29/3/19

Historias para rirmos: Orestes perde o sentido! e O raposo aviador que voa sen motor


As historias que presentamos teñen en común a comicidade, tan demandada polo usuarios e usuarias das nosas bibliotecas.

Orestes perde o sentido!, de Rosa Aneiros, ilustrado por Kiko Da Silva, é unha novidade da colección Sopa de Libros de Xerais.
Esta historia chea de aventuras, que ten como protagonistas a Orestes e a súa irmá pequena que andan na procura  dun osiño de peluche, recomenda aos máis novos coñeceren as normas de circulación viaria.

Tamén na colección Merlín, de Xerais vén de publicarse O raposo aviador que voa sen motor, de Antonio Reigosa con ilustracións de Laura Cortés.

Destinada para primeiros lectores, este libro conta a divertida historia de Paquiño, o primeiro raposo que se fixo aviador. 



27/3/19

Algunhas propostas de lectura para o Día Mundial do Teatro

O 27 de marzo conmemoramos o Día Mundial del Teatro, que  foi creado por iniciativas do Instituto Internacional do Teatro (ITI) en 1961.
Desde as bibliotecas escolares presentamos unha selección de textos teatrais, que poden achegar a lectura dramática  ou a representación teatral ao  noso alumnado.

A raíña de Turnedó de Gloria Sanchez con ilustracións de Pablo Otero (Kalandraka, 2014) é un poema escénico no que a participación do público é fundamental para acompañar os excéntricos personaxes desta divertida corte real. A sonoridade, a rima e a estrutura acumulativa do relato son as claves para enganchar a lectura ou a representación da obra.(Presentación editorial)


O premio de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño foi acadado por Fernando Castro Paredes coa obra de teatro A derradeira bala (Galaxia, 2018)  
Do blog De libros e outros achegamos a recensión de  Pilar Sampedro: Un xoguete tan absurdo como a guerra que é o seu tema. 
Unha traxicomedia cuns diálogos marcados pola retranca e a ironía, dise na presentación editorial.
Poucos personaxes: Luciano Cardone, as xemelgas Ramírez (Michelle e Mabel) o sarxento Unamuno e a comandante Cienfuegos. Alguén que toma a decisión de abandonar a guerra, os que o acusan de traidor, a dúbida de se o inimigo está aínda aí, detrás da outra barricada ou o silencio é a mostra de que xa a guerra rematou e... para fusilar ao desertor ou para facer a guerra só queda unha bala, a derradeira.
Riámonos da guerra, mentres nos deixen! 


O  poema Cómo el buen Don Nicanor no fue rey ni emperador de Mar Benegas, con ilustracións de Ximo Abadía (Trestristestigres, 2016) contén unha adaptación teatral realizada por Jesús Ge, para representar as aventuras de Don Nicanor.

20/3/19

O 21 de marzo, espallamos poesía

Porque a poesía non traba, enchemos as nosas bibliotecas de poemas. 

Entre as propostas, destacamos "Para facer o retrato dun paxaro" publicado en Kalandraka, porque como dín na presentación editorial "Un lenzo, unha paleta de cores e un pincel bastan para trazar as liñas da gaiola na que se acabe pousando o noso paxaro. Unha espera paciente, que pode ter a súa recompensa se a ave nos agasalla co seu canto."

Para un lectorado xuvenil propoñemos o último premio Jules Verne de literatura xuvenil  2018 Aplicación instantánea de Carlos Negro e publicado por Xerais.
Os diferentes avatares responden á pregunta Que é para ti un poema?. Eis unha das respostas:

Que é para ti un poema?

Unha motoserra do sentido completo.
Un des-corrector ortográfico.
Unha sílaba alucinada.
Un disturbio semántico.
Unha oración atea.
Unha bomba fonética.
Un punto de non retorno.

               
E, por último, recomendamos unha pequena alfaia: Poesía mínima/ Minimal Poetry de Helena Villar Janeiro, publicado en Alvarellos Editora.
Este poemario componse de 50 fotopoemas (en edición trilingüe), cousas sinxelas que constrúen o universo.

Día da narración oral: "Contar" de Pep Bruno

Hoxe, 20 de marzo, conmemórase o Día da narración oral.
Aproveitamos a efeméride para presentar o libro de Pep Bruno, Contar. Neste libro informativo o autor fala da importancia de contar e dá algunhas pistas sobre como contar contos. O libro foi publicado en febreiro de 2019 por A buen paso e as ilustracións  son de Andrea Antinori.
Recomendamos aos mediadores a súa lectura e posta en práctica nas nosas bibliotecas escolares.



7/3/19

Lecturas para o #8M


Seleccionamos para conmemorar o Día Internacional da Muller dúas historias que aínda hoxe teñen vixencia, unha publicada hai 40 anos e outra, ambientada no século XIX.


As mulleres e os homes de Catroventos Editora, con texto do Equipo Plantel e ilustracións de Luci Gutiérrez, foi publicado en 1978 mais a historia que conta está de plena actualidade xa que os cambios producidos para  acadarmos unha sociedade igualitaria non son suficientes.

O cómic Sally Heathcote. Sufragista publicado por La cúpula e coautoría de Mary M. Talbot, Kate Charlesworth e Bryan Talbot, conta a historia das mulleres inglesas que loitaron polo dereito ao voto feminino.

Ambos os dous libros forman parte das novas maletas de banda deseñada, As mulleres e os homes na de primaria e Sally Heathcote. Sufragista, na de Secundaria.

5/3/19

Singamia 1.1 e o debate científico-tecnolóxico

Xerais vén de publicar Singamia 1.1 (Queridas máquinas) de Ramón Caride Ogando, na colección Fóra de Xogo. Con este título remata a triloxía denominada AKTUAL que se iniciara con Exogamia 0.3 (2011) e continuara con Endogamia 0.2 (2013).

Os tres libros de relatos de temática científico-tecnolóxica son moi oportunos para os clubs de lectura, nomeadamente de carácter científico, que se prestan a que o lectorado experto desenvolva unha conciencia crítica e abra unha liña de debate sobre como debemos encarar este tipo de avances  desde un punto de vista ético.

"Moitos dos acontecementos destes relatos, así como o xeito en que suceden, non serían posibles hai cinco anos. Só hai que mirar ao noso redor para poder ver o que temos diante dos ollos".