Só un segundo, o álbum con deseño e ilustracións de Flavio Morais e da autoría de Silvio Freytes, editado por Kalandraka, ven de recibir o premio Daniel Gil de Deseño Editorial ao Mellor Libro Infantil. Dísenos que tanto o deseño coma as ilustracións están inspirados na cultura popular do norte do Brasil, o país orixinario de Morais, nunha técnica denominada “xilogravado de cordel”, o mesmo que a tipografía coa que aparece o texto baseada nos rótulos das tendas. As imaxes cun ar primitivo e tonalidades terra recoñécense polos trazos grosos que as mostran estáticas, acompañando así a historia dese segundo de tempo detido no que suceden unha serie de acontecementos. Un libro sobre o paso do tempo representado no reloxo que mostra ese segundo no que os nosos ollos van pasando dunha imaxe a outra, dunha mirada a outra, percorrendo o espazo que se recolle na lámina final. Unha obra que conxuga a arte en diversas facetas, a tradición e a vangarda, o infantil e contemporáneo.
25/2/08
20/2/08
¿En Fisterra?
Eu vivía na fin do mundo de Ramón Trigo obtivo o primeiro premio do II Concurso Internacional de Álbum Ilustrado “Biblioteca Insular. Cabildo de Canarias” e foi publicado o ano pasado pola editorial Tambre – Edelvives. Móstranos unha historia con magníficas ilustracións e uns pequenos e suxestivos textos. A través desas imaxes e a narración en primeira persoa contáxianos a maxia de vivir fronte ao horizonte e querer saber qué hai máis alá. Cando pregunta, os veciños dinlle que detrás desa raia nada hai ou monstros horribles aos que se debe temer… só o fareiro lle fala doutras posibilidades e tras elas se irá nun final aberto e cheo de posibilidades. Seguro que vos apetece velo e lelo, descubrindo ata onde compartimos imaxinario.
Etiquetas:
álbum ilustrado,
Premios e recoñecementos
19/2/08
Minimaladas ¿Historias mínimas de animais?
Minimaladas, premio Merlín de literatura infantil 2007. Escrito por Carlos Vázquez e ilustrado por David Pintor, foi publicado por Xerais fóra de colección para que puidéramos gozar dun formato no que o texto se ve envolto pola imaxe atrapando ao lector. Minimaladas vai de historias mínimas de animais. Unha delas, a modo de cata: “Este era un camaleón que non podía sabía cambiar de cor. Vendo que os demais camaleóns si podían, púñase verde de envexa. Ás veces burlábanse del, e púñase vermello de ira. Chegou a enfermar, e púxose amarelo. Coa febre deliraba, e creu ver unha pantasma, e agarrou pavor, e púxose branco. O pobre camaleón andaba negro. Para consolalo, a súa nai preparoulle unha torta enorme, e púxose morado.” O autor, guionista do dúo Pinto&Chinto, do que tamén forma parte o ilustrador, confesa que as oitenta e catro historias comparten o denominador común do humor.
Etiquetas:
Literatura infantil,
Premios e recoñecementos
18/2/08
Personaxes de conto
Piratas, bruxas e outros amigos de Daniel Ameixeiro, con ilustracións de Federico Fernández, publicado por Galaxia na colección Árbore. No estilo ao que o autor nos ten acostumados e lembrando un tanto aquela fermosa historia de Xan e Pericán. Neste caso, reúnense varios relatos rimados nos que o xogo e o nonsense se fan protagonistas, todo adobado cun certo humor e unhas areas poéticas. E deso vai, de piratas, bruxas, princesas e outros personaxes de conto, todo ese repertorio de oficios que andan pola tradición dun imaxinario que sigue dando voltas polas cabeciñas. Agora xa recreándoas, inverténdoas, obrigándoas a vivir noutros tempos nos que as cousas non son o que eran. Dous creadores, imaxe e palabra, ao servizo dunha obra que dá para ler.
Etiquetas:
Libro de relatos,
Literatura infantil
4/2/08
De nenos e tempos difíciles
O NENO DO PIXAMA A RAIAS, do escritor irlandés John Boyne, está a ser un éxito editorial. De aí a importancia de que Factoría K o teña traducido ao galego e publicado dentro da súa colección Narrativa K. Inicitivas coma estas son pasos adiante na normalización lingúística e no fomento da lectura. Trátase dunha novela na que paso a paso nos imos adentrando nun mundo que nos resultará coñecido, pero visto desde ollos dun rapaz de nove anos, ao que acompañamos seguindo a seu pai a un novo traballo, coñecendo lugares “diferentes” e amigos … nun medio extraño –por chamarlle dalgunha maneira- que el traduce á súa candidez. Un libro que admite varias lecturas, que lles gustará aos máis grandes e aos que non o son tanto; un libro dos que anima a ler porque, coma nun cofre, gárdanse eses tesouros que nos fan amar a lectura. Un libro que nos poñerá a falar de historias, de tempos que non podemos esquecer, de riscos que andan sempre á volta da esquina, … doutros libros.
Etiquetas:
literatura xuvenil,
novela xuvenil
1/2/08
Poesía infantil nas Letras Galegas 2008
“Hai moitos anos naceu en Vigo unha nena que non tiña nome. Os seus pais, que andaban a rir, ao vela colorada de alegría e cos ollos azuis como auga dunha fonte, souberon que s e chamaba Colorín. E así a chamaron. (…) Cando a nena tiña un ano, o pai escribiu este libro para contar como chegara un día Colorín voando no vento.(…) Por iso o libro, que ao principio tampouco non tiña nome, chamouse Roseira do teu mencer. O mencer de Colorín, os seus primeiros días e meses de luz, está relatado aquí en versos pequenos que son para cantar.” Así nos presenta Xosé Mª Álvarez Cáccamo a súa irmá e o libro de poemas que para ela escribira seu pai, Xosé Mª Álvarez Blázquez, ao que este ano se dedica o Día das Letras Galegas. Un libro sentido e para os sentidos, para que todos os nenos e nenas poidan gozar nun ano no que as letras tamén van dirixidas, expresamente, a eles.
Etiquetas:
Letras Galegas,
poesía
Suscribirse a:
Entradas (Atom)