29/7/10

PODEROSA 2 (Segunda parte)


Poderosa 2. A continuación de “Diario dunha rapaza que tiña o mundo na man” O poder da escritura. A capacidade para cambiar o devalar do tempo só con escribilo. Así nolo conta o escritor brasileiro Sergio Klein e así o presenta Xerais na súa colección Fóra de Xogo “Todo o que escribe coa man esquerda convértese en realidade, e isto fai que Joana Dalva sexa unha persoa, moi especial. Como debe usar ese poder para sandar a súa avoa?, como axudar a unha amiga a curarse da anorexia?, ou, como escapar dun secuestro? Estes son algúns dos desafíos que «a rapaza que ten o mundo na man» relata no seu diario. Neste segundo título da serie, Sérgio Klein adéntrase no complexo mundo da adolescencia e embárcanos na aventura de descubrilo. Poderosa 2 constitúe a segunda entrega a serie Poderosa, iniciada o pasado ano con grande éxito dentro da colección Fóra de Xogo. Un diario, coma o primeiro, protagonizado por unha rapaza que tiña o mundo na man. Unha novela para todos os lectores e lectoras que cren no poder transformador das palabras.” Un pequeño adianto

28/7/10

SEGUNDAS ... PARTES

Pouco a pouco van aparecendo as segundas partes de novelas que deixaron bo recordo. Unha delas é O brindo de ouro II. A táboa da hospitalidade, que resulta máis doada de lectura que a primeira e que, ademais neste ano de Novoneyra, nos trae de novo a toponimia, o léxico e o mundo do poeta: “Courel dos altos cumes que ollan de lonxe Eiquí sábese ben o pouco que é un home!” Unha saga propia e situada na serra que nos identifica. A primeira entrega, A Chamada do Brindo, acadara o premio Merlín de literatura infantil e xuvenil 2004. O seu autor, Xesús Manuel Marcos, mantén un blogue co nome de Abellonenia, un dos escenarios da novela.

27/7/10

O HOME DO TRAXE BRANCO


Con vocación de continuidade, O home do traxe branco, é un libro que pode semellar doutra época todo el, cunhas imaxes espléndidas e unha historia de extraterrestres das que xa case non se oía falar. Unha obra novidosa na que nos gustará adentrarnos, pero aínda máis facelo tamén a través dos debuxos que nos levan a un espazo imaxinativo que semellaba perdido. O autor Herikberto Muela Quessada, pertence a unha familia galega na que abundan os artistas plásticos. Así vai a presentación editorial: "Nun caloroso día de verán prodúcese un grande incendio nun bosque de Galicia. Pola noite, uns rapaces descobren unha gran nave. Dela xorden varios buzos escoltando unha estraña criatura anfibia que dá a luz a súa cría. Cando parece que todo finalizou, da nave descende un misterioso home con traxe branco, acompañado dun estraño animal. ¿Quen é ese home? Só este grupo de rapaces descubrirá de onde vén e cales son as súas intencións. O océano Atlántico, praias, noites de lúa, campos amarelos, verdes fragas, insectos, polbos, peixes, solpores, ríos, alieníxenas, veraneantes, terribles monstros, iropis e homes de negro. Esta é a historia dun neno que vive nun planeta aínda verde e azul."

8/7/10

VIAXES DUN CAN DE PALLEIRO

Viaxes dun can de palleiro de Pere Tobaruela, publicado por Sotelo Blanco na colección xuvenil para rapaces e rapazas de 12 anos en diante. En primeira persoa preséntasenos “Eu son un can de palleiro, un can de aldea. Coma quen di, un ninguén. O meu nome non importa. O realmente importante desta historia é a historia mesma. Unha aventura popularmente coñecida como A Odisea.” Este comezo, homenaxe a Balbino a as súas Memorias dun neno labrego, xa nos sitúa no reescritura dun vello relato que anda entre nós desde os tempos antigos. Pero agora, cambiámoslle a voz -é un can quen nos conta- e o lugar -xa non damos voltas querendo volver a Itaca senón que temos a casa no Barbanza. Todo nos é próximo: o Olimpo está no Courel.

5/7/10

Novo autor para o Día das Letras Galegas

Lois Pereiro será o autor homenaxeado nas Letras Galegas do 2011.
Un autor iconoclasta, representante da contracultura; poeta punk para algúns e poeta bisturí para outros.
Poeta cun bo epitafio:
"Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse, enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria"
Tal como di o escritor Manuel Rivas, esta é unha valente decisión da Real Academia Galega. Agora esperamos unha valente e responsable intervención do profesorado e de toda a sociedade no seu conxunto. Haberá que demostrar que a cultura galega está suficientemente madura como para asumir todas as formas de expresión e todas as maneiras de enfrontar a vida, sen prexuízos nin falsas modas, sendo consecuente no que dicimos e o que facemos...
Leamos a súa poesía, busquemos os seus poemas nas antoloxías como a de Fran Alonso Poetízate, e incluso aproveitemos para ler as crónicas do irmán, X. Manuel Pereiro, unha voz chea de intelixencia e humor no panorama actual.