Mostrando entradas con la etiqueta ciencia ficción. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ciencia ficción. Mostrar todas las entradas

31/5/20

O Chispas, un músico cósmico

A colección Sopa de Libros, de Edicións Xerais, engade un novo título para lectores expertos, un tramo do lectorado novo que cómpre atender con xeito nas bibliotecas escolares e desde a mediación. O CHISPAS é o último título do escritor Manuel Rivas para xente nova e, abofé que xoga con elementos que poden espertar o interese da rapazada: a música, un ser singular, o poder das palabras, as modas, os mundos paralelos, os robots, o amor... Atraínte ese protagonista que pode levar tras de si ás lectoras e aos lectores, cabalgando na súa Montesa, coa guitarra ao lombo (atractivo personaxe para os varóns, ese grupo de risco lector). Pero a historia é moito máis, pois O Chispas garda algúns segredos, entre eles a da Fonte da Fala, de Estrelampo, a aldea na que naceu, ou o porqué do seu tic espectacular. As ilustracións son de Sonia García, quen ten traballado, entre outros ámbitos, en ilustración científica.

Non está sobrada a LIX galega de textos que conectan coa ciencia ficción pero O Chispas pode ser unha invitación adentrarse no xénero, en contextos de clubs de lectura ou, simplemente na busca individual do lector e da lectora. 



8/11/16

Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta

Por que  ler  Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta de Ledicia Costas?
Premio Lazarillo de literatura xuvenil 2015
Esta engaiolante historia pode namorar a adolescentes e a moitos adultos fieis seguidores da literatura de Jules Verne e da narrativa de Ledicia Costas.
A novela mistura xéneros narrativos como a novela fantástica, de aventuras, histórica e realista; algúns dos seus personaxes son reais e famosos de seu coma Verne ou Sanjurjo Badía e a trama parte duns feitos coma a visita do francés a Vigo e a importancia que o empresario Sanjurjo Badía tivo nesta cidade. Aparecen as lendas que forman parte xa do noso imaxinario popular: a presenza do Nautilus en Vigo, os tesouros de Rande ou o túnel entre as Cíes.
Esta obra fálanos de amor, de aventuras, de felicidade, de nostalxia, os afectos… pairando sobre un mundo sobrenatural (o das mulleres planta) apoiado pola bioloxía e pola localización xeográfica real, a cidade de Vigo, que lle aportan verosimilitude á historia. Destacamos tamén a presenza na obra do primeiro amor, dos sentimentos entre pais e fillos e dos avós.
A partir da novela podemos achegarnos á obra de Verne e despertar a curiosidade sobre datos históricos e tecnolóxicos que nela aparecen.
(Unha colaboración da profesora Anxos Rial)

24/7/14

Libros e antiutopías

Ledicia Costas, ganadora do premio Merlín de literatura infantil 2014, cunha obra que agardamos ter nas mans o antes posible, tense caracterizado ata este momento pola escrita xuvenil. Dela é Unha estrela no vento, O corazón de Xúpiter en Recinto gris, todas elas publicadas na colección Fóra de xogo de Xerais.
A última, Recinto gris, ambiéntase nunha distopía. Unha sociedade organizada arredor do medo e a uniformidade onde semella que o totalitarismo será permanente e non vai ter saída. Un ambiente asfixiante e pechado, un mundo sen futuro... e un final que conteén unha gran ensinanza que nos chega a modo de agasallo co lazo da sorpresa.
Teredes que lelo!

31/5/11

LIBROS PARA ... PENSAR (2)



Dous libros para ... pensar
O outro, Exogamia 0.3, de Ramón Caride, con ilustracións de Manuel Busto trata a temática medio ambiental. Partindo de que a única noticia é a ciencia, crea media ducia de relatos “suxestivos e non pechados, para abrir debates arredor dos temas candentes, de cuestións nas que a ciencia é protagonista...”.

Desde diferentes situacións de nenos en lugares distintos do mundo arredor do coltan e as consolas de última xeración, as cazas vip no futuro Chernobil no que os animais froito da radiación son presas espectaculares, as pastillas que fan esquecer aquilo do que te queres desfacer e coas que se pode xogar segundo os intereses de cada un, as liñas de investigación con mascotas a través dos clons e outras sutilezas, os xogos dos ricos observando a capacidade de supervivencia dos pobres ou os corpos destes últimos servindo de continente aos cerebros dos que teñen poder e cartos suficientes para poder pagalos.

Historias que enxergamos ao lonxe, medos e temor a un futuro peor que o presente no que os avances científicos están sempre ao servizo dos poderosos.

27/7/10

O HOME DO TRAXE BRANCO


Con vocación de continuidade, O home do traxe branco, é un libro que pode semellar doutra época todo el, cunhas imaxes espléndidas e unha historia de extraterrestres das que xa case non se oía falar. Unha obra novidosa na que nos gustará adentrarnos, pero aínda máis facelo tamén a través dos debuxos que nos levan a un espazo imaxinativo que semellaba perdido. O autor Herikberto Muela Quessada, pertence a unha familia galega na que abundan os artistas plásticos. Así vai a presentación editorial: "Nun caloroso día de verán prodúcese un grande incendio nun bosque de Galicia. Pola noite, uns rapaces descobren unha gran nave. Dela xorden varios buzos escoltando unha estraña criatura anfibia que dá a luz a súa cría. Cando parece que todo finalizou, da nave descende un misterioso home con traxe branco, acompañado dun estraño animal. ¿Quen é ese home? Só este grupo de rapaces descubrirá de onde vén e cales son as súas intencións. O océano Atlántico, praias, noites de lúa, campos amarelos, verdes fragas, insectos, polbos, peixes, solpores, ríos, alieníxenas, veraneantes, terribles monstros, iropis e homes de negro. Esta é a historia dun neno que vive nun planeta aínda verde e azul."