8/4/20

Cociñamos na casa

Estes días que pasamos en casa debido á situación excepcional que estamos vivindo pola pandemia da COVID-19 son unha boa ocasión para aprendermos a cociñar ou para mellorarmos os nosos dotes culinarios. E as crianzas tamén.
Alén de todas as receitas que se poden recoller dos nosos familiares queremos lembrar algúns libros de cociña que de seguro xa están nas nosas bibliotecas escolares.
  

As receitas de Rosaura combina a cociña coa poesía. Publicado por Belagua en 2018 é un álbum de Isabel Blanco, ilustrado por Luz Beloso.
O libro comeza presentándonos a Rosaura, afeccionada á cociña, e facendo unha listaxe co material necesario para a elaboración dos pratos. A continuación recolle media ducia de receitas escritas en verso e pensadas para que os nenos e nenas poidan achegarse ao mundo da gastronomía dun xeito sinxelo.
No seguinte enlace podedes escoitar algunhas das receitas nunha sesión de lectura de Bibliobernardino (Biblioteca do IES As Barxas de Moaña, Pontevedra).


Nicolás cociña sen lume 



Publicado en Kalandraka, con texto de Bata e ilustracións de Alicia Suárez,  Nicolás cociña sen lume, convida a cociñar canapés, macedonia, xeado de plátano, batido de amorodo... seguindo os pictogramas.

Cociñando con Bolboretas no bandullo

O que naceu en 2013 como un proxecto dixital de Diana Fernández e David Díaz , apaixonados da gastronomía mais tamén comprometidos coa lingua e a cultura galegas concretouse no libro de receitas Cociñando con Bolboretas no bandullo, publicado en 2018 por Xerais.
O libro componse de 15 receitas que van acompañadas de ilustracións dos ingredientes, utensilios, graos de dificultade e unhas breves instrucións de como elaboralas. Pódese seguir todo o proceso de elaboración das receitas na súa canle de YouTube a través dos códigos QR que aparecen en cada unha delas.
Tamén podedes consultar o blog.



Cociña infantil e familiar


Desde 2011 a editorial Ouvirmos foi publicando os libros da colección Cociña infantil e familiar que está composta por 10 libros de receitas que ensinan a preparar pratos fáciles e creativos, especificamente concibidos para elaborar en familia. Forman parte da colección: Bocadillos e Sándwichs ,Sobremesas, Pastas e pizzas, Menús para festas, Arroces, Peixes, Carnes, Chocolates, Pratos do mundo e Xeados.
Tamén podedes consultar a entrada en Redelectura.



2/4/20

NOVAS LECTURAS PARA UNHA BIBLIOTECA INCLUSIVA


O 2 de abril celebramos o Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil pero tamén conmemoramos o Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo (#DiaMundialAutismo).

Das nosas lecturas para conformarmos unha biblioteca máis inclusiva queremos recomendar o álbum TEA de Alejandra González e publicado pola editorial Pintacoda.
TEA presenta unha dobre mirada sobre o Trastorno do Espectro Autista, a nosa e a das persoas autistas, por iso nos fornece de dous pares de lentes para entendermos e empatizarmos, tan necesitados estes días, con este colectivo. Poderemos entender por que son hipersensibles a diferentes estímulos auditivos, visuais, táctiles, por que senten ansiedade en espazos ruidosos ou por que teñen dificultades para comprender as nosas bromas ou a linguaxe figurada. Nas últimas páxinas do libro encontramos unha guía didáctica que explica as principais alteracións que presenta unha persoa con TEA.

 

Recentemente Kalandraka publicou na súa colección Makakiños A verdadeira historia de carapuchiña vermella, texto de Bata, a partir da versión de A. R. Almodóvar e con ilustracións de Marc Taeger . Na presentación editorial dinnos que “esta versión de Carapuchiña xa é accesible con pictogramas para que a frescura e a sabedoría dos contos da avoa chegue con toda a súa esencia ás persoas con necesidades de apoio educativo”.
 
Estes recursos son imprescindibles nas nosas bibliotecas escolares porque son ferramentas para entendermos a escola: plural, diversa e accesible.