3/8/10

NOVIDADE


E ti que farías por min? de Fina Casalderrey e con ilustracións de Manolo Uhía, publicado na colección Merliño.

Unha obra para primeiros lectores que pode remitirnos a historias anteriores como a fábula da cigarra e a formiga ou libros tan queridos como Frederick de Leo Lionni. Vai dunha parella de cans. Ela anda rebuscando comida nun vertedoiro mentres el lle adoza os ouvidos con frases poéticas nas que lle ofrece, non o ouro e o mouro pero si, a beleza do mundo e todo o amor verbal de que é capaz; o remate final é sorpresivo e ten todo o sentido común e humorístico desta autora.

2/8/10

TODO BEN de Manuel Rivas


Así o presenta a editorial:
"25 anos despois da súa publicación, Todo ben renace cunha segunda vida tras unha completa revisión do autor.
A obra mantén a cerna dunha historia que se move en «serie negra», cunha singular ubicación no Brasil e coa corrupción no fútbol e na política como coordenadas temáticas principais.
Unha feliz re-existencia da primeira novela de Manuel Rivas, o narrador galego máis aclamado do noso tempo."
De fútbol e de política, do mundo da hampa, trata o relato. Fuxindo dun país pequeno do que semella non levar consigo máis que a poesía e un pasado do que non merece a pena lembrar case nada, o protagonista convértese en xornalista deportivo, observa o novo mundo e vese implicado nunha historia negra que non lle correspondía. Pero o final, o final é seu; é el quen decide que facer coa súa vida, se vivila, cambiala, intercambiala ou perdela.