6/11/07

Rinocerontes e quimeras

Unha feliz sorpresa, un libro inesperado na literatura xuvenil, non só galega senón na de calquera outro sistema. O autor Marcos S. Calveiro, autor de Sari, soñador de mares, resultou ganador do último premio Ala Delta con O carteiro de Karrada, ambientada no Irak dos últimos anos. Por Rinocerontes e quimeras corre o século XIX. Unha colección de nenos deformes son a gran atracción dun circo, compartida cos prodixios da natureza, pero en rivalidade cun novo descubrimento: os autómatas. Todo ten o seu fin, aínda os días de gloria como monstros de circo. Nun vagón de tren arrombado nunha vía morta, eses rapaces e rapazas van compartindo as súas historias, coa vella intención de falar para que as horas pasen, mentras esperan a que alguén veña recuperalos. É a maxia dun tempo de inventos misturada coa tristeza dos seres rexeitados e as referencias a todo un imaxinario cultural que nos pertence. ¡Un presente que agradecemos!