Mostrando entradas con la etiqueta Clásicos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Clásicos. Mostrar todas las entradas

29/1/20

Libros para mediadores/as de lectura I: Da Carapuchiña ao señor Lamote

Miguel Vázquez Freire vén de publicar en Xerais Da Carapuchiña ao señor Lamote.Clásicos da literatura para a infancia e a mocidade en lingua galega.

O autor propón neste libro coñecer  a LIX universal e faino percorrendo a historia da literatura infantil e xuvenil desde a Carapuchiña vermella até o Ramón Lamote de Paco Martín.

Sabedores de que moitos descoñecemos a existencia destas versións ao galego de clásicos universais e tamén na necesidade de coñecermos o canon da LIX, este ensaio é ben oportuno para as bibliotecarias e bibliotecarios escolares e para as mediadoras de lectura porque como di o autor na presentación “ os mellores libros para a infancia e a mocidade son os mellores libros que calquera, incluídos nenos e mozos, poden ler;os libros, logo máis universais, os libros para todos”.

De moito interese son tamén as referencias que fai ao cine nas 32 propostas e a bibliografía que as acompaña.




23/4/18

Elmer no Día Mundial do Libro



A editorial Kalandraka vén de publicar na Elmer de David McKee. 

Conmemoramos este ano 30 anos da súa publicación.
Este álbum clásico da literatura infantil e xuvenil, todo un cántico á tolerancia, fala da importancia de respectar  e aceptar as diferenzas, que farán as nosas bibliotecas máis ricas e inclusivas.
Na biblioteca, na casa, nas seleccións lectoras, nas mochilas viaxeiras, é bo celebrarmos a diversidade que proclama Elmer.

22/12/17

Dándolle a volta aos contos clásicos: Brancaneves e os 77 ananiños e Cincenta e as zapatillas peludas


A editorial Xerais vén de publicar  os contos Brancaneves e os 77 ananiños e Cincenta e as zapatillas peludas, ambos os dous da autoría de Davide Cali, con ilustracións de Raphaëlle Barbanègre e traducidos por  Anaír Rodríguez.

Na presentación editorial indícannos que son reinterpretacións dos contos clásicos e un canto á liberdade. Desde o humor cuestiónanse os estereotipos aceptados, que impiden a educación en igualdade de dereitos de oportunidades de nenos e nenas.
Indicados para primeros/as lectores/as, son boas lecturas para incluír nos fondos da biblioteca escolar co fin de traballar a coeducación, a iguadade de xénero e o dereito a decidir das persoas, nomeadamente as mulleres. 

8/7/15

Libros de Neira Vilas para o lectorado máis novo

 O xardín de Irene, é un libro poesía para primeiros lectores. Di o autor que a este público polo que sinte especial predilección hai que darlles palabras en idioma galego desde o berce, co obxectivo de que ao medrar sigan querendo ler na lingua de Galicia. Darlles versos, achegarlles un ritmo que os engancha. As ilustracións son de Leandro Lamas, un creador moi próximo á infancia. Edición de editorial ferrolá Embora.
Cantos de sol a sol é un libro-CD, con ilustracións de Xosé Vizoso y musicado por Xosé Lueiro. Aquí as poesías son musicadas e as ilustracións enchen as páxinas para acompañar as cancións.
Tamén ilustrado por Xosé Vizoso está o libro Aquel neno que consta de pequenos relatos do autor de Gres.
Todos eles, dirixidos á infancia. Todos eles escritos nos últimos anos con toda a enerxía creadora do autor das Memorias dun neno labrego. Neira Vilas continúa a producir os textos necesarios.

15/6/15

Máis alá da fiestra, outro clásico dun clásico

Maurice Sendak segue a facerse presente nas publicacións de Kalandraka. Neste caso, con Máis alá da fiestra, un álbum que recibe diferentes nomes nas diversas linguas nas que esta editora o versiona: Al otro lado (castelán), Allà fora (catalán), O que está lá fora (portugués)... que ven sendo o mesmo, ou non o é?
Ímonos á estética vitoriana, a unha ambientación clásica e realista para contar uns feitos atemporais.
E cóntasenos o pasou nuns tempos afastados... nos que o pai estaba no mar e a nai no xardín (que poético iso de ter a nai no xardín!, abstraída,...semellando depresiva). Unha nena, Aida, coida a irmá pequena, mentres unhas pequenas figuras fantasmais andan polo medio. E sucede, que cando Aida se cansa e toca a trompeta máxica os trasnos levan ao bebé e deixan no seu lugar un boneco de xeo. Ante os aloumiños da irmá maior, o xeo licúase e Aida, desesperada búscaa ata atopala e recuperala, mentres os pantasmiñas se desfán. É a canción do pai quen a guía nesa busca, e será a carta do pai quen, ao final, lle lembra o que espera dela: que coide da pequena e da nai mentres el non está.
O mar, a modo de cadro, está presente ao longo do relato, igual que o o está o pai. E a natureza entrando pola fiestra... porque somos natureza e non todo é controlable no noso comportamento.

4/6/15

Clásicos da literatura infantil internacional en lingua galega

Sushi Books acaba de publicar O pequeno Virgil de Ole Lund Kirkegaard.
Podemos ler a presentación da editorial e ler as primeiras páxinas do libro neste enlace, para facer boca.
Ao longo deste mes de maior, e do próximo, irán saíndo á luz outros libros deste autor danés ata facer un total de nove títulos (Albert, Frode e outros pícaros, Per e o pequeno Mads, Tippe Tophat, Otto é un rinoceronte, Orla Tragarrás, La aventura de Hodia de Piort, Tarzán de goma... )
As ilustracións son do propio autor.



30/10/14

Novidades que son clásicos




É Kalandraka que continúa a publicar os clásicos da literatura infantil.

Nesta ocasión, trátase de Unha feliz catástrofe unha das obras de Adela Turín e Nella Bosnia que hai un tempo xa apareceran da man de Esther Tusquets na colección "A favor de las niñas" centrada na coeducación e a igualdade. Porque segue a ser necesario continuar nesta labor, e porque necesitamos destes materiais de calidade en galego, aquí está esta nova entrega que continúa a estela de Artur e Clementina, A historia dos bonobos con lentes...

Que sorte tivo a familia Rato o día no que o seu tobo se inundou! A partir daquela cambiaron os roles, o pai fachendoso e contador de inventadas aventuras nas que el era sempre protagonista, vai aprender a facer a sopa para a noite, a nai acompañará aos fillos nunha aventura diaria que é educativa e divertida, e os pequenos ratos serán felices nun mundo máis igualitario... Agora chega ao antigo tobo unha nova familia convencional, a Roedor, tal como eran os Rato, pero é posible que algún día volvan a sufrir outra feliz catástrofe... haberá que agardar.

Onde está o meu zapato? de Tomi Ungerer, é outro destes libros de referencia que son imprescindibles en cada lingua. Entre "Un, dous, tres, perdín o zapato outra vez" e "Catro, cinco, seis, o zapato za atopei" vemos unha serie de láminas nas que diferentes modelos de zapato forman parte das figuras en insólitas posicións. Liñas mínimas e cores planas sitúannos ante o reto de buscar zapatos igual que noutras ocasión temos buscado a Willy. ¡Un verdadeiro exercicio de agudeza visual nunha ilustración de camuflaxe!

3/6/14

CLÁSICOS DE LITERATURA INFANTIL EN GALEGO



















O autor e ilustrador Maurice Sendak é un deses clásicos da literatura universal, que están sendo publicados en galego cunha  gran calidade.
A súa obra vai sendo editada por Kalandraka, que se empeña en ofrecernos uns produtos o máis semellante posible aos orixinais, para que os gocemos tal e como o propio autor as pensou. Este ano, 2014, foi declarado pola editora "ano Sendak de Kalandraka".
Na cociña da noite presentada como "un referente en todo o mundo", Onde viven os monstros presentada como "o perfecto álbum ilustrado" e posteriormente, a tradución de Outside over there.

22/5/14

Tradución ao xaponés de "Memorias dun neno labrego"


Memorias de un niño campesino
Col. La Vela Latina, 17. Ed. Júcar. Madrid, 1974
109 p. - 12x20 cm / ISBN: 84-334-0105-X

Memorias de un niño campesino
Col. Biblioteca Júcar, 64. Ed. Júcar. Madrid, 1980
109 p. - 18 cm / ISBN: 84-334-1064-4

Memorias de un niño campesino
Col. Contemporáneo. Ed. Arte y Literatura. La Habana, 1977
125 p. - 19 cm

Memorias de un niño campesino
Il. Xosé Cobas
Kalandraka Editora. Pontevedra, 2009
128 p. - 24x16 cm / ISBN: 978-84-8464-725-6

Memòries d´un nen de pagès
Il. Alfonso Costa - Trad. Marc Ferrer i Cuixart
Col. Lectures Moby Dick, 18. Eds. Granica. Barcelona, 1985
128 p. - 12x19 cm / ISBN: 84-7577-093-2

Mutiko baserritar baten oroitzapenak
Trad. Andres Urrutia Badiola
Col. Galburua, 5. Ed. Instituto Labayru Ikastegia/Bilbao Bizkaia Kutxa. Bilbao, 1988
120 p. - 17x11 cm / ISBN: 84-86833-02-7

Memories d´un nenu llabriegu
Trad. Xandru Fernández
Col. Incla interior, 20. Ed. Trabe. Uviéu, 1996
93 p. - 20x13 cm / ISBN: 84-8053-058-8

Memórias de um pequeno camponês
Trad. Jose Viale Moutinho
Ed. Forja. Lisboa, 1997
148 p. - 20 cm / ISBN: 84-8053-058-8

Tagebuch einer Kindheit in Galicien
Il. Lothar Reher - Trad. Gudrun Hohl
Col. Bücherei, 51. Ed. Gustav Kiepenheuer. Leipzig / Weimar, 1984
118 p. - 19,5x12 cm

Memoirs of a peasant boy
Trad. Camilo Ogando Vázquez
Col. Espacio abierto, 115. Trafford Publishing. Canadá, 2004
118 p. - 23x13 cm / ISBN: 1412028922
Estas son algunhas das traducións de Memorias dun neno labrego recollidas na Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil (BLIX).
Agora, estase preparando a versión en xaponés, tal como se nos conta na prensa.

16/4/14

Nova versión de Hansel e Gretel

OQO editora acaba de publicar o conto clásico dos irmáns Grimm, Hansel e Gretel, en versión de Tina Meroto nos textos e Iratxe López de Munáin.


Iratxe López de Munáin é a ganadora do Premio Europeo Cociña de contos á mellor proposta de ilustración para o álbum ilustrado Hansel e Gretel, no marco do proxecto europeo: Europa á carta. 
Este libro é o resultado deste premio, que tamén vai acompañado dun CD de música gravado pola Orquesta Filharmónica Cidade de Pontevedra, que recolle unha selección instrumental de distintos fragmentos da ópera Hansel e Gretel. Esta ópera foi composta en 1891 e 1892 por Engelbert Humperdinck, con libreto da súa irmá Adelheide Wette, baseada no conto dos irmáns Grimm.
 

14/4/14

Nova tradución: O libro da selva

O libro da selva de Rudyard Kipling, en tradución de Rafael Salgueiro, acaba de ser publicado por Sushi Books.
Recóllese da presentación editorial: "Unha manda de lobos protexe a Mowgli cando este apenas sabe camiñar. O pequeno aprenderá as leis que rexen a vida na selva da man de Baloo, un vello oso pardo que tamén lle ensina o valor da amizade. (...) Publicado orixinalmente en inglés en 1894, o libro recolle unha serie de historias ambientadas na selva india, protagonizadas por animais e das que se desprenden ensinanzas para a vida." 
Nunca é tarde para volver aos clásicos, todo o contrario!
A través deste título, dámoslle a benvida a este novo selo editorial que engade valor ao sistema literario galego.