30/11/12

DÍA DA LIBRARÍA - CALENDARIO DO LIBRO E DA LECTURA

Un tempo para pasar por esa tenda que sempre nos debe acoller no barrio, para mirar novidades e clásicos, para poñerse ao día das actividades que organizan, para escoller o que queremos levar á casa ou á biblioteca escolar na que traballamos.
Un calendario para ter presente todas as datas relacionadas co libro e a lectura, para lembrar que autores andan cumprindo anos, para non esquecer os días D (aqueles no que desembarcan os xéneros e aspectos minorizados). Libros, sempre libros, saíndonos ao paso. Lecturas para todos os días e para cada ocasión. 
Lecturas e libros, acompañándonos nos camiños da vida. 
Parabéns á Secretaría Xeral de Cultura por este novo cartaz no que aparecen reflectidas as datas a celebrar.

NOVA FANTASÍA. Segundas partes

Da man da biblioteca do CEIP Os Casais, facémonos eco desta nova achega.
Lembramos a aparición da primeira entrega da seria arredor do mundo secreto do profesor Basilius Hoffman, O ladrón de soños. Agora, fai a súa entrada a segunda parte baixo o título Un faro na escuridade. Fantasía que sae do forno peza a peza, a demanda, para cubrir esa necesidade de soños. Urco é a editora que lle dou saída a esta aposta, dentro da súa colección Alcaian
Da presentación editorial recollemos:
"A serie do mundo secreto de Basilius Hoffman comprende un ambicioso proxecto de fantasía que abrangue vários medios artísticos, centrados todos eles arredor dunha serie de cinco novelas escritas por Fernando M. Cimadevila e ilustradas por Iván Valladares coas que nos mergullamos nun mundo estraño e complexo, un universo onde o profesor Hoffman: arqueólogo, historiador, lingüista e, sobre todo, explorador de mundos ocultos, serve de guía ao seu novo sobriño Peter nunha viaxe na que as lendas e os mitos de moi diferentes culturas do noso propio mundo conflúen cara a unha única e asombrosa revelación que marcará o destino da humanidade."



29/11/12

PREMIOS E PREMIADOS


No marco da xornada estatal de ciencia ficción (XXX Hispacon) foi entregado o  premio Ignotus de banda deseñada a  David Rubín. pola obra El héroe. Este premio é outorgado por Pórtico, a Asociación española de Fantasía, Ciencia Ficción e Terror á mellor obra de cómic no 2012. 

27/11/12

Un novo premio para os nosos creadores


De culturagalega.org recollemos a seguinte nova:
"A obra Leviatán valeulle ao galego Ramón Trigo o Premio Lazarillo de Álbum Ilustrado. O galardón, convocado pola Organización Española do Libro Infantil e Xuvenil, está dotado con 7.000 euros e considérase un dos máis importantes no seu campo a nivel estatal. O premio destaca a orixinalidade da proposta pictórica do autor e a capacidade de crear unha historia anovadora con referencias clásicas."
Trigo xa tiña acadado varios premios entre os que destacamos o Ciudad de Alicante (co álbum Casa vacía, publicado en Anaya e o premio Internacional Álbum Ilustrado Biblioteca Insular Cabildo de Gran Canaria 2007 con A casa da fin do mundo.





LECTURAS EN ABERTO


Na páxina da Biblioteca Virtual Galega podemos atopar unha entrada a unha listaxe de obras de literatura infantil e xuvenil ás que podemos acceder directamente. Ben é certo que nalgún dos casos se trata de textos de autores de LIX, máis que de literatura destinada á infancia ou mocidade, pero nunca virá mal dar un paseo por ese itinerario posible.
Agradecemos a xenerosidade e o papel sempre facilitador desta biblioteca á que acudimos unha e outra vez.
Para catar... aquí tedes un poema de Xoán Babarro:
"Eu brandín a lanza de don Quixote
e levei o escudo de don Lanzarote.
Eu percorrín Francia, África e Constantinopla co Tirant,
estudei a máxica palabra de Chilam Balam,
vin no Camiño das Estrelas florece-la lanza de Roldán,
loitei no bando de Sandokán
e colgueime nunha liana con Tarzán.
Atravesei Suecia voando,
pasei mil e unha noites con Xerezade contando,
entrei na illa dos demos con Rama loitando
e na de Robinson Crusoe, buscando... e buscando...
Sufrín prisión con Ollantai
e cantei na China con Li Ioucai.
Fíxenme amigo de Huckleberry Finn,
co último mohicano convivín,
collín no colo o can de Tintín
e con Gulliver en ananiño me convertín.
A beberaxe de Panorámix tomei,
polo espello de Alicia pasei
e en Tutira carneiros maorís criei.
Dei con Phileas Fogg a volta ó mundo
e coñecín o vello contador vagabundo."

Nova recomendación


Novamente, desde o CEIP Os Casais, se nos recomenda o seguinte libro O rastro que deixamos de Agustín Fernández Paz, apoiándose na páxina de lanzamento. De recollemos a descrición que segue:
O libro "(...) mostra dúas liñas de traballo esenciais (na súa obra), a memoria da infancia e o oficio da escrita. Na primeira parte, baixo a epígrafe «As paisaxes da memoria», reúnense escritos onde predominan as vivencias da nenez e da mocidade, naqueles anos en que asistiu á creación do mundo na súa Vilalba natal. Os textos da segunda, titulada «O oficio de escribir», fálannos da súa paixón pola lectura e pola escrita, así como da súa fe na forza das palabras para cambiar o mundo e cambiar a vida."

23/11/12

Presentación mundial dunha obra de Miguelanxo Prado na Coruña


Da man do CEIP Os Casais chéganos unha boa nova. Fala o autor de Ardalén:
“Tardei moito en poder ver unha obra miña en galego. E agora, ver que esta se edita ao tempo, e que sae mesmo antes que as versión internacionais, e que a presentación mundial se fai na Coruña, é unha satisfacción. É como unha cadea que se fecha, e non foi sen tempo”, sinala Prado, que en diferentes ocasións, ao longo de anos, amosara o seu descontento por non poder ter a súa obra publicada na súa lingua orixinal. El Patito Editorial corre coa versión en galego dun volume que edita Norma en castelán e que está xa dispoñible nas librarías de todo o país.
Ardalén supón ademais o debut do autor no formato de novela gráfica, abandonando o habitual álbum europeo. “Hai anos que tiña as liñas básicas da historia, e posiblemente o feito de que se estivese cocendo tan a lume lento foi en parte por esa cuestión. A narración esixía un espazo para desenvolver e non funcionaba nun álbum nin sequera de 64 ou 80 páxinas. A previsión inicial era de 180 e acabei facendo 256. Vin que era a historia idónea para facer cousas a nivel de elementos narrativos, que xa levaba tempo querendo tentar”.

22/11/12

LIBROS SOLIDARIOS


As que rubimos montañas é un libro solidario, promovido por Implicadas/os no desenvolvemento, e no que se recollen poemas de autoras etíopes (Yemoddish Bekele; Mihret Kebede; Tigist Mitiku; Misrak Tefere; Azeb Yosef; Abebech Diriba) e galegas (María Reimóndez; Antía Otero; Lucía Aldao; Estíbaliz Espinosa; Marga do Val; María Lado; María do Cebreiro).
Tod@s as persoas creadoras, que elaboran o libro, participaron de xeito totalmente desinteresado, de forma que as ganancias do produto irán directmaente a proxectos de cooperación. Para máis información pódese escribir a info@implicadas.com.

21/11/12

GATIÑOS DE SERIE


Gatiño e o balón, Gatiño e a neve... Títulos que van aparecendo nunha nova serie da editorial Kalandraka, dirixida aos máis pequenos. Texto mínimos e sinxelos acompañados de ilustracións limpas con liñas suaves e cores intensas, un verdadeiro gusto!
Dúas historias mínimas nas que os valores se presentan sen aditamento, porque veñen ao caso; no primeiro deles ese balón será a ocasión de descubrir a necesidade de compartir, tamén para ser feliz; no segundo, gatiño negro e coelliña branca darannos ocasión para relativizar a cor propia (branca e negra) en base á de fondo (neve e carbón).
Ao texto Joel Franz Rosell e ás ilustracións Constanze V. Kitzing.

20/11/12

ESCRITA A CATRO MANS


O neno can, un título sorprendente: afea dicilo… como que neno can? A quen se lle ocorre?
Pois si, un título ben posto. Un libro dedicado “a todos os nenos e nenas de calquera recuncho do mundo. E a ti, claro...”. Unha obra escrita por Fina Casalderrey e Francisco Castro e publicada pola editorial Galaxia. “A favor de UNICEF”, á que a editora lle doará parte dos beneficios das vendas.
Adaptacións de artigos da Convención dos Dereitos da Infancia abren cada conto. Un monllo de contos protagonizados por rapaces e rapazas de diferentes lugares do planeta que ven vulnerados os seus dereitos.
(...)
"Ela, fascinada co enredo, continúa a arrincar cachos do bocadillo e a guindarllos polo aire. Aakesh captúraos ao voo cunha habilidade asombrosa.
As gargalladas da nena alertan os seus amigos, que se achegan para presenciar o espectáculo.
- Anda, un neno can!
(...)
- Como te chamas? -pregunta á fin.
- Aakesh. E ti?
- Lanka -responde- Cantos anos tes, Aakesh?
- Dez, creo que dez... -dubida el.
- Dez! pero se es máis baixo ca min e veño de facer hoxe nove! Será porque es un neno can?
- Só son un neno. O meu can é este -responde Aakesh mentres lle pasa a man polo lombo a Choiva.
- E quen che ensinou a coller a comida polo aire?
- A fame, creo..."
Pódese dicir doutra maneira pero nunca tan claro e contundente.
Un libro necesario neste momento, no que moita rapazada está no albor da pobreza. Un neno que ten por amigo a un can e pode coller a comida coma el, ao voo, porque a fame é "neghra".
Cinco relatos de calidade escritos coa solidariedade por bandeira e a sensibilidade por himno. Fina e Fran unidos nun bo proxecto que seguramente teña continuidade. Agora tócanos lelo e mirar de ilustracións de Patricia Castelao.

16/11/12

A modo de diccionarios

Tres libros, tres. O terceiro deles acaba de saír e merece a pena ler, igual que os dous anteriores. Pode que sexa literatura para adultos á que a mocidade lle resulte difícil acceder totalmente, pero o que non se pode negar é que unha liña de traballo moi interesante para traballar a escrita creativa.
Da man de Manuel Veiga, chéganos esta novidade... 
Do G ao Z. Diccionario indignado e humorístico. "O diccionario máis completo para os momentos máis apurados" esa é a súa frase de enganche, e non lle falta razón. Unha entrada, na que se incorporan as bibliotecas escolares e que queremos traer a esta páxina (aínda que non sex apara nada das máis logradas "Títulos. Certa experiencia nas bibliotecas esoclares indica que moitos nenos pobres lían, nos anos sesenta, Un mundo feliz de Huxley; algunhas nenas intentaban facer o mesmo con Casa de bonecas de Ibsen. Un dos títulos que máis leva a engano é O bo soldado de Ford Madox Ford, posto polo editor, durante a Primeira Guerra Mundial. pensando que animaría as vendas. Na obra non aparece ningún soldado e, lonxe dunha intención moralista, o que ofrece é unha relación de parella, rica, contraditoria e nada convencional." 


Este libro dános a ocasión de citar outros dous, indispensables. Elucidario de Gonzalo Navaza e Abelcebú de Carlos Negro. Un bo momento para dar unha volta por estes interesantes diccionarios.  

13/11/12

Benvido ao mundo dos premios


Si, queremos darlle a benvida a ese lugar de honor a Bandada que acaba de saír á luz, despois de conseguir o V Premio Internacional Compostela de álbum ilustrado. Esta obra de María Julia Díaz Garrido e David Daniel Álvarez Fernández é dunha calidade sobresaínte, tanto na creación como na edición, no contido e no continente. Unha fábula, da que se nos di na presentación editorial "que propón unha profunda reflexión sobre a historia da humanidade: o desenvolvemento dunha sociedade que inicialmente busca o coñecemento, o progreso técnico e científico, o benestar e un bo porvir, pero que neste tránsito perverte os seus principios xerando violencia e dominación dos fortes sobre os débiles".
Bandada é un produto inesperado, que nos lembra outros tempos nos que a literatura era máis comprometida. O resultado da obra, en branco e negro e gran formato, fai que abramos as mans, igual que a mente ao que sempre estivo aí, nos libros e na realidade, a necesidade de pensar sobre o que facemos e o que sucede. Imos lendo eses textos mínimos e escollidos con verdadeira pracer, imos admirando as imaxes que nos remiten ao debuxo primordial e intelixente, imos seguindo a trama e semella que todo vai a peor... pero aínda nos peores momentos, a esperanza aparece e sempre hai un grupiño no que se garda o tesouro dun futuro distinto e mellor. 

7/11/12

A FAVOR DAS NENAS


Nese empeño de Kalandraka por recuperar textos que xa se consideran clásicos na literatura infantil e traelos á nosa lingua, aparece agora Rosa caramelo o célebre libro con texto de Adela Turín e ilustracións de Nella Bosnia.

Esta obra que xunto con Artur e Clementina forman parte da colección, que no seu día publicara Lumen co nome, “A favor de las niñas”, consituiuse nunha literatura pioneira no empeño por facer visible a muller (nena ou adulta) que asume roles diferentes aos establecidos naquel momento, propoñendo modelos diferentes. Algo que continúa a ser necesario, a pesar dos anos transcorridos... por iso seguimos recoñecendo o traballo desta editora.

6/11/12

ANTOLOXÍAS

O libro está composto dunha breve introdución biobibliográfica seguida dunha escolma de medio cento de textos aproximadamente, clasificados en apartados temáticos aos que anteceden unhas sucintas liñas explicativas. Os textos van acompañados de colaxes que achegan unha nova lectura dos poemas.
Neste caso, a antoloxía e introdución corre a cargo de Elsa Baluja. As ilustracións son de  Jacobo Muñiz, nun estilo que lembra a Elena Odriozola.

5/11/12

NOVIDADE


CARTAS DE INVERNO, esa novela de Agustín Fernández Paz que é record no número de edicións, acaba de ser pasada a banda deseñada.
O autor, fala así desta nova versión:
“Este Cartas de inverno de Antonio Seijas recolle a historia, os personaxes e os ambientes que creei no seu día, comezando pola omnipresente mansión onde todo sucede. Trátase da mesma historia, narrada a través da linguaxe do cómic e a través doutra mirada. A capacidade de suxerir que teñen as palabras trasládase aquí ás elipses narrativas. A tensión creada coas palabras trasládase ás imaxes e á montaxe das viñetas. Os estados de ánimo atopan a súa correspondencia na paleta de cores utilizada polo autor. Todas as pezas encaixan para conformaren unha obra con valor de seu. De aí que declare a miña alegría ante a publicación destas novas Cartas de inverno.”