28/4/11

Libros que dan que pensar


ZIMBO. Un álbum, propiamente dirixido a maiores, aínda que a ambientación poida confundir.
O mundo dos monicreques, unha chiscadela a Pinocho... pero de fondo, un problema xeracional e eterno.
Chegado o momento, os maiores han de dar alas para que os pequenos medren e poidan abandonar o niño. O amor mídese nesa entrega de liberdade que permite aos bonecos de madeira facerse nenos de carne e oso, ás rapazas converterse en mozas poñendo en marcha a valentía, tal como aparece na dedicatoria “Para miña irmá Penélope, que preferiu deixar de coser e emprender a busca de Itaca” e que nos trae, paseniño a lembranza dos versos de Xoana Torres
“Así falou Penélope:
"Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A que tanto novelo e tanta historia?
Eu tamén navegar."
A historia dunha marioneta que se corta os fíos coa axuda do Monicrequeiro para poder entrar no mundo real, coa dor de abandonar o teatro e a ilusión de vivir outras vidas. A tristeza do monicrequeiro ante a marcha da súa obra e a capacidade de antepoñer os desexos de Zimbo por riba dos seus.
Textos de Arturo Abad e ilustracións de Joanna Concejo para un álbum de OQO
.

No hay comentarios: