homenaxe ás mulleres inventoras que, "como ocorre en moitos outros ámbitos, foron invisibilizadas ao longo da historia". O relato está cargado de fantasía e marcado pola estética steampunk.
A señorita Bubble tamén  é unha homenaxe a diferentes escritores e cineastas como Jules Verne, Tim Burton ou Roald Dahl.
Personaxes como a señorita Bubble, Sofi, Noa ou Vincent farán un canto á liberdade e imaxinación fronte a intrasixencia e ignorancia  da sociedade que xulga e rexeita o diferente.
Indicada a partir de lectores autónomos, non debe faltar nas bibliotecas escolares.

12/5/17

Biografías: Damned Writers. 23 autores de culto.


A editorial  Bululú acaba de publicar Damned Writers, 23 autores de culto de Ángel Antón Svoboda. A tradución ao galego é de Maruxa Zaera Landeira.
Neste  seu primeiro álbum, o autor fai un percorrido polas diferentes biografías dos 23 autores e autoras, que teñen en común vidas curtas, desacougadas e desgraciadas , aos que o destino maldiciu sen compaixón segundo nos contan na presentación editorial. 
Rosalía de Castro, Kafka, as irmás Brönte, Wilde, Lovecraft, Dickinson e outros escritores forman parte destas biografías tan singulares
No prologo, Fernando Mircala di que o libro " non é un catálogo de autopsias ilustres, senón unha botica de primeiros auxilios vitais..."
Destinado ao alumnado xuvenil, este libro cun formato tan suxerente, pode suscitar entre o lectorado unha lectura crítica e comparativa das biografías destas personaxes. 

18/12/15

A estrambótica Illa do Tesouro


Bululú publica este álbum ilustrado da autoría de Pinto&Chinto. Nel fan 
unha recreación divertida d´A illa do tesouro de Stevenson. Conservan os personaxes, manteñen os fitos clave, pero cunha lente deformante segundo a súa visión humorística. Xa nos advirten na nota aclaratoria inicial: Ten coidado, porque é un libro pantasma e en calquera momento, mentres o les, pode evaporarse e desaparecer de entre as túas mans.
Indicado para lectores autónomos, esta versión pode convidar a ler a novela orixinal e introducir os clásicos nas propostas lectoras das bibliotecas escolares.

Os creadores xa publicaron, na mesma editorial  As estrambóticas viaxes de Gulliver e O estrambótico Principiño.


20/3/12

DA NECESIDADE DE REESCRIBIR (1)


Hoxe queremos presentarvos libros que reescriben vellas historias.
Por un lado Ulises, o protagonista da Odisea, que aparece da man de Lino Braxe e Ana Pontón nunha obra de teatro que acadou o premio Curuxa de Humor e que nace froito dun traballo común na radio galega.
Unha historia que nunca está de máis, para volver a ela, para revisitala unha e outra tal como nos levara xa Cunqueiro ou Avilés de Taramancos, entre outros moitos.
Agora, aparece esta versión libre, humorística e xuvenil na colección Punto de Encontro de Everest Galicia.

10/6/08

O HUMOR ... NON ENGORDA


Dínolo Kiko da Silva e ben podemos crerllo.

O humor ... non engorda é o título que sae á luz na colección Mandaio de Biblos e no que se recolle algunha das súas viñetas humorísticas, publicadas na prensa diaria entre o 2004 e o 2007.

Este ilustrador, debuxante de banda deseñada e humorista gráfico ten demostrado que rir máis ben adelgaza.

Divertirémonos lembrando as noticias que deron lugar a esta recreación humorística, riremos abertamente e tal vez decidamos continuar por ese camiño do humor (tan necesario, tamén, coma o pan de cada día) introducíndonos na revista mensual de humor galego Retranca, dirixida polo mesmo autor.

Contamos cunha moi boa tradición humorística e faise necesario retomala. Do mesmo xeito, e aproveitando que está a ser noticia -grazas as exposicións que a visibilizan-, a banda deseñada tamén debe ocupar o seu lugar, un espazo que perdemos con Golfiño pero que Kiko da Silva recupera -en parte- grazas á colección BD Banda que edita Factoría K.

Hai xente así, que vai poñendo o seu gran naqueles campos necesarios, e tamén imprescindibles, para a normalización lingüística. Xente colaboradora que ademais nos regala risas.