31/1/11

RED DE SELECCIÓN


A Fundación Germán Sánchez Ruipérez viña mantendo unha rede de selección de libros infantís e xuvenís, o resultado da cal se publicaba na páxina, onde se poden atopar as publicacións destas escollas a partir do ano 2002/2003 e ata o 2008 / 2009, á espera da última. O que comezara presentándose por idade: de 3 a 7 anos, de 8 a 11, de 12 a 15 (as tres primeiras) converteuse nunha publicación na que se recollían todas as idades (3 a 15, a partir de 2006 / 2007) e perdeu o formato papel na última edición. A crise vai facendo os seus estragos... Unhas seleccións nas que se recollía o mellor do publicado nas catro linguas, revisado por expertos de organizacións representativas de todas elas, coordinados por Pablo Barrena, como se pode ver ... ALIN. Amigos y Amigas del Libro Infantil y JuvenilAsesoría de Bibliotecas Escolares. Consellería de Educación. GaliciaAsociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil / Revista LazarilloClijCAT. Consell Catalá del Llibre per Infants / Revista FaristolFundación Germán Sánchez RuipérezFundación Municipal de Cultura, Educación y Universidad Popular de GijónGALIX. Asociación Galega do Libro Infantil e XuvenilGaltzagorri Elkartea (Asociación vasca de literatura infantil y juvenil)Grup de Treball de Bibliteques Infantils i Juvenils del Col.legi Oficial de Bibliotecaris-Documentalistes de Catalunya • Haur Liburu Mintegia. Facultad de Humanidades y Ciencias de la Educación. Mondragon Unibertsitatea • Peonza. Revista de Literatura Infantil y Juvenil Red de Bibliotecas de la Comunidad de MadridRevista CLIJ (Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil)Revista Primeras NoticiasSeminari de Bibliografía Infantil i Juvenil. Associació de Mestres Rosa SensatSeminario de Biblioteca y Literatura Infantil. C.P. Miguel Servet de Fraga (Huesca)Seminario de Literatura Infantil y Juvenil de GuadalajaraSeminario de Literatura Infantil y Juvenil / Revista Platero • Coordinación da red: Pablo Barrena Os recursos desta rede están á disposición de todos os mediadores e mediadoras, como apoio para a súa propia selección. Uns materiais fundamentais que referendan unha escolla obxectiva e de referencia, algo que estamos a necesitar sempre.

28/1/11

LIBROS CON EXPOSICIÓN


O libro Doménica, primeira incursión de Gonzalo Torrente Ballester na literatura infantil, e derradeira das súas obras, está a disposición de lectores e observadores na Fundación Gonzalo Torrente Ballester en Santiago.

A exposición das ilustracións, realizadas por Maravillas Delgado, é unha boa ocasión para seguir o avance dos debuxos desde os primeiros trazos ata o traballo final.

Ademais desa posibilidade de seguir o traballo de ilustración, resulta de moito interese o feito de que na mesma Fundación se ofreza a venda de postais nas que se reproducen estes debuxos e a venda dos libros, tanta no súa versión castelán como na galega, ambas publicadas por Espasa Calpe na súa colección xuvenil; nun caso trátase dunha edición de bolsillo e no outro de pasta dura.

A novela, fantástica e surrealista, navega polos mundos de Doménica, fóra de toda atadura racional e coherente, entre os soños e a inconsciencia, pasando dun a outro lado da realidade.

Non deixa de sorprender, que escritores que nunca tocaron o ámbito infantil se adentren nel ná derradeira obra, como sucede neste caso ou no de Xardín do Pasatempo de Ramiro Fonte.

26/1/11

BLOC, Revista Internacional de Arte e Literatura Infantil


O último número, seguramente tamén o derradeiro, da revista BLOC (Revista Internacional de Arte y Literatura Infantil), trata o tema dos xoguetes como materia prima dos albumes ilustrados. Parte dunha ensinanza: o mellor xoguete é o máis imperfecto porque encerra máis posibilidades creativas facéndoo máis versátil; por iso se converteu nun obxecto artístico. Así o contan: "Ao unir xoguetes e arte conseguimos obras que xenerosa e eficazmente teñen contribuído á formación artística dos niños. Centos, tal vez millares de obras teñen os xoguetes como obxecto da súa vocación expresiva e comunicativa. Álbums, obras literarias, películas, obras teatrais, etc. téñense inspirado no artificio dos xoguetes que, como acción simbólica dos sentimentos e desexos infantís, toman vida propia e expresan emocións.”

Este é o número 6. No 5 víronse as relacións entre o cine e os álbums ilustrados; no 4 os interrogantes e enigmas no álbum ilustrado; no 3 tratáronse os abecedarios ilustrados... e así ata o número cero que se pode descargar na páxina. Revistas que eran obras de arte en si mesmas, dirixidas polo noso premiado escritor Xabier P. Docampo e editadas por Antonio Ventura.

25/1/11

REVISTA PLATERO: sempre ROALD DAHL


O último número de PLATERO ("Revista de Literatura Infantil - Juvenil, Animando a la Lectura y Bibliotecas Escolares") está dedicado integramente a Roald Dahl, na conmemoración dos vinte anos da súa morte.

Juan José Lage, o director da revista, é o autor deste monográfico no que ademais de artigos de fondo, achega textos e citas, unha ampla bibliografía tamén con películas e estudos, unha entrevista imaxinaria...

Nas páxinas centrais, unha serie de reseñas que acollen desde álbumes ilustrados, libros - xogo, narrativa, poesía, documental, edicións especiais, tebeos, libros sonoros, libros singulares, clásicos, coleccións - series...

Unha boa ocasión para volver a este clásico da man dun dos seus especialistas.

24/1/11

NOVIDADES ÁLBUM







Seguimos atopando novidades en álbum ilustrado que aínda que publicado en Galicia está escrito e ilustrado fóra. Son os tempos!
Neste caso, podemos falar das dúas novidades de OQO.
Por unha banda Tres han de ser con texto de Darabuc e ilustracións de Fátima Afonso, tratando unha vez máis a aceptación das parellas desiguais, pouco comúns... Sol, a protagonista, quere casar cos seus tres amigos, nin cun nin co outro, cos tres. A nai, representante do convencionalismo envíaos polo mundo a que busquen un obxecto marabilloso, o que traia o mellor será o digno esposo da súa filla... Nesas andan os pretendentes (todos xuntos, iso si!) cando sucede algo que os obriga a volver, facendo uso dos seus tres obxectos, o que obriga a que o desenlace non poida ser como se esperaba. Será doutra maneira! A historia que parte de versións de vellos contos que se lembran baixo títulos como Os tres amigos ou Os tres maridos dálle unha volta á tradición.
Por outra O tren de Silvia Santirosi e Chiara Carrer traéndonos o tema da morte dun ser querido, a necesidade de aceptala aínda que non se entenda, a través do diálogo dun pai coa filla, no que aparecen os soños e os relatos e os símbolos universais como ese tren que se vai ou esa estrela que aparece no ceo. As ilustracións acompañan unha historia que non pode ser máis que triste pero que avanza a través do afecto e o tempo compartido.

20/1/11

DE SERIE




Cando de series se trata, xa sabemos que é máis doado ler, que as lecturas e os libros van sobre rodas, uns detrás dos outros como por unha autovías. Moito hai escrito ao respecto, pero moito tamén vivido: que fai a rapazada cos Bolechas? E con Kika Superbruxa, Harry Potter e demais? Seguilos, acompañalos, convertelos en personaxes amigos, en alguén que xa forma parte da súa familia… porque os coñecen ata o punto de ter que evitar descricións e queren saber que lles pasa, como van medrando... estar con eles, ao cabo. Por iso, porque fan lectores (ademais de pola súa calidade) debemos telos en conta. Neste caso, lembrar a este personaxe Suso Espada, detective da Axencia ADN, que se pasa a vida indagando e descubrindo misterios e casos. da man de Francisco Fernández Naval, continúa a súa edición. Suso Espada e o misterio do Grial Suso Espada: Istambul e o cabaliño de ouro. Suso Espada. Nota Roja.

19/1/11

VAI ALÁ MEDIO SÉCULO!


En 1961 publicábase, en Bos Aires, a novela máis editada e traducida da literatura galega Memorias dun neno labrego. Unha obra cuxo comezo se fixo carta de presentación: "EU SON ... Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre." Moitos se sentiron identificados con ese pensador - profundador, con ese neno que non podía selo e se enchía de rabia contra a inxustiza. Moitos e moitas se seguen a sentir próximos, a pesar da distancia, porque hai valores que son universais e eternos e porque cando non somos da aldea estamos a un paso de pai ou avoa, cando non somos pobres podemos selo ao dobrar a esquina ou aínda gardamos a arrecendo da escaseza. Este é un bo momento para retomar esta lectura, para reencontrar ou visitar por primeira vez a Balbino e ao seu creador, un autor que temos a dita de poder atopar aínda na súa Fundación ao pé das illas de Gres, escribindo. Cándido Pazó, anda por Galicia adiante cun monólogo que nolo presenta tamén. Outra cita obrigada!

Obtido en http://www.youtube.com/user/memoriadagaliza

18/1/11

Xoán Babarro, premiado


Xoán Babarro acaba de xubilarse. Agora ten calma e tempo para seguir escribindo e ir recollendo a colleita de premios que merece. Un deles foi o Pura e Dora Vázquez da Deputación de Ourense por Palabra era un mundo paralelo, outro A PRINCESA DE TARAMUNDI co que acadou o Arume. Con ilustracións de Spela Trobec, publicado por Edicións Embora de Ferrol, saiu á luz no 2010. Unha magnífica edición, en volume cadrado e de pasta dura; cunhas ilustracións en branco e negro co único aditamento dos grises pero cunhas calidades inesperadas e de gran valor. Un poemario que ben mereceu o quinto premio Arume de poesía para nenos e nenas convocado pola Fundación Neira Vilas no 2009. Libro que o xurado valorou pola orixinalidade dos versos e o tenro achegamento á natureza e ao medio xeográfico do que se nutren. Libro para disfrutar, para ler, mirar e xogar. Libro no que o autor recolle variantes da falas galegas centrais e orientais para deleite dos pequenos e máis grandes. Un bo libro do que se adianten uns poemas como cata, nun caso trátase dun trabalinguas e noutro dunhas mentiras: PITA PINTA A pita pinta ten un pito pinto, pintado e no bico colorado. A pita pinta ten dous pitos pintos, pintados e no bico colorados. A pita pinta ten tres pitos pintos, pintados e no bico colorados... ¿Cantos pitos pintos pintados e no bico colorados poderá contar a pita pinta pintada e no bico colorada? MENTIRAS O amieiro dá peras. O bidueiro, laranxas. O escabrón, as amoras. O erbedeiro, castañas. E o sanguiño que hai no monte, cen mil mazás coloradas. ¡Se as mentiras que hai no mundo fosen así de atinadas…!

XOÁN BABARRO, premiado.

Xoán Babarro, acaba de xubilarse, o que lle achega o tempo necesario para a creación. Así, anda a recoller a colleita dos últimos premios. Con Palabra era un universo paralelo, acadou o Pura e Dora Vázquez da Deputación de Ourense, e con A princesa de Taramundi, fíxose co Premio Arume. Con ilustracións de Spela Trobec, está publicado por Edicións Embora de Ferrol neste 2010, do que acabamos de despedirnos. Unha magnífica edición, en volume cadrado e de pasta dura; cunhas ilustracións en branco e negro co único aditamento dos grises pero cunhas calidades inesperadas e de gran valor. Un poemario que ben mereceu o quinto premio Arume de poesía para nenos e nenas convocado pola Fundación Neira Vilas no 2009. Libro que o xurado valorou pola orixinalidade dos versos e o tenro achegamento á natureza e ao medio xeográfico do que se nutren. Libro para disfrutar, para ler, mirar e xogar. Libro no que o autor recolle variantes da falas galegas centrais e orientais para deleite dos pequenos e máis grandes. Un bo libro do que se adianten uns poemas como cata, nun caso trátase dun trabalinguas e no outro dunhas mentiras: PITA PINTA A pita pinta ten un pito pinto, pintado e no bico colorado. A pita pinta ten dous pitos pintos, pintados e no bico colorados. A pita pinta ten tres pitos pintos, pintados e no bico colorados... ¿Cantos pitos pintos pintados e no bico colorados poderá contar a pita pinta pintada e no bico colorada? MENTIRAS O amieiro dá peras. O bidueiro, laranxas. O escabrón, as amoras. O erbedeiro, castañas. E o sanguiño que hai no monte, cen mil mazás coloradas. ¡Se as mentiras que hai no mundo fosen así de atinadas…!