Mostrando entradas con la etiqueta Divulgación. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Divulgación. Mostrar todas las entradas

29/1/20

Libros para mediadores/as de lectura I: Da Carapuchiña ao señor Lamote

Miguel Vázquez Freire vén de publicar en Xerais Da Carapuchiña ao señor Lamote.Clásicos da literatura para a infancia e a mocidade en lingua galega.

O autor propón neste libro coñecer  a LIX universal e faino percorrendo a historia da literatura infantil e xuvenil desde a Carapuchiña vermella até o Ramón Lamote de Paco Martín.

Sabedores de que moitos descoñecemos a existencia destas versións ao galego de clásicos universais e tamén na necesidade de coñecermos o canon da LIX, este ensaio é ben oportuno para as bibliotecarias e bibliotecarios escolares e para as mediadoras de lectura porque como di o autor na presentación “ os mellores libros para a infancia e a mocidade son os mellores libros que calquera, incluídos nenos e mozos, poden ler;os libros, logo máis universais, os libros para todos”.

De moito interese son tamén as referencias que fai ao cine nas 32 propostas e a bibliografía que as acompaña.




5/3/19

Singamia 1.1 e o debate científico-tecnolóxico

Xerais vén de publicar Singamia 1.1 (Queridas máquinas) de Ramón Caride Ogando, na colección Fóra de Xogo. Con este título remata a triloxía denominada AKTUAL que se iniciara con Exogamia 0.3 (2011) e continuara con Endogamia 0.2 (2013).

Os tres libros de relatos de temática científico-tecnolóxica son moi oportunos para os clubs de lectura, nomeadamente de carácter científico, que se prestan a que o lectorado experto desenvolva unha conciencia crítica e abra unha liña de debate sobre como debemos encarar este tipo de avances  desde un punto de vista ético.

"Moitos dos acontecementos destes relatos, así como o xeito en que suceden, non serían posibles hai cinco anos. Só hai que mirar ao noso redor para poder ver o que temos diante dos ollos".

14/11/18

No mes da ciencia, " A ciencia do día a día" de Xerais

Agradecemos a Xerais, que neste Mes da Ciencia en galego nas bibliotecas, publique na súa colección Básicos Ciencia  A ciencia do día a día.
Este libro explica, de xeito moi breve e sinxelo, moitos feitos da ciencia que nos acompañan na nosa vida diaria: Por que aparece a nosa imaxe nos espellos? Que é un coche eléctrico? Como funciona un GPS? Por que quenta o microondas? A estas e autras preguntas atoparemos resposta n´ A ciencia do día a día, un libro para aprender de xeito lúdico.
Destinado a partir de primeiros lectores, é un libro indispensable nas nosas bibliotecas para fornecer de recursos aos proxectos de ciencias, para divulgación e experimentación, actividades moi frecuentes nestas.

11/5/17

En primavera, Inventario ilustrado de flores



A editorial Kalandraka publica un novo tomo da serie de Inventarios ilustrados, o Inventario ilustrado de flores de Virginie Aladjidi con ilustracións de Emmanuelle Tchoukriel. A tradución corre a cargo de Fernando Moreiras

Nel descríbense as diferentes características de 62 tipos de flores de diferentes lugares do planeta. Iníciase o álbum  co noso cáncaro, prímula  ou panqueixo, unha das primeiras flores da primavera.
As flores están clasificadas por cores e descritas segundo o seu nome científico/común, época de floración, procedencia, aplicacións medicinais e culinarias ademais da presentación da flor coas súas características: partes, polinización e modos de crecemento. Acompañan tamén, imaxes de insectos vinculados ás flores . 
Con este álbum, acrecentamos a colección de libros científicos e informativos na nosa lingua para a biblioteca escolar.



15/3/17

Colección "Básicos ciencia" de Xerais, divulgación científica en galego


Vén de presentarse a colección de divulgación científica Xerais Básicos ciencia, da editorial Xerais. Entre os seus obxectivos está fortalecer o o galego como lingua de ciencia e o fomento da lectura de divulgación científica.
A colección está dirixida por Miguel Vázquez Freire e neste momento consta de  tres obras: Terra de Xurxo Mariño, Historia do ADN de Daniel Soutullo e O universo matemático  de Antom Labranha. 
Cómpre ter en conta estes títulos nas bibliotecas escolares de Secundaria, fundamentalmente, para achegar a ciencia e a tecnoloxía á cidadanía porque, en palabras de Xurxo Mariño é preciso ter coñecementos científicos para poder ser cidadáns, para saber separar o que é ciencia do que non o é.

26/11/16

Mes da ciencia en galego: Inventario ilustrado das aves

A editorial Kalandraka vén de publicar un novo libro dentro da serie de Inventarios ilustrados, o Inventario ilustrado das aves de Virginie Aladjidi e Emmanuelle Tchoukriel.
Nel descríbense as diferentes características das  80 aves que aparecen no álbum,como a plumaxe de cada especie, a peculiaridade da súa alimentación, ou curiosidades sobre os seus hábitos de apareamento ou o chío que fan ao cantar. Tamén se achegan datos como o tamaño e a envergadura media de cada ave para comparalas entre si. Estas descricións veñen acompañadas dunha fermosa ilustración.
Rematando xa o Mes da ciencia en galego, esta achega é necesaria nas bibliotecas escolares para acrecentar a colección de libros informativos na nosa lingua.
Ciencia en Galego nas Bibliotecas - Libros informativos

14/3/16

¿ A que altura está o ceo? de Jorge Mira


Jorge Mira acaba de publicar en Alvarellos Editora ¿ A que altura está o ceo? , un novo libro de divulgación científica. Escrito en colaboración con María Canosa e ilustrado por Dani Padrón.
Na cuberta do libro podemos ler:
Velaquí  unha das preguntas que se leva formulando o ser humano desde os albores da súa existencia:  Este libro vainos dar a resposta. A esta cuestión... e a moitas outras.
O físico e comunicador científico Jorge Mira realiza unha apaixonante viaxe no tempo. Comeza na época da Grecia clásica e chega ata os descubrimentos máis recentes sobre o universo.
Despois de ler estas páxinas poderemos responder a cuestións coma estas:
¿Por que vemos o ceo azul ou o Sol amarelo?
¿Como se puido saber a que altura están a Lúa, o Sol e os planetas?
¿Como é posible calcular o lonxe que está unha estrela ou unha galaxia?
¿Cal é a idade do universo?
¿E o seu tamaño?
¿Que quere dicir que o universo se expande?
¿E a que velocidade o fai?
¿É certo que foi un cura quen primeiro falou do Big Bang?..


15/12/15

Teño uns pés perfectos


Teño uns pés perfectos está publicado por Kalandraka con texto de María Solar e  ilustracións de Gusti.
María Solar escribe este libro cunha dupla función, literaria e e informativa, e utiliza o recurso dun libro dentro doutro.
O personaxe principal , Melchor Sabichón, preséntase ao concurso Na busca do neno máis listo pero, malia ter preparado moitos temas, non esperaba enfrontarse a unha materia descoñecida: os pés. O protagonista atopará nun libro, que lle facilita a nai, todo canto necesita saber sobre esas extremidades inferiores: os tipos de pés, a súa anatomía e a función que cumpren para que poidamos camiñar e correr, o número de ósos que teñen, curiosidades sobre as unllas ou as pegadas que deixamos. Descobre, ao rematar o concurso, que o próximo pásanos moitas veces desapercibido.

Libro escrito con humor, destinado a lectores autónomos que queiran saber moito sobre pés.

10/12/15

Ler ciencia: Cor animal


Facémonos eco dun recurso informativo en galego, de interese para as bibliotecas escolares. Kalandraka publica un libro que achega a ciencia os máis pequenos. Trátase dun álbum escrito por Agustín Agra e ilustrado por Maya Hanisch. 

Cunha linguaxe adaptada ao alumnado de infantil e primaria descríbense trinta especies animais de diferentes lugares do mundo. Acompañadas dunha ilustración en collage dixital aprendemos como os animais marcan o seu terreo, como cortexan as femias, como se reproducen, como se camuflan, por que emigran, canto miden, etc.
O álbum ben pode ser unha recomendación lectora  para as familias a través da mochila viaxeira ou formar parte da selección de recursos cando se traballan os animais.

20/5/15

Un percorrido pola vida e as obras de Gaudí

Dàlia Adillon Marsó crea o texto e as ilustracións desta pequena biografía ilustrada de Gaudí, traducida por Xosé Ballesteros e dirixida a lectores a partir dos catro anos.
Esta obra resultou finalista do VII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. E con ela continúa esa liña de álbumes relacionados con artistas e obras, polas que xa teñen pasado Velázquez, Picasso e Van Gogh.
Libros necesarios para autores imprescindibles.
Libros de arte.

20/4/15

Animais, animais... e paseando pola obra dun gran arquitecto

"Cor animal é un libro que achega de forma amena unha trintena de animais de difeentes lugares do mundo, presentándoos cun sinxelo texto descritivo e cunhas chamativas ilustracións elaboradas coa técnica do collage dixital, que destacan polo seu extraordinario colorido, as sorprendentes texturas e a orixinal fisonomía dos seus protagonistas.
Pensada para primeiros lectores, a partir dos catro anos, está escrita por Agustín Agra (que fai a asúa primeira incursión nesta editorial) e ilustrada por Maya Hanisch a base de recortes de revista e xornal, estampados de correo postal, tipografías, papel pintado con pinceladas de tinta, trazos soltos ou retais
de materiais téxtiles." 
Da presentaicón editorial.
Lembremos que nesta editora podemos atopar a colección de "Animais extraordinarios", en gran formato. Sempre son ben recibidos estes produtos nas nosas bibliotecas.

9/3/15

Concurso "Nós lemos, e ti?"



 "Con ocasión do DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL, a Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil, xunto coas súas catro seccións: Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX), Consejo General del Libro Infantil y Juvenil, Consell Català del Llibre Infantil i Juvenil (ClijCAT) e Galtzagorri Elkartea, co patrocinio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, convoca o concurso “Nós lemos, e ti?”. 
  •  Poden participar todos os lectores e lectoras que estean cursando Primaria ou primeiro ciclo de Secundaria, a través do seu centro docente ou dende a biblioteca.
  • Reunir membros da familia ou amigos que queiran participar.
  • Escoller un libro en galego cada un e co móbil ou cunha cámara facerse unha selfie. É imprescindible que se vexan os libros.
  • Deberá acompañar á selfie un breve texto explicando o motivo polo que o/a participante escolleu ese libro. Tamén deberá constar o nome e apelidos do/a participante, o domicilio, poboación, teléfono, ano de nacemento e nome do centro docente ou biblioteca, do titor/a ou bibliotecario/a, domicilio, poboación, teléfono e correo electrónico.
  • Os centros docentes e bibliotecas deberán seleccionar un máximo de tres traballos por curso segundo o seu bo criterio e entregalos directamente ou ben remitilos por correo postal ou correo electrónico antes do día 2 de abril aos seguintes enderezos en función da súa residencia:     
            Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX)     
            Centro de Emprendemento Creativo de Galicia. Cidade da Cultura de Galicia. 
            Monte Gaiás, s/n. 15707 Santiago de Compostela. Tel.: 881 99 61 09 galix@galix.org
            OEPLI. concursodiainternaconal@oepli.org  
  • Establécese un premio para cada unha das seguintes categorías ( Primeiros lectores: 1º, 2º e 3º de Primaria / Lectores avanzado: 4º, 5º e 6º de Primaria / Superlectores: 1º e 2º de Secundaria) e ámbito lingüístico.
  • Cada un dos premios estará dotado cun diploma e lote de libros para os premiados e a entidade (biblioteca ou centro docente) que presente os traballos.             
                                                                                                             (Información facilitada por GÁLIX)

20/1/15

Presentación de materiais (para as bibliotecas escolares) en Culturgal



Quedamos agardando a que nos fixeran chegar as presentacións que as editoras realizaran para Culturgal.  E a organización aínda non nolas pasou así que imos facer o que podamos, lembrando o que ali escoitamos.
Comezamos con Ouvirmos editora que presentou as súas coleccións Cociña infantil e familiar, Biografías de científicos galegos e Xoguetes naturais. Argalladas dos pícaros.
Dentro da primeira colección aparecen os títulos: Xeados, Pratos do mundo, Chocolates, Carnes, peixes, Arroces, Menús para festas, Pastas e pizzas, Bocadillos e sandwiches e Sobremesas.
"10 libros de receitas que ensinan a preparar pratos fáciles e creativos, específicamente concebidos para experimentar en familia (...) Cada volume inclúe 20 receitas realizadas con ingredientes básicos, explicadas paso a paso dunha forma sinxela polos profesores titulados de Hostalería Miguel A. Caruncho, David Cidre, Santiago Martínez e Xenxo Pereiro, e acompañadas das fotografía de Tono Arias. Ademais, consellos prácticos, trucos específicos para cada receita e recomendacións para desenvolver con éxito a aventura de adentrarse na cociña."
A segunda colección, conta na actualidade coas biografías de Casares Quiroga e Ramón Mª Aller Ulloa.
Esta colección ten como obxectivo rescatar a vida e obra dos grandes nomes da nosa historia científica. "Unha revisión do pasado para inspirarnos nos pioneiros que coas súas ideas, esforzo e creatividade, achegaron luz e progreso á sociedade".
A terceira da coleccións, e a última en saír ao mercado, conta con dúas entregas seguindo as estacións: Primavera - Verán e Outono - Inverno. Xoguetes naturais é un caderno que nos ensina como realizar paso a paso 30 xoguetes con elementos da natureza, follas, herbas, flores… Detrás de todas estas “argalladas”, atopamos un forte compromiso coa defensa do medio ambiente, pero sobre todo un devezo profundo de recuperación e posta en valor do xoguete popular e tradicional
O último produto presentado foi Historia da música en Galicia, un libro e dous CD´s nos que se fai unha revisión cronolóxica da música feita en Galicia ao longo da Historia e desde unha perspectiva pedagóxica.

30/12/14

Agasallar en galego

Un mozo Nadal e en galego, así se chama a pequena mostra de produtos realizados en galego ou que utilizan esta lingua para a difusión e venda. 
Unha guía de agasallos que forma parte do programa Nadal en Rede 2014, impulsado pola Rede de Dinamización Lingüística, e que conta con...
Revistas
Libros
Música
App móbiles
Tecnoloxía
Gastronomía
lecer
Roupa
Audiovisual
Artesnía
Decoración
Agasallos para os máis cativos 
Neste enlace, pódese acceder ao catálogo. Así que, se temos que agasallar... que sexa en galego!

29/12/14

As ofertas de Nadal e a compra de libros en galego



Estes días ao pasar polas librarías, preguntade polas ofertas. Hai moitas máis das que se vos foron contando a través deste blogue, coleccións como a de óperas na que se funden música, literatura e arte a través de libretos adaptados, unha pequena biografía do compositor e fragmentos sonoros interpretados por prestixiosos concertistas. Toda a colección destinada a espertar o interese infantil por este xénero musical.
A colección Pequechos cos animais máis sorprendentes de cada ecosistema, con Pequechos do deserto,
Pequechos das praderías e das sabanas, Pequechos dos ríos e dos lagos, Pequechos da selva, Pequechos das montañas e Pequechos das terras polares.
Tamén podedes atopar a triloxía "A materia escura" (cos títtulos A aurora boreal, O anteollo de ámbar e O coitelo sutil) de Philip Pullman, encadernados en cartoné, con deseño de Marc Taeger e tradución de Fernando Moreiras. 
Para aqueles que queiran agasallalos, para os que queiran lelos, para todos eles e elas...
Nunca tanta propaganda se fixo desde este blogue e debe entenderse dentro dunha campaña para facer fronte ás últimas estatísticas a respecto da lectura en galego. 
Hai tanto que facer, que non nos queda máis remedio que evitar os obstáculos posibles como a carestía do produto, por iso, unhas entradas de Rede Lectura para todos aqueles que teñan moitas ganas e non tantos cartos.  




26/12/14

Coleccións relacionadas coas ciencias en galego



















A colección "Pequechos" de Kalandraka.
A base de magníficas fotografías búscase o coñecemento dos animais máis sorprendentes de cada ecosistema.
Os seus títulos son:
Pequechos das praderías e das sabanas 
Pequechos dos ríos
Pequechos das montañas
Pequechos do deserto
Pequechos das terras polares
Pequechos da selva

22/12/14

Coleccións relacionadas coa ciencia en galego (XV)



O club da ciencia é unha colección de Edicións Xerais de Galicia.
Da autoría de Victor Raga, con ilustracións de Montse Español Rodié e traducido por Pablo Sánchez Mato.
Baixo os títulos van aparecendo subtítulos que nos adiantan as temáticas que se van a tratar.
Títulos:
Un furacán chamado Otilia
Descenso ao barranco do Demo
Sempre tes que meter o nariz
Un día na granxa
Mi madriña, que paisaxe!
Un veciño cheo de sorpresas 
...
Epígrafes:
Explora a atmosfera co señor Viramontañas
Explora as paisaxes co señor Viramontañas
Explora o corpo humano co señor Viramontañas
Explora o mundo animal co señor Viramontañas
Explora o mundo das plantas co señor Viramontañas
Explora o universo co señor Viramontañas
... 

17/12/14

Libros relacionados coas ciencias para os máis pequenos (VI)






 
A colección "O Meu Mundo" de S.M. Xerme cons títulos como Coida o teu Planeta, O Universo, O teu corpo.
A súa referencia no blogue da biblioteca escolar do CEIP de Pazos.


11/12/14

De matemáticas


O xornal na clase de matemáticas. Unha nova proposta para aprender e se divertir cos números. Cecilia Alvarellos Casas.
Publicado pola editorial Alvarellos que así o presenta:
"O xornal como recurso pedagóxico na clase de Matemáticas foi, ata agora, moi pouco explorado, mais as súas vantaxes para o alumnado –sobre todo en Secundaria– son múltiples: conecta os rapaces e rapazas coa realidade, motiva debates sobre a actualidade, lévaos a comprender mellor o tratamento da información e as claves das estatísticas que aparecen nos xornais, finalmente, posibilita a relación de coñecementos que atinxen a varias materias".

10/12/14

CRIATURAS. A revista dixital de literatura infantil e xuvenil galega

Hai uns días, en Culturgal, fíxose a presentación pública desta nova publicación, tan necesaria que pasou varios días desaparecida da rede de puro exceso de interese. 
- Atascousenos!- é o mellor que se pode dicir dunha nova revista. Empachousenos de tanta xente como quería darlle de comer.
Quen dirá que non a sentimos imprescindible?
Poñémolas chapiñas, facémoslle un sitio e lemos o que nos din na editorial:
"Detrás de Criaturas estamos persoas de todos os ámbitos da creación e da mediación: escrita, ilustración, deseño, crítica, bibliotecas… e máis queremos que estean. Ademais de crear unha nova plataforma de difusión, análise e estudo da LIX, temos un certo degoxo de renovación, de dar voz a novas xeracións de todos estes eidos e outros que se vaian incorporando. Hai que lle procurar a isto que andamos a debullar no poliedro da lectura e dos libros de LIX, caras novas, ángulos distintos, vértices de confluenza e arestas de encontro. Porque a pesar de que vivamos neste anaco de mundo que corresponde ao punto cardinal exacto onde o vento nunca deixa de soprar, de seguro que aínda quedan cousas por inventar."